Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 14 de xullo de 2021 Páx. 35901

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 107/2021, do 1 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencia que o Decreto 198/2020, do 20 de novembro, lle atribúe á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, define os centros integrados de formación profesional (CIFP) como centros nos cales se imparten todas as ofertas formativas referidas ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais que conduzan a títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade e determina que a súa creación e autorización lles corresponderá ás administracións nos seus respectivos ámbitos de competencias.

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos que deben reunir os centros integrados de formación profesional, concibe estes centros como un instrumento para asegurar unha nova oferta integrada que capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e sirva de recurso formativo permanente á poboación adulta para mellorar as súas condicións de empregabilidade.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, que regula os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece como accións formativas que se inclúen nestes centros as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral das persoas traballadoras e as dirixidas á formación permanente da poboación traballadora ocupada. En canto á forma de creación dos CIFP, o dito decreto sinala no seu artigo 3 que poderán ser de nova creación ou proceder da transformación de centros xa existentes.

No curso 2020/21, o IES Leixa de Ferrol imparte ensinanzas de bacharelato nas modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais, e ciclos formativos das familias profesionais de Artes Gráficas, Sanidade e Servizos Socioculturais e á Comunidade. O IES Fraga do Eume de Pontedeume imparte ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato nas modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais, e ciclos formativos da familia profesional de Hostalaría e Turismo.

A maior parte da actividade formativa impartida nestes centros docentes e, polo tanto, a maioría do alumnado matriculado corresponden a ensinanzas de formación profesional; en realidade, o número de alumnado de educación secundaria tanto no IES Leixa de Ferrol como no IES Fraga do Eume de Pontedeume é moi inferior a respecto do alumnado de formación profesional.

Así mesmo, tanto a localidade de Ferrol como a de Pontedeume dispoñen dunha alternativa de escolarización adecuada e satisfactoria nas ensinanzas de educación secundaria, o IES de Catabois e o IES de Breamo, respectivamente; e ademais, a incorporación do alumnado procedente dos centros transformados presenta a vantaxe de permitir ampliar e diversificar a oferta educativa en secundaria.

No caso do IES Universidade Laboral de Culleredo, é un centro que imparte unicamente ciclos de formación profesional das familias profesionais de Actividades Físicas e Deportivas, Electricidade e Electrónica, Enerxía e Auga, Fabricación Mecánica, Hostalaría e Turismo, Instalación e Mantemento e Marítimo-Pesqueira.

A transformación do IES Leixa de Ferrol, do IES Fraga do Eume de Pontedeume e do IES Universidade Laboral de Culleredo en centros integrados de formación profesional permite adaptar o seu sistema organizativo á súa configuración actual, superando as estruturas propias do ensino secundario e sentando as bases para o seu recoñecemento como centros de referencia en ensinanzas de formación profesional.

Ademais, esta transformación permite reforzar as ensinanzas regradas de formación profesional que se ofertan nos centros e, ao tempo, a posibilidade de ampliar e diversificar a súa oferta formativa a través da incorporación de novos ciclos, de novas modalidades de impartición, da formación a persoas desempregadas e o establecemento de sistemas de acreditación de competencias profesionais, contribuíndo de forma clave a fomentar a actividade emprendedora dentro dos niveis non universitarios do sistema educativo galego, así como á inserción e orientación laboral para o progreso nos distintos itinerarios formativos e profesionais.

Os centros resultantes da transformación inclúense na Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia, canle fundamental na consecución de solucións formativas aos principais sectores da economía e base para a formación profesional de calidade na nosa comunidade autónoma.

Ademais do traslado das ensinanzas de educación secundaria, derivado directamente da transformación dos centros, na localidade de Ferrol tamén se traslada o ciclo formativo de grao superior de Educación Infantil da familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade do CIFP Ferrolterra ao novo CIFP Leixa.

De conformidade coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o artigo 1.3 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, establece que a creación, supresión e transformación destes centros docentes se realizará mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Os centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro, serán ademais autorizados pola consellería competente en materia de educación e a consellería competente en materia de traballo, logo de ditame do Consello Galego de Formación Profesional.

Por outra banda, e analizadas as necesidades educativas na cidade de Lugo e coa finalidade de mellorar a atención ao alumnado, cómpre realizar o traslado das ensinanzas do ciclo superior de Ensinanza e Animación Sociodeportiva do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes ao CIFP Politécnico de Lugo, optimizando deste xeito a oferta educativa de cada un dos centros.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día un de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Transformación de institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional

Transfórmanse en centros integrados de formación profesional, incorporándose á Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia, os seguintes centros:

– Instituto de Educación Secundaria Leixa de Ferrol (15021469).

– Instituto de Educación Secundaria Fraga do Eume de Pontedeume (15025682).

– Instituto de Educación Secundaria Universidade Laboral de Culleredo (15055749).

Artigo 2. Cambio de ensinanzas

1. As ensinanzas de bacharelato do Instituto de Educación Secundaria Leixa de Ferrol (15021469) trasládanse ao Instituto de Educación Secundaria de Catabois de Ferrol (15006687).

2. As ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato do Instituto de Educación Secundaria Fragas do Eume de Pontedeume (15025682) trasládanse ao Instituto de Educación Secundaria Breamo de Pontedeume (15020556).

3. Trasládase o ciclo formativo de grao superior de Educación Infantil do Centro Integrado de Formación Profesional Ferrolterra de Ferrol (15006754) ao Centro Integrado de Formación Profesional Leixa de Ferrol (15021469).

4. Trasládase o ciclo formativo de grao superior de Ensinanzas e Animación Sociodeportiva do Instituto de Educación Secundaria Nosa Señora do Ollos Grandes de Lugo (27006541) ao Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Lugo (27006516).

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo de antigüidade no centro en función das causas de acceso a el e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para executar e desenvolver este decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo do dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade