Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 5 de xullo de 2021 Páx. 34056

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos cursos de especialización de formación profesional no ano académico 2021/22 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e formación profesional, na súa redacción modificada pola Lei orgánica 4/2011, do 11 de marzo, complementaria da Lei de economía sustentable, establece no seu artigo 10 que o Goberno, logo da consulta ás comunidades autónomas e mediante real decreto, poderá crear cursos de especialización para complementar as competencias de quen xa dispoña dun título de formación profesional. A superación da formación requirida para adquirir as competencias asociadas a unha especialización acreditarase mediante unha certificación académica.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na súa redacción modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece no seu artigo 39.3 que a formación profesional no sistema educativo abrangue os ciclos formativos de grao básico, de grao medio e de grao superior, así como os cursos de especialización. Todos eles terán unha organización modular, de duración variable que integre os contidos teórico-prácticos adecuados aos diversos campos profesionais.

No artigo 4 do Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, indícase que entre as ensinanzas da formación profesional do sistema educativo figuran os cursos de especialización.

Este Real decreto 1147/2011 dedica o capítulo IV do título I aos cursos de especialización e establece que terán por obxecto complementar as competencias das persoas que xa dispoñan dun título de formación profesional e, deste xeito, facilitar a aprendizaxe ao longo da vida. Así mesmo, recolle que versarán, dentro do seu mesmo nivel de formación, sobre os aspectos e as áreas que impliquen afondar no campo de coñecemento dos títulos de referencia ou ben unha ampliación das competencias que se inclúen nestes, e que o real decreto que regule o curso de especialización deberá especificar os títulos de formación profesional que dan acceso a este. A súa duración, con carácter xeral, estará entre 300 e 600 horas de formación e nalgúns cursos poderá incorporarase o módulo profesional de Formación en centros de traballo (FCT), que se axustará ao establecido para o módulo de FCT para os ciclos formativos de formación profesional.

Segundo o artigo 27 do Real decreto 1147/2011, o real decreto que establece cada un dos cursos de especialización incorpora a especificación completa da formación e, xa que logo, o seu currículo.

Así mesmo, nos reais decretos polos que se establecen os cursos de especialización e se fixan os aspectos básicos do seu currículo, no artigo dedicado aos módulos profesionais recóllese que as administracións educativas poderán implantar de xeito íntegro o curso de especialización canto ao deseño curricular e á duración.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, que establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, recolle no seu artigo 19 que as ofertas de accións formativas de formación profesional irán dirixidas á adquisición e á mellora das competencias e das cualificacións profesionais, promovendo a formación permanente, organizándose en ciclos formativos, en cursos para unha maior especialización ou formación específica para determinados colectivos, co fin de que as persoas avancen no seu itinerario de formación profesional independentemente da súa situación en cada momento.

Dadas as especiais características dos cursos de especialización, a súa alta especialización, a incorporación no seu currículo de competencias de sectores produtivos emerxentes e a súa organización específica, os centros deberán contar cos recursos específicos que permitan o adecuado desenvolvemento das ensinanzas.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten en marcha un plan global para o desenvolvemento dos cursos de especialización fundamentado na participación activa dos/das profesionais dos sectores produtivos, os clústers, as asociacións, os centros de investigación etc., na formación e na capacitación do profesorado, na formación do alumnado e na cesión de equipamento e/ou instalacións. Este plan ten como finalidade última garantir a mellor formación e capacitación do alumnado, un alto coñecemento do sector e unha óptima inserción profesional.

Por todo isto, tendo en conta a normativa que regula as ensinanzas de formación profesional do Sistema educativo de Galicia, en particular a Orde do 12 de xullo de 2011, que regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, cómpre ditar as instrucións para o desenvolvemento de cursos de especialización no curso 2021/22 e, na súa virtude, esta secretaría xeral

DISPÓN:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto ditar instrucións para o desenvolvemento dos cursos de especialización de formación profesional no ano académico 2021/22 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto dos cursos de especialización

Os cursos de especialización terán por obxecto completar as competencias das persoas que dispoñan dun título profesional de referencia, incorporando na formación do alumnado as últimas innovacións que se produzan no sistema produtivo, sinaladamente dos ámbitos emerxentes.

Terceiro. Normativa aplicable aos cursos de especialización

Con carácter xeral, aos cursos de especialización seralles de aplicación a normativa que regula os ciclos formativos de grao medio e de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo nos aspectos que se recollen nesta resolución.

Cuarto. Currículo

O currículo de cada un dos cursos de especialización con oferta no curso 2021/22 na Comunidade Autónoma de Galicia será o recollido no real decreto en que se establece cada curso de especialización e se fixan os aspectos básicos do seu currículo.

Quinto. Réxime e modalidade

Os cursos de especialización durante o curso académico 2021/22 realizaranse polo réxime ordinario, na modalidade presencial, aínda que parcialmente poderá realizarse utilizando instrumentos e ferramentas de formación a distancia.

Sexto. Horario e duración

1. Coa finalidade de facilitar a formación de persoas traballadoras ou con cargas familiares, os cursos de especialización impartiranse en horario de tarde e de noite.

2. A duración anual en horas e a distribución horaria semanal dos módulos profesionais dos cursos de especialización con oferta na Comunidade Autónoma de Galicia estarán dispoñibles no portal www.edu.xunta.gal/fp, na epígrafe «Currículos», «Cursos de especialización».

Sétimo. Matrícula

1. O alumnado formalizará a matrícula do curso de especialización, o que lle dá dereito a unha única convocatoria por curso académico para cada un dos módulos profesionais de que se matricule, que se esgota cando se realice a avaliación final de módulos do curso.

2. Cando un alumno ou unha alumna non logren a superación de todos os módulos profesionais do curso de especialización, terán dereito a repetir con praza reservada por unha vez no mesmo centro no ano seguinte. Para tal fin, cumprirá presentar unha solicitude no proceso de admisión en que conste a condición de repetición. Con carácter xeral, o número de prazas dispoñibles non se verá alterado pola existencia de alumnado repetidor. No entanto, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, por solicitude do centro e con informe da Inspección Educativa, poderá determinar que as prazas ocupadas polo alumnado repetidor diminúan as prazas dispoñibles cando estea xustificado por razóns de espazo, de equipamento ou de seguridade. En todo caso, a resolución desta solicitude será anterior á publicación da listaxe da primeira adxudicación do período ordinario.

Oitavo. Programacións

Na elaboración de programacións estarase ao disposto para os ciclos de formación profesional, incluíndo a disposición transitoria cuarta da Orde do 12 de xullo de 2011, que establece que durante o primeiro curso académico en que se imparta un módulo profesional se substituirá a epígrafe de elaboración das actividades de ensino e aprendizaxe por unha de recursos e método.

Noveno. Metodoloxía e organización

1. Atendendo ás posibilidades dos centros educativos, poderanse utilizar metodoloxías activas de aprendizaxe nos diferentes módulos profesionais, organizando o curso de especialización por competencias profesionais que dean resposta aos resultados de aprendizaxe e aos seus criterios de avaliación.

2. A docencia dos módulos dos cursos de especialización na modalidade presencial poderase alternar con sesións realizadas por medios telemáticos.

3. Tendo en conta a alta especialización destas ensinanzas e que a formación recibida e as competencias adquiridas polo alumnado deberán estar intimamente ligadas aos sectores produtivos de Galicia, na docencia presencial ou telemática poderase contar coa participación puntual, activa e directa, de persoas expertas de empresas, institucións, institutos de investigación etc., sinaladamente do contorno galego.

4. Os centros poderán organizar a docencia de cada un dos módulos profesionais condensada nunha parte do curso académico ou ao longo do todo o curso.

Décimo. Titoría

1. Cada grupo de alumnos e alumnas dun curso de especialización terá un profesor ou unha profesora que desempeñen a titoría, que pertencerán ao equipo que imparta docencia.

2. Ademais das funcións que establezan os regulamentos orgánicos dos centros en que se impartan estas ensinanzas e as recollidas no artigo 21 da Orde do 12 de xullo de 2011, no caso de optar por metodoloxías activas de aprendizaxe, organizando o curso de especialización por competencias profesionais, a persoa encargada da titoría coordinará a docencia das competencias profesionais e o seu seguimento.

Décimo primeiro. Avaliación

1. Coa finalidade de axustar os procedementos e os tempos de avaliación á duración variable dos cursos de especialización (con carácter xeral de 300 a 600 horas), o equipo docente poderá optar pola realización de dúas ou tres sesións de avaliacións parciais de módulos, e unha sesión de avaliación final.

En calquera caso, a derradeira avaliación parcial de módulos coincidirá coa avaliación final do curso de especialización.

2. A acta de avaliación parcial de módulos e a acta de avaliación final axustarase ao modelo dispoñible na aplicación informática Xade.

3. No caso de organizar o curso de especialización utilizando metodoloxías activas de aprendizaxe, organizando o curso de especialización por competencias profesionais, a avaliación será deseñada de forma conxunta por todo o profesorado tendo en conta as competencias adquiridas e os indicadores ou criterios concretados na programación.

Décimo segundo. Perda do dereito a avaliación continua

A perda do dereito a avaliación continua non será de aplicación ao alumnado de cursos de especialización.

Décimo terceiro. Módulo de Formación en centros de traballo

1. Segundo o artigo 27 do Real decreto 1147/2011, os cursos de especialización poderán incorporar ou non o módulo de Formación en centros de traballo, que se axustará ao establecido para este módulo de FCT dos ciclos formativos de formación profesional. Nos reais decretos polos que se establece cada un dos cursos de especialización determínase a incorporación ou non deste módulo.

2. O módulo de Formación en centros de traballo poderase realizar en calquera momento do desenvolvemento do curso de especialización, nun único período ou en períodos fraccionados. O alumnado que non supere o módulo de Formación en centros de traballo no período indicado anteriormente poderá realizar este módulo en calquera dos períodos extraordinarios establecidos no artigo 6.4 da Orde do 28 de febreiro de 2007.

3. Con independencia do momento en que se realice o módulo de FCT, a cualificación deste módulo consignarase na avaliación final.

Décimo cuarto. Certificación e acreditación

1. Segundo o artigo 52 do Real decreto 1147/2011, a superación dun curso de especialización acreditarase mediante unha certificación académica con validez en todo o territorio nacional.

2. O alumnado que non supere na súa totalidade as ensinanzas do curso de especialización terá dereito a que se lle expida un certificado académico, segundo o modelo dispoñible en Xade.

Décimo quinto. Profesorado

1. Atendendo á alta especialización dos cursos de especialización, á incorporación no seu currículo de competencias de sectores produtivos emerxentes e á súa organización específica, o equipo docente dos cursos de especialización contará con:

a) Un plan de formación continuo e específico, en colaboración con empresas, institucións, institutos de investigación etc., fundamentalmente do contorno galego. De ser preciso, as actividades deste plan de formación poderán desenvolverse en período e en horario lectivo.

b) Prioridade para o acceso ás actividades de formación relacionadas cos cursos de especialización.

c) Unha bolsa de horas, entre as que teñen carácter lectivo, suficientemente ampla, que permita ao profesorado organizar e desenvolver a formación, co fin de acadar a excelencia na cualificación e a competencia do alumnado.

d) Posibilidade de acceso a unha das liñas da convocatoria de licenzas de formación para o curso 2021/22.

2. A asignación de profesorado a cada un dos módulos do curso de especialización realizarase con carácter prioritario ao profesorado formado especificamente pola Administración educativa para tal fin ou que acredite dispor de titulación, experiencia profesional ou formación adecuadas.

Disposición adicional única. Temporización da formación

Dadas as particularidades e a duración dos cursos de especialización, o seu desenvolvemento terá lugar entre outubro e xuño, aínda que o inicio das actividades lectivas deberá producirse entre outubro e a primeira semana de novembro. Os centros educativos informarán o alumnado desta circunstancia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional