Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 30 de xuño de 2021 Páx. 33084

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2021/22.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, regula en toda a súa extensión o sistema educativo, tendo como un dos principios fundamentais a equidade que garanta unha igualdade efectiva de oportunidades para todo o alumnado, que proporcione unha educación inclusiva tratando de conseguir que acaden o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades, individuais e sociais, intelectuais, culturais e emocionais, para o que necesitan recibir unha educación de calidade adaptada ás súas necesidades.

O currículo na Comunidade Autónoma de Galicia para as etapas educativas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato está establecido respectivamente no Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os centros educativos cumprirán as medidas que se establezan no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia que estea vixente no curso 2021/22 co obxectivo de protexer e previr o máximo posible o risco de contaxio pola COVID-19.

Consecuentemente, tendo en conta que se poida producir a necesidade de alternar determinados períodos de docencia presencial con outros de docencia non presencial durante o próximo curso 2021/22, faise imprescindible establecer adaptacións no marco da organización do currículo, da metodoloxía didáctica e da autonomía organizativa e pedagóxica dos centros docentes.

Por todo isto, é preciso ditar instrucións para o desenvolvemento no curso 2021/22 das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia e, de conformidade co exposto, como secretario xeral de Educación e Formación Profesional,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Estas instrucións teñen por obxecto determinar, para o curso académico 2021/22, aspectos organizativos e medidas educativas necesarias para o desenvolvemento, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, das ensinanzas establecidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Esta resolución será de aplicación nos centros docentes sostidos con fondos públicos correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia nos cales se impartan as ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Segundo. Liñas xerais para o curso 2021/22

1. Información de inicio de curso.

Co fin de facilitar a incorporación do alumnado ao centro, o equipo directivo elaborará a información necesaria e organizará as actuacións que lle permitan ao alumnado, especialmente ao de nova incorporación, familiarizarse nas primeiras semanas do curso, polo menos, cos seguintes aspectos:

a) As normas de organización, funcionamento e convivencia do centro.

b) Actuacións de prevención, hixiene e protección.

c) Accións formativas para a mellora da competencia dixital do alumnado, necesaria para o seu desenvolvemento na modalidade de ensino presencial ou, de ser o caso, non presencial.

2. Avaliación inicial.

A avaliación inicial realizarase durante as primeiras semanas do curso escolar. Este proceso comprenderá as seguintes accións que permitan identificar as dificultades do alumnado, así como as súas necesidades de atención educativa:

a) Análise dos informes do curso anterior.

b) Coñecemento personalizado do alumnado e da súa situación educativa e emocional co fin de tomar as decisións profesionais de actuación por parte do profesorado.

3. Planificación.

Co fin de que todo o alumnado teña acceso ao proceso de ensino e aprendizaxe en calquera dos posibles escenarios e asegurarse a súa participación e implicación no desenvolvemento das accións educativas, teranse en conta os seguintes aspectos na planificación educativa:

a) A partir da información da finalización do curso 2020/21 e da avaliación inicial, reforzaranse os elementos curriculares que determinen os equipos docentes e os departamentos didácticos, co fin de garantir a continuidade do proceso de ensino e aprendizaxe de todo o alumnado.

b) A aplicación nos reforzos de medidas metodolóxicas e organizativas que favorezan o pleno desenvolvemento de todo o alumnado.

Entre estas medidas estarán a proposta de tarefas globalizadas que requiran da posta en práctica de varias competencias do alumnado, a aprendizaxe cooperativa, o uso das TIC como recurso didáctico, actividades que favorezan a autoaprendizaxe, o pensamento crítico e creativo e a investigación mediante proxectos de traballo, entre outras.

c) O emprego dunha metodoloxía didáctica e de recursos que permitan o deseño de actividades educativas que se poidan desenvolver de forma presencial e, de ser o caso, non presencial, ademais de ter un carácter práctico e potenciar o traballo en equipo e o proceso de avaliación continua.

d) Os procedementos e instrumentos de avaliación deseñaranse de forma que permitan determinar o nivel de competencia acadado polo alumnado, adecuándose ás modalidades de ensino presencial e, de ser o caso, non presencial.

e) As adaptacións necesarias que a docencia non presencial poida requirir.

f) A atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e ao alumnado que tivese dificultades derivadas da fenda dixital, sen prexuízo do desenvolvemento doutras medidas de atención á diversidade que se poidan establecer.

4. Ensino non presencial.

Os centros adaptarán o seu Plan de continxencia tendo en conta o Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia vixente para o curso 2021/22, en relación coas medidas que se adoptarán no caso de suspensión da actividade lectiva para facer efectivo o ensino non presencial e os supostos de reactivación da actividade lectiva presencial, de conformidade coas instrucións da autoridade sanitaria.

Ademais, adoptarán as medidas establecidas nas instrucións específicas que resulten de aplicación, e terase en conta o seguinte:

a) O profesorado, preferentemente a través da aula virtual do centro, determinará as tarefas que deberá realizar o alumnado garantindo a adquisición das aprendizaxes e a avaliación continua.

b) A organización dos recursos educativos de apoio do centro para garantir unha axeitada atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, favorecendo o seu acceso ao currículo e con especial atención ao alumnado con necesidades educativas especiais.

c) O establecemento dun procedemento de comunicación entre o alumnado, as familias e o equipo docente utilizando, preferentemente, as plataformas e medios telemáticos corporativos. Este procedemento determinará e concretará claramente os obxectivos ou finalidades da comunicación e as persoas responsables, así como a súa temporalización.

5. Servizos de orientación.

Os departamentos de orientación reforzarán as actuacións dirixidas á identificación das necesidades educativas ocasionadas pola situación de pandemia en coordinación coas persoas titoras, as medidas e programas para a atención destas, así como as accións dirixidas ao coidado do benestar da comunidade educativa. Estas medidas e accións concretaranse no Plan de orientación académica e profesional, no Plan de acción titorial, na concreción anual do Plan xeral de atención á diversidade e na Programación xeral anual.

Así mesmo, proporcionarán asesoramento pedagóxico ao profesorado para axustar a súa práctica educativa telemática na atención á diversidade, así como para adaptar a súa propia función de orientación á situación do momento.

CAPÍTULO II

Educación infantil

Terceiro. Educación infantil

1. Nas primeiras semanas do curso organizaranse as actuacións necesarias para favorecer a transición desde a familia ou desde a escola infantil de primeiro ciclo á nova situación de ensino e aprendizaxe, así como outras relacionadas coa formación sobre o Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2021/22 que cada centro teña establecido (acceso ao centro e desprazamentos, hixiene de mans, uso dos espazos e materiais, etc.).

2. Ademais, reforzarase a comunicación do profesorado coas persoas proxenitoras do alumnado ou persoa que desempeñe a súa representación legal para informalas do Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2021/22, así como do Plan de continxencia do centro elaborado para responder a potenciais novos períodos de alteración ou suspensión da actividade lectiva, provocados pola situación sanitaria, co fin de garantir o adecuado desenvolvemento da actividade educativa.

3. Propiciaranse contornas escolares saudables e seguras a través de medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde adaptadas a esta etapa educativa e atenderase ao benestar emocional deste alumnado.

4. Ao profesorado que non complete as vinte e cinco horas lectivas a dirección poderá asignarlle tarefas relacionadas prioritariamente coa atención á diversidade e de apoio e reforzo para o alumnado do centro que o necesite, segundo se determine despois da avaliación inicial.

CAPÍTULO III

Educación primaria

Cuarto. Educación primaria

1. Para favorecer a transición do grupo entre as etapas de educación infantil e educación primaria adoptaranse as medidas necesarias que se basearán na información que consta nas correspondentes memorias finais, así como nos informes individualizados do alumnado elaborados ao final do curso 2020/21. Á vista destes informes, o profesorado organizará plans de recuperación e reforzo, coa colaboración do departamento de orientación, para aquel alumnado que presente algunha necesidade educativa e/ou emocional.

2. A planificación do curso 2021/22 precisa do traballo colaborativo do profesorado de educación primaria e do profesorado de educación infantil para o desenvolvemento de programacións didácticas globalizadas, baseadas en metodoloxías que non supoñan unha ruptura abrupta respecto das empregadas durante a etapa educativa que o alumnado vén de rematar.

3. Para atender ao alumnado de forma coordinada nos aspectos educativos e emocionais é necesario prestar especial atención á transición entre niveis dentro desta etapa e será especialmente necesaria a colaboración entre os equipos docentes.

4. A persoa titora realizará unha avaliación inicial, durante as primeiras semanas do curso escolar, coa finalidade de adecuar as ensinanzas ao alumnado e facilitar a progresión adecuada no seu proceso de aprendizaxe, incidindo na obtención de información sobre o grao de desenvolvemento das competencias clave. Esta avaliación, que incluirá a análise dos informes persoais da etapa ou curso anterior e se completará coa información obtida das familias, será o punto de referencia para a toma de decisións na planificación educativa, así como para a adopción das medidas ordinarias ou extraordinarias que se consideren oportunas para cada alumna ou alumno.

5. Ao profesorado que non complete as vinte e cinco horas lectivas a dirección poderá asignarlle tarefas relacionadas prioritariamente coa atención á diversidade e de apoio e reforzo para o alumnado do centro que o necesite, segundo se determine despois da avaliación inicial.

Quinto. Horario de libre configuración do centro

De conformidade co establecido no artigo 8.5 do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, os centros docentes poderán dedicar as horas de libre configuración do centro ao afondamento e/ou reforzo dalgunha das áreas recollidas no artigo 8 do citado decreto. Así mesmo, poderán optar por establecer outra ou outras áreas que determine o centro, segundo o seu proxecto educativo e logo de autorización do Servizo Territorial de Inspección Educativa.

Tal e como se recolle no anexo IV do citado Decreto 105/2014, do 4 de setembro, as horas de libre configuración do centro desenvolveranse no cuarto e no sexto curso de educación primaria cunha carga lectiva dunha hora.

Durante o curso 2021/22 o horario establecido como de libre configuración do centro dedicarase prioritariamente ao reforzo das áreas que determine o centro.

CAPÍTULO IV

Educación secundaria obrigatoria

Sexto. Materias e horario semanal

As materias e o horario semanal son as que figuran no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e na normativa específica publicada.

Sétimo. Organización da oferta nos centros docentes

1. Para constituír grupo das materias de libre configuración autonómica, de libre configuración do centro do primeiro e do segundo curso, das Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas, das Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, e das materias específicas Segunda Lingua Estranxeira e Cultura Clásica do terceiro curso, requirirase un mínimo de dez alumnas e/ou alumnos.

2. Os centros docentes ofertarán ao alumnado, no cuarto curso, as dúas opcións: ensinanzas académicas e ensinanzas aplicadas. Para constituír grupo das materias de opción do bloque de materias troncais e das materias específicas do cuarto curso, requirirase un mínimo de dez alumnas e/ou alumnos.

O alumnado poderá escoller como materia específica unha materia do bloque de materias troncais non cursada pola alumna ou polo alumno. Esta materia pode estar incluída nas troncais de opción, tanto de ensinanzas académicas como de ensinanzas aplicadas.

3. Coa finalidade de atender á diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, poderanse impartir as opcións e as materias recollidas nos puntos 1 e 2 cun número menor de alumnas ou alumnos que en ningún caso sexa inferior a cinco. Neste caso, precisarase a autorización expresa da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, logo do informe da Inspección educativa. Para estes efectos, os centros docentes remitirán a solicitude de autorización ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente antes do 10 de setembro.

4. Os centros docentes poderán elaborar itinerarios para orientar o alumnado na elección de materias troncais de opción.

Oitavo. Horario de libre configuración do centro

1. O horario establecido como de libre configuración do centro, en función da oferta formativa establecida polos centros docentes, poderá destinarse a:

a) Afondamento e/ou reforzo dalgunha materia.

b) Materia de libre configuración autonómica.

c) Materia de libre configuración do centro.

Cando no horario establecido como de libre configuración do centro se opte por dedicalo ao afondamento e/ou reforzo dalgunha materia, tal e como está disposto no punto 4 do artigo 13 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, a súa avaliación estará integrada na materia obxecto do afondamento e/ou reforzo.

2. As materias de libre configuración autonómica que os centros docentes poderán ofertar, en función da dispoñibilidade dos recursos e da organización do centro, son:

No primeiro curso:

Obradoiro de Música.

No primeiro e/ou segundo curso, o alumnado poderá cursar as seguintes materias nun dos cursos, segundo a oferta establecida polo centro docente:

Paisaxe e Sustentabilidade.

Educación Financeira.

Investigación e Tratamento da Información.

Oratoria.

Programación.

Promoción de Estilos de Vida Saudables.

Xadrez.

Igualdade de Xénero.

Identidade Dixital.

Consumo Responsable.

Valores Democráticos Europeos.

Mobilidade Escolar Sustentable e Segura.

Sociedade Inclusiva.

3. Durante o curso 2021/22 o horario establecido como de libre configuración do centro dedicarase prioritariamente ao reforzo das materias que determine o centro.

Noveno. Exención da Segunda Lingua Estranxeira

O alumnado dos cursos primeiro e segundo que presente dificultades continuadas no proceso de aprendizaxe, en particular nas materias lingüísticas, poderá quedar exento de cursar a materia de Segunda Lingua Estranxeira. Neste caso, recibirá reforzo educativo naqueles aspectos en que se detectasen as dificultades, logo do informe pertinente da persoa titora da etapa ou curso anterior, coa colaboración do departamento de orientación, no cal se fará explícito o motivo da medida adoptada. Nos seus documentos de avaliación figurará coa mención de exenta ou exento.

A competencia da decisión recaerá na dirección do centro docente, oídas as persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal do alumnado afectado pola medida.

Décimo. Integración de materias en ámbitos de coñecemento no primeiro curso

1. O artigo 18 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, determina que os centros docentes poderán agrupar as materias do primeiro curso da educación secundaria obrigatoria en ámbitos de coñecemento, coa finalidade de facilitar o tránsito do alumnado entre a educación primaria e o primeiro curso da educación secundaria obrigatoria.

2. Esta organización curricular debe contribuír, desde a propia estrutura do currículo e desde a metodoloxía de traballo, á consecución dos seguintes obxectivos:

a) Consolidar e reforzar as aprendizaxes para un adecuado desenvolvemento das competencias clave da educación secundaria obrigatoria.

b) Motivar o alumnado por medio de metodoloxías activas de aprendizaxe.

c) Promover estratexias que faciliten a coordinación e o traballo interdisciplinar dos equipos docentes que imparten clase a un mesmo grupo de alumnado.

3. A proposta concretarase en función das características e das necesidades detectadas nos informes individuais do alumnado procedente do sexto curso da educación primaria.

4. Este tipo de agrupación deberá respectar os contidos, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación de todas as materias que se agrupan, así como o horario asignado ao conxunto delas. A organización dos contidos nun ámbito realizarase de maneira globalizada, sen fragmentar en contidos específicos de cada materia que forma parte do ámbito.

5. Esta agrupación terá efectos na organización das ensinanzas, pero non nas decisións asociadas á avaliación e á promoción.

6. A avaliación dos ámbitos realizarase de maneira globalizada de acordo coa consecución dos obxectivos do nivel dentro da etapa e da adquisición das competencias clave. Non obstante, a cualificación (o resultado académico expresado numericamente do expediente) de cada unha das materias que integran os ámbitos constará por separado.

7. A adopción desta medida non condiciona todos os grupos do nivel, nin tampouco obriga a agrupar todas as materias en ámbitos.

8. A constitución destes agrupamentos requirirá autorización expresa do Servizo Territorial de Inspección Educativa. Para estes efectos, os centros docentes remitirán a solicitude de autorización antes do 10 de setembro.

Décimo primeiro. Programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento

1. Os programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento forman parte das medidas extraordinarias de atención á diversidade e teñen por finalidade facilitar que as alumnas e os alumnos, mediante unha metodoloxía específica e unha organización de contidos e materias do currículo diferente á establecida con carácter xeral, logren os obxectivos e adquiran as competencias.

2. Poderán incorporarse aos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento as alumnas e os alumnos que teñan dificultades relevantes de aprendizaxe e fosen obxecto doutras medidas de atención á diversidade, sen que estas resultasen suficientes para a súa superación, e se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Alumnado que cursase por primeira vez o primeiro curso da educación secundaria obrigatoria e non está en condicións de promocionar ao segundo curso da educación secundaria obrigatoria, tendo repetido en educación primaria; poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do segundo curso.

b) Alumnado que cursou por segunda vez o primeiro curso da educación secundaria obrigatoria e non está en condicións de promocionar ao segundo curso da educación secundaria obrigatoria; poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do segundo curso.

c) Alumnado que cursase por primeira vez o segundo curso da educación secundaria obrigatoria e non está en condicións de promocionar ao terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, tendo repetido en educación primaria e/ou en primeiro curso da educación secundaria obrigatoria; poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

d) Alumnado que cursase por segunda vez o segundo curso da educación secundaria obrigatoria, e non está en condicións de promocionar ao terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

e) Con carácter excepcional, alumnado que cursase por primeira vez o terceiro curso da educación secundaria obrigatoria e non está en condicións de promocionar ao cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, sen ter repetido ou tendo repetido unha vez na etapa, poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

3. O procedemento para a incorporación dunha alumna ou dun alumno ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento é o que segue:

a) Realizada a avaliación extraordinaria, o equipo docente realizará unha proposta razoada do alumnado que se podería incorporar ao programa para a mellora da aprendizaxe e do rendemento. Esa proposta concretarase nun informe individualizado, elaborado pola persoa titora, en que constará a competencia curricular da alumna ou do alumno en cada materia, as dificultades de aprendizaxe presentadas, as medidas de atención á diversidade aplicadas e os motivos polos cales o equipo docente considera a conveniencia de que a alumna ou o alumno se integre nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. Ese informe trasladarase á xefatura do departamento de orientación.

b) A persoa que exerza a xefatura do departamento de orientación realizará unha avaliación psicopedagóxica a cada unha das alumnas e dos alumnos propostas/os polo equipo docente para incorporar ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. No informe correspondente a esa avaliación deben constar, entre outros aspectos, as conclusións das reunións co profesorado titor e, se se trata de alumnado menor de idade, coas persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal de cada alumna ou alumno, para formularlles a conveniencia da súa incorporación a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.

Deixarase constancia escrita da opinión das persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal respecto da proposta formulada.

c) Posteriormente, unha comisión formada pola xefatura de estudos, que exerce a súa presidencia, a persoa que exerza a xefatura do departamento de orientación e a persoa titora da alumna ou do alumno valorará os informes emitidos e a opinión, de ser o caso, das persoas proxenitoras ou da persoa que desempeñe a representación legal do alumnado, realizando unha proposta á dirección sobre a incorporación ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.

d) Compete á dirección do centro docente elevar a proposta de autorización sobre a incorporación do alumnado ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento ao Servizo Territorial de Inspección Educativa, que terá que realizarse antes do 10 de setembro.

Á solicitude achegaráselle a relación de alumnado proposto e a relación de profesorado que vai impartir cada un dos ámbitos do programa.

e) O Servizo Territorial de Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento que cumpran os requisitos establecidos.

f) Para a impartición dos ámbitos destes programas conformaranse grupos que non superarán o número de dez alumnas e/ou alumnos e non serán, con carácter xeral, menos de cinco.

4. O currículo dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento incluirá os seguintes ámbitos:

a) Ámbito lingüístico e social, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Xeografía e Historia do segundo curso e do terceiro curso.

b) Ámbito científico e matemático, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente ás materias de Matemáticas e Física e Química do segundo curso e de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, Bioloxía e Xeoloxía, e Física e Química do terceiro curso.

c) Ámbito de linguas estranxeiras, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente á materia de Primeira Lingua Estranxeira.

As alumnas e os alumnos que sigan un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento terán un grupo ordinario de referencia co cal cursarán as materias non pertencentes aos ámbitos.

O horario semanal dos ámbitos de coñecemento que compoñen o programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento, para cada un dos cursos, será o seguinte:

a) Ámbito lingüístico e social: nove horas.

b) Ámbito científico e matemático: oito horas.

c) Ámbito de linguas estranxeiras: tres horas.

5. Cada grupo de alumnado que integre un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento contará cunha profesora titora ou profesor titor, que terá, entre as súas funcións, a orientación do alumnado do programa e a súa atención personalizada, a coordinación do equipo docente que imparte o programa, a relación coas familias e a coordinación co profesorado titor do grupo de referencia de cada alumna e alumno integrante do programa.

6. Cada ámbito específico será impartido por unha única profesora ou profesor, pertencente a un dos departamentos didácticos a que corresponda a atribución docente das materias que forman parte do ámbito, preferentemente con destino definitivo no centro.

7. O programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento concíbese desde un enfoque metodolóxico funcional, en que os contidos curriculares se deben tratar desde un punto de vista global, práctico, motivador e personalizado, priorizando as aprendizaxes que resulten necesarias para outras posteriores e que contribúan ao desenvolvemento das competencias clave e dos obxectivos xerais da etapa.

8. A concreción do currículo dos ámbitos, así como as correspondentes programacións didácticas, serán elaboradas nos distintos departamentos didácticos implicados e polas persoas designadas para impartir os ámbitos, coa colaboración da persoa que exerza a xefatura do departamento de orientación, a partir das directrices establecidas pola comisión de coordinación pedagóxica e coordinadas pola xefatura de estudos.

9. O alumnado do programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento será avaliado polo profesorado que imparte cada un dos ámbitos e materias, baixo a coordinación do profesorado titor do programa e do profesorado titor do grupo de referencia. As cualificacións dos ámbitos realizaranse nos mesmos termos que as materias.

10. O alumnado que acceda a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento con materias pendentes de cursos anteriores realizará as actividades de reforzo e de apoio que lle permitan recuperalas ao longo do desenvolvemento do programa.

11. O alumnado que promocionou a cuarto curso con materias ou co ámbito de linguas estranxeiras do programa pendentes, deberá seguir un programa de reforzo adaptado ás súas características e necesidades para a recuperación das aprendizaxes non adquiridas.

12. O alumnado que se incorpore ao primeiro curso do programa e no primeiro curso da etapa estivese exento de cursar a materia de Segunda Lingua Estranxeira por ter presentado dificultades continuadas no proceso de aprendizaxe, en particular nas materias lingüísticas, poderá quedar exento de cursar a materia de Segunda Lingua Estranxeira neste curso. Neste caso, recibirá reforzo educativo naqueles aspectos en que se detectasen as dificultades. Nos seus documentos de avaliación figurará coa mención de exenta ou exento.

A competencia da decisión recaerá na dirección do centro docente, oídas as persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal do alumnado afectado pola medida.

Décimo segundo. Agrupamentos específicos no cuarto curso

1. Os centros educativos poderán organizar agrupamentos coas seguintes características:

a) Accederá, preferentemente, o alumnado que cursase o programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento e promocionado e continúe con dificultades de aprendizaxe non motivadas pola falta de estudo ou esforzo.

b) Excepcionalmente, poderá incorporarse alumnado que repita cuarto de educación secundaria obrigatoria e siga con dificultades de aprendizaxe non motivadas pola falta de estudo ou esforzo e sempre que se cumpra coas condicións de permanencia establecidas no artigo 23 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

c) Dado o carácter de medida de atención á diversidade destes agrupamentos específicos, o equipo docente especificará nun informe os motivos polos que considera que esta medida é máis adecuada que as establecidas con carácter xeral no Plan de atención á diversidade.

d) O alumnado cursará as materias xerais do bloque de materias troncais máis a materia de Lingua Galega e Literatura no agrupamento específico. Cursarán as restantes materias co grupo ordinario de referencia.

e) Para impartir as materias xerais do bloque de materias troncais nestes agrupamentos, conformaranse grupos que non serán de menos de dez alumnas e/ou alumnos.

f) Poderá realizarse unha organización curricular agrupando materias por ámbitos de coñecemento.

Este tipo de agrupación deberá respectar os contidos, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación de todas as materias que se agrupan, así como o horario asignado ao conxunto delas.

Esta agrupación terá efectos na organización das ensinanzas, pero non nas decisións asociadas á avaliación e á promoción.

A avaliación dos ámbitos realizarase de maneira globalizada de acordo coa consecución dos obxectivos da etapa e da adquisición das competencias clave. Non obstante, a cualificación (o resultado académico expresado numericamente do expediente) de cada unha das materias que integran os ámbitos constará por separado.

2. Compete á dirección do centro docente propoñer a autorización sobre a incorporación do alumnado ao agrupamento específico ao Servizo Territorial de Inspección Educativa, que terá que realizarse antes do 10 de setembro.

3. O Servizo Territorial de Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos agrupamentos sempre que cumpran os requisitos establecidos.

CAPÍTULO V

Bacharelato

Décimo terceiro. Materias e horario semanal

As materias e o horario semanal son os que figuran no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e na normativa específica publicada.

Décimo cuarto. Organización da oferta nos centros docentes

1. Os centros deberán ofrecer todas as materias xerais e de opción do bloque de materias troncais das modalidades que se imparten no centro.

O alumnado de segundo curso de bacharelato que opte pola modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais deberá cursar a materia de Historia da Filosofía.

2. As materias troncais de opción contarán, con carácter xeral, cun mínimo de cinco alumnas e/ou alumnos para poderen ser impartidas.

3. O alumnado cursará no segundo curso un mínimo de dúas e un máximo de tres materias de entre as materias específicas de elección. Dentro deste grupo de materias os centros ofertarán obrigatoriamente a materia de Historia da Filosofía para o alumnado das modalidades de ciencias e de artes, e será de libre elección para o alumnado.

Para os efectos desta epígrafe, o alumnado poderá cursar como materias específicas dúas materias troncais non cursadas.

A impartición das materias específicas quedará vinculada a que exista un número mínimo de dez alumnas e/ou alumnos.

Coa finalidade de atender a diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, poderán impartirse cun número menor de alumnas ou alumnos que, en ningún caso, será inferior a cinco. Neste caso, precisarase a autorización expresa da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, logo do informe da Inspección educativa. Para estes efectos, os centros docentes remitirán a solicitude de autorización ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente antes do 10 de setembro.

4. Co obxecto de ofertar unha preparación especializada ao alumnado, acorde coas súas perspectivas e intereses de formación, os centros docentes poderán elaborar itinerarios para orientar o alumnado na elección das materias de opción.

5. Cando un centro docente non poida ofrecer algunha materia troncal de opción, facilitará ao alumnado que a curse noutro centro próximo, sempre que a organización dos horarios de ambos os dous o permitan, ou a través das ensinanzas de persoas adultas, en calquera das súas modalidades, presencial ou a distancia. En calquera caso, contará coa autorización das persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal, cando se trate de alumnado menor de idade.

Décimo quinto. Horario de libre configuración do centro

1. Unha vez determinadas as materias específicas que a alumna ou alumno vai realizar en cada un dos cursos, segundo a normativa vixente, os centros dedicarán as horas que resten á libre configuración.

2. O horario establecido como de libre configuración do centro, en función da oferta formativa establecida polos centros docentes, poderá destinarse a:

a) Afondamento e/ou reforzo dalgunha materia.

b) Materia de libre configuración autonómica.

c) Materia de libre configuración do centro. A carga horaria desta materia será dun ou de dous períodos lectivos semanais.

Cando no horario establecido como de libre configuración do centro se opte por dedicalo ao afondamento e/ou reforzo dalgunha materia, tal e como está disposto no punto 6 do artigo 30 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, a súa avaliación estará integrada na materia obxecto do afondamento e/ou reforzo.

3. As materias de libre configuración autonómica que os centros docentes poderán ofertar, en función da dispoñibilidade dos recursos e da organización do centro, son:

– No primeiro curso:

Antropoloxía.

Literaturas Hispánicas.

Robótica.

Coeducación para o século XXI.

– No segundo curso:

Ética e Filosofía do Dereito.

Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía.

Métodos Estatísticos e Numéricos.

Xeografía e Historia de Galicia.

Patrimonio Artístico e Cultural de Galicia.

Literatura Galega do Século XX e da Actualidade.

Electrotecnia.

Décimo sexto. Cambio de idioma da materia Primeira Lingua Estranxeira

O alumnado que no segundo curso de bacharelato desexe cambiar o idioma da materia Primeira Lingua Estranxeira poderá incorporarse ás ensinanzas da Lingua Estranxeira II coa autorización da dirección do centro e sempre que curse simultaneamente a materia de primeiro curso.

A solicitude de cambio á dirección do centro realizarase no momento da matrícula e, en calquera caso, antes do inicio das actividades lectivas do segundo curso.

A dita materia de primeiro non será computable para os efectos de modificar as condicións en que o alumnado promocionou ao segundo curso.

Será requisito indispensable a superación previa da materia do primeiro curso para poder ser avaliado na materia de segundo.

Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de segundo curso non poida asistir ás clases de Lingua Estranxeira I, esta materia tratarase de forma análoga ás pendentes e o departamento didáctico que a imparte proporá ao alumnado un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programará probas parciais para verificar a superación desa materia.

Décimo sétimo. Cambio de materias

Ao efectuar a matrícula, o alumnado de segundo curso con avaliación negativa nalgunha materia troncal de opción, específica ou de libre configuración de primeiro, poderá optar por recuperala ou por substituíla por outra materia do mesmo grupo. En calquera caso, a materia ou materias polas que se substitúa deberán sumar o mesmo número de horas que corresponden á materia que abandona.

Décimo oitavo. Cambio de modalidade

1. O alumnado poderá solicitar á dirección do centro o cambio de modalidade en calquera dos dous cursos de bacharelato. Con carácter xeral, a dita solicitude efectuarase durante os dous primeiros meses do primeiro curso, e antes do comezo das actividades lectivas do segundo curso.

2. Ao finalizar o segundo curso de bacharelato, o alumnado deberá ter cursadas e superadas todas as materias xerais do bloque de materias troncais de cada un dos cursos da modalidade (ou itinerario na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais) pola cal remata; catro materias de opción do bloque de materias troncais, das cales polo menos tres deben ser da modalidade pola cal remata e dúas serán de segundo curso; a materia de Educación Física; a materia de libre configuración de Lingua Galega e Literatura e un mínimo de catro do bloque de materias específicas, das cales dúas serán de primeiro e dúas de segundo.

3. A autorización de cambio de modalidade ou de itinerario para o alumnado matriculado en centros privados será realizada pola dirección do centro público a que estean adscritos, que deberá ter en conta o correspondente informe elaborado pola dirección do centro.

4. Cambio de modalidade ao promocionar a segundo.

O alumnado que promocione ao segundo curso poderá cambiar de modalidade ou de itinerario, na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, de acordo coas seguintes condicións:

a) Deberá cursar, da nova modalidade ou do novo itinerario, as materias xerais do bloque de materias troncais de segundo e, se for o caso, as de primeiro que non superase.

b) Deberá cursar a materia xeral do bloque de materias troncais propia do primeiro curso da nova modalidade ou do novo itinerario.

c) Non será necesaria a superación da materia xeral do bloque de materias troncais propia do primeiro curso da modalidade ou do itinerario que abandona.

d) Deberá cursar, da nova modalidade, dúas materias do bloque de materias troncais de opción de segundo curso e polo menos unha de primeiro curso.

e) As materias troncais de opción de primeiro curso superadas, da modalidade que abandona, poderán computarse unha delas como materia troncal de opción da nova modalidade e outra como materia específica de primeiro da nova modalidade.

f) A materia xeral superada do bloque de materias troncais propia da modalidade ou do itinerario que abandona de primeiro curso poderá computarse como materia específica de primeiro curso da nova modalidade ou do novo itinerario.

g) Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de segundo curso non poida asistir ás clases das materias de primeiro que deba cursar como consecuencia do cambio de modalidade, estas materias trataranse de forma análoga ás pendentes, e os departamentos didácticos que as imparten proporán ao alumnado un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programarán probas parciais para verificar a superación desas materias.

5. Cambio de modalidade ao permanecer un ano máis no segundo curso.

O alumnado que ao finalizar o segundo curso teña avaliación negativa nalgunha materia poderá cambiar de modalidade ou de itinerario nas condicións xerais establecidas nos puntos anteriores deste artigo.

6. Dos cambios de modalidade ou de itinerario deixarase constancia mediante dilixencia no historial académico e no expediente académico.

Décimo noveno. Elección no segundo curso de materias condicionadas á superación das correspondentes materias do primeiro curso

1. O alumnado poderá cursar en segundo materias condicionadas á superación das correspondentes materias do primeiro curso non cursadas en primeiro. Neste caso, o alumnado deberá acreditar os coñecementos da correspondente materia do primeiro curso.

Esta acreditación poderase realizar:

a) Cursando e superando a correspondente materia de primeiro.

b) O alumnado poderá matricularse da materia de segundo curso sen cursar a correspondente materia de primeiro curso sempre que o profesorado que a imparta considere que a alumna ou o alumno reúne as condicións necesarias para poder seguir con aproveitamento a materia de segundo.

En calquera caso, a decisión de que o alumnado reúne as condicións para poder seguir con aproveitamento a materia de segundo curso deberá adoptarse segundo criterios obxectivos e avaliables, de maneira que sexa posible acreditar tal condición. O departamento didáctico correspondente poderá realizar unha proba.

A data límite para a realización desta acreditación será antes do inicio das actividades lectivas. Deixarase constancia desta circunstancia mediante unha dilixencia no historial académico, no expediente académico e, de ser o caso, por medio de observación no informe persoal por traslado.

2. No caso de cursar simultaneamente as materias de primeiro e de segundo, a materia de primeiro non será computable para os efectos de modificar as condicións en que a alumna ou o alumno promocionou ao segundo curso.

Cando, por motivo da organización do centro, o alumnado de segundo curso non poida asistir á clase da materia de primeiro, esta materia tratarase de forma análoga ás pendentes e o departamento didáctico que a imparte proporalle un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas, e programará probas parciais para verificar a superación desa materia.

Vixésimo. Anulación da matrícula

1. O alumnado poderá solicitar a anulación de matrícula á dirección do centro docente, antes do 30 de abril, cando circunstancias de doenza prolongada, de incorporación a un posto de traballo ou de obrigas de tipo familiar ou persoal impidan seguir, en situación normal, os estudos.

2. A solicitude, á cal cumprirá achegar as xustificacións pertinentes, será resolta nun prazo de 10 días pola dirección do centro. No caso dos centros privados, a competencia da devandita anulación corresponderá á dirección do centro público a que estea adscrito.

CAPÍTULO VI

Alumnado de bacharelato co título de técnico de Formación Profesional, Artes Plásticas e Deseño, e de Ensinanzas Profesionais de Música ou de Danza

Vixésimo primeiro. Alumnado que estea en posesión do título de técnico de Formación Profesional, de técnico en Artes Plásticas e Deseño ou de técnico das Ensinanzas Profesionais de Música ou de Danza

1. O alumnado que estea en posesión do título de técnico de Formación Profesional e desexe obter o título de Bacharel poderá matricularse unicamente das materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida e da materia de Lingua Galega e Literatura.

2. O alumnado que estea en posesión do título de técnico de Artes Plásticas e Deseño e desexe obter o título de Bacharel na modalidade de artes poderá matricularse unicamente das materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de artes e da materia de Lingua Galega e Literatura.

3. O alumnado que estea en posesión do título de técnico das Ensinanzas Profesionais de Música ou de Danza e desexe obter o título de Bacharel na modalidade de artes poderá matricularse unicamente das materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de artes e da materia de Lingua Galega e Literatura.

Vixésimo segundo. Simultaneidade das ensinanzas do bacharelato coas ensinanzas profesionais de música e danza

O alumnado que estea matriculado nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de música ou de danza poderá cursar simultaneamente as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de artes e a materia de Lingua Galega e Literatura, sempre que acredite ante o centro de educación secundaria en que vaia cursar as citadas materias estar matriculado nas devanditas ensinanzas profesionais.

Vixésimo terceiro. Solicitude e formalización da matrícula

1. O alumnado que desexe cursar exclusivamente as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida e a materia de Lingua Galega e Literatura no caso de estar en posesión do título de técnico de Formación Profesional, ou as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de artes no caso de estar en posesión do título de técnico de Artes Plásticas e Deseño ou no caso de ter superado as ensinanzas profesionais de música ou de danza ou no caso de estar matriculado nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de música ou de danza, deberá solicitalo ao formalizar a matrícula de bacharelato.

A solicitude deberá ir acompañada de documento acreditativo de estar en posesión do título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente, así como do certificado da súa matrícula, nese ano académico, nalgún dos cursos quinto ou sexto das ensinanzas profesionais de música ou de danza ou, de ser o caso, da documentación que acredite que superou as ensinanzas profesionais de música ou de danza ou que está en posesión do título de técnico de Formación Profesional ou de Artes Plásticas e Deseño.

2. Este alumnado terá as mesmas condicións de permanencia e promoción no bacharelato que o resto do alumnado.

Disposición adicional primeira. Materias de libre configuración de centro

A oferta de materias de libre configuración de centro precisa a autorización da xefatura territorial correspondente, logo do informe da Inspección educativa.

Para estes efectos, os centros docentes remitirán ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente, antes do 10 de setembro, a documentación necesaria, que incluirá, polo menos:

a) Título da materia.

b) Xustificación da súa inclusión na oferta do centro, en atención ao seu proxecto educativo.

c) Profesorado que a impartirá no ano académico 2021/22.

d) Currículo da materia, conforme o establecido no Decreto 105/2014, do 4 de setembro, ou no Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

Disposición adicional segunda. Programacións didácticas

1. O profesorado dos centros docentes, baixo a coordinación das xefaturas dos departamentos didácticos ou, de ser o caso, do profesorado titor, desenvolverá o currículo establecido mediante a programación didáctica de cada área, materia ou ámbito de cada curso de educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato que teña encomendada na organización docente do centro.

2. A programación didáctica deberá ser o instrumento de planificación curricular específico e necesario para desenvolver o proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado de maneira coordinada entre o profesorado integrante do departamento ou, de ser o caso, do equipo docente.

3. As programacións didácticas incluirán en cada área, materia ou ámbito, polo menos, os seguintes elementos:

a) Introdución.

b) Contribución ao desenvolvemento das competencias clave. Concreción que recolla a relación dos estándares de aprendizaxe avaliables da materia que forman parte dos perfís competenciais.

c) Concreción, de ser o caso, dos obxectivos para o curso.

d) Concreción para cada estándar de aprendizaxe avaliable de:

1º. Temporalización.

2º. Grao mínimo de consecución.

3º. Procedementos e instrumentos de avaliación.

e) Concrecións metodolóxicas.

f) Materiais e recursos didácticos que se vaian utilizar.

g) Criterios sobre a avaliación e a cualificación.

h) Indicadores de logro para avaliar o proceso do ensino e a práctica docente.

i) Organización das actividades de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes, de ser o caso.

j) Organización dos procedementos que permitan ao alumnado acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias, no caso do bacharelato.

k) Deseño da avaliación inicial e medidas individuais ou colectivas que se poidan adoptar como consecuencia dos seus resultados.

l) Medidas de atención á diversidade.

m) Concreción dos elementos transversais que se traballarán no curso que corresponda.

n) Actividades complementarias programadas.

ñ) Mecanismos de revisión, de avaliación e de modificación das programacións didácticas en relación cos resultados académicos e procesos de mellora.

Disposición adicional terceira. Medidas de ordenación académica para o alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de música e de danza e as ensinanzas de réxime xeral

1. A Orde do 7 de xullo de 2010 pola que se establecen medidas de ordenación académica para o alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de música e de danza e as ensinanzas de réxime xeral será de aplicación no curso 2021/22 tendo en conta as seguintes consideracións:

a) O alumnado que superase o primeiro curso de instrumento ou voz das ensinanzas profesionais de música ou o primeiro curso de Música das ensinanzas profesionais de danza poderá validar a materia de Música dos cursos segundo e terceiro da educación secundaria obrigatoria, ou calquera dos devanditos cursos de xeito independente.

b) A materia optativa de primeiro ou de segundo curso da educación secundaria obrigatoria do anexo VI da orde entenderase referida a unha materia de libre configuración.

c) A materia optativa de terceiro curso da educación secundaria obrigatoria do anexo VI da orde entenderase referida a unha das materias específicas de opción (Cultura Clásica ou Segunda Lingua Estranxeira).

d) A materia optativa de cuarto curso da educación secundaria obrigatoria do anexo VI da orde entenderase referida a unha materia do bloque de materias específicas.

e) A materia optativa de primeiro ou de segundo de bacharelato do anexo VII da orde entenderase referida a unha das materias específicas de opción e libre configuración recollidas no anexo V do Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

2. Poderá solicitar as validacións o alumnado que estea cursando ou cursase ensinanzas profesionais de música e de danza.

3. Poderá solicitar a exención da materia de Educación Física en educación secundaria obrigatoria e bacharelato quen curse estes estudos e, simultaneamente, acredite ter a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento, ou realizar estudos das ensinanzas profesionais de danza.

4. O alumnado que curse simultaneamente os cursos correspondentes para a validación ou a exención poderá presentar o certificado académico que acredite a superación das materias ata a data en que se leve a cabo a avaliación final extraordinaria; noutro caso, a materia figurará como pendente.

Nos documentos de avaliación correspondentes, utilizarase o código CV e/ou o termo validada no recadro referido á cualificación das materias obxecto de validación, e o código EX e/ou o termo exenta ou exento no espazo referido á cualificación da materia de Educación Física.

5. O alumnado interesado en solicitar a validación dunha materia de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato ou a exención da materia de Educación Física en educación secundaria obrigatoria e bacharelato ou, no caso de menores de idade, as persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal do alumnado presentarán durante o mes de setembro a correspondente solicitude. Coa dita solicitude achegarase a documentación que acredite que a alumna ou o alumno está a cursar ou xa cursou e superou os estudos utilizados para a validación ou exención ou a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.

Disposición adicional cuarta. Exención da área ou materia de Lingua Galega e Literatura

1. De conformidade co artigo 3 da Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, o alumnado procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro que se incorpore ao sistema educativo de Galicia no quinto ou sexto curso de educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato poderá obter unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante un máximo de dous cursos escolares consecutivos.

2. Non terá dereito á exención o alumnado que realizase estudos en Galicia e curse fóra da Comunidade Autónoma tres cursos completos ou menos e se reincorpore ao sistema educativo galego.

Disposición adicional quinta. Plan dixital de centro

Os centros docentes elaborarán no curso 2021/22 o seu plan dixital de acordo coas instrucións que se diten.

Disposición adicional sexta. Plan de mellora de centro

No curso 2021/22 os centros docentes elaborarán un plan de mellora de acordo coas instrucións que dite a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Disposición adicional sétima. Inspección educativa

A Inspección educativa velará polo cumprimento das medidas recollidas nas presentes instrucións e prestará apoio e asesoramento aos centros educativos na súa implementación e en todo aquilo que, dentro das súas funcións, facilite a mellora da atención educativa do alumnado.

Disposición adicional oitava. Medidas ante a COVID-19

Os centros educativos cumprirán as medidas que se establezan no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia que estea vixente no curso 2021/22 co obxectivo de protexer e previr no máximo posible o risco de contaxio pola COVID-19. A tal efecto revisarán, de acordo co previsto no citado protocolo, os seus plans de continxencia e demais documentación prevista.

Disposición derradeira primeira. Presentación de solicitudes por sede electrónica

As solicitudes de autorización recollidas nesta resolución enviaranse a través da sede electrónica empregando unha solicitude xenérica (código do procedemento PR004A) dirixida á Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Universidade correspondente, indicando no asunto relacionado o motivo da solicitude.

Disposición derradeira segunda. Difusión

A dirección dos centros educativos que impartan estas ensinanzas arbitrará as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por todos os membros da comunidade educativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

Jose Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional