No Diario Oficial de Galicia núm. 68, do 13 de abril de 2021, publicouse a Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z).
O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo o establecido no artigo 9.2 das bases reguladoras, o prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2021.
Conforme o establecido no artigo 3.1 das bases reguladoras, serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2021, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, aspecto que se desenvolve no artigo 25, que recolle que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2021, e no artigo 27.3.a.3º, que establece que a data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2021, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.
O día 14 de abril de 2021 iniciouse o prazo de presentación de solicitudes e comezaron a recibirse solicitudes que foron presentándose de forma continuada. A raíz das consultas que se están a recibir, constátase que determinados requisitos de carácter técnico aconsellan ampliar o prazo de solicitudes para facilitar o máximo posible, ás empresas e autónomos, a presentación das solicitudes no prazo establecido.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Por outra banda, con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá conceder, de oficio ou por instancia de parte, unha ampliación dos prazos establecidos que non exceda a metade destes; esta ampliación deberá producirse antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z) no seguinte sentido:
O artigo 3.1 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2021, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».
O artigo 9.2 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 6 de agosto de 2021».
O artigo 25 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2021».
O segundo parágrafo do punto 3.a).3º do artigo 27 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«A data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2021, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021
Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia