Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 15 de xuño de 2021 Páx. 29655

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2021 pola que se declara a área de rehabilitación integral do Espiñeiro-Teis.

Denominación: área de rehabilitación integral do Espiñeiro-Teis.

Ámbito: grupo de vivendas do Espiñeiro-Teis.

Clase: área de rehabilitación integral de ámbito urbano.

Antecedentes de feito:

1. O 13 de febreiro de 2021, o Concello de Vigo solicitou a declaración de área de rehabilitación integral descontinua (en diante ARI) do grupo de vivendas do Espiñeiro-Teis. Coa solicitude xúntase certificado do acordo da Xunta de Goberno local, referido á sesión do Pleno do 11 de febreiro de 2021, polo que se adopta, entre outros, o seguinte acordo:

«Solicitar da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a declaración de área de rehabilitación integral descontinua do Espiñeiro-Teis, en Vigo, segundo a delimitación que da devandita área se establece nos planos incluídos na memoria-programa, de acordo coa clasificación prevista no artigo 9 do Decreto 18/2014».

2. O ámbito descontinuo comprende as vivendas situadas no Espiñeiro e a rúa Enrique Lorenzo, no barrio de Teis. Componse de dúas zonas: a zona norte, coñecida co nome de Espiñeiro e situada no camiño de Maceiras, e a zona sur, en torno á rúa Enrique Lorenzo.

A zona norte do ámbito está delimitada ao sur, polo camiño de Maceiras; ao leste, polo camiño Cancelo, e ao norte e oeste, por parcelas privadas.

A zona sur do ámbito está delimitada ao sur, polas rúas Enrique Lorenzo e Santa Tegra; ao leste, pola rúa Purificación Saavedra, e ao norte e oeste, por parcelas privadas.

3. A declaración da ARI solicitada recibiu o informe favorable, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo, das unidades competentes do IGVS.

Consideracións xurídicas e técnicas:

1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as ARI nos seus artigos 49 a 51. Concretamente, o artigo 50.1.c) define as ARI de ámbitos urbanos como aquelas cuxo ámbito non pertenza a ningunha das categorías de ARI de conxuntos históricos nin rurais.

2. O Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, prevé o Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.

3. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigos 8 e 9, o procedemento de declaración e as clases de ARI, respectivamente.

No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.

4. De conformidade cos artigos 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI serán declaradas mediante resolución da Presidencia do IGVS, por solicitude dos concellos interesados.

Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,

RESOLVO:

Declarar, ao abeiro dos artigos 49 e 50 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e do artigo 9 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, área de rehabilitación integral de ámbito urbano do Espiñeiro-Teis, no termo municipal de Vigo, o ámbito delimitado nos planos que se xuntan como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

missing image file