Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 17 de xuño de 2021 Páx. 30283

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de xuño de 2021 pola que se determinan os servizos mínimos, no ámbito da asistencia sanitaria, durante a folga convocada para o día 18 de xuño de 2021.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións Confederación Intersindical, Co.bas, Solidaridad Obrera e SAS convocaron unha folga, que se fará efectiva durante a xornada do 18 de xuño de 2021 desde as 0.00 horas ata as 24.00 horas do citado día, que afectará o persoal temporal e interino funcionario, estatutario e laboral de, entre outras, as administracións das comunidades autónomas e os organismos públicos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera das administracións públicas.

A Xunta de Galicia determinou a procedencia de fixar servizos mínimos para os sectores afectados por esta folga na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. En consecuencia, procede facer o propio no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas ao dito organismo e á Consellería de Sanidade. Para isto e ante o mantemento da actual situación de crise sanitaria, resulta procedente remitirse aos termos da orde que determinou os servizos esenciais para a folga do pasado 8 de marzo (publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 44, do 5 de marzo de 2021), ben que cinguindo os seus efectos ao persoal temporal afectado pola presente convocatoria de folga.

Con base no que antecede,

DISPOÑO:

Artigo único

A convocatoria de folga que terá lugar entre as 0.00 e as 24.00 horas do 18 de xuño de 2021, realizada polas organizacións Confederación Intersindical, Co.bas, Solidaridad Obrera e SAS, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde, os cales, por remisión, serán os contidos na Orde desta consellería do 1 de marzo de 2021 pola que se determinan os servizos mínimos, no ámbito da asistencia sanitaria, durante as folgas convocadas para o día 8 de marzo de 2021 (publicada no DOG núm. 44, do 5 de marzo, páx. 13341 e ss.).

Deste xeito, para determinar os servizos esenciais que se deberán respectar durante a folga do 18 de xuño de 2021 aplicarase na súa integridade a devandita orde, tanto no que atinxe ao seu articulado e, nomeadamente, aos criterios reitores contidos neste, como aos seus anexos, coas únicas matizacións e excepcións que a seguir se indican:

– Dado que os criterios reitores e os efectivos de servizos mínimos recollidos na Orde do 1 de marzo de 2021 van ligados á actividade que en cada caso debe quedar garantida no correspondente centro, unidade e quenda, na folga do 18 de xuño o persoal temporal poderá ser designado para cubrir os servizos mínimos só nos supostos en que resulte imprescindible para cumprir o criterio reitor correspondente, e na medida en que este o precise.

De tal xeito que, nos casos en que a actividade esencial quede garantida con persoal fixo (xa que logo, non convocado á folga) do respectivo centro, servizo/unidade e quenda, non procederá designar servizos mínimos.

– Non será de aplicación a Orde do 1 de marzo de 2021 no que concirne ao persoal das empresas e entidades privadas recollidas nela, por non estar incluído no ámbito de aplicación da folga do 18 de xuño, dirixida exclusivamente –consonte o seu teor literal– ao persoal temporal e interino funcionario, estatutario e laboral das distintas administracións públicas.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade