Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 11 de xuño de 2021 Páx. 29057

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de maio de 2021 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Terras do Navia.

De acordo co previsto no número 6 do artigo 8 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, o día 3 de decembro de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado a resolución da dirección da Axencia galega da Calidade Alimentaria pola que se daba publicidade á solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Terras do Navia, na cal se recollían os enderezos electrónicos onde se podían consultar tanto o prego de condicións como o documento único, e pola que se abría un prazo para que calquera persoa física ou xurídica que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, puidese opoñerse ao rexistro da devandita indicación xeográfica protexida mediante a correspondente declaración de oposición. Co mesmo obxectivo, posteriormente tamén se deu publicidade da dita solicitude no Diario Oficial de Galicia do día 22 de decembro de 2020. A solicitude presentaraa anteriormente ante a Consellería do Medio Rural a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia.

Xunto coa publicidade da solicitude estableceuse un prazo de dous meses, contado desde a publicación máis tardía de ambas, para a presentación de declaracións de oposición.

O dito prazo legal transcorreu sen que se tivese formulado oposición ningunha. Seguíronse todos os trámites preceptivos e constan acreditados no procedemento os fundamentos para a decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Terras do Navia.

Por tanto, tendo en conta o establecido no Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007; de acordo co previsto no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade e os seus consellos reguladores e segundo o previsto nos artigos 13 e 15 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, de acordo coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar decisión favorable en relación coa inscrición da indicación xeográfica protexida Terras do Navia no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

Segundo. Publicar, como anexo desta orde, a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Terras do Navia, sobre a cal se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e máis o documento único figuran tamén na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Prego-Condicions-Terras-do-Navia-marzo-2020_gl.pdf

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Documento_unico_Terras_do_Navia_marzo_2020_G.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de inscrición á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Prego de condicións da indicación xeográfica protexida Terras do Navia

1. Nome que se debe protexer.

Terras do Navia.

2. Descrición dos viños.

Son viños brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo VII parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013.

No momento da súa posta ao consumo os viños terán as seguintes características:

a) Características analíticas:

– Graduación alcohólica adquirida mínima (% vol.):

– Viños brancos: 11,5 %.

– Viños tintos: 10 %.

– Graduación alcohólica total mínima (% vol.):

– Viños brancos: 11,5 %.

– Viños tintos: 10 %.

– Contido máximo de azucres totais: os viños serán secos, polo que cumprirán os requisitos que para tal termo se recollen no anexo III parte B do Regulamento delegado (UE) nº 2019/33 da Comisión, do 17 de outubro de 2018.

– Acedume total mínimo: 5,0 g/l de ácido tartárico.

– Acedume volátil máximo: 17,9 meq/l de ácido acético.

– Contido máximo de dióxido de xofre total: 200 mg/l para os viños brancos e 150 mg/l para os viños tintos.

b) Principais características organolépticas:

Os viños obtidos son frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos en que se aprecian as características propias da materia prima de que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrado acedume. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os viños tintos ben cubertos en fase visual.

3. Prácticas enolóxicas específicas.

A recolla da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola autoridade competente.

O rendemento máximo na elaboración do viño será de 68 litros por cada 100 kg de uva.

4. Demarcación da zona xeográfica.

Os viños amparados coa indicación xeográfica protexida Terras do Navia deberán proceder exclusivamente de viñas da zona de produción e elaboración, constituída polos terreos aptos para a produción de uva, das seguintes parroquias do concello da Fonsagrada: Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuíña; e do concello de Navia de Suarna as seguintes parroquias: A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira; e a totalidade do concello de Negueira de Muñiz. As viñas deben estar inscritos no rexistro vitícola. No anexo I deste prego de condicións recóllese graficamente o territorio desta indicación xeográfica e a súa localización en Europa.

5. Rendemento máximo.

As producións máximas por hectárea serán de 10.000 quilogramos de uva e 6.800 litros de viño para as variedades brancas; e de 8.000 quilogramos de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas.

6. Variedades de uva de vinificación.

Os viños elaboraranse exclusivamente con uvas das seguintes variedades:

Variedades brancas: branco lexítimo, albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura e torrontés.

Variedades tintas: albarín tinto, mencía, merenzao, brancellao, caíño tinto e loureiro tinto.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

a) Factores naturais e humanos.

Dentro da heteroxeneidade climática que presenta Galicia como consecuencia da directa influencia mariña e o relevo do territorio, a zona delimitada presenta un clima claramente determinado que podemos clasificar como oceánico en transición cara ao clima mediterráneo, con temperaturas medias anuais baixas. Os meses máis cálidos son xullo e agosto cunha temperatura media de 21 ºC, unha ampla oscilación térmica día-noite e unha marcada aridez estival que crea un clima máis mediterráneo que se manifesta pola abundancia de especies como érbedos e sobreiras. O mes máis frío é xaneiro, cunha temperatura media de 7,5 ºC. As precipitacións estimadas para unha altitude de 450 m s.n.m. en función das estacións meteorolóxicas máis próximas –Folgueiras de Aigas e O Xipro– son de 650 mm anuais.

Dentro da zona, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo da viña está entre os 200 e os 500 metros s.n.m., encaixada entre montañas que superan os 1.000 metros s.n.m. en terreos de orientacións protexidas polos relevos da dorsal dos Ancares, a serra de Uría e a serra do Acevo ao norte, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, o que representa as condicións axeitadas para unha área de grande produtividade agrícola.

A maioría dos solos son moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e con escaso contido en materia orgánica no seu estrato máis superficial. Son, na súa maioría, solos antigos, con fondura suficiente e con boa insolación, o que os fai axeitados para o cultivo.

Desde o punto de vista xeolóxico, a bacía do Navia está constituída por metasedimentos da idade do Paleozoico Inferior, con predominio das rochas areosas e xistosas. O substrato litolóxico está constituído na súa maior parte por lousas, cuarcitas e afloramentos graníticos do período Herciniano e rochas sedimentarias escasamente metamorfizadas.

A proporción de elementos graúdos é moderada, o que produce alta permeabilidade e facilidade de labranza, e presenta unha textura lixeira, sendo a máis habitual a textura franca ou franco-areosa, con boa drenaxe e axeitada aireación.

O prestixioso xeógrafo francés Huetz de Lemps na súa obra Vignobles et vins du Nord-Ouest de l´Espagne (1967) sinala as primeiras referencias documentais da vide, que datan do século XIII, e no século XV aparecen as primeiras regulamentacións sobre restricións á elaboración e comercialización do viño. Así, cita documentación reguladora dos contratos denominados foros en Negueira, en 1468, en que establecen unha superficie mínima de viña de 20 cavaduras para plantar no prazo de cinco anos.

Máis tarde, en 1752 o catastro de Ensenada atribúe unha superficie de viña á zona de produción de 38 ha. Na época de realización do traballo de Huetz de Lemps (1967) contabilizáronse 134 ha dedicadas a viña.

Tradicionalmente a zona de produción subministrou viño ás localidades da veciña Asturias, mercado que, aínda hoxe, pode considerarse como o destino principal dos viños da comarca, que gozan do prestixio labrado por anos de bo facer.

Anualmente celebrase a Feira do Viño de Negueira, que no ano 2019 cumpriu a súa novena edición con crecente éxito de asistencia e calidade dos viños degustados. Nos últimos tempos, a Asociación polo Desenvolvemento de Negueira trata de poñer en valor o núcleo de Sanformar, formado por unhas vinte adegas centenarias que están en perigo de derruba.

b) Detalles do produto.

Son viños que deben manter frescura, suavidade, tanto na cor como no aroma e o sabor, ademais dunha graduación alcohólica equilibrada.

Os viños brancos presentan tons amarelos dourados brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final.

Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermellos de picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave, con aromas de froitas vermellas e silvestres e cun toque final lixeiramente tánico.

c) Interacción causal.

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que ten acadado, basicamente no mercado galego e asturiano. Os viños elaborados conforme as prescricións deste prego son fiel reflexo dos efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o efecto do factor humano que se concreta:

– Na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con solos quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, característicos desta área xeográfica. Os sistemas de condución e poda tradicionais tenderon a viñas en forma de vaso, non moi alto, con titor de madeira e con densidades medias, para así mellor adaptarse ao ambiente e transmitir aos viños equilibrio, harmonía, excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.

– Na elección de variedades adaptadas ao medio. Mención especial merece a branco lexítimo, que acada aquí a máxima expresión, cun equilibrio de acidez e porcentaxe de alcohol que, coa abundancia de terpenos, posibilitan a alta intensidade e calidade aromática dos viños brancos. E, nas variedades tintas, sen ser maioritaria en canto a superficie plantada, destaca a merenzao, que atopa aquí o lugar idóneo para expresar toda a súa potencialidade, dando viños con capa alta sen perder a finura, cunha acidez moi estable, con bo equilibrio entre ácido málico e tartárico, cunha graduación alcohólica compensada e unha alta cantidade de antocianos.

8. Requisitos aplicables.

Establécense os seguintes requisitos para os operadores:

Requisitos para a elaboración e embotellamento:

– Nas adegas de elaboración e/ou embotellamento unicamente se elaborarán e embotellarán viños producidos a partir de uvas da zona delimitada.

– Na elaboración de viños con mención a unha única variedade, polo menos o 85 % da uva utilizada será desa variedade.

– Os viños serán elaborados e embotellados na zona xeográfica de produción delimitada. O transporte e embotellamento fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellamento en orixe permite preservar as características e calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polos produtores e produtoras locais, fan necesario o envasamento en orixe, para preservar así todas as características fisicoquímicas e organoelépticas destes viños.

– O embotellamento destes viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.

Requisitos de etiquetaxe:

– Os viños que se comercialicen como monovarietais deben estar elaborados cun mínimo do 85 % da variedade de uva en cuestión.

– Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada subministrada pola autoridade de control, que deberá ser colocada na propia adega. A dita contraetiqueta incluirá o logotipo da indicación xeográfica que figura no anexo II deste prego de condicións.

– Na etiqueta dos viños da indicación xeográfica protexida Terras do Navia a mención «indicación xeográfica protexida» poderá ser substituída polo termo tradicional «viño da terra».

9. Controis.

a) Autoridade competente para a execución dos controis.

Nome: Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

A Agacal é unha axencia pública, dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, encargada da comprobación do cumprimento do prego de condicións.

b) Tarefas de control.

b.1) Alcance dos controis.

Análises químicas:

A Agacal verifica que os elaboradores realizan análises químicas de todas as partidas de viño para comprobar que cumpren os requisitos establecidos no punto 2 deste prego de condicións.

A Agacal entrega contraetiquetas cunha codificación específica para cada botella de cada partida destinada a ser comercializada coa indicación xeográfica protexida Terras do Navia que se axuste aos parámetros establecidos. As partidas que non reúnan as características analíticas do punto 2 deste prego de condicións non obterán as contraetiquetas e non poderán ser comercializadas baixo o nome da indicación xeográfica protexida.

Operadores:

A Agacal comproba que os operadores teñen capacidade para cumprir os requisitos do prego de condicións. En particular comproba que os elaboradores dispoñen dun sistema de autocontrol e rastrexabilidade que permite acreditar as especificacións en canto a procedencia da uva, variedades empregadas, rendementos de produción, rendementos de elaboración de viño sobre a cantidade de uva e análises dos parámetros químicos.

Produtos:

A Agacal, mediante toma de mostras, verifica que o viño comercializado baixo a indicación xeográfica cumpre as especificacións establecidas no punto 2, utiliza axeitadamente a contraetiqueta asignada e se cumpren as demais condicións que se recollen neste prego de condicións.

b.2) Metodoloxía nos controis na verificación anual.

Controis sistemáticos.

A Agacal realiza controis sistemáticos dos sistemas de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño baixo o amparo da indicación xeográfica protexida cos obxectivos seguintes:

– Verificar que a uva, o mosto e o viño son orixinarios da zona de produción.

– Controlar o cumprimento das especificacións no referente a variedades e rendemento de produción de uva.

– Comprobar que se realiza unha xestión da rastrexabilidade desde a produción de uva ata o envasamento.

– Comprobar que se realizan análises químicas de todas as partidas de viño que permitan acreditar o cumprimento das características definidas no punto 2 deste prego de condicións.

Ademais, a Agacal realiza as medicións necesarias das adegas para garantir a axeitada rastrexabilidade e control da produción.

Controis aleatorios.

A Agacal fai controis aleatorios para comprobar a rastrexabilidade das partidas e o cumprimento dos parámetros analíticos.

ANEXO I

Prego de condicións da IXP Terras do Navia

Situación e área xeográfica da IXP Terras do Navia

missing image file

ANEXO II

Prego de condicións da IXP Terras do Navia

Logotipo da IXP Terras do Navia

missing image file