Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 2 de xullo de 2021 Páx. 33739

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 16 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2021 (código de procedemento TR807J).

O artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo, determina o marco xeral en que se encadran as subvencións que a consellería competente, na actualidade, a Consellería de Emprego e Igualdade, concederá ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a dita lei, en concreto, a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, establécense axudas para o ano 2021 referentes á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

O Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, reserva á Dirección Xeral de Relacións Laborais o impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e de medidas de conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

No exercicio destas funcións, á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade correspóndelle a dirección e coordinación das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, así como a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, responsabilidade social empresarial, igualdade laboral e de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas, así como a modulación das relacións laborais cos axentes económicos e sociais.

Consecuentemente con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Obxecto, actividades subvencionables, entidades beneficiarias e importe

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 da concesión de subvencións, pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de subvencionar a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial (código de procedemento TR807J).

Artigo 2. Actividades subvencionables

A actividade subvencionable será a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial que desenvolvan accións directas de apoio a empresas e persoas traballadoras en procura da igualdade laboral e de oportunidades e da redución da fenda salarial de xénero.

As entidades que resulten beneficiarias poderán adscribir a estes gabinetes persoal propio ou ben contratar persoas expertas en igualdade laboral, que deberán contar con formación e/ou experiencia acreditada en materia de igualdade de xénero e de oportunidades.

Concretamente, o persoal destes gabinetes encargarase de desenvolver as actividades derivadas do seu funcionamento ordinario, entre as que cómpre salientar as seguintes:

1. Apoiar tecnicamente e asesorar as empresas e representacións sindicais no fomento da igualdade laboral en ámbitos como: contidos da negociación colectiva e introdución da perspectiva de xénero, proceso de selección e contratación, clasificación profesional, formación, promoción profesional, condicións de traballo, exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, infrarrepresentación feminina, retribucións, prevención do acoso moral, sexual e por razón de sexo, etc.

2. Apoiar as empresas e persoas traballadoras na definición e desenvolvemento dos plans de igualdade, así como a súa avaliación e seguimento.

3. Desenvolver un traballo de diagnose permanente, desde o punto de vista da igualdade e da fenda salarial, a través de diferentes actuacións, que poderán ser:

a) Análise sectorial dos plans de igualdade que formen parte dun convenio colectivo e elaboración de informes sectoriais sobre situacións relativas a sectores feminizados, masculinizados, e sobre sectores con mellores condicións de traballo e salario.

Non se terán en conta aqueles análises e informes que non sexan innovadores e que consistan exclusivamente en traducións, adaptacións ou adecuacións de publicacións en calquera formato, así como os subvencionados en anos anteriores ou os que xa estean realizados por outras entidades cuxos resultados estean publicados e accesibles ao público por calquera medio.

b) Identificación de boas prácticas en plans de igualdade laboral de empresas galegas.

c) Actividades informativas e divulgativas dirixidas ás empresas e persoas traballadoras en procura da igualdade laboral e de oportunidades e da redución da fenda salarial de xénero.

d) E aquelas outras consideracións que contribúan á mellora e á redución da fenda salarial e á igualdade laboral e de oportunidades.

Artigo 3. Entidades beneficiarias da subvención e o seu financiamento

As entidades beneficiarias da subvención serán:

1. As asociacións empresariais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 2 de agosto, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

2. As organizacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Cóntase cun orzamento de 400.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 2021.11.03.480.6, código de proxecto 2019 00016, que se distribuirá do seguinte xeito: o 50 % para as asociacións empresarias e o 50 % restante para as organizacións sindicais intersectoriais.

O importe subvencionable non superará a porcentaxe de representatividade das entidades solicitantes; non obstante, estas poderán solicitar, e poderáselles conceder, un importe superior ao que corresponda á súa representatividade sempre e cando existan remanentes. No caso de existiren remanentes, estes serán redistribuídos ata esgotar o orzamento existente, tendo en conta a representatividade relativa, resultado de dividir a representatividade de cada entidade entre a suma das representatividades das entidades beneficiarias.

Artigo 4. Entidades non beneficiarias

a) Aquelas entidades en que concorra nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As administracións públicas, as sociedades públicas e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

c) As asociacións que se atopen integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal, cando a federación ou confederación de que formen parte sexa tamén beneficiaria desta subvención.

d) No caso de que a entidade solicitante sexa unha fundación ou outra entidade constituída por unha organización sindical ou asociación empresarial, substituirá esta última para todos os efectos previstos nesta orde.

Artigo 5. Ampliación do crédito dispoñible

Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes. Neste caso, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.

TÍTULO II

Requisitos e gastos subvencionables

Artigo 6. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial deberán estar integrados, como mínimo, por 1 persoa experta en igualdade laboral, cunha titulación de grao ou equivalente e contratados nos grupos de cotización 1 ou 2, que acredite unha experiencia nesta materia de, polo menos, 2 anos, e/ou unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes.

Artigo 7. Gastos subvencionables e período de imputación

1. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións de carácter concreto e específico derivadas do funcionamento ordinario dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial que impliquen o normal desenvolvemento das súas funcións e, en concreto, as especificadas no artigo 2 da presente orde.

2. Os gastos derivados de persoal adscrito aos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, incluído o persoal de xestión administrativa, coordinación e dirección técnica, poderán imputarse desde o 1 de novembro de 2020 ata o 31 de outubro de 2021.

3. Os gastos das actividades levadas a cabo serán imputables de acordo co seguinte:

a) Gastos xerais de execución que teñan relación directa coa actividade subvencionable e poderán comprender: compra de material funxible, gastos de deseño, maquetación, impresión, distribución e publicidade.

b) Gastos derivados da subcontratación, segundo o previsto no artigo 9 desta orde.

c) Gastos de persoal propio: a súa porcentaxe poderá ser do 100 %. Deberá terse en conta que o referido límite se calculará en función das nóminas do período que corresponda á actividade que se vaia realizar, non en función do custo total anual, e deben especificarse as horas destinadas, así como a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos realizados.

d) Gastos de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento da actividade subvencionable: poderá imputarse o 100 % do custo laboral.

e) Gastos de axudas de custos do persoal técnico: poderán ser por desprazamento, coas contías máximas de 0,19 euros por quilómetro.

f) Gastos indirectos: gastos tales como consumo eléctrico, teléfono, mensaxaría, entre outros; poderá imputarse ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións, tendo en conta que:

I. Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

II. O período máximo para imputar estes gastos estará en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.

4. O cobramento destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

1. Non se poderán imputar os gastos do persoal directivo ou dos cargos electos executivos das entidades solicitantes.

2. Non se admitirán gastos referidos á manutención nin ningún outro de carácter protocolario.

3. Non serán subvencionables os gastos financeiros, os derivados de actividades de asesoría financeira ou xurídica e os gastos notariais e rexistrais, nin os gastos derivados da compra de equipamentos informáticos nin de calquera outro tipo de investimento que supoña un incremento patrimonial.

TÍTULO III

Disposicións comúns

Artigo 9. Agrupacións das entidades beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, terán tamén a condición de entidades beneficiarias:

a) Os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. O pagamento da subvención efectuarase á entidade beneficiaria principal.

b) As agrupacións formadas por organizacións ou entidades vinculadas deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden a esta.

Artigo 10. Prazo para a presentación de solicitudes e o seu contido

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes e, se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Cada entidade solicitante presentará unha única solicitude de axudas. No caso de que se presentase máis dunha solicitude, só será tida en conta aquela que se presentou en primeiro lugar.

Artigo 11. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1º. Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.

2º. Acordo do órgano reitor competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención.

3º. Unha memoria explicativa das funcións que vai desenvolver o gabinete, que inclúa unha desagregación orzamentaria segundo a tipoloxía do gasto.

4º. Unha relación do número de persoas que van conformar o gabinete e as funcións que vai desenvolver cada unha delas.

5º. Compromiso asinado pola persoa responsable da entidade solicitante de dispor, ou estar en situación de dispor, do equipo mínimo exixido no artigo 6 da presente orde.

6º. No caso das entidades previstas no artigo 9 desta orde deberá achegarse:

a) Nomeamento dunha persoa representante ou apoderada única da asociación ou agrupación, con poderes suficientes para cumprir coas obrigas das entidades beneficiarias.

b) Copia do instrumento de formalización da asociación ou agrupación.

c) Certificado expedido por quen teña estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no cal se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación.

d) Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, no cal se concrete que partes do proxecto realizará cada entidade.

e) Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución mentres non transcorran os prazos de prescrición legalmente previstos.

No caso das entidades do artigo 9.1.a) exixirase achegar só os documentos sinalados nas letras c), d) e e) do presente parágrafo.

7º. Acción solicitada, segundo o anexo II.

8º. Orzamento total do solicitado por tipoloxía de gasto (anexo III).

9º. Vida laboral das entidades beneficiarias, ou das que están integradas nelas e van xestionar os fondos adxudicados, dos 30 últimos días inmediatamente anteriores á data da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes se entenderán cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao Servizo de Relacións Laborais e de Seguridade e Saúde Laboral da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. O procedemento que se seguirá na instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes:

a) Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na orde, o órgano competente, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a entidade interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) O órgano instrutor poderá solicitar a outros organismos os informes técnicos que considere necesarios para a adecuada valoración das solicitudes.

Artigo 16. Avaliación e Comisión de Valoración

1. O órgano instrutor, á vista das solicitudes e da documentación que se presente, verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e, no caso de non cumprir coas condicións para ser entidade beneficiaria, ditará resolución de exclusión a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. A Comisión de Valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, e dúas persoas vogais, unha das cales será elixida de entre as persoas adscritas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, que exercerá as funcións de titular da secretaría, con voz pero sen voto, e outra vogal, que será unha persoa experta do Servizo de Igualdade da Dirección Xeral de Relacións Laborais. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Poderá asistir ás reunións da Comisión de Valoración, con voz e sen voto, calquera outra persoa que se considere necesaria, elixida de entre as persoas adscritas á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

3. Para unha mellor avaliación dos expedientes, a Comisión de Valoración, de maneira motivada, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa coa solicitude.

4. A Comisión de Valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe para determinar a contía máxima das subvencións tendo en conta a orde de prelación conseguida polas entidades solicitantes e con base nos criterios de valoración que se establecen nesta orde.

5. A presidencia da comisión, tendo en conta o informe da Comisión de Valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

Artigo 17. Criterios de valoración para as solicitudes

A Comisión de Valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

1. Representatividade da entidade solicitante (de 0 a 5 puntos):

A puntuación da representatividade valorarase da seguinte maneira (de 0 a 5 puntos):

a) Menos do 3 %: 0 puntos.

b) Do 3 % ata o 10 %: 1 punto.

c) Do 10 % ata o 15 %: 2 puntos.

d) Do 15 % ata o 20 %: 3 puntos.

e) Do 20 % ata o 24 %: 4 puntos.

f) Maior do 24 %: 5 puntos.

Terase en conta a representatividade con que conte cada organización no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo cos seguintes criterios:

1º. Para as organizacións sindicais: a representatividade sindical en 31 de decembro de 2020, concluído o proceso de eleccións sindicais previsto no título III da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais para os efectos das axudas previstas nesta orde.

2º. Para as asociacións empresariais: a porcentaxe de participacións na negociación colectiva nos últimos seis anos, sempre que afecten máis de dez persoas traballadoras, calculada respecto ao número total de participacións que acrediten as entidades solicitantes, ou segundo o criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro.

2. Taxa de estabilidade do persoal da entidade (de 0 a 4 puntos):

Entenderase por tal a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal da entidade:

a) Menos do 15 %: 0 puntos.

b) Do 15 % ata o 30 %: 1 punto.

c) Do 30 % ata o 50 %; 2 puntos.

d) Do 50 % ata o 80 %; 3 puntos.

e) 80 % ou máis: 4 puntos.

3. Paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal da entidade solicitante (de 0 a 2 puntos):

a) Menos dun 50 % de mulleres: 0 puntos.

b) Igual ou máis dun 50 % de mulleres: 2 puntos.

4. Polo compromiso do emprego efectivo da lingua galega, e de conformidade co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (0-1 puntos):

a) Polo emprego efectivo da lingua galega: 1 punto.

b) Non empregar a lingua galega: 0 puntos.

5. Pola contribución á integración laboral de mulleres con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %; mulleres vítimas de violencia de xénero; desempregadas menores de 30 ou maiores de 45 anos na data de inicio da actividade laboral; desempregadas de longa duración (para estes efectos, entenderase que están na devandita situación as que leven máis de doce meses sen ocupación na data de inicio da actividade laboral). Ata un máximo de 6 puntos, 2 puntos por cada traballadora indefinida a tempo completo nalgunha destas situacións adscrita ao gabinete.

6. Aquelas entidades que recollan nos seus estatutos ou fins sociais a promoción da igualdade ou a responsabilidade social, ou que teñan un plan de igualdade, serán puntuadas con 5 puntos

Artigo 18. Criterios de desempate

No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate a puntuación establecida en cada un dos criterios de valoración segundo a orde de prelación establecida no artigo anterior desta orde. No caso de persistir o empate, terase en conta a data e a hora de presentación da solicitude.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, que será notificada ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se dite. Unha vez notificadas as resolucións, as entidades interesadas dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida, poderanse realizar pagamentos anticipados, logo de solicitude en concepto de anticipo e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata o 80 % da subvención concedida.

b) Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

Neste caso, as entidades solicitantes dese pagamento anticipado quedan exoneradas da constitución de garantía, segundo o disposto no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 3 meses. Transcorrido ese prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.

4. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Relacións Laborais, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Emprego e Igualdade publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 20. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica de Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efecto de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Prazo de finalización e de xustificación das accións

1. Todas as accións deberán estar finalizadas con data límite do 31 de outubro de 2021, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No relativo á presentación da documentación xustificativa, será ata o 15 de novembro de 2021.

Artigo 22. Documentación requirida para a xustificación do pagamento

1. A acreditación da aplicación da subvención para os fins para os cales foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e da xustificación técnica ou do informe final dirixida á Dirección Xeral de Relacións Laborais por calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Deberá achegar os seguintes documentos:

a) Certificado da entidade en que figure a mención das accións realizadas, o importe xustificado e a relación de facturas e os gastos de persoal (anexo IV).

b) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluídas as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, se é o caso, así como o xustificante de pagamento do financiamento propio (anexo V).

c) Facturas nas cales figure o destino concreto do gasto, que deberá axustarse á finalidade da subvención. Ademais, deberanse presentar os xustificantes de pagamento das ditas facturas, de acordo co disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Admítese a presentación de facturas electrónicas sempre que se poida garantir a autenticidade da orixe e a integridade do contido da factura, de acordo co artigo 10 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigacións de facturación. Tamén se admiten os xustificantes de pagamento por vía electrónica.

Non se admitirán as xustificacións de gastos realizadas mediante pagamentos en efectivo nin xustificantes de data posterior ao vencemento do prazo de xustificación.

d) Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra Administración pública competente ou por outros entes públicos ou privados.

e) A xustificación técnica ou informe final do proxecto será conforme o modelo que se inclúe como anexo VI ao final deste texto articulado e especificará co máximo detalle as accións realizadas e a súa relación directa cos xustificantes do gasto.

f) Segundo a tipoloxía do gasto a documentación que hai que presentar será a seguinte:

I. Gastos xerais de execución: achegarase copia e o seu xustificante de pagamento. De ser o caso, achegarase coa solicitude de xustificación unha unidade física dos respectivos materiais elaborados. No caso dos gastos de publicidade e difusión, presentarase, ademais, documento gráfico ou material que acredite a súa realización: prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel; os devanditos materiais, unha vez feita a comprobación pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, deberán ser retirados pola propia entidade nun prazo de dous meses desde o pagamento; no caso de non retirarse, pasarán a ser propiedade da Administración

II. Gastos derivados da subcontratación:

1º. No suposto recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que o importe do gasto subvencionable supere a contía establecida na lexislación vixente de contratos do sector público para os contratos menores, deberán presentarse, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores que a entidade beneficiaria deberá solicitar con carácter previo á contratación.

2º. Para xustificar este gasto presentarase: copia do contrato subscrito con terceiros para a execución total ou parcial das ditas actividades, segundo o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; copia da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.

III. Gastos de persoal:

Para xustificar os gastos de persoal deberá presentarse a seguinte documentación:

1º. Certificación da persoa representante legal da entidade solicitante que acredite as persoas adscritas ao gabinete técnico.

2º. Documentación que acredite que, como mínimo, unha das persoas adscritas ao gabinete dispón dunha titulación de grao ou equivalente (titulo universitario ou equivalente).

3º. Acreditación de que, como mínimo, unha das persoas adscritas ao gabinete pertence ao grupo de cotización 1 ou 2 (relación nominal de persoas traballadoras ou equivalente).

4º. Certificado que acredite que, como mínimo, unha das persoas adscritas ao gabinete dispón de experiencia acreditada en igualdade laboral de, como mínimo, dous anos (certificado expedido pola entidade beneficiaria).

5º. Certificado que acredite que as persoas adscritas ao gabinete dispoñen de formación acreditada en igualdade laboral de, como mínimo, 200 horas (certificado expedido pola entidade beneficiaria).

6º. No caso de persoal propio, deberán presentar certificado da persoa representante legal da entidade no cal conste o número de horas da xornada de traballo ordinaria dedicada á actividade subvencionada e o seu custo.

7º. Terá que presentarse o contrato de traballo do persoal adscrito á actividade do gabinete. Neste indicarase a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado e acreditarase, así mesmo, que dispón de experiencia en materia de igualdade de xénero e de oportunidades e, ademais, que como mínimo unha das persoas adscritas ao gabinete dispón de titulación de grao ou equivalente.

8º. Copia das nóminas de cada un dos meses que se imputan á actividade subvencionada, xunto co comprobante do pagamento expedido pola entidade bancaria.

9º. Cadro en que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención: horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais. Nun formato (tipo Calc ou Excel) que permita extraer datos para a súa posterior consulta.

10º. Xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta) e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

11º. Modelo 190 relativo ás retencións en concepto de IRPF polos períodos e persoas correspondentes e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

IV. Axudas de custo: deberán presentar o documento xustificativo do servizo que se realizou vinculado á acción, a súa efectiva liquidación e o xustificante de pagamento.

V. Gastos indirectos: certificado emitido pola persoa representante legal da entidade beneficiaria, sen prexuízo de que a Dirección Xeral de Relacións Laborais solicite, en calquera momento, as correspondentes facturas e os documentos acreditativos do seu pagamento.

VI. Gastos específicos das accións: copia da factura e o seu xustificante de pagamento.

g) Os documentos e demais accións que se realicen deberán levar a lenda «co financiamento de», o anagrama da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade- corporativa/a-marca) e o depósito legal, de ser o caso.

h) O incumprimento da obriga de presentar a xustificación técnica, así como a de incluír os aspectos sinalados no presente artigo, dará lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.

Artigo 23. Corrección de defectos da xustificación e pagamento

1. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a entidade beneficiaria da subvención presentase a documentación exixida, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando a Dirección Xeral de Relacións Laborais, na comprobación da subvención, aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola/s beneficiaria/s, poñerao no seu coñecemento e concederalle/s un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito a cobrar a subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

2. Tras a recepción da documentación requirida procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución. Unha vez feita a revisión, realizarase a proposta de pagamento ou a revogación da subvención.

3. Revisada a xustificación e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Relacións Laborais emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

4. Poderán acordarse pagamentos parciais a medida que as entidades beneficiarias xustifiquen as actividades xa realizadas. Estes pagamentos, conxuntamente cos pagamentos anticipados, nunca serán superiores ao 80 % da subvención concedida.

5. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exoneradas da constitución de garantías as entidades beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Executar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidos.

3. Comunicar a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional.

4. Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Dar a adecuada publicidade de carácter público do financiamento das actuacións que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/ identidade-corporativa/a-marca) en todas as actividades de difusión, así como no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Estarán obrigadas a ceder ao uso público, sen ánimo de lucro, todos aqueles materiais que resulten da execución da actividade, dípticos, enquisas, conferencias e relatorios que poidan ser de interese.

10. Deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Compromiso da entidade solicitante no cal se indique que os locais que vai ocupar estarán debidamente identificados.

12. As actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, poderán ser realizados en idioma galego e castelán pero, en todo caso, deberán realizarse en galego.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 26. Publicación na BDNS

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, xeral de subvencións, tramitarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por este, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Gradación dos incumprimentos

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

1. Procederá non realizar o pagamento ou o posterior reintegro da totalidade da axuda concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento das obrigas ou compromisos regulados por esta orde e os aceptados pola entidade beneficiaria.

b) Incumprimento das obrigas exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención recollidas no artigo 24 da presente orde.

c) No caso de que non se presente ningunha da documentación exixida.

d) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas nesta orde.

e) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impidan a concesión.

f) Cando as actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, non estivesen en galego.

2. Procederá o pagamento parcial ou, a posteriori, o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado ou aos datos coñecidos despois do pagamento, nos seguintes supostos:

a) A presentación só de parte da documentación exixida ou que esa documentación sexa incorrecta.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, en ambos os casos, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

Artigo 28. Modificación de resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, fóra dos casos permitidos nesta orde, ou o feito de que o importe supere o custo total da actividade subvencionada que desenvolverá a entidade beneficiaria, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 29. Revogación

1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 30. Seguimento e control

1. A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

2. Co fin de garantir o seguimento adecuado e control destas subvencións, unha vez notificadas as resolucións de concesión, as entidades beneficiarias deberán achegar a planificación definitiva e só se comunicarán os cambios que afecten esa planificación definitiva. Estes cambios comunicaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Outra documentación

A Consellería de Emprego e Igualdade poderá requirir, en todo momento, a documentación que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas da subvención concedida agás aquelas que, de acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa se encontren en poder da Administración actuante.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, o Estatuto dos traballadores e, con carácter supletorio, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Modelo de xustificación técnica ou informe final da actividade subvencionada

O obxectivo de presentar un informe final da actividade subvencionada é facilitar a difusión, se é o caso, dos seus resultados.

Este documento debe seguir o esquema seguinte:

A. Datos de identificación da actividade subvencionada

1. Título: deberase indicar o título completo.

2. Persoa autora: en primeiro lugar, deberase indicar o nome das persoas autoras principais e, a seguir, o das persoas colaboradoras.

3. Entidade subvencionada: nome completo da entidade e NIF.

4. Datas de realización: data de inicio e fin do proxecto global.

5. Cronograma: deberase presentar un cronograma co desenvolvemento das distintas fases da actividade.

6. Ámbito territorial: deberase sinalar a dimensión territorial.

7. Persoas destinatarias: deberase sinalar a quen vai dirixido e se pertencen a un mesmo sector ou a diferentes.

B. Sinopse.

Explicaranse os obxectivos e os aspectos máis relevantes da actividade. Así mesmo, explicaranse brevemente os antecedentes, o desenvolvemento da actividade obxecto de subvención e os obxectivos conseguidos, cunha pequena síntese dos resultados ou conclusións.

C. Metodoloxía.

Trátase de proporcionar a información o máis precisa e concreta posible sobre a forma de levar a cabo a actividade subvencionada. Se é o caso, debe explicarse o método de recollida da información, obxectivos principais e específicos, variables ou temática principal.

D. Resultados.

Farase referencia aos resultados concretos e puntuais máis importantes.

E. Utilidade práctica dos resultados en relación coa igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

Describirase a achega que a actividade supón no eido da igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se vai ter continuidade.

F. Conclusións finais e posibles recomendacións.

Expoñeranse as conclusións deducidas dos resultados e sinalaranse, cando sexa pertinente, as oportunas recomendacións para a solución dos problemas detectados e a súa posible aplicación nas empresas.

G. Recursos humanos e técnicos.

Sinalaranse as persoas participantes na actividade subvencionada e os medios técnicos que se precisaron. Entre os recursos deberán figurar, se é o caso, as subcontratacións realizadas, indicando as tarefas encomendadas e a xustificación da necesidade de recorrer a estas subcontratacións.

H. Ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos:

Nome do persoal técnico:________________________________________________ Persoa traballadora: Home □ Muller □

Empresa asesorada: □ Sector de actividade_____________________________________

Data________________________________________________________________ Hora de inicio: __________________________________________________________ Hora de finalización: _____________________________________________________ Resumo da actuación realizada:

______________________________________________________________________________________________________________________________________________