Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 8 de xuño de 2021 Páx. 28344

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 28 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2019/20 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é o departamento da Xunta de Galicia que ten atribuídas esas competencias en virtude do disposto no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A promoción, o desenvolvemento e a mellora continua da calidade do Sistema universitario de Galicia implica asemade apreciar e incentivar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro do noso país.

O 9 de novembro de 2017, o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou o Plan de excelencia do Sistema universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que permitirá dar un novo salto de calidade ás universidades galegas e seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia.

O devandito plan recolle un decálogo de actuacións dirixidas á consecución deses obxectivos. Entre esas medidas, inclúense os premios de excelencia académica para o alumnado de grao que obteña as mellores cualificacións en cada curso da traxectoria académica.

Os premios de excelencia académica pretenden motivar o alumnado universitario a mellorar o seu currículo recoñecendo unha actitude de compromiso e esforzo no estudo.

Incentivar o aproveitamento académico significa seguir apostando pola construción dun Sistema universitario de Galicia excelente, competitivo e de calidade.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar os premios de excelencia académica de grao do curso académico 2019/20 no Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Os premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2019/20 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Concederase un premio por cada un dos cursos nos que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao e en cada un dos centros nos que se imparta ao alumnado que finalizase no curso académico 2019/20, os estudos correspondentes a un dos cursos, agás o derradeiro da titulación.

Para o alumnado dos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso anual dos ditos programas.

No suposto de que o/a alumno/a estea matriculado/a en materias de varios cursos, segundo o programa de estudos, entenderase, aos efectos desta orde, que o curso polo que opta ao premio será no que estea matriculado/a de máis créditos. Na circunstancia de que o número de créditos sexa o mesmo interpretarase que opta ao premio polo curso superior.

Artigo 3. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, cunha contía global de 518.000 euros.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

No ámbito de aplicación desta convocatoria están incluídos:

a) Os graos oficiais impartidos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

b) Os programas de simultaneidade de graos impartidos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 5. Requisitos para obter os premios

O alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.

b) Ter no curso académico 2019/20 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.

c) No caso dos graos oficiais será necesario ademais:

1º. Ter superado no curso académico 2019/20, con aproveitamento excelente, a totalidade dos créditos matriculados que, como mínimo serán 60, excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

2º. Estar matriculado da mesma titulación no curso 2020/21.

d) E, no caso dos programas de simultaneidade de graos:

1º. Ter superado no curso académico 2019/20, con aproveitamento excelente, a totalidade dos créditos matriculados que, como mínimo, serán 72 excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

2º. Estar matriculado do mesmo programa de simultaneidade no curso 2020/21.

e) A nota media do curso completo obterase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012 da Secretaría Xeral de Universidades pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.

f) No cálculo da nota media só se terán en conta os créditos matriculados no curso académico polo que se opta ao premio. Para estes efectos, non computarán para a media as cualificacións obtidas por créditos recoñecidos, validados ou adaptados .

g) Computaranse para o cálculo da nota media, as materias recoñecidas en condición de mobilidade regulada a través dun convenio onde conste o recoñecemento para efectos plenos.

h) En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1ª. Maior número de matrículas de honra.

2ª. Maior número de sobresalientes.

3ª. Maior número de notables.

Artigo 6. Dotación do premio

a) Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción. O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

b) No caso de existir remanente de crédito, as persoas premiadas que teñan unha nota media igual ou superior a 9 puntos recibirán unha contía complementaria de 500 euros, comezarase desde os expedientes con maior nota media.

Artigo 7. Procedemento para a determinación dos premios: obrigas das universidades

a) Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

b) O órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia deberá:

1º. Publicar na páxina web da universidade a relación provisional do alumnado seleccionado de acordo cos requisitos establecidos nesta convocatoria.

2º. As persoas interesadas disporán dun prazo de 5 días desde a súa publicación para efectuar as súas reclamacións ante o órgano que publica en cada unha das universidades.

3º. A universidade, unha vez resoltas as reclamacións realizadas, publicará na súa páxina web a relación definitiva do alumnado proposto para o premio e, nesa mesma data, remitirase á Secretaría Xeral de Universidades.

4º. Na publicación da relación definitiva indicarase ao alumnado a necesidade de manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades no prazo de 10 días desde a dita publicación utilizando para iso o anexo II desta orde, advertíndolles que, de non presentala nese prazo, entenderase que renuncian ao premio.

As persoas propostas deberán presentar obrigatoriamente a súa aceptación expresa por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

c) Para os trámites indicados nos apartados anteriores o órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia terá un prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Nese prazo, a autoridade ou órgano competente en cada universidade, deberán remitir a súa proposta á Secretaría Xeral de Universidades mediante a certificación incluída como anexo I desta orde, na que constan os datos correspondentes ás persoas coa nota media máis alta en cada un dos cursos dos plans de estudos oficiais de grao de cada centro, así como dos programas de simultaneidade de grao. A proposta preséntase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

d) Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Proposta de resolución

Unha vez analizada a documentación remitida polas universidades do Sistema universitario de Galicia, a Secretaría Xeral de Universidades elevará un informe-proposta o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 9. Resolución

a) A resolución incluirá a listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes.

b) A resolución de concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas pola que se entenderán notificadas, para todos os efectos, as persoas premiadas. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: www.edu.xunta.gal

c) Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a alumno/a, no anexo II da orde.

Artigo 11. Compatibilidade e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. As persoas beneficiarias deberán devolver o premio no caso de que se probe que foi outorgado indebidamente.

Artigo 12. Réxime xurídico

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e as disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional única. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file