Denominación: área de rehabilitación integral de San Roque.
Ámbito: grupo de vivendas de San Roque.
Clase: área de rehabilitación integral de ámbito urbano.
Antecedentes de feito:
1. O 13 de febreiro de 2021, o Concello de Vigo solicitou a declaración de área de rehabilitación integral (en diante, ARI) descontinua do grupo de vivendas de San Roque. Coa solicitude xúntase certificado do acordo da Xunta de Goberno Local, referido á sesión do Pleno do 11 de febreiro de 2021, polo que se adopta, entre outros, o seguinte acordo:
«Solicitar da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a declaración de área de rehabilitación integral xeral descontinua de San Roque, en Vigo, segundo a delimitación que da devandita área se establece nos planos incluídos na memoria-programa de acordo coa clasificación prevista no artigo 9 do Decreto 18/2014».
2. O ámbito descontinuo comprende dúas zonas: por unha banda, o grupo formado polas vivendas da rúa Emilia Pardo Bazán e, por outra, as vivendas adxacentes ao Pazo de San Roque.
A zona norte do ámbito está delimitada, polo sur, pola rúa Amador Montenegro; polo oeste, polo Colexio Fogar; polo norte, pola rúa Cedro, e polo leste, polo camiño ao Pazo de San Roque.
A zona sur do ámbito está delimitada, polo sur, pola rúa do Carballo, e polo oeste, norte e leste, por parcelas privadas.
3. A declaración da ARI solicitada foi informada favorablemente, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo, polas unidades competentes do IGVS.
Consideracións xurídicas e técnicas:
1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as ARI nos seus artigos 49 a 51. Concretamente o artigo 50.1.c) define as ARI de ámbitos urbanos como aquelas cuxo ámbito non pertenza a ningunha das categorías de ARI de conxuntos históricos nin rurais.
2. O Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, prevé o Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.
3. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigos 8 e 9, o procedemento de declaración e as clases de ARI, respectivamente.
No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.
4. De conformidade cos artigos 49 e 50 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI declararanse por unha resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por solicitude dos concellos interesados.
Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,
RESOLVO:
Declarar, ao abeiro dos artigos 49 e 50 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e do artigo 9 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, área de rehabilitación integral de ámbito urbano de San Roque, no termo municipal de Vigo, o ámbito delimitado nos planos que se xuntan como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
ANEXO