En virtude do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, á Dirección Xeral de Formación e Colocación correspóndelle a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de intermediación e orientación laboral, cualificación profesional, promoción da empregabilidade e formación profesional para o emprego e, singularmente, as seguintes funcións relacionadas:
a) O deseño, planificación e execución das medidas dirixidas á prestación dos servizos previstos na Carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego e na Estratexia española de activación para o emprego, a confección e execución dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos.
b) A dirección e xestión das funcións atribuídas á consellería en materia de formación para o emprego, cualificacións profesionais e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo.
c) O exercicio das competencias para o reforzo da capacidade de actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia, a súa modernización, infraestrutura, recursos humanos e materiais e soporte técnico.
d) A coordinación da participación das entidades colaboradoras, con e sen ánimo de lucro, na execución e desenvolvemento dos servizos de políticas activas de emprego, a través da colaboración público-privada.
e) A programación, o seguimento, o control e, de ser o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego.
f) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros de formación, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.
g) As funcións de execución relativas ao cumprimento das obrigas das persoas empresarias e das persoas traballadoras e, de ser o caso, o exercicio da potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e o desemprego.
h) As funcións que lle correspondan á consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.
i) A resolución dos procedementos de inscrición e acreditación ou, de ser o caso, de baixa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido na súa normativa reguladora, así como a autorización dos centros previstos no Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, así como a certificación dos profesionais que os utilizan e polo que se establecen os requisitos técnicos para as instalacións que desenvolven actividades que emiten gases fluorados, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.
j) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia competencia da dirección xeral.
k) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.
l) A expedición e rexistro das habilitacións profesionais, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.
m) O exercicio das competencias previstas no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, sen prexuízo das que corresponden a outras administracións competentes.
n) O desenvolvemento da normativa que contribúa á ordenación e regulación dun sistema de formación profesional que responda ás necesidades de formación e cualificación das persoas co fin de promover a aprendizaxe ao longo da vida.
o) A xestión e execución do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e vías non formais de formación.
p) Velar pola efectiva aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes nas políticas autonómicas en materia de intermediación laboral, cualificación profesional, promoción da empregabilidade e formación profesional para o emprego, sen prexuízo das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Relacións Laborais.
A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».
A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, se é o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no apartado anterior.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Dirección Xeral de Formación e Colocación:
a) A emisión dos títulos e certificados de asistencia dos cursos de formación para o emprego impartidos ou promovidos pola Consellería de Emprego e Igualdade.
b) A emisión do Documento acreditativo de renovación da demanda de emprego (Darde) emitido pola Consellería de Emprego e Igualdade a favor dos demandantes de emprego.
c) A emisión de informes automatizados coa información que consta no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:
a) A Dirección Xeral de Formación e Colocación como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) A Dirección Xeral de Formación e Colocación como órgano responsable para os efectos de impugnación das actuacións correspondentes ao punto primeiro.
Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN E COLOCACIÓN ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.
A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso corresponderá a Dirección Xeral de Formación e Colocación.
O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na Declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.
Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:
a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.
b) Organismo subscritor: Dirección Xeral de Formación e Colocación.
c) Nome do selo: DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN E COLOCACIÓN.
Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN E COLOCACIÓN para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e a realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte á actuación e procedemento mencionados.
Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a emisión do selo electrónico denominado DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN E COLOCACIÓN, sempre e cando continúe vixente a actuación administrativa automatizada declaradas nesta resolución.
Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021
Zeltia Lado Lago |
Mar Pereira Álvarez |