Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 14 de xullo de 2021 Páx. 35912

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021 (código de procedemento SI429A).

De conformidade co previsto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, creouse a Consellería de Emprego e Igualdade e en desenvolvemento del aprobouse o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o establecido no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, a Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, ten atribuídas, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero. Incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Neste ámbito, apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprendemento feminino é unha das liñas básicas de actuación da Xunta de Galicia no marco da igualdade de oportunidades; a importancia desta actuación e a súa necesidade recóllense de xeito expreso na normativa autonómica, tanto de igualdade coma de emprendemento, en particular, no título I, capítulo V, do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autonóma de Galicia en materia de igualdade.

Esta prioridade de actuación recóllese de forma transversal e singularizada no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, así como no VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, e recollerase, así mesmo, no VIII Plan que está en proceso de elaboración, no cal, na súa área estratéxica 3, relativa á igualdade no emprego e na innovación, recolle como obxectivo específico 3.6 «impulsar o emprendemento feminino e a mellora do tecido empresarial liderado por mulleres»; así mesmo, noutros obxectivos tamén se definen medidas para favorecer o emprendemento feminino, en particular, no eido rural e no da innovación. Pola súa vez, o II Programa galego de muller e ciencia 2016-2020 tamén recolle como obxectivo e medida específica a promoción do emprendemento feminino no ámbito da investigación, ciencia e tecnoloxía.

Neste contexto, o programa Emega consolídase como medida específica para o fomento do emprendemento feminino; comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha (liña Emprende e ITEF), a mellora e a reactivación (liña Activa) de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, incentivando a creación de emprego por conta propia e por conta allea para mulleres; xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral (axuda complementaria Concilia); así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos seus proxectos empresariais.

Nesta convocatoria, dada a situación do contexto económico agravado pola situación de alarma provocada pola crise sanitaria pola COVID-19, refórzase o crédito destinado ao fomento do emprendemento feminino, para paliar os atrancos que moitas mulleres atopan para poñer en marcha e consolidar os seus proxectos empresariais e de emprendemento e mesmo para ofrecer unha oportunidade de inserción e mellora no ámbito laboral. Como continuación da liña de traballo comezada na convocatoria do ano 2020, motivada pola situación de crise pola COVID-19, continúase a dar un maior énfase á liña Activa para que poida atender aquelas iniciativas empresariais xa existentes que están atravesando unha situación económica adversa, sen requirir a preexistencia do negocio de tres anos como en convocatorias anteriores e puntuando nos criterios de valoración tamén o emprego mantido.

Configúrase como medio axeitado para a promoción, participación e progresión das mulleres no mercado de traballo e no desenvolvemento da súa actividade profesional, así como para aproveitar a súa potencialidade e as novas oportunidades de negocio, singularmente, no terreo da innovación (I+D+i), das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e no medio rural; co fin de promover unha maior participación na actividade económica e laboral, así como para contribuír a un crecemento intelixente, sustentable e integrador sen desigualdades entre mulleres e homes, a unha maior cohesión social e territorial e á revitalización demográfica en Galicia.

No marco das políticas da Unión Europea, nas súas diferentes normas e documentos de programación e planificación, en particular, na Estratexia europea 2020, no Pacto europeo pola igualdade de xénero 2011-2020, así como nos propios regulamentos dos fondos estruturais europeos 2014-2020, a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes segue a ser un valor fundamental, así como o apoio ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego.

As axudas previstas no programa Emega están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro). As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro) e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia e proceder á súa convocatoria no ano 2021 (código de procedemento SI429A).

2. O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Co dito fin, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora, no actual contexto económico, contexto que se viu agravado pola situación da pandemia pola COVID-19. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total de tres millóns douscentos sesenta e sete mil douscentos cincuenta e un euros (3.267.251 €), con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.313B.470.0, código de proxecto 2021 00060, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

2. Estas axudas son susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do PO FSE Galicia 2014-2020 nunha porcentaxe do 100 %, a través do eixe prioritario R (REACT-UE), obxectivo temático «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía»; prioridade de investimento R.1 «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía»; obxectivo específico R.1.1 (OE REACT-UE 1) «Apoiar o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de vulnerabilidade, o acceso aos sistemas sociais e as medidas de inclusión social e erradicación da pobreza» e liña de actuación 124-Programa de emprendemento feminino de Galicia.

3. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo de informe favorable do Organismo Intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, actualmente a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Réxime das axudas

1. As axudas establecidas nesta resolución quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención.

Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non será superior a 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais e, cando se trate dunha empresa de transportes de mercadorías por estrada, a axuda total de minimis non poderá exceder os 100.000 euros nun período de tres exercicios fiscais, segundo o establecido no Regulamento (UE) número 1407/2013.

2. As axudas sometidas ao réxime de minimis non poderán concederse ás empresas, actividades e supostos seguintes:

a) Empresas que operan no sector da pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) número 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes: c.1) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas; c.2) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 4. Compatibilidade e concorrencia

1. As subvencións establecidas nesta resolución para as liñas Emprende, Activa e ITEF son incompatibles entre si, e dentro de cada liña soamente poderán ser beneficiarias dun único incentivo. Estes incentivos son compatibles coa axuda complementaria Concilia prevista nesta resolución.

2. Así mesmo, as axudas do programa Emega son incompatibles coas establecidas para a mesma finalidade e concepto nos distintos programas de promoción do emprego autónomo, de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, de iniciativas de emprego e de iniciativas de emprego de base tecnolóxica convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, así como con outras axudas que para a mesma finalidade e concepto poidan outorgar outros departamentos da Xunta de Galicia ou outras administracións públicas ou entidades privadas.

3. Tamén son incompatibles coas subvencións á contratación por conta allea convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, outros departamentos da Xunta de Galicia ou calquera outra Administración pública, agás que xa rematase o período de mantemento do emprego exixido na correspondente convocatoria. De ser o caso, a contratación subvencionada a través de incentivos á contratación por conta allea non se poderá ter en conta para os efectos deste programa Emega.

Artigo 5. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma.

Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal; de ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

2. Requisitos comúns a todas as liñas de axuda:

a) Tratarse dunha empresa privada coa categoría de microempresa ou pequena empresa validamente constituída, baixo calquera forma xurídica segundo o sinalado no punto 2.b) deste artigo.

Para estes efectos, teñen a categoría de microempresas as unidades económicas que ocupan menos de dez persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supere os dous millóns de euros; e, de pequena empresa, as unidades económicas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supere os dez millóns de euros.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as empresas públicas ou participadas, agás que se trate de participacións minoritarias de carácter temporal ou préstamos participativos a través dalgún instrumento de apoio financeiro á iniciativa emprendedora, acordes coa previsión contida no capítulo IV, do título II, da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

b) A actividade mercantil pode ser realizada por empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

Nas empresas de tipo societario, a administración da empresa teñen que exercela mulleres e o capital social estar maioritariamente subscrito por mulleres, no caso de pequenas empresas, e integramente subscrito por elas cando se trate de microempresas, agás que a participación proveña de instrumentos de apoio financeiro á actividade emprendedora consonte o sinalado no último parágrafo do punto anterior. Polo tanto, a participación destes instrumentos de apoio financeiro terase en conta, xunto coas achegas delas, para os efectos de verificar o cumprimento do requisito exixido neste artigo relativo á titularidade maioritaria ou, se é o caso, íntegra do capital social.

Excepcionalmente, no caso da liña ITEF, calquera que sexa o tamaño da empresa, admitirase a participación de persoas que colaboraron no desenvolvemento do proxecto de investigación base da iniciativa empresarial, sempre que a maioría do capital social sexa titularidade das mulleres emprendedoras e a administración da empresa a exerzan mulleres.

c) Ter domicilio social e fiscal, así como establecemento de produción ou comercial en Galicia.

d) Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas, con independencia do seu grao de participación no capital social da empresa, deben estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e estar vinculadas laboralmente á empresa, desenvolvendo de forma habitual a súa actividade profesional nela.

Para os efectos deste programa, non se terán en conta as autónomas colaboradoras.

e) Para os efectos deste programa, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido a tempo parcial só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50 % da xornada ordinaria de traballo establecida legalmente ou no convenio colectivo que lle sexa de aplicación.

Así mesmo, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para a realización de traballos de carácter fixo descontinuo só se terán en conta cando a duración da actividade da traballadora non sexa inferior a dez meses nun período de doce meses.

f) Ter iniciado a actividade económica e a actividade laboral nos termos exixidos para cada tipo de axuda nesta resolución.

Para os ditos efectos, o inicio do exercicio efectivo da actividade económica acreditarase mediante a xustificación da alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, e o inicio da actividade laboral mediante a acreditación da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, na mutualidade de colexio profesional, para o cal se terá en conta a data de efectos da alta.

g) A iniciativa ou proxecto empresarial debe ter viabilidade técnica, económica e financeira, o que deberá quedar reflectido no Plan de negocio empresarial.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da interesada.

i) Non ter percibido axudas ao abeiro do programa Emega nos tres anos anteriores á data do inicio da actividade económica no caso das liñas Emprende e ITEF. No caso da liña Activa, nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria. De telas percibido, o dito prazo computarase desde a data da notificación da resolución de concesión da anterior axuda.

3. Os requisitos e condicións para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento dos postos de traballo (dezaoito meses), de acordo co disposto no artigo 24 desta resolución.

Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Emprende as empresas de nova creación constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

c) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá cumprirse, como mínimo, polo 50 % das promotoras.

Para estes efectos, entenderase por persoa desempregada aquela que careza de ocupación durante un período mínimo dun mes inmediatamente anterior á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

d) A alta de todas as promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, a correspondente alta na Seguridade Social deberá formalizarse, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

e) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

2. A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 10.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 16.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 22.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

3. Para a xustificación dos importes dos incentivos previstos neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto no artigo 67.1.b) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Os importes dos citados incentivos establecéronse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable conforme o indicado no artigo 67.5.a).i) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046.

Artigo 7. Liña Activa: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Activa as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o necesario equilibrio empresarial ou un proxecto de mellora sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica e a actividade laboral da promotora ou promotoras ten que terse producido con antelación ao 1 de agosto de 2020.

b) Os proxectos de reactivación e consolidación ou de mellora deberán recollerse no plan de negocio empresarial, que deberá conter a definición do proxecto e deberá incluír, entre outros, o seguinte: a) os aspectos que condicionan o seu funcionamento; b) as necesidades que se deben cubrir para acadar o equilibrio empresarial e o mantemento do emprego; c) as medidas de tipo estrutural, conxuntural, económicas, financeiras, tecnolóxicas, de cualificación de medios humanos, de ampliación ou renovación de produtos ou servizos, de localización, etc., necesarias para a reactivación ou mellora empresarial; d) o cadro de persoal.

c) Manter ou incrementar o número de postos de traballo por conta propia ou por conta allea preexistentes na empresa.

d) A alta na Seguridade Social das traballadoras que ocupen os novos postos de traballo creados como consecuencia do proxecto de reactivación ou mellora, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberá formalizarse no prazo comprendido desde o 1 de agosto de 2020 e ata, como máximo, a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

2. A contía dos incentivos da liña Activa determínase en atención ao número de postos de traballo existentes na empresa como consecuencia do mantemento ou do incremento do emprego preexistente, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 8.000 euros ás empresas que manteñan o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 12.000 euros ás empresas con dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 14.000 euros ás empresas con tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 17.000 euros ás empresas con catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

3. Para a xustificación dos importes dos incentivos previstos neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto no artigo 67.1.b) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Os importes dos citados incentivos establecéronse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable conforme o indicado no artigo 67.5.a).i) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046.

Artigo 8. Liña ITEF: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña ITEF as empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía, constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) A actividade, proceso, produto ou servizo que vaian desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.

c) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

d) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá ser cumprida, como mínimo, polo 50 % das promotoras.

Para estes efectos, entenderase por persoa desempregada aquela que responda á definición contida no artigo 6.1.c) desta resolución.

e) A alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberán formalizarse no prazo comprendido desde o 1 de agosto de 2020 e ata, como máximo, a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

f) Como mínimo, a promotora ou unha delas cando sexan varias, debe ser unha persoa con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial. Ademais, en todo caso, ten que gardarse a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada catro postos de traballo creados.

g) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

2. A contía dos incentivos da liña ITEF determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 27.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 32.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 42.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

3. Para a xustificación dos importes dos incentivos previstos neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto no artigo 67.1.b) do Regulamento (UE) 1303/2013. Os importes dos citados incentivos establecéronse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable conforme o indicado no artigo 67.5.a).i) do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Artigo 9. Liña Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos

1. Liña Concilia é unha axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou profesional, tanto das promotoras coma das persoas traballadoras incorporadas á empresa, coas seguintes modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Os incentivos previstos para esta axuda só poderán concederse a aquelas empresas que os soliciten expresamente e que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas Emprende, Activa ou ITEF previstas nesta convocatoria.

2. A modalidade Concilia-promotoras consiste nun incentivo de 3.000 euros por empresa, sempre que forme parte dela algunha promotora con filla/s ou fillo/s menores de tres anos na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

3. A modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea consiste nun incentivo, por importe máximo de 5.000 euros por empresa, sempre que se solicite expresamente e se opte por un dos seguintes supostos:

a) Formalización dun acordo ou pacto de conciliación para todo o cadro de persoal da empresa, coas persoas traballadoras ou representantes sindicais e vinculante para as partes, para a implantación de novos sistemas de organización do traballo para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, que conteñan medidas que permitan unha maior adaptación dos tempos de traballo e a flexibilización horaria para as persoas traballadoras por conta allea e que non estean xa recollidas como obrigatorias na lexislación vixente. Neste suposto o incentivo será de 4.000 euros por empresa.

b) Empresas que asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa con contrato laboral. O incentivo neste caso será de 1.000 euros por persoa traballadora por conta allea cun máximo de 5.000 euros por empresa.

Para os efectos desta resolución, considérase teletraballo aquel en que a prestación laboral remunerada se desenvolva, como mínimo, durante dúas xornadas laborais á semana fóra das dependencias da empresa, ben no domicilio da persoa traballadora ou ben onde libremente elixa, mediante o emprego de novas tecnoloxías da información e a comunicación, co obxecto de contribuír á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O acordo individual de teletraballo reflectirá, como mínimo, as condicións en que se desenvolverá a prestación laboral e axustarase ao establecido na normativa legal e no convenio colectivo de aplicación.

4. Tanto os acordos ou pactos de conciliación coma os acordos individuais de teletraballo teñen que constar por escrito e estar formalizados, como máximo, na data da fin do prazo de xustificación da axuda, así como estar vixentes, cando menos, durante o período mínimo de permanencia da actividade segundo o establecido no artigo 24 desta resolución.

5. Para a xustificación dos importes dos incentivos previstos neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto no artigo 67.1.b) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Os importes dos citados incentivos establecéronse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable conforme o indicado no artigo 67.5.a).i) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046.

Artigo 10. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Con base no disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co disposto no artigo 31.dous da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, considérase que o colectivo a que vai dirixido estas axudas, empresarias individuais e empresas societarias constituídas por mulleres, teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: relación das promotoras e das traballadoras por conta allea, así como dos postos de traballo por conta allea para mulleres que se comprometen a crear, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

b) Anexo III: para o caso das sociedades civís e comunidades de bens, ademais da declaración de axudas referida á empresa no anexo I, deberán presentar unha declaración de axudas por cada unha das promotoras no modelo anexo III.

c) Documento de constitución da comunidade de bens, sociedade civil ou da sociedade mercantil, así como a documentación acreditativa de representación suficiente para actuar en nome da entidade. No caso de que se producisen variacións na titularidade e/ou composición do capital social, tamén deberán achegar os documentos acreditativos de todas as variacións producidas.

d) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativa á situación da alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria en que necesariamente debe figurar, entre outros, a data de alta, o domicilio fiscal e social e a localización do establecemento comercial ou de produción.

e) Documentos de alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social (resolución sobre recoñecemento de alta) ou en mutualidade de colexio profesional.

f) Informe da vida laboral actualizado das promotoras emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, de ser o caso, tamén o certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

g) Para o caso de promotoras vítimas de violencia de xénero, documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

h) Para o caso de promotoras cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, certificación acreditativa desta situación no caso de que esta non fose emitida pola Xunta de Galicia.

i) Liña Activa: informe de vida laboral de todos os códigos de cotización da empresa que comprenda o período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e ata a actualidade ou, no caso de non ter persoal asalariado, informe negativo de inscrición como empresario no sistema da Seguridade Social.

j) Liña ITEF: un breve currículo das promotoras e das persoas traballadoras por conta allea, de estar xa contratadas ou seleccionadas, con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial.

k) Plan de negocio empresarial, que deberá presentarse obrigatoriamente no modelo correspondente á liña de axuda solicitada publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade para esta convocatoria.

l) Axuda complementaria Concilia-promotoras: copia do libro de familia.

m) Axuda complementaria Concilia-persoas traballadoras por conta allea, para o suposto previsto na letra a) do artigo 9.3 desta resolución: copia do acordo ou pacto de conciliación ou, no caso de non estar aínda formalizado na data da presentación da solicitude, unha memoria asinada pola solicitante que recolla a proposta das medidas de conciliación que se pretenden implantar na empresa.

n) Axuda complementaria Concilia-persoas traballadoras por conta allea, para o suposto previsto na letra b) do artigo 9.3 desta resolución: copia dos acordos de teletraballo ou, no caso de non estar aínda formalizados na data da presentación da solicitude, unha memoria asinada pola solicitante que recolla a proposta dos termos e contidos do teletraballo, con indicación do número de acordos que se van formalizar.

ñ) Anexo II bis (comprobación de datos das promotoras): no caso das promotoras das sociedades civís, comunidades de bens e sociedades mercantís, consulta dos datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas indicados nas epígrafes 1.e) e 2.b) do artigo 13.

o) Calquera outra documentación que a solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para un maior detalle na descrición do proxecto empresarial (máximo seis follas).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderase consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT para seren beneficiarias de subvencións, coa Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes á entidade ou á persoa física solicitante.

f) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT para seren beneficiarias de subvencións, coa Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ás promotoras das sociedades civís e comunidades de bens solicitantes.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia correspondente á persoa física solicitante.

b) Certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia correspondente ás promotoras das sociedades civís, comunidades de bens e sociedades mercantís solicitantes.

c) Certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia correspondente ás traballadoras por conta allea.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos anexos I, II bis e VI bis, segundo o caso, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarse o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. Tendo en conta que estas subvencións son susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, autorízase o organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 para consultar a información da Administración pública competente relativa ao cumprimento do mantemento do emprego e da permanencia mínima da actividade empresarial.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 16. Instrución dos procedementos e comisión de valoración

1. A instrución dos procedementos previstos nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da subdirección xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

– Secretaría: a persoa titular do Servizo de Fomento.

– Vogalías: as persoas titulares dos seguintes servizos: Servizo de Planificación e Programación, Servizo de Promoción e Cooperación Institucional e Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración, esta será substituída pola persoa funcionaria designada pola presidencia da comisión.

3. A comisión de valoración poderá requirir ás persoas solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas de baremación establecidos no artigo 17 e tendo en conta o crédito dispoñible, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, proporá a concesión de subvención segundo a orde de baremación e polo importe da axuda que corresponda, ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda, pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas a través do crédito que quedase sen comprometer por producirse algunha renuncia ou ben por un posible incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución con anterioridade á fin do prazo de xustificación das axudas.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. A comisión valorará as solicitudes consonte aos seguintes criterios:

1.1. Polo emprego feminino xerado e/ou mantido, por conta propia ou por conta allea de carácter indefinido, co proxecto empresarial obxecto da axuda que se solicita, ata un máximo de 40 puntos, segundo o seguinte:

a) Un posto de traballo para mulleres: 10 puntos.

b) Dous postos de traballo para mulleres: 15 puntos.

c) Tres postos de traballo para mulleres: 25 puntos.

d) Catro postos de traballo para mulleres: 30 puntos.

e) Entre cinco e dez postos de traballo para mulleres: 35 puntos.

f) Máis de dez postos de traballo para mulleres: 40 puntos.

1.2. Pola pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas: 10 puntos.

Para estes efectos, teranse en conta os datos de poboación ocupada por sexo e ramas de actividade de Galicia. 2020 Fonte: Instituto Galego de Estatística (IGE). Entenderase que hai infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, 20 puntos entre o número de mulleres e o número de homes.

1.3. Pola contribución á integración laboral de mulleres con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %; mulleres vítimas de violencia de xénero; desempregadas menores de 30 ou maiores de 45 anos na data de inicio da actividade laboral; desempregadas de longa duración (para estes efectos, entenderase que están na dita situación as que leven máis de doce meses sen ocupación na data de inicio da actividade laboral). Ata un máximo de 15 puntos, 3 puntos por cada traballadora, por conta propia ou por conta allea, nalgunha destas situacións.

Estas circunstancias deberán acreditarse documentalmente.

1.4. Por tratarse dunha actividade empresarial dedicada á prestación de servizos de conciliación (servizos de atención e coidado de persoas dependentes a cargo), ata 10 puntos, segundo a poboación do concello onde se desenvolva a actividade empresarial:

a) Ata 5.000 habitantes: 10 puntos.

b) De 5.001 a 10.000 habitantes: 9 puntos.

c) De 10.001 a 15.000 habitantes: 8 puntos.

d) De 15.001 a 20.000 habitantes: 7 puntos.

e) Máis de 20.000 habitantes: 6 puntos.

Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2020, fonte IGE.

Para a aplicación deste criterio, terase en conta o lugar onde se desenvolve a actividade segundo os datos que figuren na alta do IAE ou, de non constar o dito punto, o domicilio fiscal.

1.5. Pola localización da actividade empresarial, tendo en conta a poboación do concello segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2020 (fonte IGE), ata un máximo de 10 puntos, de acordo co seguinte:

a) Ata 5.000 habitantes: 10 puntos.

b) De 5.001 a 10.000 habitantes: 9 puntos.

c) De 10.001 a 15.000 habitantes: 8 puntos.

d) De 15.001 a 20.000 habitantes: 7 puntos.

e) De 20.001 a 40.000 habitantes: 6 puntos.

f) Superior a 40.000 habitantes: 5 puntos.

As cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2020 poderanse consultar na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Para a aplicación deste criterio, terase en conta o lugar onde se desenvolve a actividade segundo os datos que figuren na alta do IAE ou, de non constar o dito punto, o domicilio fiscal.

1.6. Liña ITEF: os proxectos empresariais presentados ao abeiro da liña ITEF que cumpran os requisitos establecidos no artigo 8 serán valorados automaticamente cunha puntuación de 15 puntos, tendo en conta que estes proxectos supoñen a creación de emprego cualificado e o desenvolvemento de produtos ou servizos de carácter innovador e con alto contido científico e/ou tecnolóxico.

2. No suposto de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, para os efectos de resolver o desempate, terase en conta a puntuación obtida en cada criterio de valoración, seguindo a orde na cal figuran relacionados no punto anterior, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de persistir, a preferencia será determinada pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 18. Resolución e notificación

1. De conformidade co previsto na disposición adicional primeira do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, por proposta do órgano instrutor e logo da fiscalización por parte da Intervención Delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Na resolución de concesión farase constar que os incentivos quedan sometidos ao réxime de minimis.

Así mesmo e de ser o caso, tamén se informará a persoa ou entidade beneficiaria de que a axuda é financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, con expresión do obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de financiamento correspondente. Tamén será informada de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica, e polo Regulamento (UE) núm. 2020/2221.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a empresa beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días hábiles a súa aceptación, e comprometerse a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidas na convocatoria, no modelo anexo IV. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no punto 3 deste artigo e no artigo 15 desta resolución practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e segundo o seguinte:

a) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

c) As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

d) Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, e, se non o for, de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 21. Prazo e xustificación da subvención

1. As beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da subvención concedida coa data límite que figure na resolución de concesión, e que, en todo caso, non excederá o 17 de novembro de 2021.

2. Dentro do prazo establecido no punto 1 anterior, deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo V: solicitude de pagamento.

b) Anexo III: declaración de axudas actualizada. As comunidades de bens e as sociedades civís deben presentar a declaración de axudas da empresa e unha por cada promotora.

c) De ser o caso, anexo VI: relación das traballadoras por conta allea que ocupan os postos tidos en conta para a determinación da contía da axuda.

A dita relación deberá vir acompañada da seguinte documentación:

c.1) Documentos de alta no correspondente réxime da Seguridade Social (resolución sobre recoñecemento de alta) e dos correspondentes contratos de traballo.

c.2) Para o caso de que se tivese en conta na valoración da solicitude, documentación acreditativa da concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no artigo 17.1.3 desta resolución.

Para estes efectos, a situación de desemprego acreditarase achegando o informe da vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da correspondente traballadora por conta allea; a situación de discapacidade igual ou superior ao 33 %, mediante a presentación de copia da certificación acreditativa da dita condición cando esta non fose emitida pola Xunta de Galicia; e a de violencia de xénero mediante a presentación da documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

d) No caso de contar con traballadoras por conta allea, copia da inscrición da empresa na Seguridade Social (resolución de inscrición do empresario no sistema de Seguridade Social).

e) Liña Activa: informe de vida laboral actualizado de todos os códigos de cotización da empresa.

f) Liña ITEF: de ser o caso, e de non telo achegado xunto coa solicitude, un breve currículo das persoas traballadoras por conta allea con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía base da iniciativa empresarial.

g) De ter concedida a axuda Concilia-persoas traballadoras por conta allea na modalidade prevista no artigo 9.3.a), para o caso de non telo presentado con anterioridade, copia do acordo ou pacto de conciliación.

h) De ter concedida a axuda Concilia-persoas traballadoras por conta allea na modalidade prevista no artigo 9.3.b), para o caso de non telo presentado con anterioridade, copia dos acordos de teletraballo.

i) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, captura de pantallas...) do cumprimento das obrigas de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada, segundo o establecido no artigo 23.8 desta resolución.

j) Follas individualizadas de recollida de datos de todas as promotoras e traballadoras por conta allea tidas en conta para a concesión da axuda, co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e de resultado inmediato enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, obriga recollida no artigo 23 desta convocatoria.

Nesta fase, achegaranse as follas individualizadas dos indicadores de produtividade, cuxos datos deben referirse á situación previa ao inicio da actividade laboral na empresa beneficiaria.

Estes datos achegaranse, obrigatoriamente, no correspondente modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade e/ou na aplicación informática Participa 1420.

k) Anexo VI bis (comprobación de datos das traballadoras por conta allea): consulta dos datos incluídos no certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia cando esta circunstancia lle sexa de aplicación.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, a Secretaría Xeral da Igualdade, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación que considere oportunas para verificar o cumprimento da conduta ou actividade subvencionada.

5. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

6. Para a xustificación dos importes dos incentivos previstos neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto no artigo 67.1.b) do Regulamento (UE) 1303/2013. Os importes dos citados incentivos establecéronse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable conforme o indicado no artigo 67.5.a).i) do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Artigo 22. Pagamento da subvención

1. As beneficiarias poderán percibir un primeiro pagamento en concepto de anticipo con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da presentación da aceptación da subvención e sempre que o soliciten expresamente mediante a presentación da comunicación de aceptación da subvención e anticipo (anexo IV).

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, o anticipo poderá acadar o 80 % da subvención concedida. No caso de que o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, prevese, ademais, o pagamento anticipado dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

De conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as beneficiarias que soliciten un primeiro pagamento en concepto de anticipo quedan exoneradas da constitución de garantías.

2. Unha vez presentada a xustificación procederase ao libramento final da axuda concedida, pola contía que corresponda deducido, de ser o caso, o importe aboado en concepto de anticipo.

Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento nos supostos e nos termos establecidos no artigo 25, así como nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 27 desta resolución.

Artigo 23. Obrigas das beneficiarias

As beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Realizar a actividade e manter o emprego que fundamenta a concesión da subvención durante o período mínimo de permanencia de dezaoito meses establecido no artigo 24 desta resolución, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

2. Manter a vixencia dos acordos e pactos de conciliación e dos acordos de teletraballo durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento do emprego.

3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determina a concesión da subvención.

4. Estar ao día de pagamento nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes de realizar as correspondentes propostas de pagamento da subvención.

No caso das sociedades civís e comunidades de bens, esta obriga esténdese a todas as socias ou comuneiras.

5. Comunicar ao órgano concedente todas as modificacións das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias.

6. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade que financien a actividade subvencionada ou sometida ao réxime de minimis.

7. Manter unha pista de auditoría suficiente, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á empresa beneficiaria en cada caso, conservando os documentos xustificativos que permitan a comprobación do ingreso da axuda percibida, incluíndo o xustificante bancario do ingreso, durante os dous anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado polo organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos).

8. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) núm. 2020/2221.

En todo caso, as accións de información e comunicación contarán co logotipo da Unión Europea, coa referencia ao Fondo Social Europeo e coa referencia a que a actuación está financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Nos lugares onde se desenvolva a actividade empresarial informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade está dispoñible a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

9. Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas e das entidades beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica e polo Regulamento (UE) núm. 2020/2221.

Así mesmo, e de ser o caso, deberá informar as traballadoras por conta propia e por conta allea tidas en conta para a concesión da subvención de que a iniciativa emprendedora segundo o emprego feminino xerado está financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

10. Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultado, segundo o previsto no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE; os ditos indicadores serán introducidos na aplicación deseñada para o efecto, Participa 1420. Neste sentido, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos. Estes datos achegaranse, obrigatoriamente, no correspondente modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade e/ou na aplicación informática Participa 1420.

Os datos dos indicadores de produtividade relativos ás beneficiarias e ás traballadoras por conta propia e por conta allea tidas en conta para a concesión da axuda do programa Emega referiranse á situación previa ao inicio da actividade laboral na empresa beneficiaria.

Os indicadores de resultado inmediato deberán achegarse no prazo e na forma indicados no artigo 24.5 desta resolución, e deberán referirse á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización do período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento do emprego.

Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice o período de permanencia da actividade e do mantemento do emprego, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

11. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) número 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, recentemente modificado polo Regulamento (UE) núm. 2020/460, do 30 de marzo, e polo Regulamento (UE) núm. 2020/558, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

12. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas financiadas con fondos REACT-EU no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

Artigo 24. Obriga de permanencia mínima da actividade empresarial e do mantemento do emprego

1. As beneficiarias das axudas do programa Emega teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dezaoito meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente. Así mesmo, os acordos ou pactos de conciliación e os acordos de teletraballo deben estar vixentes, polo menos, durante o mesmo período.

2. Nas liñas Emprende e ITEF o período mínimo de permanencia computarase desde a data de inicio da actividade laboral das promotoras ou desde a data de inicio da actividade laboral das traballadoras por conta allea, de ser esta posterior.

No caso da liña Activa, o período computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da subvención ou desde a data do inicio da actividade laboral das traballadoras incorporadas aos postos de traballo creados, de ser esta posterior.

3. Para o caso de que algunha das traballadoras cause baixa na empresa, sempre que se volva ocupar o posto de traballo por unha muller no prazo máximo de dous meses, non se considerará interrompido o período mínimo de permanencia da actividade empresarial e do mantemento do emprego, agás causas xustificadas derivadas da COVID-19 e da declaración do estado de alarma, en que se poderá ter en conta un período maior aos dous meses. En todo caso, a beneficiaria deberá comunicar estas circunstancias ao órgano concedente.

4. No suposto de darse de baixa na actividade económica con anterioridade á finalización do período de permanencia, deberá comunicar esta circunstancia ao órgano concedente no prazo máximo dos 15 días hábiles seguintes á data en que se produza.

5. As beneficiarias deben presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, durante o período de permanencia da actividade e do mantemento do emprego, así como ao seu remate, para os efectos da comprobación da actividade e da súa permanencia como mínimo de dezaoito meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente, a seguinte documentación: a) informe de vida laboral actualizado de todos os códigos de cotización da empresa en que consten todos os contratos vinculados á axuda; b) informe actualizado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social de todas as promotoras ou, de ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela; c) no caso de finalización do período mínimo de permanencia da actividade laboral e do mantemento do emprego, fichas individualizadas de todas as promotoras e traballadoras por conta allea tidas en conta para a concesión da axuda, cos datos dos indicadores de resultado inmediato referidos á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización de dito período, no modelo obrigatorio publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade; así como aqueloutra documentación que lle poida ser requirida co obxecto de realizar as comprobacións e verificacións que se consideren relevantes para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución.

Artigo 25. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución e na normativa xeral de aplicación, en particular nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á perda do dereito ao cobramento, así como ao reintegro total ou parcial das axudas percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade da minoración ou do reintegro serán os seguintes:

a) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas concorrentes para a mesma finalidade ou sometidas ao réxime de minimis que financien as actuacións subvencionadas.

b) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade ou sometidas ao réxime de minimis.

c) Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao corrente de pagamento nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

d) Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao abeiro da liña Emprende, Activa ou ITEF no caso de non cumprir a obriga establecida no artigo 24 de manter a actividade e o emprego durante un período de dezaoito meses, agás cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente e se aproxime de xeito significativo a ela. Para estes efectos, entenderase que se aproxima de xeito significativo ao cumprimento desta obriga cando se manteña a actividade e o emprego durante polo menos doce meses e a beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dezaoito meses salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

Noutro caso, procederá o reintegro total da axuda concedida por todos os conceptos.

e) O incumprimento do compromiso de achegar o acordo ou pacto de conciliación ou, de ser o caso, os acordos de teletraballo darán lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención concedida por ese concepto.

Cando o número de acordos de teletraballo sexa inferior ao tido en conta para a determinación da contía da axuda, procederá a súa minoración ata a contía que corresponda segundo o establecido no artigo 9.3 desta resolución.

f) Nas liñas Emprende, Activa e ITEF, cando se incumpra o compromiso de creación e mantemento de todos os postos de traballo para mulleres tidos en conta para a valoración da solicitude e para a determinación da contía do incentivo, a axuda minorarase adecuándoa ao incentivo que corresponda aos postos de traballo efectivamente xustificados, sempre que o dito incumprimento non supoña unha puntuación inferior á mínima resultante para acceder á axuda de acordo cos criterios e pautas de valoración establecidas no artigo 17 desta resolución, caso en que procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención.

Así mesmo, para o caso de que o dito incumprimento non implique un incentivo inferior ao inicialmente previsto e se manteña unha puntuación non inferior á mínima resultante para acceder á axuda, a contía do incentivo minorarase nun 3 % por cada posto de traballo non xustificado.

Estes mesmos criterios de gradación tamén serán de aplicación durante o período de permanencia mínimo exixido para determinar a contía que, de ser o caso, proceda reintegrar.

g) Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 23, números 5, 7, 8 e 9.

h) Procederá a minoración dun 2% sobre a contía do incentivo percibido no caso de non presentar algunha das follas de indicadores de resultado inmediato da/das traballadora/s por conta allea vinculadas á axuda, agás que este feito se produza por causas alleas á vontade da empresa beneficiaria, o cal deberá acreditar fidedignamente.

3. Ás beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 26. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para a comprobación do cumprimento das condicións das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aqueloutras que determine a súa condición de financiadas con fondos REACT-EU, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 27. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Consello, ambos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1296/2013, (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm. 1303/2013, (UE) núm. 1304/2013, (UE) núm. 1309/2013, (UE) núm. 1316/2013, (UE) núm. 223/2014 e (UE) núm. 283/2014 e a Decisión núm. 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) núm. 966/2012; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020, en particular, a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro).

Tamén é de aplicación a seguinte normativa europea: Regulamento (UE) núm.2020/558, do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos Fondos Estruturais e de Inversión Europeos en resposta ao brote da COVID-19; Regulamento (UE) núm. 2020/460, do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus) e Regulamento (UE) 2020/2221, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE).

Así mesmo, terase en conta o disposto no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 28. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta convocatoria (SI429A), poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal; no teléfono 981 54 53 74; no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal, ou presencialmente.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral de Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file