Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 17 de xuño de 2021 Páx. 30276

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 1 de xuño de 2021 pola que se modifica a Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais (código de procedemento TR305A).

No Diario Oficial de Galicia número 8, do 14 de xaneiro de 2021, publicouse a Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais (código de procedemento TR305A).

No artigo 28 da dita orde recóllese que o financiamento dos gastos previstos nesta orde de convocatoria está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente, na aplicación orzamentaria 11.05.323A.229, código de proxecto 2016 0330, e neste sentido cómpre indicar que no dito proxecto a modalidade de financiamento é con fondo propio, segundo a Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Neste sentido, hai que sinalar que este procedemento se enmarca no Programa operativo FSE Galicia para o período 2014-2020 e, así, nestes anos anteriores estivo cofinanciado cun 80 %, no obxectivo temático 10 «Investir na educación, a formación, incluída a formación profesional, para o desenvolvemento das capacidades e a aprendizaxe permanente», prioridade de investimento 10.03 «Mellora da igualdade de acceso á aprendizaxe permanente para todos os grupos de idade nunha actividade formal, non formal e informal, mellora dos coñecementos, as aptitudes e as competencias da poboación activa e promoción de itinerarios flexibles de aprendizaxe, incluso a través de medidas de orientación profesional e validación de competencias adquiridas», obxectivo específico 10.3.2 «Aumentar o número de persoas que reciben unha validación e acreditación de competencias profesionais ou certificación de experiencia laboral ou de nivel educativo» e liña de actuación 109 «Acreditación da competencia profesional».

Porén, debido ás medidas que se tiveron que adoptar con motivo da COVID-19, as necesidades dalgunhas prioridades víronse alteradas, o que ocasionou que se tivesen que priorizar outros procedementos e esta convocatoria non contase con cofinanciamento FSE pero que agora, no marco das actuacións que se están a reforzar para axudar a contrarrestar os efectos da pandemia, existe dispoñibilidade para que esta convocatoria estea cofinanciada nun 80 % polo FSE con cargo ao Programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Deste xeito, este procedemento enmárcase no Programa operativo FSE Galicia para o período 2014-2020, cofinanciado cun 80 %, no obxectivo temático 10 «Investir na educación, a formación, incluída a formación profesional, para o desenvolvemento das capacidades e a aprendizaxe permanente», prioridade de investimento 10.03 «Mellora da igualdade de acceso á aprendizaxe permanente para todos os grupos de idade nunha actividade formal, non formal e informal, mellora dos coñecementos, as aptitudes e as competencias da poboación activa e promoción de itinerarios flexibles de aprendizaxe, incluso a través de medidas de orientación profesional e validación de competencias adquiridas», obxectivo específico 10.3.2 «Aumentar o número de persoas que reciben unha validación e acreditación de competencias profesionais ou certificación de experiencia laboral ou de nivel educativo» e liña de actuación 109 «Acreditación da competencia profesional».

Nesta convocatoria dáse debido cumprimento á normativa aplicable de conformidade co disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, no Regulamento núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, no Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1303/2013 e núm. 1304/2013 e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020. Tamén é de aplicación a seguinte normativa europea: Regulamento (UE) núm. 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimentos europeos en resposta ao brote de COVID-19; e Regulamento (UE) núm. 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

Conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013». Por este motivo, nesta convocatoria aplícase o método de custos simplificados. Os custos directos de persoal reembolsaranse a custo real, segundo o establecido no artigo 67.1.a) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e para outros custos directos e custos indirectos aplicarase un tipo fixo segundo o establecido no artigo 68 ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 engadido polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais

Un. Modifícase o número 3 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«3. A Comisión de Avaliación deberá elaborar un informe individualizado de cada persoa candidata indicando os resultados da avaliación das competencias profesionais, así como a proposta de formación, de ser o caso. Ademais, no prazo máximo de 4 semanas desde a acreditación da competencia, obterán das persoas admitidas que acreditasen a súa competencia profesional no procedemento os indicadores de resultado inmediato, de conformidade co disposto no artigo 5 do Regulamento núm. 1304/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo».

Dous. Modifícase o parágrafo segundo do artigo 28, que queda redactado como segue:

«Esta orde tramítase ao amparo do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001.

O financiamento dos gastos previstos nesta orde de convocatoria está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente, na aplicación orzamentaria 11.05.323A.229, código de proxecto 2016 0330, cofinanciada nun 80 % con cargo ao Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, no momento en que se aproben os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2021».

Tres. Engádese un artigo 29, que queda redactado como segue:

«Artigo 29. Cofinanciamento comunitario do procedemento

1. Este procedemento enmárcase no Programa operativo FSE Galicia para o período 2014-2020, cofinanciado cun 80 %, no obxectivo temático 10 «Investir na educación, a formación, incluída a formación profesional, para o desenvolvemento das capacidades e a aprendizaxe permanente», prioridade de investimento 10.03 «Mellora da igualdade de acceso á aprendizaxe permanente para todos os grupos de idade nunha actividade formal, non formal e informal, mellora dos coñecementos, as aptitudes e as competencias da poboación activa e promoción de itinerarios flexibles de aprendizaxe, incluso a través de medidas de orientación profesional e validación de competencias adquiridas», obxectivo específico 10.3.2 «Aumentar o número de persoas que reciben unha validación e acreditación de competencias profesionais ou certificación de experiencia laboral ou de nivel educativo», e liña de actuación 109 «Acreditación da competencia profesional».

2. A este procedemento seralle de aplicación o establecido na seguinte normativa comunitaria:

Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Consello.

Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1296/2013, (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm. 1303/2013, (UE) núm. 1304/2013, (UE) núm. 1309/2013, (UE) núm. 1316/2013, (UE) núm. 223/2014 y (UE) núm. 283/2014 e a Decisión núm. 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) núm. 966/2012.

Regulamento (UE) núm. 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19.

Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

3. O cofinanciamento comunitario deste procedemento implica o cumprimento das exixencias de información e publicidade reguladas no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046.

4. O cofinamiento europeo implica a necesidade de cumprir as seguintes obrigas:

• Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

• Facilitar á Consellería de Facenda e Administración Pública a información axeitada sobre as actividades realizadas e realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultado enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos e darase de alta na correspondente aplicación informática Participa 1420.

• Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións realizadas, a condición de subvencionados polo Programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e a Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e coa referencia ao Fondo Social Europeo, segundo corresponda, e nos lugares de realización da actuación e durante esta informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a actuación e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

5. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención General da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

6. Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, de 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013». Por tanto, esta convocatoria leva asociado un método de custos simplificados, conforme o cal os custos directos de persoal se reembolsarán a custo real, segundo o establecido no artigo 67.1.a) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, e para os outros custos directos e indirectos aplicarase un tipo fixo segundo o establecido no artigo 68 ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 engadido polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046».

Disposición adicional única

As modificacións previstas nesta orde non supoñen a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes ao non afectaren o número de prazas convocadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, serán de aplicación as normas contidas nesta orde ás actuacións que se teñan realizado desde o día 14 de xaneiro de 2021, data en que se publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade