Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 16 de xullo de 2021 Páx. 36481

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 109/2021, do 15 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, fundamentada nos criterios de eficacia e economía que inspiran a actuación e a organización administrativa. Pola súa parte, o Decreto 129/2020, do 17 de setembro, establece os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, fixando aqueles órganos que, pola súa importancia e natureza, quedan adscritos funcionalmente á Presidencia.

O artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece que os decretos de estrutura determinarán os distintos órganos de dirección, as competencias e as funcións que deles dependen e, en particular, os postos con rango de subdirección xeral e xefatura de servizo. Procede neste momento desenvolver esta estrutura orgánica superior ata o nivel de xefatura de servizo nun texto único que regule conxuntamente e de forma unitaria a estrutura orgánica e as correspondentes funcións dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta, tendo como premisas os criterios de máxima eficacia e economía na organización administrativa.

Queda recollida no presente decreto a adscrición da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en virtude do previsto na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e de acordo co disposto no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Neste marco, o decreto incorpora as modificacións derivadas dos cambios normativos operados nos ámbitos competenciais dos órganos dependentes da Presidencia e introduce, en consecuencia, como principal novidade unha reestruturación das unidades administrativas que dependen da Secretaría Xeral da Emigración. En particular, para a xestión das competencias derivadas da entrada en vigor da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, e da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, é un instrumento necesario e axeitado para servir o interese xeral e ten como premisas os criterios de eficacia e economía na organización administrativa. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o desenvolvemento da estrutura orgánica, coa regulación imprescindible para atender esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.

O presente decreto tramitouse de conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Organización xeral da Presidencia da Xunta de Galicia

Artigo 1. Estrutura

1. Dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo os seguintes órganos superiores e de dirección:

a) Secretaría Xeral da Presidencia. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

b) Secretaría Xeral de Medios. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral de Comunicación.

c) Secretaría Xeral da Emigración.

d) Secretaría Xeral para o Deporte.

2. Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, nos termos previstos no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea esta e se aproban os seus estatutos.

3. Quedan adscritos aos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, segundo o disposto nas súas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, creado polo Decreto 276/1999, do 21 de outubro, á Secretaría Xeral de Medios.

b) O Consello de Comunidades Galegas, regulado pola Lei 7/2013, do 13 de xuño, e polo Decreto 11/2015, do 6 de agosto, á Secretaría Xeral da Emigración.

c) O Comité Galego de Xustiza Deportiva, regulado pola Lei 3/2012, do 2 de abril, e polo Decreto 120/2013, do 24 de xullo, á Secretaría Xeral para o Deporte.

d) A Comisión Galega de Control da Violencia, creada pola Lei 3/2012, do 2 de abril, á Secretaría Xeral para o Deporte.

e) A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, creada pola Lei 3/2012, do 2 de abril, á Secretaría Xeral para o Deporte.

f) A Comisión galega de avaliación do alto nivel deportivo, do alto rendemento deportivo e do rendemento deportivo, regulada polo Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia, á Secretaría Xeral para o Deporte.

CAPÍTULO II

Secretaría Xeral da Presidencia

Sección 1ª. Atribucións e estrutura da Secretaría Xeral da Presidencia

Artigo 2. Atribucións

1. A Secretaría Xeral da Presidencia configúrase como órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de apoio e asesoramento técnico á Presidencia da Xunta de Galicia, e correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) Prestar asistencia técnica, apoio e asesoramento á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia en todo o que lle requira.

b) As funcións ordinarias de despacho que lle son propias, actuando nos asuntos xerais como órgano de comunicación coas consellerías, entidades e organismos que teñan relación coa Presidencia, así como as que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

c) Exercer a coordinación dos órganos adscritos á Secretaría Xeral da Presidencia, sinalados no artigo único, letra a), punto 1, do Decreto 129/2020, do 17 de setembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

d) A coordinación das actividades de protocolo e relacións públicas da Presidencia e da Casa de Galicia en Madrid.

e) A elaboración de estudos e informes para a Presidencia da Xunta.

f) A coordinación dos asuntos xerais da Presidencia da Xunta que así o precisen.

g) A coordinación da elaboración dos orzamentos da Presidencia da Xunta.

h) A xestión do persoal da Presidencia da Xunta nos termos establecidos no presente decreto.

i) A elevación e defensa dos asuntos da Presidencia da Xunta na Comisión de Secretarios Xerais e o apoio á persoa titular da Presidencia no sometemento daqueles ao Consello da Xunta.

j) A xestión da documentación da Presidencia.

k) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral da Presidencia.

l) As funcións recollidas nas disposicións adicionais do presente decreto.

m) Aqueloutras que lle asigne o órgano competente ou que lle atribúa o ordenamento xurídico.

2. A Secretaría Xeral da Presidencia exercerá as competencias e funcións establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 26.5 da mesma lei.

3. A Secretaría Xeral da Presidencia poderá reclamar das consellerías e do resto dos órganos superiores e de dirección da Xunta de Galicia cantos informes, datos e documentos considere precisos para o exercicio das funcións que ten encomendadas.

Artigo 3. Estrutura

1. Para o cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral da Presidencia estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral.

1.1. Servizo de Persoal e Asesoramento.

1.2. Servizo de Apoio Técnico.

1.3. Servizo de Planificación, Análise e Xestión Económica.

2. Departamento de Protocolo.

3. Casa de Galicia en Madrid.

4. Asesoría Xurídica.

5. Intervención Delegada.

2. Queda adscrita á Secretaría Xeral da Presidencia a Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

Artigo 4. Vicesecretaría Xeral

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia, correspóndenlle á Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, as seguintes funcións:

a) A coordinación e apoio na dirección e xestión da actividade da Secretaría Xeral, así como a execución dos proxectos, dos obxectivos ou das actividades que lle sexan asignados pola persoa titular da Secretaría Xeral.

b) O asesoramento e realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral.

c) A elaboración, por requirimento da persoa titular da Secretaría Xeral, de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos a estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos.

d) A xestión da correspondencia de particulares que se dirixan á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

e) A coordinación da elaboración do anteproxecto do orzamento de gastos da Presidencia da Xunta de Galicia, a elaboración do anteproxecto de orzamentos de gastos da Secretaría Xeral da Presidencia, así como o seguimento e control da súa execución.

f) A programación das necesidades de persoal da Presidencia, en colaboración cos distintos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia, a coordinación da elaboración da relación de postos de traballo e a xestión do persoal adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia, que inclúe a xestión económica e habilitación de pagamentos relativos ao capítulo I.

g) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

h) O réxime interior, a asistencia técnica, a xestión dos medios materiais, a coordinación administrativa e outras funcións de contido administrativo que lle atribúa a persoa titular da Secretaría Xeral, así como a sinatura dos actos e asuntos de trámite de competencia da persoa titular da Secretaría Xeral.

i) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios Xerais e coordinación e seguimento dos asuntos da Presidencia que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia.

j) A tramitación das publicacións dos órganos dependentes da Presidencia ante a Comisión Permanente de Publicacións.

k) A remisión ao Diario Oficial de Galicia de disposicións e actos do ámbito da Secretaría Xeral da Presidencia.

l) A coordinación da seguridade da información, así como a coordinación e o impulso das actuacións relacionadas co desenvolvemento da Administración dixital, no ámbito dos órganos dependentes da Presidencia.

m) A coordinación das atribucións e funcións relativas á protección de datos no ámbito da Presidencia, segundo o previsto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e na normativa de desenvolvemento.

n) A coordinación dos asuntos relativos á aplicación da normativa de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

ñ) A coordinación da tramitación das queixas e suxestións recibidas no ámbito da Presidencia, así como da emisión de informes por petición da Oficina de Defensa das Persoas Usuarias dos Servizos Públicos.

o) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención ou recusación, en todas as materias de índole administrativa e orzamentaria que sexan da súa competencia.

p) A coordinación e dirección das xefaturas de servizo en que se estrutura a Vicesecretaría Xeral, no desenvolvemento das competencias específicas que teñan atribuídas, e poderáselle encomendar por razón da súa competencia calquera outra función para a execución dos proxectos, obxectivos e actividades da Vicesecretaría.

q) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que por razón da súa competencia lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas unidades que se recollen nos artigos 5, 6 e 7, con nivel orgánico de servizo, ás cales corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as que se sinalan nos seguintes artigos.

Artigo 5. Servizo de Persoal e Asesoramento

Son funcións deste servizo:

a) A coordinación da xestión do persoal da Presidencia, a tramitación dos expedientes administrativos relativos a este persoal, así como a xestión do orzamento de gastos do capítulo I, efectuando os trámites dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento, das modificacións orzamentarias, así como a habilitación de pagamentos.

b) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral da Presidencia.

c) O asesoramento en materia de estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión, así como a elaboración da proposta de relacións de postos de traballo dos órganos dependentes da Presidencia.

d) Aqueloutras funcións que no seu ámbito lle sexan asignadas.

Artigo 6. Servizo de Apoio Técnico

Son funcións deste servizo:

a) O asesoramento e realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico nas materias que lle sexan encomendadas, así como na elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral tramitados polos órganos dependentes da Presidencia, de acordo co previsto no artigo 40 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) A preparación dos expedientes dos órganos dependentes da Presidencia que deban ser obxecto de estudo na Comisión de Secretarios Xerais.

c) O desenvolvemento das tarefas relativas á asistencia técnica prestada pola Secretaría Xeral á Presidencia da Xunta de Galicia para tramitar as consultas e os ditames de órganos consultivos que lle corresponda solicitar.

d) A asistencia e apoio á persoa titular da Vicesecretaría no desempeño das súas funcións en materia de protección de datos persoais e seguridade da información.

e) Aqueloutras funcións que no seu ámbito lle sexan asignadas.

Artigo 7. Servizo de Planificación, Análise e Xestión Económica

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto do orzamento da Presidencia e o seu seguimento e control.

b) A tramitación dos expedientes de contratación que sexan competencia da Secretaría Xeral da Presidencia, a xestión de investimentos, compras, subministracións e servizos da Secretaría Xeral.

c) A xestión do orzamento de gastos da Secretaría Xeral da Presidencia, efectuando os trámites económicos e administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento, así como a elaboración e tramitación das modificacións orzamentarias, e habilitación de pagamentos, agás o capítulo I.

d) Actuar como órgano estatístico sectorial no ámbito da Presidencia, coordinando a formación de estatísticas nas materias da competencia dos seus órganos dependentes, de acordo co previsto na normativa estatística vixente.

e) A asistencia e o apoio á persoa titular da Vicesecretaría no desempeño das súas funcións en materia de transparencia e atención á cidadanía.

f) Desenvolver as funcións que corresponden á oficina orzamentaria previstas no artigo 50 bis do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

g) O asesoramento e a elaboración de informes en materia de xestión económica e orzamentaria no ámbito da Presidencia.

h) Aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas.

Artigo 8. Departamento de Protocolo

O Departamento de Protocolo desenvolverá, de conformidade cos criterios que lle sexan establecidos pola Secretaría Xeral da Presidencia, e baixo a supervisión do/da xefe/a da Secretaría Técnica da persoa titular da Presidencia da Xunta, as actividades e servizos de protocolo, cerimonial e relacións públicas da Presidencia da Xunta, así como as relacións en materia de protocolo coa Administración xeral do Estado e coas demais administracións públicas.

Correspóndenlle, así mesmo, a elaboración e o desenvolvemento dos programas das actividades da persoa titular da Presidencia da Xunta, de conformidade coas instrucións desta, e a organización das viaxes e misións oficiais que esta realice tanto dentro de España como no estranxeiro.

O/a xefe/a da Secretaría Técnica da persoa titular da Presidencia da Xunta terá encomendada, así mesmo, a supervisión dos servizos xerais de apoio ás actividades da persoa titular da Presidencia da Xunta na residencia oficial de Monte Pío.

O Departamento de Protocolo proverase con persoal eventual.

Artigo 9. Casa de Galicia en Madrid

1. Queda adscrita á Secretaría Xeral da Presidencia a Casa de Galicia en Madrid, sen prexuízo da coordinación cos demais departamentos da Xunta de Galicia na programación das actividades que se poidan desenvolver nela.

2. Na Casa de Galicia en Madrid desenvolveranse principalmente as seguintes actividades:

a) As actividades de protocolo e relacións institucionais tanto do presidente da Xunta como dos demais membros do Goberno ou outros altos cargos da Administración autonómica.

b) O establecemento de relacións cos axentes dos distintos sectores para o fomento da actividade económica e empresarial e do turismo de Galicia, en coordinación coas correspondentes unidades competentes nas ditas materias.

c) A relación coa comunidade galega en Madrid e coas entidades e asociacións galegas nesta comunidade autónoma.

d) As exposicións, actos, presentacións, encontros, conferencias, cursos e calquera outra actividade para o fomento da lingua e da cultura galegas.

e) Actuar como oficina de rexistro para a presentación de documentación pola cidadanía.

f) En xeral, manter relacións cos distintos axentes sociais, empresariais e institucionais que operan en Madrid.

Artigo 10. Asesoría Xurídica

A Asesoría Xurídica, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependerá organicamente da Secretaría Xeral e funcional e xerarquicamente da Asesoría Xurídica Xeral, segundo o previsto no artigo 35 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público.

Artigo 11. Intervención delegada

A Intervención Delegada, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependerá organicamente da Secretaría Xeral e funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Sección 2ª. Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia

Artigo 12. Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia

A Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia exercerá as funcións de asesoramento, asistencia e apoio directo á persoa titular da Presidencia, en coordinación funcional coa persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia e, en concreto, correspóndelle:

a) Prestarlle asesoramento en todos os asuntos e materias que dispoña.

b) Preparar os documentos e informes de índole política ou técnica que sexan necesarios para a súa interlocución e toma de decisións.

c) Solicitar e sistematizar información acerca das iniciativas, programas, plans e actividades das consellerías para os efectos de facilitarlle a coordinación da acción do Goberno.

d) Solicitar das institucións públicas e privadas a información que demande para o exercicio das súas funcións.

e) Prestarlle asistencia para a preparación das súas intervencións no Parlamento de Galicia.

f) Coordinar a elaboración dos seus programas de actividades.

g) Realizar aqueloutras actividades ou funcións que se lle encomenden.

CAPÍTULO III

Secretaría Xeral de Medios

Sección 1ª. Atribucións e estrutura da Secretaría Xeral de Medios

Artigo 13. Atribucións

1. A Secretaría Xeral de Medios é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia encargado de executar a política xeral da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación e audiovisual, e correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A divulgación da acción institucional da Xunta de Galicia e da Presidencia.

b) A xestión das competencias da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación social, comunicación audiovisual, así como o exercicio das recollidas no artigo 34 e no artigo 27, número 31, no que se refire á publicidade, ambos os dous do Estatuto de autonomía de Galicia.

c) A coordinación da política de imaxe e dos contidos da publicidade institucional da Xunta de Galicia, dirixindo e coordinando as actividades que neste sentido se leven a cabo en todos os sectores e medios de comunicación social.

d) A coordinación da transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada na política de imaxe e dos contidos da publicidade institucional da Xunta de Galicia.

e) A proposición e o desenvolvemento da normativa referente a comunicación social e a publicidade.

f) A elaboración, coordinación e seguimento relativo ao manual e normas sobre a identificación corporativa da Xunta de Galicia.

g) O estudo, preparación e tramitación de cantas actuacións correspondan á Xunta de Galicia para o desenvolvemento e efectividade das previsións do artigo 34 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación coa radio, televisión e medios de comunicación social.

h) A realización de estudos e, se é o caso, a súa coordinación sobre materias relativas a todos os sectores da información e medios de comunicación en xeral.

i) As competencias de supervisión, control e protección activa para garantir o cumprimento do previsto na lexislación básica en materia de comunicación audiovisual e, se é o caso, a potestade sancionadora en relación cos servizos de comunicación audiovisual cuxo ámbito de cobertura, calquera que sexa o medio de transmisión empregado, non supere os límites territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) A dotación de infraestruturas no ámbito da comunicación.

k) A implantación de redes propias de comunicación audiovisual radiofónica e televisiva para a prestación de servizos que sexan competencia da comunidade autónoma, de acordo co establecido na Lei 7/2010, de comunicación audiovisual.

l) A dirección e coordinación das actuacións en materia de comunicación audiovisual e multimedia e todos os aspectos que deriven da aplicación destas tecnoloxías no ámbito da comunicación.

m) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

Artigo 14. Estrutura

1. Para o cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Medios estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios.

1.1. Servizo de Estudos e Coordinación de Medios.

1.2. Servizo de Contratación.

2. Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia.

2.1. Servizo de Planificación.

3. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

2. Queda adscrita á Secretaría Xeral de Medios a Dirección Xeral de Comunicación.

Artigo 15. Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral de Medios, a coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Secretaría e a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias.

b) A execución da xestión orzamentaria mediante a tramitación dos correspondentes expedientes de gasto.

c) A supervisión da xestión da habilitación de pagamentos, agás o capítulo I.

d) A xestión e tramitación dos convenios de colaboración con outras administracións públicas, entes de dereito público ou particulares, sempre que non estea expresamente atribuído a outros órganos.

e) A tramitación das axudas e subvencións que sexan competencia da Secretaría Xeral.

f) A xestión e tramitación dos expedientes de contratación administrativa, encargas a medios propios e das encomendas de xestión da Secretaría, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

g) A coordinación administrativa das campañas institucionais e de comunicación da Xunta de Galicia e o control dos convenios e acordos de colaboración das consellerías e organismos públicos cos medios informativos.

h) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que por razón da súa competencia lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas unidades que se recollen nos artigos 16 e 17, con nivel orgánico de servizo, ás cales corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as que se sinalan nos seguintes artigos.

Artigo 16. Servizo de Estudos e Coordinación de Medios

Son funcións deste servizo:

a) O tratamento da información estratéxica para a coordinación das campañas institucionais e de comunicación da Administración xeral da Xunta de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como para a elaboración de informes que permitan a toma de decisións en materia de comunicación institucional.

b) O seguimento da execución dos acordos e convenios de colaboración formalizados pola Xunta de Galicia e polos organismos públicos dependentes dela cos medios informativos, sen prexuízo do control orzamentario que corresponde a cada consellería ou organismo.

c) A xestión orzamentaria da Secretaría Xeral e a xestión e a tramitación dos convenios de colaboración e das axudas e subvencións, así como a habilitación xeral de pagamentos da Secretaría Xeral, agás o capítulo I.

Artigo 17. Servizo de Contratación

Corresponde a este servizo a xestión e a tramitación dos expedientes de contratación, encargas a medios propios e das encomendas de xestión da Secretaría Xeral.

Artigo 18. Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión, planificación, coordinación e asesoramento técnico dos servizos e infraestruturas de comunicación audiovisual que sexan competencia da Xunta de Galicia.

b) A supervisión da actividade inspectora e de comprobación técnica correspondentes ao disposto no artigo 35 do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A elaboración e a redacción de informes, estudos e proxectos técnicos relacionados coa comunicación audiovisual radiofónica e televisiva.

d) A xestión da dotación de infraestrutura á Corporación Radio e Televisión de Galicia, así como a implantación doutros sistemas e servizos soportados polas redes de radiodifusión e televisión públicas, con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia.

e) A tramitación e a supervisión dos proxectos técnicos de radiodifusión e televisión, conforme a normativa autonómica do servizo de comunicación audiovisual televisiva, o artigo 12 do Decreto 102/2012 e as disposicións adicionais sexta e sétima do Real decreto 391/2019, do 21 de xuño, polo que se aproba o Plan técnico nacional da televisión dixital terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital.

f) A dirección e o control das instalacións técnicas de radiodifusión e televisión, así como a asistencia técnica necesaria no referente á comunicación audiovisual.

g) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que por razón da súa competencia lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coa unidade que se recolle no artigo 19, con nivel orgánico de servizo, á cal corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as que se sinalan no seguinte artigo.

Artigo 19. Servizo de Planificación

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración de informes técnicos nas materias da súa competencia.

b) A planificación e a coordinación da rede de extensión de cobertura da televisión dixital terrestre da cal resulte titular a Administración autonómica, así como as redes de comunicación audiovisual titularidade do sector público autonómico.

c) A supervisión e comprobación dos compromisos das licenzas de comunicación audiovisual e a coordinación e execución das actuacións de inspección e de comprobación técnica correspondentes ao disposto nos artigos 13 e 35 do Decreto 102/2012.

Artigo 20. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de propostas normativas referentes ao ámbito da comunicación audiovisual radiofónica e televisiva, dentro das competencias da Xunta de Galicia.

b) Asesorar, elaborar informes xurídico-administrativos e formular propostas por petición da Secretaría Xeral en relación cos servizos de comunicación audiovisual.

c) Asesorar, elaborar informes xurídico-administrativos e formular propostas en relación coas actuacións en materia de imaxe institucional e identificación corporativa da Xunta de Galicia que correspondan á Secretaría Xeral.

d) O control e a xestión dos procedementos de autorizacións e licenzas dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual.

e) A xestión e a tramitación dos negocios xurídicos que afecten os servizos de comunicación audiovisual que operen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A xestión e a tramitación dos expedientes sancionadores en materia de servizos de comunicación audiovisual cuxo ámbito de cobertura non exceda os límites territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) A xestión do Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual.

h) A coordinación e o seguimento dos plans estratéxicos en que participe a Secretaría Xeral.

i) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral, así como a elaboración do cadro anual de vacacións e informe da concesión de permisos e licenzas, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia nos termos previstos na normativa aplicable.

j) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral de Medios, incluídas aquelas relacionadas coa transparencia.

k) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral de Medios, sempre que non sexa función doutra unidade.

l) Colaborar en todos aqueles asuntos relativos á comunicación audiovisual que afecten outros departamentos da Xunta de Galicia.

m) O seguimento da aplicación do manual e das normas sobre a identificación corporativa da Xunta de Galicia e participación nos órganos colexiados con competencias en materia de imaxe, comunicación e publicacións.

n) En xeral, prestar asistencia xurídico-administrativa e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

Sección 2ª. Dirección Xeral de Comunicación

Artigo 21. Dirección Xeral de Comunicación

1. A Dirección Xeral de Comunicación, como órgano de dirección, exercerá as seguintes funcións:

a) A supervisión e a coordinación da política informativa e de comunicación da Xunta de Galicia.

b) A execución da política informativa e de comunicación da Presidencia da Xunta.

c) A relación cos medios informativos en todas as materias de comunicación que afecten a Presidencia da Xunta de Galicia.

d) A coordinación dos servizos de comunicación dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico.

e) A coordinación da comunicación interdepartamental da Xunta de Galicia.

f) A coordinación dos contidos ofrecidos pola Xunta de Galicia no eido dixital e das relacións coa cidadanía e institucións nas redes sociais.

g) A xestión dos recursos e medios técnicos en materia de comunicación da Xunta de Galicia.

2. Para o exercicio das súas funcións contará cun departamento de comunicación, que se proverá con persoal eventual.

CAPÍTULO IV

Secretaría Xeral da Emigración

Artigo 22. Atribucións

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de Emigración e Retorno e, en particular:

a) As relacións e apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.

b) A promoción de medidas que favorezan o retorno a Galicia dos galegos residentes no exterior e faciliten a súa integración na sociedade galega.

c) O Rexistro de Galeguidade e o Asento de Galegas e Galegos do Exterior.

d) A representación e a participación nos órganos e foros relacionados coas políticas de emigración e retorno que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

e) A coordinación dos órganos de participación das comunidades galegas e, en particular, do Consello de Comunidades Galegas e da súa Comisión Delegada.

f) A execución das previsións contidas no capítulo V do título II da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, e en particular a adopción de medidas para facilitar o retorno e o asentamento das persoas galegas retornadas.

g) As previstas na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia, concretamente as previsións dos artigos 53 e 54, así como os artigos 110 e 111.

h) As atribuídas á Comunidade Autónoma na Lei 40/2006, do 14 de decembro, do Estatuto da cidadanía española no exterior, e en particular as que melloren o benestar social e a calidade de vida da cidadanía galega no exterior.

i) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

j) En xeral, e como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma no ámbito da emigración e do retorno, as recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Artigo 23. Estrutura

Para o cumprimento das súas funcións a Secretaría Xeral da Emigración estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais.

1.1. Servizo de Xestión Orzamentaria e Réxime Interior.

1.2. Servizo de Apoio Técnico-Xurídico e Contratación.

1.3. Servizo de Programas Sociais

2. Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas.

2.1. Servizo de Promoción das Entidades Galegas.

2.2. Servizo de Relacións coa Emigración.

3. A Subdirección Xeral do Retorno.

3.1. Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno.

Artigo 24. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

1. Corresponden á Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais as seguintes funcións:

a) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención ou recusación, en todas as materias de tramitación administrativa e orzamentaria que sexan competencias desta.

b) A asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración en todos os asuntos que esta lle encomende.

c) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos, así como aqueles outros estudos e informes de carácter técnico nas materias competencia do departamento que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral.

d) A coordinación de todas as unidades administrativas da secretaría xeral para efectos administrativos, orzamentarios e de programas e instrumentos de planificación, sen prexuízo das competencias de cada unidade administrativa.

e) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral e a coordinación destes traballos entre os servizos existentes. O seguimento e control do orzamento e a avaliación dos distintos programas de gastos da Secretaría Xeral da Emigración.

f) A dirección da organización do rexistro e a coordinación con outros rexistros, sen prexuízo das competencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. Todos os aspectos relacionados co réxime interno e asuntos xerais da Secretaría Xeral da Emigración, sen prexuízo das competencias doutros órganos, e a organización do seu arquivo.

g) A contratación administrativa, o seu seguimento e control. A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Secretaría Xeral da Emigración, sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas outros órganos.

h) A tramitación administrativa das convocatorias dos programas de axudas e subvencións, así como dos convenios e protocolos de colaboración que se subscriban con outras consellerías, entidades, centros galegos, persoas físicas e xurídicas e o control dos fondos transferidos.

i) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral da Emigración, así como a elaboración do cadro anual de vacacións e do informe da concesión de permisos e licenzas do persoal, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia nos termos previstos na normativa aplicable.

j) A remisión das disposición oficiais ou actos da Secretaría Xeral da Emigración ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais, así coma a remisión a bases de datos e rexistros oficiais en que deban constar por imperativo normativo.

k) A tramitación dos procedementos de reintegro por proposta das unidades que xestionan as subvencións e a instrución dos procedementos sancionadores.

l) O asesoramento, o apoio técnico e a coordinación do Consello de Comunidades Galegas, da Comisión Delegada e doutros órganos de consulta e asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma, de acordo co previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

m) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral en materia de política social a favor da cidadanía galega no exterior.

n) A elaboración de programas sociais e de axudas que melloren o benestar social e a calidade de vida da cidadanía galega no exterior, corrixindo aquelas desigualdades que poidan existir entre mulleres e homes.

o) A elaboración de propostas de disposicións normativas, estudos, informes e os programas necesarios para a execución da política en relación coa cidadanía galega no exterior.

p) A colaboración coas delegacións da Xunta de Galicia no exterior e coas oficinas de información e asesoramento en materia de programas sociais e asistenciais á cidadanía galega no exterior.

q) A coordinación e dirección das xefaturas de servizo en que se estrutura a subdirección xeral, no desenvolvemento das competencias específicas que teñan atribuídas, e poderáselle encomendarlle por razón da súa competencia calquera outra función para a execución dos proxectos, obxectivos e actividades da subdirección.

r) A dirección e a coordinación da Oficina de Información da Secretaría Xeral da Emigración no desenvolvemento das competencias específicas que teña atribuídas.

s) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para o exercicio das súas funcións contará coas unidades recollidas nos artigos 25, 26 e 27, con nivel orgánico de servizo, ás cales corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as sinaladas nos seguintes artigos.

Artigo 25. Servizo de Xestión Orzamentaria e Réxime Interior

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión económica, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias e habilitación de pagamentos, agás os relativos ao capítulo I.

b) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral da Emigración, así como o seguimento da súa execución orzamentaria.

c) A xestión dos asuntos relativos ao rexistro, ás tarefas de arquivamento e ás funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral da Emigración.

d) A xestión da oficina de información da Secretaría Xeral da Emigración no desenvolvemento das competencias específicas que teña atribuídas.

Artigo 26. Servizo de Apoio Técnico-Xurídico e Contratación

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) Asistir ás unidades da Secretaría Xeral da Emigración na preparación de todo tipo de documentos administrativos e propostas normativas, así como formular os borradores e anteproxectos de iniciativas normativas que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración en execución das súas atribucións.

b) As funcións inherentes á preparación, licitación e adxudicación dos expedientes de contratación competencia da Secretaría Xeral da Emigración, así como as súas modificacións.

c) O asesoramento previo e a tramitación administrativa dos convenios, acordos e protocolos de colaboración que se subscriban, así como das convocatorias de programas de axudas e subvencións nas materias competencia da Secretaría Xeral.

d) O asesoramento, no relativo ao apoio técnico e á coordinación, do Consello de Comunidades Galegas e da súa Comisión Delegada, así como doutros órganos de consulta e asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A remisión das disposición oficiais ou actos da Secretaría Xeral da Emigración ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais.

Artigo 27. Servizo de Programas Sociais

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A proposta, articulación e deseño das medidas de actuación e dos programas de axudas en materia socioasistencial tendentes á mellora da calidade de vida das persoas galegas residentes fóra de Galicia.

b) A xestión dos programas de axudas de carácter socioasistencial e para a promoción social, ocupacional e formación profesional e empresarial da cidadanía galega no exterior.

c) A promoción e o desenvolvemento de actividades culturais e de tempo libre dirixidas á mocidade galega do exterior para reforzar os seus vínculos con Galicia, así como o fomento da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia.

d) A xestión dos programas e axudas de carácter social destinados ás persoas emigrantes galegas e aos seus descendentes.

e) A elaboración dos estudos, informes e a xestión dos programas que lle sexan encomendados, así como a promoción da publicación de traballos e investigacións que sexan convenientes para un maior achegamento entre Galicia e as persoas emigrantes galegas residentes no exterior.

Artigo 28. Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas

1. Corresponden á Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas as seguintes funcións:

a) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración no eido das relacións institucionais coas entidades galegas asentadas no exterior.

b) A elaboración de propostas de disposicións normativas, estudos, informes e programas necesarios para a execución da política en relación coas entidades galegas, relativas a materias propias desta subdirección xeral.

c) A xestión administrativa dos programas, das axudas e das subvencións destinados ás entidades galegas no exterior nas áreas asistenciais, formativas e culturais e a preparación de convenios con estas, así como de protocolos de colaboración con outros órganos da Administración.

d) A elaboración de programas orientados á conservación e ao enriquecemento dos fondos patrimoniais, documentais e artísticos e a realización das xestións necesarias para tales fins.

e) A promoción e o desenvolvemento das actividades e programas culturais e de acción solidaria dirixidos á mocidade das entidades galegas no exterior, así como o fomento da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia.

f) A elaboración dos estudos, informes e a xestión de programas que lle sexan encomendados, así como a promoción da publicación de traballos e investigacións que sexan convenientes para un maior achegamento entre Galicia e as entidades galegas no exterior e un mellor coñecemento.

g) A preparación e a xestión dos convenios de colaboración coas distintas administracións públicas, cos seus organismos e demais institucións, persoas físicas e xurídicas que, en relación cos centros e comunidades galegas no exterior, teñan por obxecto a consecución das actividades nos campos social, educativo, formativo e cultural que procedan.

h) A colaboración coas delegacións da Xunta de Galicia no exterior en relación coas entidades galegas asentadas no seu ámbito xeográfico.

i) A dirección e a organización do Rexistro da Galeguidade, a tramitación de altas, baixas, modificacións e a tramitación dos expedientes de recoñecemento e da perda da condición de entidade galega rexistrada.

j) A dirección, coordinación e control da oficina responsable do Asento de Galegos e Galegas do Exterior (Asge), regulado nos artigos 110 e 111 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

k) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que por razón da súa competencia lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para o exercicio das súas funcións contará coas unidades recollidas nos artigos 29 e 30, con nivel orgánico de servizo, ás cales lles corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as sinaladas nos seguintes artigos.

Artigo 29. Servizo de Promoción das Entidades Galegas

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión administrativa dos programas, das axudas e das subvencións destinados ás entidades galegas no exterior nas áreas asistenciais, formativas e culturais e a preparación de convenios con estas, así como de protocolos de colaboración con outros órganos da Administración.

b) A elaboración de programas orientados á conservación e ao enriquecemento dos fondos patrimoniais, documentais e artísticos e a realización das xestións necesarias para tales fins.

c) A promoción e o desenvolvemento das actividades e programas culturais e de acción solidaria dirixidos á mocidade das entidades galegas no exterior, así como o fomento da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia.

d) A elaboración dos estudos, informes e a xestión de programas que lle sexan encomendados, así como a promoción da publicación de traballos e investigacións que sexan convenientes para un maior achegamento entre Galicia e as entidades galegas no exterior.

e) A preparación e a xestión dos convenios de colaboración coas distintas administracións públicas, os seus organismos e demais institucións, persoas físicas e xurídicas que, en relación cos centros e comunidades galegas no exterior, teñen por obxecto a consecución das actividades nos campos social, educativo, formativo e cultural que procedan.

f) A colaboración coas delegacións da Xunta de Galicia no exterior en relación coas entidades galegas asentadas no seu ámbito xeográfico.

Artigo 30. Servizo de Relacións coa Emigración

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A xestión e o mantemento da oficina responsable do Asento de Galegos e Galegas do Exterior (Asge), regulado nos artigos 110 e 111 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

b) O apoio á elaboración e proposta de normativa que desenvolva ou regule as funcións relacionadas co Asento de Galegos e Galegas do Exterior (Asge).

c) A asistencia á cidadanía galega no exterior para a súa relación coa Administración autonómica a través de medios electrónicos.

d) O seguimento das solicitudes de acceso ao Asento de Galegos e Galegas do Exterior (Asge) e a supervisión da súa actualización.

e) O apoio á difusión de información dos programas da Secretaría Xeral da Emigración en prol das persoas emigrantes galegas residentes no exterior e os seus descendentes.

f) A xestión e custodia do Rexistro da Galeguidade, tramitación de altas, baixas, modificacións e tramitación dos expedientes de recoñecemento e da perda da condición de entidade galega rexistrada.

g) Aqueloutras que, pola materia que desenvolve, lle sexan encomendadas.

Artigo 31. Subdirección Xeral do Retorno

1. Corresponden á Subdirección Xeral do Retorno as seguintes funcións:

a) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral no eido das políticas de retorno dirixidas ás persoas emigrantes galegas e á súa familia residentes no exterior.

b) A elaboración de propostas de instrumentos de planificación en materia de retorno e de disposicións normativas e dos programas necesarios para a execución destas políticas.

c) A ordenación e planificación das medidas e programas de atención ás persoas retornadas e ás súas familias. As propostas e execución de liñas de axudas, subvencións e convenios de colaboración relativos á política de retorno en Galicia e, en especial, á consecución da integración social, educativa e laboral das persoas emigrantes retornadas e das súas familias.

d) Promover, participar e colaborar na xestión e coordinación dos programas destinados ás persoas emigrantes retornadas que se desenvolvan nos distintos ámbitos, como o sanitario, o educativo, a vivenda, o laboral e calquera outro relativo á efectividade dos seus dereitos.

e) A xefatura, a coordinación e a dirección das oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno, no desenvolvemento das funcións previstas na Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia.

f) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para o exercicio das súas funcións contará coa unidade recollida no artigo 32, con nivel orgánico de servizo, á cal lle corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as sinaladas no seguinte artigo.

Artigo 32. Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A preparación e a execución de programas, das axudas, das subvencións e dos convenios de colaboración que, en favor das persoas emigrantes retornadas e das súas familias, estableza a Secretaría Xeral da Emigración.

b) A elaboración de estudos, informes e propostas de actuación derivados da participación da Secretaría Xeral da Emigración nos órganos e foros relacionados co retorno.

c) Asistir a persoa titular da Subdirección Xeral do Retorno na elaboración dos instrumentos de planificación en materia de retorno, das disposicións normativas e dos programas necesarios para a execución destas políticas en Galicia.

d) A coordinación funcional coas oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno no desenvolvemento das competencias específicas que teñan atribuídas.

CAPÍTULO V

Secretaría Xeral para o Deporte

Artigo 33. Atribucións

A Secretaría Xeral para o Deporte é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden a elaboración, a proposta e a execución da política do Goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal ou regulamentariamente atribuídas.

En particular, correspóndenlle á Secretaría Xeral para o Deporte:

a) O deseño, programación, desenvolvemento e execución da política deportiva de Galicia.

b) A promoción e a difusión da actividade física e do deporte, con especial atención á promoción da igualdade entre homes e mulleres, actuando, se é o caso, en colaboración con outras administracións e entidades públicas e privadas.

c) O apoio e a promoción das asociacións deportivas, sempre que o seu ámbito de actuación non exceda o propio da Comunidade Autónoma.

d) O estudo e a planificación das liñas de actuación no ámbito das infraestruturas deportivas.

e) A promoción e a execución de infraestruturas de titularidade municipal mediante convenios de colaboración coas administracións locais. A colaboración coas administracións locais e coas entidades deportivas a través de axudas e subvencións nos ámbitos das infraestruturas e da adquisición de equipamentos.

f) En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlles a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

g) A xestión das prestacións e programas en materias propias da Secretaría Xeral, así como a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade física e deportiva e da infraestrutura deportiva galega.

h) A promoción e a difusión do deporte galego nos ámbitos supraautonómicos.

i) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

j) En xeral, e como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma no ámbito deportivo, as recollidas na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 34. Estrutura

1. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral para o Deporte estruturarase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Xestión Deportiva.

1.1. Servizo de Contratación e Xestión Económica.

1.2. Servizo de Obras Deportivas.

2. Subdirección Xeral de Plans e Programas.

2.1. Servizo de Deporte en Idade Escolar.

3. Servizo Xurídico-Deportivo.

4. Xefaturas de servizo de Deporte da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra.

2. A Secretaría Xeral para o Deporte conta coa Escola Galega do Deporte, á cal corresponderá a formación deportiva no ámbito da Comunidade Autónoma, así como as funcións propias de centro de documentación, investigación, estudo e documentación deportiva, sen prexuízo das atribucións que correspondan á consellería competente en materia de educación e as restantes funcións atribuídas a este órgano pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 35. Subdirección Xeral de Xestión Deportiva

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte en todos os asuntos que lle encomende.

b) A coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral, o seguimento e control deste e a avaliación dos distintos programas de gastos.

c) O rexistro xeral e a coordinación con outros rexistros, sen prexuízo das competencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

d) A coordinación de todas as unidades administrativas da Secretaría Xeral para o Deporte para efectos administrativos e orzamentarios.

e) O seguimento e o control da contratación administrativa.

g) A coordinación e a asistencia técnica dos centros e instalacións deportivas para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

h) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral, así como a elaboración do cadro anual de vacacións e informe da concesión de permisos e licenzas, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia nos termos previstos na normativa aplicable.

i) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral para o Deporte.

j) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención ou recusación, en todas as materias da súa competencia.

k) A coordinación e a dirección das xefaturas de servizo en que se estrutura a Subdirección Xeral, no desenvolvemento das competencias específicas que teñan atribuídas, ás cales pode encomendarlles, por razón da súa competencia, calquera outra función para a execución dos proxectos, obxectivos e actividades da Subdirección.

l) O seguimento das obras realizadas en instalacións propias, así como das correspondentes a convenios de colaboración que se subscriban coas corporacións locais ou outros entes.

m) O seguimento da creación e custodia do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia e a elaboración do Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos.

n) O seguimento e o control da tramitación, concesión e xestión das axudas e subvencións a entidades públicas ou privadas para a construción ou reparación de infraestruturas deportivas ou adquisición de equipamentos deportivos.

2. Para o exercicio das súas funcións contará coas unidades recollidas nos artigos 36 e 37, con nivel orgánico de servizo, ás cales corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as sinaladas nos seguintes artigos.

Artigo 36. Servizo de Contratación e Xestión Económica

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración e coordinación do anteproxecto de orzamentos da Secretaría Xeral, así como o control e seguimento da execución orzamentaria, xestión económica e habilitación de pagamentos, agás o capítulo I.

b) A tramitación e a execución dos expedientes de contratación administrativa.

c) A tramitación, a concesión e a xestión de axudas e subvencións a entidades públicas ou privadas para a construción ou reparación de infraestruturas deportivas ou adquisición de equipamentos deportivos.

d) A tramitación e a execución de convenios que permitan a execución das liñas de actuación da Secretaría Xeral.

Artigo 37. Servizo de Obras Deportivas

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Desenvolver as funcións das oficinas de supervisión de proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que teña ao seu cargo a Secretaría Xeral.

b) O seguimento das obras realizadas en instalacións propias, así como das correspondentes a convenios de colaboración que se subscriban coas corporacións locais ou outros entes.

c) A creación e a custodia do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia.

d) A elaboración do Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia, así como o seguimento dos plans de construción de instalacións deportivas propias.

Artigo 38. Subdirección Xeral de Plans e Programas

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración, o deseño e a execución dos plans de tecnificación deportiva e alto nivel.

b) A elaboración de plans e programas relacionados co ámbito deportivo non competitivo, especialmente relativos á promoción da actividade física no conxunto da sociedade e ao desenvolvemento das funcionalidades económica, social e educativa do deporte.

c) A promoción da investigación académica e científica no ámbito deportivo a través das correspondentes relacións coas universidades, tecido empresarial e outros axentes afectados.

d) A coordinación da actividade deportiva cos plans, programas e actuacións docentes do INEF.

e) A coordinación e dirección das xefaturas de servizo en que se estrutura a Subdirección Xeral, no desenvolvemento das competencias específicas que teña atribuídas, e poderáselles encomendar, por razón da súa competencia, calquera outra función para a execución dos proxectos, obxectivos e actividades da Subdirección.

f) A xestión dos centros de tecnificación deportiva da Xunta de Galicia e a súa coordinación coas federacións deportivas e outras entidades para a súa utilización.

g) No ámbito da competición deportiva oficial, a coordinación das convocatorias de axudas e subvencións e dos convenios e protocolos de colaboración que se subscriban con entidades públicas ou privadas.

h) A coordinación de todas as unidades administrativas da Secretaría Xeral para o Deporte en materia deportiva.

i) A tramitación, concesión e xestión de axudas e subvencións a entidades deportivas para o desenvolvemento da súa actividade deportiva competitiva.

j) A tramitación da axuda á Fundación Deporte Galego.

k) A coordinación e a supervisión das funcións da Escola Galega do Deporte.

l) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, ou cando fose declarada a súa abstención ou recusación, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación, da persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Deportiva.

m) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coa unidade recollida no artigo 39, con nivel orgánico de servizo, á cal lle corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as sinaladas no seguinte artigo.

Artigo 39. Servizo de Deporte en Idade Escolar

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O fomento e a promoción da actividade física e deportiva entre a poboación escolar.

b) A elaboración dos plans e programas relacionados co deporte en idade escolar.

c) A coordinación dos plans de formación realizados desde a Escola Galega do Deporte.

d) A tramitación, a concesión e a xestión de axudas e subvencións a entidades deportivas para o desenvolvemento da súa actividade deportiva.

Artigo 40. Servizo Xurídico-Deportivo

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, asumindo as tarefas derivadas da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

b) A formulación dos borradores e anteproxectos de iniciativas normativas que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte en execución das súas atribucións.

c) O seguimento e control xurídico das entidades deportivas de Galicia e dos plans e programas da Secretaría Xeral.

d) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral para o Deporte.

e) A coordinación das competencias e actuacións derivadas da función inspectora da Administración deportiva.

f) Exercer as funcións de secretario do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

g) Levar o seguimento xurídico dos procesos electorais das federacións deportivas.

h) O cumprimento das obrigas establecidas nas leis de transparencia que afecten a Secretaría Xeral para o Deporte.

i) Aquelas outras funcións que no seu ámbito lle sexan asignadas.

Artigo 41. Xefaturas de servizo de Deporte da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral para o Deporte conta con catro unidades con nivel de xefatura de servizo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, coa denominación de Servizo de Deporte, ás cales corresponderán o fomento do deporte e o desenvolvemento das liñas de actuación da Secretaría Xeral no ámbito territorial da provincia correspondente, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Os servizos de Deporte nos servizos periféricos dependerán funcionalmente da Secretaría Xeral para o Deporte e organicamente do Departamento Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Disposición adicional primeira. Dependencia orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

Os órganos superiores e de dirección regulados neste decreto estarán baixo a dependencia orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, que exercerá respecto deles todas as competencias en materia de persoal e que as xestionará a través da Secretaría Xeral da Presidencia.

Non obstante, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo realizará a través das súas xefaturas territoriais a xestión do persoal que eses órganos superiores teñen nos servizos periféricos.

Disposición adicional segunda. Desconcentración de competencias nas secretarías xerais da Presidencia

1. Quedan desconcentradas nas persoas titulares das secretarías xerais dependentes da Presidencia as seguintes competencias:

a) Administrar os créditos para gastos dos orzamentos do seu centro directivo. Aprobar e comprometer os gastos que non sexan da competencia do Consello da Xunta, recoñecer as obrigas económicas e propor o seu pagamento, e as demais competencias atribuídas ás persoas titulares das consellerías en materia orzamentaria, agás o capítulo I.

b) Todas as facultades que a normativa vixente na materia lles atribúe aos órganos de contratación, así como a formalización de convenios no seu respectivo ámbito competencial.

c) A aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

d) As competencias en materia sancionadora que a normativa lles atribúa ás persoas titulares das consellerías nos procedementos e materias de competencia da respectiva secretaría xeral.

e) A designación de comisións de servizos con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal da respectiva Secretaría Xeral.

2. Queda desconcentrada na persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia a competencia para administrar, aprobar e comprometer os créditos para gastos correspondentes ao capítulo I do orzamento dos órganos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como o recoñecemento das obrigas económicas destes e propor o seu pagamento.

3. Sen prexuízo do anteriormente exposto, os xefes e as xefas territoriais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo poderán autorizar gastos e pagamentos no que concirne aos créditos que sexan desconcentrados para o desenvolvemento de determinadas actividades, respecto dos órganos indicados nesta disposición.

4. As resolucións administrativas ditadas polas persoas titulares das secretarías xerais da Presidencia da Xunta de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, poñen fin á vía administrativa.

Disposición adicional terceira. Integración da igualdade

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Adscrición do persoal ás novas unidades

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, autorízase a persoa titular da Consellería da Presidencia, Xustiza e Turismo para adscribir o persoal afectado ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Organización respecto de postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo en subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente mediante resolución do/da conselleiro/a, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a execución

Autorízase a Secretaría Xeral da Presidencia para ditar as resolucións necesarias para a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil vinte un

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo