Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 15 de xuño de 2021 Páx. 29651

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 2 de xuño de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias (código de procedemento IN418D).

BDNS (Identif.): 569385.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. En concreto, os seguintes:

a) Persoas físicas ou xurídicas de natureza privada ou pública titulares dunha explotación agropecuaria.

b) Comunidades de regadores e outras organizacións cuxo fin consista na xestión común de auga para a rega agrícola ou a xestión común doutros combustibles e fontes de enerxía para fin agropecuario.

c) Titulares de explotacións agrícolas de regadío que utilicen redes de rega para cuxo funcionamento sexa necesario actualmente o consumo de enerxía eléctrica.

d) Calquera organización ou asociación de produtores agrícolas recoñecida pola autoridade competente.

e) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo a definición da Directiva 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018.

f) As empresas de servizos enerxéticos (ESE) ou provedores de servizos enerxéticos definidas no Real decreto 56/2016.

Para os efectos desta convocatoria, considéranse explotacións agropecuarias aquelas cuxas actividades están incluídas no CNAE 2009 entre as clases 01.11 e 01.64.

Segundo. Finalidade

1. A presente resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria de axudas correspondente á anualidade 2021 para a concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, polo que se regula o Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, publicado no BOE núm. 59, do 10 de marzo de 2021 (código de procedemento IN418D).

2. Por medio desta orde convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Actuación 1: mellora da eficiencia enerxética das explotacións de regadío.

Actuación 2: mellora da eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables en explotacións agropecuarias.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas obxecto desta convocatoria están recollidas no Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, polo que se regula o Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, publicado no BOE núm. 59, do 10 de marzo de 2021.

Cuarto. Financiamento

As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo ás partidas orzamentarias 06.A3.733A.770.0 e 06.A3.733A.781, recollidas nos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual establecida na seguinte táboa:

Importe 2021 (€)

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

363.635,23 €

965.195,16 €

342.120,81 €

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas, conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 06.A3.733A.770.0 e 06.A3.733A.781.

Quinto. Contía da axuda

1. Será a mínima entre as tres seguintes cantidades:

a) O 30 % do custo elixible definido no artigo 14 do Real decreto 149/2021.

b) O 35 % do custo subvencionable da actuación. Esta intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas. O custo subvencionable resulta de restar ao custo elixible o investimento de referencia, segundo o indicado no artigo anterior. Esta alínea b) será aplicable só cando o solicitante sexa unha empresa ou desenvolva unha actividade comercial ou mercantil.

c) Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima por proxecto de 1.000.000,00 de euros.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do 22 de xuño de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2021, data de finalización da vixencia do programa establecida no artigo 4 do Real decreto 149/2021.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazos de execución e xustificación das actuacións

1. O prazo máximo de execución das actuacións será de doce meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

2. O prazo máximo de xustificación será de tres meses desde a finalización do prazo máximo concedido para a execución das actuacións.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia