Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 5 de xullo de 2021 Páx. 34063

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 18 de xuño de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos de persoal empregado público desta consellería para o uso do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, prevé no artigo 43 a posibilidade de que a sinatura electrónica do persoal ao servizo das administracións públicas poida referirse, por razóns de seguridade pública, ao número de identificación profesional do/da empregado/a público/a.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo de habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo.

O certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, actas ou documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control da Administración pública, ou no desempeño daquelas outras funcións en que resulte necesario preservar a identidade persoal de quen asina por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar esta medida. A emisión do certificado dixital de pseudónimo responde á necesidade de garantir o axeitado desenvolvemento das ditas funcións evitando eventuais inxerencias no ámbito persoal do persoal empregado público.

No ámbito competencial da asistencia social, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 72.2 que o persoal inspector de servizos sociais ten no exercicio das súas funcións a condición de autoridade pública. Neste mesmo senso se pronuncia o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, que no seu artigo 41.1 establece que o persoal inspector, no exercicio das súas funcións, ten a condición de autoridade pública. Así mesmo, o número 5 deste mesmo artigo sinala que o persoal inspector poderá recibir o apoio doutro persoal técnico especializado nas áreas de actuación en que desenvolva as súas funcións.

O exercicio das funcións de inspección vixilancia e control, a emisión de propostas de actuación ou de sanción conforme a normativa aplicable que realiza o persoal inspector e co apoio do persoal técnico especializado afecta, por unha banda, a protección das persoas usuarias do sistema de servizos sociais, moitas delas en situación de vulnerabilidade e, pola outra, os intereses das entidades que prestan servizos sociais, con frecuencia cunha considerable repercusión pública. Coa finalidade de garantir a seguridade deste persoal e o exercicio das ditas funcións sen inxerencias indebidas para o bo fin do procedemento, é recomendable que poidan emitir determinados documentos tales como actas e informes sen que consten os seus datos persoais identificativos, sen prexuízo de que a persoa interesada poida, ao abeiro da normativa aplicable, solicitar a súa identificación cando proceda se for necesario para garantir os seus dereitos no procedemento.

Por outra banda, no marco dos servizos sociais e no ámbito da protección da familia, dos menores e da infancia, tendo en conta a normativa de referencia e, de xeito específico, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, de acordo co establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación do Código civil e da Lei de axuizamento civil, na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, e na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, o sistema de protección de menores configúrase como un conxunto de servizos, actuacións e medidas de intervención dos poderes públicos destinados a paliar as situacións de desprotección e conflito social en que se poden atopar as persoas menores de idade. A dita lei garante a participación de profesionais coas titulacións técnicas axeitadas na valoración e intervención en situacións de risco e desamparo, así como a persoa profesional de referencia para cada caso. Igualmente, no ámbito do conflito e reforma, na execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

No exercicio das súas funcións os profesionais empregados públicos do ámbito de protección e reforma elaboran informes sobre a situación sociofamiliar e a evolución das persoas menores que dan lugar a actuacións da entidade pública destinadas a paliar as situacións de desprotección e conflito social en que se poidan atopar as persoas menores de idade ou, de ser o caso, dirixidas a informar os xulgados e o Ministerio Fiscal da evolución da persoa menor no cumprimento da medida xudicial imposta ao abeiro do establecido na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro. Dada a transcendencia das súas actuacións na esfera da situación persoal dos menores e das súas familias, cómpre preservar a súa identidade persoal, co fin de garantir que poidan adoptar decisións no exercicio das súas funcións sen inxerencias

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar determinados colectivos de empregados públicos da Consellería de Política Social para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega. A dita habilitación diríxese a determinados postos de traballo que implican a condición de autoridade ou o exercicio de funcións que requiren a dita protección da identidade por razóns de seguridade e para garantir a súa realización con obxectividade e imparcialidade.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A Consellería de Política Social habilita os seguintes colectivos de persoal empregado público para o uso do certificado dixital con pseudónimo, exclusivamente para o desenvolvemento de funcións en cuxo exercicio teñan a consideración de axentes de autoridade ou de persoal de apoio a estes, para o exercicio daquelas funcións destinadas a garantir o benestar de menores en situación de protección, así como daqueles suxeitos a medidas xudiciais da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores. En concreto:

a) O persoal inspector de servizos sociais que desenvolve funcións inspectoras suxeitas ao disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) O persoal técnico especializado que presta funcións de apoio ao persoal inspector de servizos sociais, suxeitas ao disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, e no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

c) Profesionais dos equipos técnicos de menores das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social no exercicio das funcións de valoración das situacións de desamparo das persoas menores e a adopción, de ser o caso, de medidas de protección, que lles corresponden ao abeiro do establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do código civil e da Lei de axuizamento civil, en concordancia coa Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

d) Profesionais técnicos da rede pública de centros de reeducación que desenvolvan a súas funcións suxeitas ao disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, e no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, coa excepción daquelas funcións derivadas do exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexerase polo establecido na Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

En todo caso, o uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar as actas, os informes ou os documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control da Administración pública, ou no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal empregado público por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar esta medida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social