Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 17 de xuño de 2021 Páx. 30242

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de xuño de 2021 polo que se actualiza o importe previsto no parágrafo noveno do artigo 26 bis do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

O Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, recolle no seu artigo 2 a participación en tribunais de oposicións e concursos ou outros órganos encargados de selección de persoal ou de probas que sexa necesario superar para o exercicio de profesións ou para a realización de actividades como un dos supostos que dan orixe a indemnización ou compensación.

Mediante o Decreto 96/2011, do 5 de maio, modificouse o citado Decreto 144/2001, do 7 de xuño, para introducir un artigo 26 bis, coa finalidade de clasificar o persoal auxiliar dos tribunais, definir as súas funcións, atribuír a competencia para o seu nomeamento e, ademais, fixar o importe que deberá percibir por asistencia.

En concreto, en relación co persoal que efectúa labores de auxilio aos tribunais na consellería competente en materia de educación e en atención á súa peculiaridade, fixouse unha contía única de 25 € brutos por día. Porén, da experiencia adquirida nestes últimos anos nos diferentes procedementos selectivos de ingreso e acceso aos corpos de persoal docente que imparte ensinanzas distintas das universitarias en que se desenvolveron importantes ofertas de emprego, e tendo en conta as numerosas e diversas tarefas que desenvolve este persoal, considérase oportuno modificar a contía única que percibían para fixar outra máis acorde co seu labor.

A disposición derradeira cuarta do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, prevé que o importe das indemnizacións establecidas neste decreto será revisado periodicamente mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Facenda e Administración Pública, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 10 de xuño de 2021, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Aprobar a actualización do importe establecido no parágrafo noveno do artigo 26 bis do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnización por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, polo que o persoal que desenvolva labores de auxilio aos tribunais na consellería competente en materia de educación, entre as cales se encontran as propias do persoal de limpeza e de conserxería, percibirá unha contía única de 40 € brutos por día.

Segundo. Ordenar a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio