Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 17 de xuño de 2021 Páx. 30244

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial PS-2, área científico-tecnolóxica 1, mediante o Acordo do Consello de Xunta de Galicia do 20 de maio de 2021, así como as súas disposicións normativas.

En cumprimento do disposto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de maio de 2021, do Proxecto sectorial PS-2, área científico-tecnolóxica, cuxa parte dispositiva ten o seguinte teor literal:

«Aprobar definitivamente o Proxecto sectorial PS-2, área científico-tecnolóxica 1, do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA, en Vigo, de conformidade co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ao abeiro da disposición transitoria primeira da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia».

De conformidade co previsto nos artigos 58, 60 e 61 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, mediante Resolución da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 31 de maio de 2021 inscribiuse o referido proxecto sectorial no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, na sección I, libro I, tomo I, folla rexistral 4, co número ROTPG/OT/3/2021.

En virtude do previsto no artigo 60.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, fanse públicas, como anexo a esta resolución, as disposicións normativas do dito proxecto sectorial, e o contido íntegro do documento poderase consultar na seguinte ligazón: http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/iot

Finalmente, indícase que, de conformidade co previsto no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, mediante Anuncio do 1 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, publicado no DOG nº 157, do 21 de agosto de 2019, fíxose público o informe ambiental estratéxico do referido proxecto sectorial, que pode consultarse, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, no seguinte enderezo da internet: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Disposicións normativas

TÍTULO I

Normas xerais

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito

1. O ámbito de aplicación das normas e ordenanzas reguladoras recollidas neste documento será o delimitado polo Proxecto sectorial PS-2, área científica-tecnolóxica 1.

2. A dita ampliación conta cunha superficie de 16.042,00 m², tal e como se recolle no plano I.02.

Artigo 2. Obxecto

O presente proxecto sectorial ten por obxecto o desenvolvemento do sector PS-2, área científica-tecnolóxica 1, recollido no Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, nos terreos da ETEA, en Vigo.

Artigo 3. Natureza e contido

1. A normativa do proxecto sectorial será a propia para o desenvolvemento das actividades científico-tecnolóxicas, así como as das infraestruturas e actividades que lles sexan complementarias.

2. A designación e asignación dos usos permitidos e das cautelas que corresponden en cada caso veñen detalladas nos títulos segundo e quinto da presente normativa.

3. As ordenanzas particulares do solo veñen definidas no título sétimo desta normativa e no plano O01.

Artigo 4. Eficacia

As determinacións deste proxecto sectorial terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. O seu carácter é vinculante para todas as actuacións que se realicen no ámbito do PS-2.

Artigo 5. Vixencia

1. O presente proxecto sectorial terá vixencia indefinida, sen prexuízo das modificacións que puidesen introducirse nel e sen prexuízo da caducidade prevista no artigo 15 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

2. A modificación do proxecto sectorial axustarase ás disposicións recollidas pola regulamentación vixente.

Artigo 6. Licenzas

Para a realización, dentro do ámbito de aplicación do presente proxecto sectorial, dos actos de edificación e usos do solo establecidos na lexislación vixente será necesaria a obtención de licenza ou autorización segundo a normativa vixente na materia. Todo isto sen prexuízo das autorizacións, licenzas ou concesións que fosen procedentes conforme a lexislación específica aplicable.

Estarán exentas de obtención de licenza a instalación, a posta en servizo ou o funcionamento das infraestruturas de telecomunicacións recollidas no artigo 34 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, a disposición adicional terceira da Lei 12/2012, do 26 de decembro, e a disposición adicional oitava da Lei 38/1999, do 5 de novembro.

CAPÍTULO II

Réxime urbanístico do solo

Artigo 7. Cualificación do solo

1. O ámbito do proxecto sectorial divídese nas seguintes zonas:

a) Ordenanza 1: DOT-01.

b) Ordenanza 2: DOT-02.

c) Ordenanza 3: ZV-EL.

d) Ordenanza 4: viario.

2. A delimitación destas zonas representase no plano O01.

CAPÍTULO III

Execución do proxecto sectorial, desenvolvemento e urbanización

Artigo 8. Parcelamento e segregación de parcelas

O parcelamento recollido no proxecto sectorial é orientativo e é o que se recolle no plano O04. En caso de ser necesario, poderán segregarse en parcelas menores de acordo coas condicións establecidas nas ordenanzas particulares do presente proxecto sectorial, para o que haberá que redactar un proxecto de parcelamento e solicitar a correspondente licenza municipal.

Artigo 9. Proxectos de urbanización

En desenvolvemento das previsións do proxecto sectorial, redactarase un proxecto de urbanización, que abranguerá un só polígono coincidente coa totalidade do sector. Este poderase desenvolver nunha soa fase ou en varias; neste caso recollerase no proxecto de urbanización. O plan de etapas, para o caso de varias fases, recóllese no plano O04.

Como as conexións a través do PS-1 terán que esperar á súa execución, prevese a entrada e conexión dos servizos necesarios a través do núcleo de Ríos, como se recolle nos planos de infraestruturas coa denominación de rede provisional.

Este proxecto de urbanización aprobarao a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Unha vez finalizadas as obras de urbanización conforme o proxecto aprobado e, de ser o caso, as modificacións autorizadas, as obras serán recibidas polo concello e destinadas aos usos previstos no proxecto sectorial.

O proxecto de urbanización non poderá modificar as previsións deste proxecto sectorial. Con todo, admítense os axustes necesarios que permitan unha mellor adaptación da vialidade ao terreo, explanacións e/ou rasantes.

TÍTULO II

Normas comúns de uso

CAPÍTULO I

Xeneralidades

Artigo 10. Definicións

a) Uso pormenorizado: corresponde ás diferentes tipoloxías en que se pode desagregar o uso global asignado ao ámbito ou sector por un instrumento de planeamento de rango superior.

b) Uso permitido: uso que se axusta ás previsións da ordenación urbanística proposta. Os usos permitidos poderán ser:

b.1) Uso maioritario ou principal: uso permitido que dispón de maior superficie edificable computada en metros cadrados de teito en cada zona do ámbito.

b.2) Uso complementario: uso permitido cuxa implantación vén determinada como demanda do uso principal e nunha proporcionada relación con este.

b.3) Uso compatible: uso permitido que o plan considera que, en determinada proporción, pode substituír o principal sen que este perda o seu carácter, é dicir, que siga contando coa maior superficie edificable.

c) Uso prohibido: uso contrario á ordenación urbanística proposta.

Artigo 11. Clasificación

No sector 2 o Plan sectorial do Campus do Mar asigna como uso global para o sector o dotacional, como área científica-tecnolóxica. Os usos permitidos dentro do PS-2 área científica-tecnolóxica 1 son:

Uso principal

Usos pormenorizados

Dotacional

Equipamentos, servizos urbanos, espazos libres e zonas verdes, viario, garaxe-aparcamento

Outos usos

Usos pormenorizados

Terciario

Comercio, oficinas, recreativo

Outros usos

Servizos técnicos. Residencial investigadores e vixilancia

CAPÍTULO II

Uso dotacional

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 12. Definición

Defínese como dotacional aquel uso localizado nos sistemas de infraestruturas de comunicacións, de espazos libres e zonas verdes, de equipamentos e de infraestruturas de redes de servizos que comprende as instalacións e servizos destinados á satisfacción das necesidades da cidadanía.

Artigo 13. Clasificación

Distínguense, entre outros, os seguintes usos dotacionais pormenorizados:

a) equipamentos

b) espazos libres e zonas verdes

c) infraestruturas de comunicación: viario

d) servizos urbanos

e) outros usos: servizos técnicos, residencial investigadores e vixilancia

Sección 2ª. Equipamentos

Artigo 14. Definición

É aquel uso que comprende as diferentes actividades destinadas a satisfacer as necesidades da cidadanía.

Artigo 15. Clasificación

Establécense as seguintes tipoloxías dentro do sector:

a) Educativo: aquel que comprende as actividades destinadas á formación intelectual e ao desenvolvemento tecnolóxico e investigación: centros tecnolóxicos e de investigación, docentes e de ensino en todos os seus niveis e para todas as materias obxecto de ensino.

b) Sanitario-asistencial: aquel que comprende as instalacións e servizos sanitarios, de asistencia ou benestar social.

c) Sociocultural: aquel que comprende as actividades de índole cultural como bibliotecas, museos, teatros, auditorios, aulas da natureza e outros servizos de análoga finalidade.

d) Administrativo-institucional: aquel uso que comprende os edificios institucionais e dependencias administrativas, xudiciais, diplomáticas e de análoga finalidade.

Artigo 16. Condicións

Permitiranse actividades e usos complementarios do principal, como restaurantes, oficinas, almacéns, residencial para investigadores e vixilancia, servizos, garaxe, etc., que deberán cumprir as condicións de uso concretas que lles sexan de aplicación.

Sección 3ª. Uso de espazos libres e zonas verdes

Artigo 17. Definición

Defínese como aquel uso que comprende os espazos libres, como prazas e áreas peonís, e as zonas verdes como áreas de xogo, xardíns, paseos peonís e parques.

Sección 4ª. Uso viario

Artigo 18. Definición

É o uso que comprende as infraestruturas necesarias para a mobilidade de persoas e mercadorías en calquera modalidade de tránsito, como son as estradas, os camiños, as rúas e os aparcamentos.

Artigo 19. Garaxe e aparcamento

1. Definición: inclúese dentro do uso de garaxe-aparcamento todo lugar, xa sexa edificación ou espazo aberto, destinado á estadía de vehículos. Tamén se inclúen dentro deste uso os servizos públicos de transporte e os seus lugares anexos de paso, espera ou estadía de vehículos.

2. Categorías:

a) Categoría 1ª: aparcamentos destinados exclusivamente a vehículos lixeiros, turismos e derivados do turismo.

b) Categoría 2ª: aparcamentos destinados exclusivamente a vehículos non incluídos na categoría anterior.

Sección 5ª. Servizos urbanos

Artigo 20. Definición

É o uso que inclúe o conxunto de redes, instalacións e espazos asociados, destinados á prestación de servizos urbanísticos, como son os de captación, almacenamento, tratamento e distribución de auga, saneamento, depuración e reutilización de augas residuais, recollida, depósito e tratamento de residuos, subministración de gas, enerxía eléctrica, telecomunicacións e demais servizos esenciais ou de interese xeral.

Sección 6ª. Outros usos

Artigo 21. Servizos técnicos

Teñen a consideración de uso de servizos técnicos os espazos especificamente reservados para a localización dos servizos técnicos necesarios para o correcto funcionamento da área.

Artigo 22. Residencial investigador e vixilancia

É o uso que comprende as actividades destinadas a satisfacer o aloxamento temporal de investigadores e persoal de vixilancia e mantemento das instalacións do centro de investigación.

CAPÍTULO III

Uso terciario

Artigo 23. Disposicións xerais

1. Defínese como terciario aquel uso que comprende as actividades destinadas ao comercio, o turismo, o lecer ou a prestación de servizos.

2. Distínguense, entre outros, os seguintes usos terciarios pormenorizados: comercial, oficinas e recreativo.

Artigo 24. Uso comercial

1. Definición:

Uso comercial é aquel que comprende as actividades destinadas á subministración de mercadorías ao público mediante a venda polo miúdo ou a prestación de servizos a particulares. Distínguense as grandes superficies comerciais das convencionais, en virtude da súa normativa específica.

2. Condicións:

a) Serán de aplicación as condicións establecidas pola lexislación de carácter xeral e sectorial vixente e as presentes ordenanzas aplicando, en caso de contradición, a de maior restrición.

b) Os locais comerciais que se establezan en soto, de ser o caso, non poderán ser independentes do local inmediato superior, agás que teña unha das súas fachadas aberta a unha galería, patio ou similar que reciba parte da iluminación e ventilación natural.

c) Os comercios que se establezan en semisotos deberán ter entrada directa pola vía pública, galería, patio ou similar que reciba parte da iluminación e ventilación natural.

Artigo 25. Uso de oficinas

1. Uso que comprende locais destinados á prestación de servizos profesionais, financeiros, de información e outros, sobre a base da utilización e transmisión de información, ben ás empresas ou ben aos particulares.

2. Serán de aplicación as condicións establecidas pola lexislación de carácter xeral e sectorial vixente e as presentes ordenanzas aplicando, en caso de contradición, a de maior restrición.

Artigo 26. Uso recreativo

1. É o uso que comprende as actividades vinculadas ao lecer e esparexemento en xeral.

2. Condicións:

a) De ser o caso, cumprirán as condicións específicas da regulamentación de espectáculos públicos e actividades recreativas.

b) Cando se trate dun edificio de uso exclusivo permitiranse as actividades e usos complementarios do principal, como restaurantes, tendas, servizos, garaxe, etc., que deberán cumprir as condicións de uso concretas que lles sexan de aplicación.

TÍTULO III

Normas comúns de urbanización

Artigo 27. Consideracións previas

O presente proxecto sectorial desenvolve un sector do ámbito da ETEA. Dentro deste está o sector 1, que se desenvolve a través do PS-1 área de vías, espazos libres e infraestruturas. Isto quere dicir que o noso sector debe conectarse ás redes principais do campus que discorren polo sector 1, polo que haberá que ter en conta, no proxecto de urbanización, o recollido no propio do PS-1.

No deseño e elección dos materiais dos elementos vistos na urbanización terase en conta que o sector PS-2 forma parte do conxunto da ETEA e que por isto se debe manter esa imaxe de conxunto, polo que nos espazos principais do sector procurará manter un aspecto similar ao actual.

Así mesmo, e no caso de que a cronoloxía de execución dos distintos proxectos sectoriais impida a conexión ás redes de servizo principais do campus, preveranse no proxecto de urbanización unhas conexións temporais ás infraestruturas existentes na zona de Ríos, que terán en conta as demandas de servizo de cada unha das fases, de ser o caso, en que se divida o proxecto de urbanización e a súa previsión temporal de posta en marcha.

Artigo 28. Rede viaria

1. Os proxectos que definan a rede viaria deberán ter en conta tanto os percorridos peonís como os de vehículos de motor e, de ser o caso, os vehículos de mobilidade persoal (VMP), así como os espazos destinados ao seu aparcamento, cando sexa necesario.

2. Teranse en conta as determinacións recollidas no PS-1 en canto á rede viaria e puntos de encontro se no momento da redacción do proxecto de urbanización este está aprobado definitivamente.

Artigo 29. Espazos libres de parcela

Nos espazos non edificados do ámbito do proxecto sectorial procurarase manter a máxima filtración de auga de chuvia ao subsolo. Para isto poderase recorrer a calquera das solucións recollidas nas ITOHG SAN 1/4 «Técnicas de drenaxe urbana sustentable», ou a calquera outra que fixen os técnicos redactores e que xustifique que se mantén, con respecto á situación de partida, polo menos un 50% do volume de auga filtrado ao subsolo.

Artigo 30. Rede de saneamento

A rede de saneamento cumprirá as condicións exixidas nas Instrucións técnicas para obras hidráulicas de Galicia (ITOHG).

As condicións exixibles mínimas para a rede de saneamento serán:

a) O sistema será separativo.

b) Disporanse arquetas de acometida á rede en todas as parcelas.

c) A distancia máxima entre pozos de rexistro será de 50 metros.

d) A profundidade mínima da rede será de 1,00 m desde a rasante ata a xeratriz superior da tubaxe.

e) As conducións irán preferentemente baixo beirarrúas, aparcamentos, zonas e espazos públicos.

f) A velocidade mínima das conducións, para evitar sedimentacións, será de 0,5 m/s.

g) O diámetro mínimo dos tubos será de 300 mm, excepto nas acometidas, que se poderá reducir.

Artigo 31. Rede de abastecemento e distribución de auga

A rede de abastecemento cumprirá as condicións exixidas nas Instrucións técnicas para obras hidráulicas de Galicia (ITOHG).

As condicións exixibles mínimas para o proxecto da rede de abastecemento de auga serán:

a) Presión de traballo mínima das tubaxes: 16 atmosferas.

b) A velocidade mínima será de 0,3 m/s e a máxima admisible 2 m/s.

c) As tubaxes irán baixo beirarrúas ou zonas verdes.

d) Disporanse puntos de toma en todas as parcelas.

e) Nos puntos altos e baixos das conducións colocaranse ventosas e desaugadoiros.

f) Na rede de distribución dispoñeranse bocas de rega.

g) A profundidade mínima da rede será de 0,80 m baixo beirarrúas e de 1,0 m baixo calzada.

Artigo 32. Rede de extinción contra incendios

Preverase unha rede de auga para a protección contra incendios, que se conectará á xeral do campus.

Artigo 33. Rede de distribución de enerxía eléctrica

As condicións mínimas exixibles para o proxecto da rede de enerxía eléctrica serán as seguintes: as redes de media tensión (MT) e baixa tensión (BT) serán subterráneas.

En calquera caso, observaranse as disposicións vixentes no momento da redacción do correspondente proxecto de urbanización.

O proxecto de urbanización incluirá as conducións subterráneas para as redes de media e baixa tensión, coas súas correspondentes arquetas de rexistro.

O deseño das conducións subterráneas farase de acordo coas normas particulares da compañía distribuidora e a normativa vixente respecto diso.

As seccións e os materiais utilizables nos condutores serán os que resulten dos cálculos correspondentes, unha vez que se demostre o cumprimento das prescricións establecidas no Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (REBT).

Procurarase a xestión sustentable da enerxía eléctrica e poderán introducirse sistemas de produción de enerxías limpas propias para o ámbito.

Artigo 34. Iluminación pública

O deseño da iluminación pública cumprirá as condicións exixidas no REBT e as condicións seguintes como mínimo. Sempre se poderán mellorar co correspondente proxecto de urbanización:

a) Cablaxe alimentación á luminaria: en canto aos condutores de acometida ás luminarias, que van desde a caixa de derivación ao pé da columna ata a luminaria, deberán ser flexibles RV- K, de 3 × 2,5 mm2 de sección, que inclúe fase, neutro e condutor de protección para a posta á terra da luminaria. Serán de 0,6/1 kV de tensión de servizo con illamento de polietileno reticulado e cuberta exterior de PVC.

b) Liña eléctrica: os condutores empregados serán de cobre, unipolares, flexibles RV-K, con illamento de polietileno reticulado con cuberta exterior de PVC, de 0,6/1 kV de tensión de servizo. Deberán cumprir a norma UNE 21 123 e irán sempre baixo tubo.

c) As luminarias irán pechadas con fechadura antivandálica.

d) As luminarias terán un deseño en relación coas estipuladas polo PS-1.

Os valores lumínicos serán establecidos, segundo o tipo de vía, polos correspondentes proxectos técnicos.

Nos cruzamentos de vías que teñan a consideración de perigosos terán un aumento de iluminación do 25 % respecto das vías onde están situados.

Procurarase o uso de solucións sustentables tanto nos elementos de iluminación como no gasto de enerxía.

Artigo 35. Rede de gas

O proxecto de urbanización incluirá as canalizacións necesarias para o abastecemento de gas, seguindo as indicacións da compañía subministradora e a lexislación vixente de aplicación.

Artigo 36. Telecomunicacións

1. O proxecto de urbanización desenvolverá a rede de telecomunicacións dentro do ámbito do PS-2. As infraestruturas de telecomunicacións atenderán ao disposto na Lei 9/2014 do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, así como a lexislación que a complemente ou a substitúa.

2. En caso de ser necesario, para o despregamento de redes públicas de comunicacións electrónicas recoñécese o dereito de ocupación de dominio público ou da propiedade privada, segundo o establecido no artigo 31.1 da mencionada lei.

3. Os parámetros e requirimentos técnicos esenciais que son indispensables para garantir o funcionamento das redes e servizos de comunicacións electrónicas apoiaranse nas recomendacións das normas UNE infraestruturas para redes de telecomunicacións (UNE  133100-1:2002; UNE 133100-2:2002; UNE 133100-3:2002; UNE 133100-4:2002 e UNE 133100-5:2002). Unha vez aprobado o real decreto a que se refire na disposición adicional décimo primeira da Lei 9/2014 referida, será este o que regule estes parámetros e requirimentos técnicos.

Artigo 37. Outras redes

Poderanse expor no proxecto de urbanización outras redes de infraestruturas de funcionamento propio do ámbito, por exemplo en CCTV, rede de AQS, rede de calefacción por xeotermia ou similar, etc.

TÍTULO IV

Normas comúns de edificación

CAPÍTULO I

Condicións relativas á edificabilidade e
ao aproveitamento urbanístico. Definicións

Artigo 38. Superficie edificable

É a superficie construíble máxima nunha parcela, ámbito ou sector, referida aos diferentes usos, expresada en metros cadrados, resultante de aplicar á súa superficie os índices de edificabilidade correspondentes.

Artigo 39. Edificabilidade ou índice de edificabilidade

É o límite máximo de edificabilidade expresado en metros cadrados de teito por cada metro cadrado de solo, aplicable sobre cada parcela resultante. Para os efectos de cómputo de edificabilidade máxima permitida, non se terá en conta a superficie destinada a aparcamento en semisotos e sotos.

Poderase desagregar, se a ordenanza o precisa, en edificabilidade máxima permitida por usos diferentes do principal dentro da parcela.

CAPÍTULO II

Condicións da parcela. Definicións

Artigo 40. Parcela mínima

É un parámetro que nos indica a menor dimensión en superficie que debe ter unha parcela para que se poidan autorizar sobre ela a edificabilidade e os usos permitidos polo proxecto sectorial. O valor deste parámetro indicarase nas ordenanzas particulares para cada unha das zonas en que se divide o ámbito.

Artigo 41. Lindes

1. Son as liñas perimetrais que establecen os límites dunha parcela; distínguese entre linde frontal, laterais e traseiro. En parcelas con máis dun linde frontal, serán laterais os restantes.

2. O linde frontal ou fronte de parcela será aquel que delimita a parcela no seu contacto coas vías públicas.

3. O linde traseiro é o que se atopa na parte oposta ao frontal.

Artigo 42. Aliñamento

É a liña sinalada polos instrumentos de planeamento urbanístico que establece a separación das parcelas edificables con respecto á rede viaria ou ao sistema de espazos libres e zonas verdes públicos.

Artigo 43. Liña de edificación

É a liña de intersección do plano de fachada da edificación co terreo.

Artigo 44. Plano de fachada

É o plano vertical tanxente aos elementos máis exteriores do cerramento das edificacións, exceptuando balcóns, balconadas, miradoiros, galerías, terrazas, voos e corpos voados autorizados. Para os efectos de delimitación da edificación, considéranse os correspondentes tanto ás fachadas principais como ás medianeiras.

Artigo 45. Espazo libre de parcela

1. É a parte da parcela neta que queda excluída da superficie ocupada.

2. O espazo libre de parcela poderase destinar a vías, xardíns, aparcamento e como zona de carga e descarga. Prohíbese expresamente o almacenamento ao descuberto de mercadorías, materiais ou refugallos.

3. Os espazos libres de parcelas lindeiras coas parcelas destinadas a espazos libres ou zonas verdes acondicionaranse de modo que se garanta a integración da parcela na contorna.

CAPÍTULO III

Condicións de posición. Definicións

Artigo 46. Ocupación de parcela

É un parámetro que nos define a porcentaxe máxima da parcela que pode ser ocupada pola edificación, en calquera das súas plantas sobre ou baixo rasante, incluídos os seus corpos voados, pechados ou abertos, referida á superficie neta dela.

Artigo 47. Recuamento

É a separación mínima das liñas da edificación aos lindes da parcela, medida perpendicularmente a eles. Distínguense recuamento frontal, lateral e traseiro, segundo o linde de que se trate.

CAPÍTULO IV

Condicións de volume e forma. Definicións

Artigo 48. Rasante

1. Cota que determina a elevación dunha aliñación ou liña de edificación en cada punto do territorio. Distínguese entre rasante natural do terreo, rasante de vía (eixe da calzada) ou de beirarrúa, que poden ser existentes ou proxectadas.

2. Distínguense dous tipos de rasantes:

a) Rasante de vía (eixe de calzada) ou de beirarrúa: é a cota do pavimento terminado.

b) Rasante de parcela: é a cota de explanación de cada parcela.

Ambas as rasantes definiranse no presente proxecto sectorial e poderanse axustar lixeiramente co proxecto de urbanización por razóns construtivas.

Artigo 49. Cota de referencia

É a rasante do punto que o plan define para unha aliñación ou liña de edificación como orixe da medición dos diversos criterios de medir as alturas da edificación.

Para o presente proxecto sectorial a cota de referencia será a cota de explanación. A rasante de parcela poderá, en caso de ser necesario, irse adaptando aos desniveis do terreo para resolver as zonas de aparcamento, espazos libres e outras partes da parcela co obxecto do seu correcto funcionamento. Non poderán executarse en ningún caso muros de contención de vías con alturas superiores a 5 metros e, no caso de muros de contención de parcelas, a altura máxima limitarase a 3 metros, nin noiros superiores a 3 metros de altura.

En parcelas con frontes superiores a 60 metros, esta cota de referencia irase tomando cada 30 metros, iniciando a medición polo punto medio da fachada e tomando as paralelas a ambos os dous lados do dito punto.

Artigo 50. Altura de coroación

É a distancia vertical entre a cota de referencia e a liña de cuberta máis alta da edificación.

Artigo 51. Altura de cornixa

É a distancia vertical entre a cota de referencia e a cara superior do plano de cuberta ou o punto de unión entre cimbras.

Artigo 52. Altura de planta

É a distancia entre as caras superiores de dous forxados consecutivos.

Artigo 53. Planta soto

É a planta da edificación, situada por baixo doutra planta, na cal a cara inferior do forxado que forma o seu teito queda por baixo do nivel da rasante en calquera punto das súas fachadas. Exclúese o punto en que se sitúe o acceso cando o seu uso sexa aparcamento, e sempre que a súa fronte non ocupe máis do 50 % da fachada, nin máis de 6 metros; admítese esta excepción unicamente nunha das fachadas do edificio.

Artigo 54. Planta semisoto

É a planta da edificación situada por baixo da planta baixa, na cal a distancia vertical desde a cara superior do forxado que forma o seu teito ata o nivel de rasante é igual ou inferior a 1 metro en calquera punto das súas fachadas, excluíndo o punto en que se sitúe o acceso cando o seu uso sexa aparcamento, e sempre que a súa fronte non ocupe máis do 50 % da fachada, nin máis de 6 metros; admítese esta excepción unicamente nunha das fachadas do edificio. Cando a dita distancia exceda 1 metro, considerarase planta baixa.

Artigo 55. Planta baixa

É a planta da edificación onde a distancia vertical entre a cara superior do seu forxado de solo e o nivel da rasante situada por baixo daquel non excede 1 metro, sen prexuízo do disposto no punto anterior. Cando a dita distancia exceda 1 metro, considerarase planta piso ou alta.

Artigo 56. Planta piso

Son cada unha das plantas situadas por riba da planta baixa.

Artigo 57. Cuberta

1. É a cubrición do edificio, que pode ser plana ou inclinada.

2. No caso de cuberta inclinada, non poderá superar os 45º.

3. Pola alta visibilidade das cubertas dos edificios que se implantarán neste parque desde a ría e desde o Monte da Guía e outros puntos da contorna, en caso de cubertas planas daráselle tratamento de fachada coidando os seus acabamentos, elementos que a compoñen e tendo especial coidado con todos os elementos que nela se sitúen.

4. Poderanse empregar para realizar actividades sobre ela, aproveitando deste xeito o potencial de espazo que teñen, non só para a colocación de instalacións senón para uso como espazos libres, deportivos, lecer, etc.

Artigo 58. Medición da altura da edificación

1. É a distancia comprendida entre a cota de referencia, definida segundo o artigo correspondente, e a altura máxima da edificación medida no punto medio da fachada. Para edificios con fachadas de máis de 60 metros de lonxitude, irase medindo a distancia con respecto á dita cota de referencia cada 30 metros, tendo en caso de ser necesario que ir graduando o edificio, fóra daqueles que se encontren protexidos ou os que, sen estaren protexidos, sexan existentes que non se derruben.

2. A medición das alturas realizarase respectando os valores permitidos nas ordenanzas particulares de cada zona, que se limitarán coa distancia vertical en metros, e non se poderá exceder a altura máxima permitida en cada unha delas, coas excepcións recollidas en cada unha delas.

3. Por riba da «altura máxima de cornixa» permítese a construción de cubertas, así como os elementos de construción e instalacións seguintes: chemineas de ventilación e extracción de fumes, antenas, escaleiras de conservación de cubertas, casetas de ascensores e calquera elemento das instalacións do edificio cuxa localización por riba da altura máxima de cornixa resulte obrigada por motivos técnicos.

4. Permítense, así mesmo, os elementos singulares das instalacións urbanas cuxa situación por riba da altura máxima se xustifique debidamente, como torres de control ou elementos similares.

CAPÍTULO V

Tipoloxías edificatorias. Definicións

Artigo 59. Edificación exenta ou illada

É aquela cuxos paramentos non lindan con ningunha outra edificación.

Artigo 60. Edificación acaroada

É aquela cuxos paramentos lindan con algunha outra edificación.

Artigo 61. Edificación auxiliar

É aquela vencellada a outra edificación situada na mesma parcela que non pode ser segregada nin utilizada independentemente daquela por terceiros.

CAPÍTULO VI

Intervencións sobre a edificación

Artigo 62. Obras menores

Defínense así aquelas obras de técnica simple e escasa entidade construtiva e económica que non supoñan alteración do volume, do uso, das instalacións e dos servizos de uso común ou do número de vivendas e locais, nin afecten o deseño exterior, a cimentación, a estrutura ou as condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións de toda clase.

Artigo 63. Obras de mantemento

Defínense así as actividades cotiás, continuas ou periódicas, de escasa complexidade técnica realizadas sobre o soporte material do inmoble para que se manteñan as súas características, funcionalidade e lonxevidade, sen que se produza ningunha substitución ou introdución de novos elementos.

Artigo 64. Obras de conservación

Defínense así as medidas e accións dirixidas a que os inmobles conserven as súas características e os seus elementos en adecuadas condicións, que non afecten a súa funcionalidade, as súas características formais ou o seu soporte estrutural, polo que non suporán a substitución ou a alteración dos seus principais elementos estruturais ou de deseño.

Artigo 65. Obras de rehabilitación

Defínense así ás accións e medidas que teñan por obxecto permitir a recuperación dun uso orixinal perdido ou a implantación dun novo uso compatible co inmoble.

Artigo 66. Obras de reforma

Defínense así as intervencións que, podendo realizarse dentro e/ou fóra dunha edificación, comportan a substitución ou transformación de materiais, elementos ou partes deles, alterando ou non a súa estrutura e volumetría.

Artigo 67. Obras de reconstrución

Defínese así a acción destinada a completar un estado previo do inmoble arruinado utilizando como base partes orixinais deste cuxa autenticidade se poida acreditar.

Artigo 68. Obras de demolición

Defínense así as accións destinadas á derriba ou desaparición total ou parcial dunha construción existente por calquera causa. Non terá a consideración de demolición parcial a derriba dos elementos estritamente necesarios para realizar as actuacións de conservación, rehabilitación, reforma e reconstrución, sempre que se realicen simultaneamente no mesmo proxecto de obra.

TÍTULO V

Normas comúns de protección do patrimonio cultural

Artigo 69. Réxime de autorizacións

No relativo ao réxime de autorizacións, o artigo 34.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), exixe que todos os plans, programas e proxectos que poidan supor unha afección ao patrimonio cultural de Galicia deberán ser sometidos ao informe da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Ademais, o artigo 39.1 da mesma lei establece que as intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei.

En canto ás actuacións autorizables, deberán remitirse á LPCG (arts. 39 e 45) de intervencións, tanto nos bens como nos seus contornos de protección actuacións autorizables (art. 42 da LPCG) en relación cos niveis de protección (art. 41 da LPCG).

Exíxese a presentación dun proxecto de intervención para todas as actuacións sobre bens protexidos que excedan as de mantemento, que conterá a documentación que se detalla no artigo 43 da LPCG.

TÍTULO VI

Normas comúns de protección do dominio público marítimo-terrestre,
as súas servidumes de tránsito e protección, e a zona de influencia

Artigo 70. Lexislación de aplicación

1. Observarase o disposto en todo momento na Lei de costas e no seu regulamento de desenvolvemento.

2. Teranse en conta as liñas representadas nos planos I10 e os planos de ordenación no relativo á delimitación do dominio público marítimo-terrestre, a súa liña de servidume de protección e a zona de influencia.

3. En caso de desaxustes ou como consecuencia de que por futuros cambios normativos houbese discordancia entre as liñas representadas nos planos do presente proxecto sectorial e as do expediente de deslindamento, prevalecerá sobre as recollidas no presente documento.

4. Conforme o artigo 44.7. da Lei de costas, os proxectos afectados pola dita lei conterán a declaración expresa de que cumpren as disposicións desta, así como as normas xerais e específicas para o seu desenvolvemento e aplicación.

Artigo 71. Dominio público marítimo-terrestre

As obras ou instalacións existentes no momento da entrada en vigor da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, situadas en zona de dominio público, regúlanse polo especificado na disposición transitoria cuarta do dito texto normativo.

Artigo 72. Servidume de protección

1. As obras ou instalacións existentes no momento da entrada en vigor da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, situadas en zona de servidume de protección, regúlanse polo especificado na disposición transitoria cuarta do dito texto normativo.

2. En virtude do regulado na disposición transitoria décima do Regulamento xeral de costas, permítese o cambio de uso dos elementos afectados pola dita protección, excepto ao de uso residencial ou habitacional. Por este motivo, tanto o edificio Kelvin como o Hertz, que se manteñen como elementos patrimoniais, ou calquera outro que se manteña, dentro desta zona, non poderán albergar en ningún caso estes usos.

3. Os usos permitidos dentro desta zona observarán o disposto nos artigos 24 e 25 da Lei de costas, ou aqueles que os substitúan, e deberán contar coa autorización do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Os edificios novos que se constrúan no PS-2 deberán situarse fóra desta zona de servidume de protección.

5. Conforme o artigo 44.6 da Lei de costas, as instalacións de tratamento de augas residuais e a instalación de colectores paralelos situaranse fóra da ribeira do mar e dos primeiros 20 metros da zona de servidume de protección.

Artigo 73. Servidume de tránsito e acceso ao mar

Deberase garantir o respecto das servidumes de tránsito e acceso ao mar establecidas nos artigos 27 e 28 da Lei de costas, ou normas que os substitúan.

Artigo 74. Zona de influencia

1. Darase cumprimento ás condicións recollidas no artigo 30 da Lei de costas, ou norma que o substitúa, en relación coas condicións de acceso ao mar.

2. As novas construcións deberán evitar a formación de pantallas arquitectónicas ou acumulación de volumes, de tal maneira que a disposición e altura destes se realice de forma harmónica coa contorna, sen limitar o campo visual nin desfigurar a perspectiva respecto do bordo litoral.

TÍTULO VII

Condicións ambientais e hixiénicas

CAPÍTULO I

Consideracións xerais

Artigo 75. Consideracións respecto do cambio climático

Terase en conta un uso sustentable dos recursos dispoñibles e optarase pola maior optimización de consumos e a utilización de enerxías renovables.

Artigo 76. Protección do ambiente

As emisións gasosas das actividades que se instalen axustaranse aos valores máximos admitidos pola lexislación vixente en materia de calidade do aire e protección da atmosfera, e o seu desenvolvemento regulamentario sobre valores máximos de emisión. Atenderase igualmente ao establecido nas leis e normas en relación coa protección do ambiente atmosférico de Galicia.

En todo caso, deberán axustarse ao resto das normativas que procedan, aprobadas polo concello ou administracións competentes, e ás determinacións recollidas no informe ambiental estratéxico.

CAPÍTULO II

Xestión da auga

Artigo 77. Augas pluviais

Farase unha xestión da auga de chuvia responsable e tendo en conta os condicionantes do cambio climático.

Empregaranse os sistemas urbanos de drenaxe sustentable, ademais de pavimentos drenantes, zonas de drenaxe e xuntas abertas que favorezan a drenaxe de augas pluviais dentro da propia parcela.

Artigo 78. Augas residuais

1. A protección das augas, así como a regulación das verteduras de actividades que poidan contaminar o dominio público hidráulico, realizarase conforme o disposto na lexislación vixente.

2. Ningunha persoa física ou xurídica descargará, depositará ou permitirá que se descargue ou deposite ao sistema de saneamento calquera auga residual que conteña partículas ou efluentes que superen os límites establecidos pola lexislación en materia de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia e a de materia de augas.

3. No caso de que unha vertedura industrial/comercial de augas residuais se vaia realizar na rede de saneamento xeral, teranse en conta as limitacións recollidas na lexislación vixente en materia do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia e a de materia de augas.

En relación coa composición química e biolóxica do efluente, será obrigatorio en calquera caso que as verteduras admitidas na depuración conxunta non superen os límites de concentración permitidos pola lexislación vixente en materia do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia e a de materia de augas.

Os establecementos industriais/comerciais que produzan augas residuais cuxas composicións cualitativas ou cuantitativas sexan superiores aos límites establecidos anteriormente estarán obrigados a depurar as súas augas previamente á súa vertedura a colectores públicos.

CAPÍTULO III

Contaminación acústica

Artigo 79. Protección contra a contaminación acústica

Para a protección acústica teranse en conta as disposicións contidas na lexislación vixente.

CAPÍTULO IV

Especies vexetais propostas

Artigo 80. Recomendacións

Recoméndase que a vexetación proposta sexa de especies autóctonas con baixa necesidade hídrica. Recoméndase a remisión ao «Anexo 6. Vexetación», do tomo 1 da Guía de boas prácticas en intervención en espazos públicos á hora de facer a selección de especies.

Non se permitirá o uso de ningunha especie catalogada como «invasora».

TÍTULO VIII

Condicións estéticas

En canto ás condicións estéticas, será fundamental manter a imaxe de conxunto, un conxunto onde a arquitectura existente, aínda que non ten un gran valor arquitectónico, si xera un ambiente cunha certa coherencia e unicidade que non se debe romper de cara aos espazos públicos ou de encontro co PS-1.

A visión do conxunto desde o mar tamén tivo consideración na ordenación dos volumes propostos e tratarase de integrar a edificación coa vexetación para minimizar o impacto visual das fachadas.

A harmonía entre o arboredo e o edificado é fundamental neste lugar. O verde funcionará en moitos casos como pantalla ou baruto; ademais de ter unha función estética, tamén a terá ambiental.

En prol dunha maior integración paisaxística das intervencións en cada unha das parcelas exixirase un estudo detallado de cada fachada e da cuberta como unha fachada máis, no caso de cubertas planas.

Terase especial coidado na integración das instalacións en cuberta, procurando que queden ocultas sempre que isto sexa posible. No caso dos paneis solares, estudarase a súa localización e composición, tanto se se colocan en cuberta como se se colocan noutra parte do edificio ou parcela, formando parte do deseño do edificio.

Se se dota de usos auxiliares a cuberta, estes virán reflectidos nun plano específico para iso.

En caso de optar por fachadas e cubertas verdes, buscaranse solucións de baixo mantemento e consumo de auga.

O deseño das fachadas deberá ter un acabamento coidado empregando un criterio uniforme, en materiais, deseño, etc., para todas elas, independentemente de que sexan dianteiras, traseiras ou laterais.

Deberase avogar por materiais de fácil mantemento de modo que o envellecemento do edificio non deteriore a imaxe do conxunto. No caso de que apareza unha medianeira, esta deberá ser tratada como unha fachada máis, aínda que careza de ocos; neste caso poderase empregar un material diferente do resto dos alzados, pero sempre con acabamento de fachada e gardando coherencia co resto do deseño do edificio.

O ámbito enmárcase dentro do Catálogo das paisaxes de Galicia, na área paisaxística VIII das Rías Baixas, e será recomendable tamén empregar a Guía de cor e materiais desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio para a integración dos edificios.

Empregaranse materiais que no produzan reflexos nin brillos que poidan xerar interferencias na visión de conxunto. Buscarase que os materiais e os edificios teñan unha integración desde o punto de vista cromático e de materiais. Trátase de facer unha integración paisaxística.

TÍTULO IX

Normas particulares. Ordenanzas reguladoras

Artigo 81. Ámbito de aplicación

1. As determinacións particulares contidas neste capítulo, propias dunhas ordenanzas reguladoras, definen as condicións de parcela, os aproveitamentos e os usos do solo e da edificación en cada unha das zonas en que se dividiu o ámbito do proxecto sectorial.

2. Estas determinacións particulares, xunto coas condicións xerais establecidas nas Normas comúns de uso, normas comúns de edificación e condicións estéticas, regulan as condicións a que se deben suxeitar os terreos e edificios, en función da súa localización.

Artigo 82. División en zonas

1. De acordo coa ordenación establecida, o ámbito do proxecto sectorial dividiuse en zonas en que serán de aplicación as seguintes ordenanzas:

a) Ordenanza 1: DOT-1.

b) Ordenanza 2: DOT-2.

c) Ordenanza 3: ZV-EL.

d) Ordenanza 4: viario.

2. As zonas indicadas gráfanse no plano O01.

3. A través do correspondente proxecto de parcelamento poderase reaxustar a delimitación e/ou incrementar a superficie das parcelas correspondentes ás zonas de ordenanza 3 e 4, sen poder nunca diminuír a superficie asignada polo presente proxecto sectorial.

Artigo 83. Ordenanza 1ª. DOT-1

1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación nas zonas do ámbito representadas no plano O01 coa denominación O.1.

2. Condicións de parcela e edificación.

Parcelamento

As parcelas son, a modo orientativo, as definidas no plano O04. Estas poderán segregarse ata a parcela mínima, que nesta ordenanza será de 1.000 m².

Recuamentos mínimos

Os existentes para elementos que se manteñen representados como liña de edificación obrigatoria no plano O02.

Os recollidos no plano O02 para aliñacións mínimas e, en caso de non recollerse ningún, será como mínimo de 3 metros a calquera linde cos outros plans sectoriais.

Ocupación máxima

A existente para elementos que se manteñen.

Sobre a superficie restante de parcela aplicaranse os recuamentos mínimos e aliñamentos obrigatorios marcados no plano O.2.

Edificabilidade máxima

Para toda a zona de ordenación O.1. non superará os 17.000 m².

En caso de parcelarse, poderá repartirse a edificabilidade de modo desigual sempre que se cumpra o resto de condicións e non se supere en total o asignado.

Limitacións:

Uso compatible: máximo un 25 % do total materializable.

Uso complementario: máximo un 25 % do total materializado.

Tipoloxía edificatoria

Illada ou acaroada.

Todos os edificios do PS-2 poderán conectarse entre eles tanto a través dos sotos como en calquera das plantas superiores. Proponse a construción do paso baixo rasante, pero no caso de que a súa construción non for viable técnica ou economicamente construirase sobre rasante sen que supoña en ningún caso a redución da superficie destinada a espazos libres e zonas verdes.

Altura máxima de cornixa

18 metros. Nos edificios que se manteñen a reflectida en planos.

Número máximo de plantas

Baixa + 3. Aparece representado no plano O02.

3. Condicións de uso.

Usos permitidos

Principal

Equipamento.

Compatible

Hostalaría e comercio.

Complementario

Oficina, residencial investigado e vixilancia (tendo en conta as limitacións recollidas no título VI do presente proxecto sectorial), almacén, garaxe-aparcamento, espazos libres e zonas verdes, servizos técnicos e viario.

4. Intervencións permitidas

En xeral, serán as recollidas no capítulo 6 do título 4. Nos edificios incluídos no catálogo observarase o disposto nel e na lexislación vixente.

5. Prazas de aparcamento

Nesta zona non haberá prazas de aparcamento, reservaranse todas as asignadas ao ámbito, como mínimo 42, na zona de ordenanza O.2 e, de ser o caso, na zona de ordenanza O.4 viario, onde se poden facer algunhas reservas que se recollerán no correspondente proxecto de urbanización.

6. Tratamento dos espazos libres de parcela

Entregarase un plano co deseño dos espazos libres de parcela e non poderán aparecer en ningún caso muros de contención de vías con alturas superiores a 5 metros e, no caso de muros de contención de parcelas, a altura máxima limitarase a 3 metros.

Os elementos vexetais catalogados marcaranse no dito plano e recollerase no proxecto o incluído no catálogo para cada un deles. Procurarase a súa identificación e sinalización para que se coñeza a súa protección e o motivo e se poña en valor.

Artigo 84. Ordenanza 2ª. DOT-2

1. Ámbito de aplicación

Esta ordenanza será de aplicación nas zonas do ámbito representadas no plano O01 coa denominación O.2.

2. Condicións da parcela e edificación.

Parcela

As parcelas son, a modo orientativo, as definidas no plano O04. Estas poderán segregarse ata a parcela mínima, que nesta ordenanza será de 2.000 m².

Recuamentos mínimos

A representada no plano O02.

Os recollidos no plano O02 para aliñacións mínimas e, en caso de non recollerse ningún, será como mínimo de 3 metros a calquera linde cos outros plans sectoriais.

Ocupación máxima

A ocupación máxima será a determinada pola aplicación dos recuamentos mínimos marcados no plano O02.

Edificabilidade máxima

Para toda a zona de ordenación O.2. non superará os 5.000 m².

En caso de parcelarse poderá repartirse a edificabilidade de modo desigual, sempre que se cumpra o resto de condicións e non se supere en total o asignado.

Limitacións:

Uso compatible: máximo un 35 % do total materializable.

Uso complementario: máximo un 25 % do total materializado.

Tipoloxía edificatoria

Illada ou acaroada.

Todos os edificios do PS-2 poderán conectarse entre eles tanto a través dos sotos como en calquera das plantas superiores. Proponse a construción do paso baixo rasante, pero no caso de que a súa construción non for viable técnica ou economicamente construirase sobre rasante sen que supoña en ningún caso a redución da superficie destinada a espazos libres e zonas verdes.

Altura máxima de cornixa

18 metros.

Número máximo de plantas

Baixa + 3. Aparece representado no plano O02.

3. Condicións de uso.

Usos permitidos

Principal

Equipamento

Compatible

Hostalaría e comercio

Complementario

Oficina, residencial investigador e vixilancia, almacén, garaxe-aparcamento, espazos libres e zonas verdes, servizos técnicos e viario

4. Intervencións permitidas.

Todas as permitidas dentro da lexislación vixente.

5. Prazas de aparcamento.

As prazas de aparcamento en todo o ámbito PS-2 correspondente á zona de ordenación O.2 serán, de ser o caso, as establecidas pola lexislación de obrigado cumprimento no momento da presentación do proxecto para a obtención de licenza, cun mínimo de 42, que son as asignadas polo plan sectorial ao ámbito. Estas poderán estar en espazo aberto ou en soto.

No caso daquelas prazas que se agrupen en bolsas de aparcamento nun número superior a 20 prazas, recoméndase prever puntos de recarga para vehículos eléctricos.

6. Tratamento dos espazos libres de parcela

Entregarase un plano co deseño dos espazos libres de parcela, e non poderán aparecer en ningún caso muros de contención de vías con alturas superiores a 5 metros e, no caso de muros de contención de parcelas, a altura máxima limitarase a 3 metros.

Os elementos vexetais catalogados marcaranse no dito plano e recollerase no proxecto o incluído no catálogo para cada un deles. Procurarase a súa identificación e sinalización para que se coñeza a súa protección e o motivo e porase en valor.

Artigo 85. Ordenanza 3ª. Zonas verdes e espazos libres

1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación nas zonas do ámbito PS-2 representadas no plano O01 coa denominación O.3- Z.V.-E.L.

2. Condicións xerais.

a) Procurarase a conservación das formacións arbóreas autóctonas propias da zona, así como a posta en marcha de accións para evitar o establecemento e a propagación de especies invasoras.

b) Os elementos arbóreos catalogados manteranse coas especificacións recollidas no catálogo. Procurarase a súa identificación e sinalización para que se coñeza a súa protección e o motivo e se poña en valor.

3. Condicións de edificación e parcelamento.

Parcela mínima

As fixadas no plano O01

Recuamentos mínimos

10 metros a todos os lindes

Ocupación máxima

10 %

Edificabilidade máxima

0,15 m²/m²

Tipoloxía edificatoria

Illada

Altura máxima

5 metros

Todas as construcións e instalacións serán desmontables nun período máximo dun día.

4. Condicións de uso.

Permitiranse os usos compatibles coas zonas verdes.

Principal

Espazos libres e zonas verdes

Compatible

Recreativo e equipamentos

Complementarios

Garaxe-aparcamento (*) e paso de vehículos vinculados ao acceso restrinxido que caracteriza o viario interior.

(*) Exclusivamente nos bordos, agrupándoos en prazas de aparcamento.

Artigo 86. Ordenanza 4ª. Viario

1. Ámbito de aplicación

Esta ordenanza será de aplicación nas zonas do PS-2 representadas no plano O01 coa denominación O.4-V.

2. Condicións xerais

Cumprirá as condicións establecidas no artigo 28, Rede viaria, destas ordenanzas reguladoras.

3. Condicións particulares

Permitirase a instalación de elementos auxiliares dun sistema viario como: paraxes de transporte público, casetas de control de acceso, etc.