Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33412

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 24 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2021 o programa de axudas para a participación no programa Conecta co Xacobeo (código de procedemento PR938A).

BDNS (Identif.): 572389.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cada entidade galega poderá solicitar a participación do número de persoas que aparecen reflectidas nos anexos A e B desta orde, segundo estean asentadas en países de Europa ou comunidades autónomas de España. Unha vez rematado o prazo de solicitudes, a entidade solicitante non poderá propor a participación doutras persoas diferentes ás indicadas na solicitude.

3. A idade das persoas propostas por cada entidade galega para participar no programa estará comprendida entre os 18 e os 64 anos de idade, deben poder valerse por si mesmas e realizar con normalidade as actividades do programa.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta co Xacobeo para o ano 2021. A finalidade deste programa é promover que persoas vinculadas ás entidades galegas do exterior fomenten os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 24 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2021 o programa de axudas para a participación no programa Conecta co Xacobeo (código de procedemento PR938A).

Cuarto. Importe

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración