Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33393

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2021 o programa de axudas para a participación no programa Conecta co Xacobeo (código de procedemento PR938A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 4 da lei recolle a distinta tipoloxía de entidades galegas que poderán ser recoñecidas ao seu abeiro.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo a que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e de tempo libre dirixidas ás persoas vinculadas ás entidades galegas do exterior.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta co Xacobeo para o ano 2021. A finalidade deste programa é promover que persoas vinculadas ás entidades galegas do exterior fomenten os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago (procedemento PR938A).

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2021.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cada entidade galega poderá solicitar a participación do número de persoas que aparecen reflectidas nos anexos A e B a esta orde, segundo estean asentadas en países de Europa ou comunidades autónomas de España. Unha vez rematado o prazo de solicitudes, a entidade solicitante non poderá propor a participación doutras persoas diferentes ás indicadas na solicitude.

3. A idade das persoas propostas por cada entidade galega para participar no programa estará comprendida entre os 18 e os 64 anos de idade, deben poder valerse por si mesmas e realizar con normalidade as actividades do programa.

Artigo 3. Número de prazas convocadas e características do programa

1. Convócanse 200 prazas dirixidas a entidades galegas do exterior. Estas prazas distribúense en 80 prazas para entidades galegas radicadas en países de Europa e 120 prazas para entidades galegas radicadas en España.

As distribucións de prazas por países de Europa e comunidades autónomas de España aparecen reflectidas nos anexos A e B da presente orde de convocatoria.

2. O programa consiste en que as persoas seleccionadas percorran 100 km do Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Santiago de Compostela, durante as cales coñecerán o patrimonio cultural e natural das respectivas zonas polas que vaian pasando.

Para iso, o programa organízase en dúas quendas:

a) Na primeira quenda viaxarán as persoas procedentes das comunidades autónomas de España e será, previsiblemente, na segunda quincena de setembro.

b) A continuación, nunha segunda quenda participarán no programa as persoas procedentes dos países de Europa e desenvolverase unha vez rematada a primeira quenda.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe e dos traslados das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes desde o lugar de residencia das persoas participantes ata Galicia e regreso.

Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia, do aloxamento e da manutención das persoas participantes.

3. Na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) informarase da programación das actividades que se van realizar, así como do lugar de aloxamento.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes.

2. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude para a participación no programa.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (modelo anexo I) a documentación complementaria que especificamente se relaciona a continuación:

a) Certificado de residencia fiscal para as entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, emitido en 2021 polas autoridades competentes do seu país de residencia.

b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade das persoas propostas pola entidade en que consten os seus datos persoais: DNI ou pasaporte.

c) Unha declaración responsable de cada persoa proposta para participar na actividade, conforme o modelo oficial que figura como anexo II, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, de ser apto para participar, con normalidade, en actividades do programa e de aceptación das súas normas de participación.

Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web http://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a sinatura do anexo II implica a autorización para a publicación destas imaxes.

d) Una fotografía recente tamaño carné de cada unha das persoas propostas para a participación no programa.

2. Así mesmo, as entidades interesadas poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Consecuentemente co disposto no artigo 4.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo presidente ou polo representante legal da entidade solicitante.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá informe en que se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión.

Estará formado por tres persoas vogais e unha persoa secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, coa listaxe de persoas propostas por cada entidade, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal).

5. Nos seguintes días elaborarase unha relación das persoas que participarán por cada entidade galega e outra de reserva, que serán produto dos seguintes criterios de adxudicación:

a) Países de Europa:

a.1. En primeiro lugar, serán seleccionadas directamente as dúas primeiras persoas propostas por cada unha das entidades solicitantes de cada país ou agrupación deles.

a.2. En segundo lugar, as prazas por país ou agrupación deles que resultasen vacantes no punto anterior serán adxudicadas en sorteo público entre as entidades solicitantes dese país ou agrupación deles.

a.3. En terceiro lugar, de quedaren prazas vacantes nun país ou agrupación deles por non haber solicitudes suficientes, serán adxudicadas en sorteo público entre todas as entidades solicitantes da área de Europa.

b) Comunidades autónomas de España:

b.1. En primeiro lugar, será seleccionada directamente a primeira persoa proposta por cada unha das entidades solicitantes de cada comunidade autónoma ou agrupación delas. No caso daquelas entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión, serán seleccionadas neste punto tantas persoas como entidades formen a unión ou fusión, segundo datos do Rexistro da Galeguidade.

b.2. En segundo lugar, as prazas por comunidade autónoma ou agrupación delas que resultasen vacantes no punto anterior serán adxudicadas en sorteo público entre as entidades solicitantes desa comunidade autónoma ou agrupación delas.

b.3. En terceiro lugar, de quedaren prazas vacantes nunha comunidade autónoma ou agrupación delas por non haber solicitudes suficientes, serán adxudicadas en sorteo público entre todas as entidades solicitantes da área de España.

6. A data e o lugar en que se levarán a cabo os sorteos mencionados no punto anterior deste artigo serán publicados con antelación na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal).

7. Unha vez realizada a selección, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na citada páxina web a relación definitiva de entidades beneficiarias xunto coa lista de persoas participantes admitidas de cada unha delas, así como a lista de reservas.

8. Publicada a relación definitiva de entidades seleccionadas coa relación de persoas participantes na páxina web (https://emigracion.xunta.gal), as entidades interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles para renunciar á participación nas actividades. As baixas producidas dentro deste prazo serán substituídas por persoas da lista de reserva da mesma entidade galega, se as houber.

Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior debidamente xustificadas e autorizadas pola subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

Artigo 9. Notificación

1. As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Excepcionalmente, no caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, de acordo co previsto no artigo 4.1 desta convocatoria, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos; non obstante poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo a carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.

Artigo 11. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Requirimentos

De acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.gal

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Con carácter xeral, as entidades adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas que participen no programa por medio das entidades adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. As persoas participantes tamén se comprometen a cumprir a normativa COVID-19 vixente en Galicia durante a súa estancia.

O feito de non cumprir estas normas terá como consecuencia a expulsión do programa.

3. No caso de baixa ou renuncia ao programa dalgunha persoa participante, a entidade galega deberá comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días á realización da viaxe, a causa da renuncia. No caso de non comunicar a súa baixa ou renuncia con antelación á viaxe, poderán ser penalizadas e excluídas de edicións futuras do programa.

Artigo 14. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vaia levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora á entidade beneficiaria da axuda nos casos de incumprimento das bases da convocatoria, nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe do custo por persoa da actividade pagado pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta convocatoria.

Artigo 15. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 16. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO A

Prazas ofertadas nos países de Europa

País

Nº de prazas
ofertadas

Nº de prazas máximas que pode solicitar cada entidade galega polo país ou grupo destes en que estea asentada

Suíza-Liechtenstein

40

20

Alemaña

20

10

Resto de Europa

20

10

Prazas totais

80

ANEXO B

Prazas ofertadas nas comunidades autónomas de España

Comunidade autónoma ou agrupación destas

Nº de prazas ofertadas

Nº de prazas máximas que pode solicitar cada entidade galega pola comunidade autónoma ou grupo destas
en que estea asentada

Andalucía, Ceuta e Extremadura

10

5

Canarias

4

2

Cataluña

36

18

C. Valenciana, Rexión de Murcia, Illes Balears e Castilla-La Mancha

10

5

Castilla y León, Principado de Asturias, Cantabria, La Rioja e Aragón

18

9

Madrid

20

10

País Vasco e Navarra

22

11

Prazas totais

120

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file