Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 15 de xuño de 2021 Páx. 29614

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias (código de procedemento IN418D).

As axudas obxecto desta convocatoria teñen o seu encaixe no Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias aprobado polo Real decreto 149/2021 (en diante, Programa), do 9 de marzo (BOE núm. 59, do 10 de marzo), co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas a reducir o consumo final de enerxía en explotacións agropecuarias para contribuír a acadar o obxectivo de aforro enerxético fixado no artigo 7 da Directiva 2012/27/UE e poñer en práctica a estratexia a longo prazo para mobilizar investimentos no sector da agricultura, mellorando o seu rendemento e reducindo o consumo de enerxía no marco dos obxectivos do Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030.

O citado real decreto, no seu artigo 5, acorda que serán beneficiarias directas das axudas previstas neste programa as comunidades autónomas, que deberán destinar o importe das axudas aos suxeitos que se enumeran no seu artigo 11, que son os destinatarios últimos das axudas.

A entidade responsable da execución deste Programa de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias na Comunidade Autónoma de Galicia será o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O Inega constitúese en Axencia mediante o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 61, do 30 de marzo).

Entre os obxectivos básicos do Inega están o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

A Axencia ten entre as súas funcións, a teor do disposto no artigo 8 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, as seguintes funcións:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía, plans e programas en materia enerxética.

b) Promover e, se for o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión de políticas enerxéticas.

d) Elaborar programas de racionalización do uso de enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.

O Inega, para financiar esta convocatoria de axudas, dispón nos seus orzamentos de 1.670.951,20 €, procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Estas axudas, para aqueles destinatarios finais que sexan empresas ou desenvolvan actividade comercial ou mercantil e aos cales, polo tanto, lles sexa de aplicación a normativa de axudas de Estado para a realización de investimentos destinados a medidas de eficiencia enerxética e para a promoción da enerxía procedente de fontes renovables, estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicándose a categoría de axudas de protección do ambiente (Sección 7) e as demais disposicións do dereito da Unión Europea que resulten de aplicación.

As bases reguladoras do programa establecen que a coordinación e o seguimento serán realizados polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). No exercicio destas funcións, o IDAE informa que o programa se acolle ao artigo 38 do Regulamento (UE) nº 651/2014 para as actuacións de eficiencia enerxética e ao artigo 41 para actuacións de enerxías renovables.

A presente resolución, que aproba a convocatoria para o ano 2021 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, dítase conforme o disposto nos artigos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 3 e 12 das bases reguladoras.

En virtude de todo o anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

A presente resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria de axudas correspondente á anualidade 2021 para a concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, polo que se regula o Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, publicado no BOE núm. 59, do 10 de marzo de 2021 (código de procedemento IN418D).

Artigo 2. Réxime de concesión e normativa aplicable

1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se dará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

2. As axudas obxecto desta convocatoria estarán sometidas ao disposto no Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, polo que se regula o Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias e onde se establecen as bases reguladoras das axudas (en diante, bases reguladoras).

Ademais, será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta convocatoria de axudas, cando os beneficiarios sexan autónomos, empresas ou outras entidades que emprendan actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras, sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. En concreto, os seguintes:

a) Persoas físicas ou xurídicas de natureza privada ou pública titulares dunha explotación agropecuaria.

b) Comunidades de regadores e outras organizacións cuxo fin consista na xestión común de auga para a rega agrícola ou a xestión común doutros combustibles e fontes de enerxía para fin agropecuario.

c) Titulares de explotacións agrícolas de regadío que utilicen redes de rega para cuxo funcionamento sexa necesario actualmente o consumo de enerxía eléctrica.

d) Calquera organización ou asociación de produtores agrícolas recoñecida pola autoridade competente.

e) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo a definición da Directiva 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018.

f) As empresas de servizos enerxéticos (ESE) ou provedores de servizos enerxéticos definidas no Real decreto 56/2016.

Para os efectos desta convocatoria, considéranse explotacións agropecuarias aquelas cuxas actividades están incluídas no CNAE 2009 entre as clases 01.11 e 01.64.

2. Non serán beneficiarias destas axudas as empresas consideradas en crise antes do 31 de decembro de 2019 ou que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, segundo a definición do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 4. Financiamento e contía máxima das axudas que se outorgarán na convocatoria

1. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 1.670.951,20 euros.

As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo ás partidas orzamentarias 06.A3.733A.770.0 e 06.A3.733A.781, recollidas nos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual establecida na seguinte táboa:

Importe 2021 ( €)

Importe 2022 ( €)

Importe 2023 ( €)

363.635,23 €

965.195,16 €

342.120,81 €

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 06.A3.733A.770.0 e 06.A3.733A.781.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Actuación 1: mellora da eficiencia enerxética das explotacións de regadío

1.670.951,20 €

Actuación 2: mellora da eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables en explotacións agropecuarias

3. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

4. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias.

Artigo 5. Proxectos que se subvencionan e condicións dos proxectos

1. Poderán obter dereito a subvención aquelas actuacións que cumpran o establecido no artigo 13 do Real decreto 149/2021 polo que se regula o presente programa e se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. En concreto as seguintes:

– Actuación 1: mellora da eficiencia enerxética das explotacións de regadío.

– Actuación 2: mellora da eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables en explotacións agropecuarias.

2. O prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e finalizará no prazo previsto no artigo 22 desta convocatoria.

3. Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. A compra de terreos e os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 5.000 euros por actuación, IVE non incluído.

5. Cada solicitante poderá presentar un máximo dunha solicitude da actuación 1 e outra da actuación 2 por localización. Cada solicitude pode incluír unha ou varias das tipoloxías de proxectos definidos no Real decreto 149/2021 pero sen mesturar os recollidos na epígrafe correspondente á actuación 1 cos da epígrafe correspondente á actuación 2.

6. Serán elixibles os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética.

a) O custo elixible determinarase conforme a definición indicada no artigo 13.6 do Real decreto 149/2021.

b) O custo subvencionable, cando os solicitantes sexan empresa ou desenvolvan actividade comercial ou mercantil, determinarase conforme a definición recollida nos artigos 38 ou 41 do Regulamento 651/2014, da seguinte maneira:

1º. Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

2º. En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de maneira crible sen a axuda. A diferenza entre o custo de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

7. Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionables.

Artigo 6. Contía da axuda

1. A contía da subvención será a mínima entre as tres seguintes cantidades:

a) O 30 % do custo elixible definido no artigo 14 do Real decreto 149/2021.

b) O 35 % do custo subvencionable da actuación. Esta intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas. O custo subvencionable resulta de restar ao custo elixible o investimento de referencia segundo o indicado no artigo anterior. Esta alínea b) será aplicable só cando o solicitante sexa unha empresa ou desenvolva unha actividade comercial ou mercantil.

c) Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima por proxecto de 1.000.000,00 de euros.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do 22 de xuño de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2021, data de finalización da vixencia do programa establecida no artigo 4 do Real decreto 149/2021.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, como dispón o artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

A obriga de medios electrónicos para outros potenciais beneficiarios, persoas físicas, xustificarase na natureza e finalidade destas axudas e por razón da súa capacidade económica, dedicación profesional e dispoñibilidade de acceso a medios electrónicos, de acordo co disposto nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación a seguinte documentación mínima:

– Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (pódese utilizar o anexo II), salvo no suposto de persoa física ou xurídica que a presente directamente co seu certificado dixital.

– Unha oferta dun provedor cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona sexa inferior ou igual a 15.000,00 €, e tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000,00 € (salvo no caso de entidades xurídicas públicas).

5. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles.

A axuda máxima que se conceda ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera, segundo a orde de prelación que lles corresponda.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Oferta do provedor da actuación que se pretende levar a cabo.

Unha oferta dun provedor cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona sexa inferior ou igual a 15.000,00 € e, tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000,00 € (salvo no caso de entidades xurídicas públicas).

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; neste suposto, o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

b) As entidades xurídicas públicas, ademais da documentación sinalada no punto anterior, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Declaración responsable onde se acredite a súa adscrición, especificando se se refire á Administración xeral do Estado, á Comunidade Autónoma de Galicia ou a unha entidade local e onde declare se desenvolve ou non actividade comercial ou mercantil.

3º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

4º. No caso da Administración local, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

c) As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista na alínea a) deste artigo e, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

d) As empresas deben achegar documento oficial en que conste o código CNAE correspondente a actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009. No caso de que o solicitante non sexa unha empresa, xustificación do cumprimento da condición de beneficiario.

e) As empresas, para aqueles casos en que o IVE poida ser subvencionable por non ser recuperable conforme a lexislación vixente, deberán achegar documentación xustificativa dos beneficiarios de non suxeición ou exención do imposto emitida pola AEAT mediante a presentación da documentación oportuna. Con carácter xeral, considerarase o IVE como non subvencionable.

f) No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separados e de beneficiarios que realicen actividades económicas de xeito continuado (sometidas á normativa de dereito de Estado), deberase achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que supoña un menor nivel de eficiencia enerxética e que se podería realizar de forma crible sen a axuda.

g) Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

h) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar ademais:

1º. Contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

2º. Constancia por escrito da autorización e do coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

i) Cando se trate dunha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista na alínea a) deste artigo e, ademais, deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución.

j) As persoas físicas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista na alínea a) deste artigo e documento que acredite a representación no caso de non actuaren directamente.

k) Memoria técnica descritiva da actuación que se pretende acometer, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

l) Fotografías da instalación sobre a que se vai actuar antes da actuación.

m) Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipamentos.

n) Características técnicas dos equipamentos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante), onde se inclúan datos da produtividade do equipamento e do seu consumo e rendemento enerxético.

ñ) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e a Facenda da Xunta de Galicia.

c) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, cando se trate de profesionais autónomos.

d) DNI/NIE da persoa solicitante.

e) NIF da entidade solicitante.

f) Consulta dos administradores da sociedade.

g) NIF da entidade representante.

h) DNI/NIE da persoa representante.

i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia, expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 13. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas convocatoria serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 19 desta convocatoria.

Artigo 14. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde á persoa titular da dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 15. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

2. Poderá requirirse o interesado para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes que presenten elementos de controversia serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega.

Artigo 16. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 6 meses desde a data de presentación da solicitude e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprendera a identificación do beneficiario, o investimento e o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes por orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de seis (6) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá–A miña sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 18. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o beneficiario debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención achegando actualizada toda a documentación da solicitude que se vexa afectada.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión sen que o beneficiario comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar o anexo III, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

3. No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 17.2 destas bases reguladoras.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega que cumpren cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda.

d) Presentar ante o Inega, cando proceda, as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que se achegar coa solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000,00 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

e) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 23.3.c) desta convocatoria.

f) Cando non poida executar o proxecto, deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitarase mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco (5) anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

h) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes aos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a 1.000.000,00 € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

No caso das operacións non incluídas no parágrafo primeiro, todos os documentos xustificativos estarán dispoñibles durante un prazo de dous (2) anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

i) Comunicarlle ao Inega, cando proceda, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no Manual de imaxe do programa, que estará dispoñible na web do IDAE, deberá mencionarse o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e tamén deberán constar o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

l) En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario deberá informar o público do apoio obtido colocando, polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público. O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

Artigo 22. Prazos de execución e xustificación das actuacións

O prazo máximo de execución das actuacións será de doce (12) meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

O prazo máximo de xustificación será de tres (3) meses desde a finalización do prazo máximo concedido para a execución das actuacións.

Só se poderá autorizar unha ampliación dos prazos fixados para a execución das actuacións cando obedeza a circunstancias imprevisibles, debidamente xustificadas, que fagan imposible o seu cumprimento, malia os destinatarios últimos das axudas adoptaren as medidas técnicas e de planificación mínimas que lles resultaban exixibles. En ningún caso se poderán autorizar ampliacións de prazos para a execución da actuación obxecto de axuda que superen no seu cómputo total os vinte e catro (24) meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 22 desta convocatoria e, nese momento, os investimentos deberán estar plenamente realizados e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Certificado final de obra subscrito polo director de obra e director de execución da obra, de ser o caso.

b) Relación certificada e copia dos pedidos e/ou contratos relativos ás actuacións realizadas.

c) Relación certificada e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento, correspondentes ao investimento elixible realizado e que respondan ao orzamento e contratos presentados. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable emitida polo solicitante, que se cubre no formulario de solicitude, en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indiquen as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), en que consten o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, o receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e o número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.), en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento considerarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará como data de pagamento efectivo a da entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución previsto no artigo 22.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

d) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

De existiren modificacións no proxecto, deberanse indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

e) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal), con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, subscrita por un técnico cualificado competente autor do proxecto ou da dirección da execución da actuación, indicando a data de conclusión das actuacións.

f) Cando se trate dunha entidade xurídica pública, certificación expedida pola secretaría ou persoa responsable do control de legalidade da entidade en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

g) Documentación que acredite a existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas (ingresos e pagamentos, incluído, de ser o caso, o ingreso de axudas, pagamentos a provedores...).

h) Declaración responsable en que se garanta o cumprimento das normas nacionais e comunitarias sobre requisitos de igualdade de oportunidades e non discriminación aplicables ás actuacións subvencionables, o cumprimento das normas ambientais nacionais e comunitarias, e sobre desenvolvemento sustentable e a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no ámbito de xestión do proxecto obxecto de axuda. Modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

i) Xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se for necesario, nos casos que proceda.

j) Autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación, cando proceda. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, deberase acreditar documentalmente a súa solicitude.

k) Memoria técnica de xustificación da publicidade. Modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

l) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude), incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos. Deberanse incluír fotografías do cartel publicitario da actuación.

Artigo 24. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000,00 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 25. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

Artigo 26. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á devolución total ou parcial da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito a cobrar a subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

4. En todo caso, se realizada a actividade e finalizado o prazo para xustificar, só se pagase unha parte dos gastos en que se incorreu, para efectos de perda do dereito á percepción da axuda correspondente, aplicarase o principio de proporcionalidade.

Artigo 27. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file