Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 8 de xullo de 2021 Páx. 34860

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de xuño de 2021 de incremento do crédito previsto na Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209H).

Con data 8 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, tramitada como anticipado de gasto.

O financiamento da convocatoria concédese con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 201600293, inicialmente por un importe máximo de 300.000 €, nunha única anualidade 2021.

O artigo 3.4 das bases reguladoras establece que os importes consignados, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes. Todo iso segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Debido a que o crédito previsto na citada orde non resulta suficiente para atender todas as solicitudes cuxo obxecto é susceptible de subvención, e dada a circunstancia de que existen remanentes doutras convocatorias na mesma aplicación orzamentaria con cargo á cal se financia a convocatoria e se cumpren os requisitos establecidos nas bases reguladoras, existe crédito dispoñible que fai posible considerar o incremento do dito crédito co obxecto de facer o máis extenso posible o impulso das actuacións que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción, contribuíndo á mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, polo que con este incremento de crédito se poderán atender a todas as solicitudes que cumpren cos requisitos de subvencionalidade.

Estas axudas fináncianse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia e están suxeitas ao réxime de minimis, segundo o establecido no Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

Por todo o exposto e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Incremento de crédito

Con base no artigo 30.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acórdase ampliar o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, tramitada como anticipado de gasto.

O importe total do citado incremento é de vinte e dous mil cincocentos euros (22.500,00 €), consignado na aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 201600293. Queda o crédito destinado a estas axudas por un importe máximo total de trescentos vinte e dous mil cincocentos euros (322.500,00 €), nunha única anualidade 2021. O dito incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito.

A publicación desta orde non supón apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar