Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 19 de xullo de 2021 Páx. 36864

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU232A).

A Constitución española establece un marco competencial en materia de augas que reside principalmente na atribución de competencias exclusivas ao Estado en materia de lexislación, ordenación e concesión de recursos e aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran por máis dunha comunidade autónoma (bacías intercomunitarias) (artigo 49.1.22).

Respectando o anterior, o artigo 27.12 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle competencias exclusivas en materia de aproveitamentos hidráulicos, canais e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 81 do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, establece a obriga de que os usuarios da auga e doutros bens do dominio público hidráulico dunha mesma toma ou concesión estean constituídos en comunidades de usuarios.

O artigo 4.1.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, o control e a tutela das comunidades de usuarios.

No exercicio desta función, a Administración hidráulica de Galicia evidenciou carencias no estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento por algunhas comunidades de usuarios e a escaseza de recursos económicos destas para realizar investimentos que resultan necesarios para prestar un axeitado servizo de abastecemento aos usuarios.

A finalidade perseguida con esta resolución de subvencións é que as comunidades de usuarios de Galicia realicen actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga proporcionada aos membros das ditas comunidades, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Polo que se refire ao ámbito territorial, resulta oportuno que a Administración hidráulica de Galicia dite unha resolución referida a todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da necesaria colaboración entre administracións, para non xerar posibles desigualdades dentro dun mesmo territorio e tendo en conta que en ningún caso se interfire nin se menoscaba a competencia das confederacións hidrográficas no relativo á xestión dos recursos hídricos.

En consecuencia, tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento nas comunidades de usuarios de augas de consumo na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento AU232A).

2. A finalidade das axudas é cofinanciar a mellora na prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano por parte de comunidades de usuarios legalmente establecidas e, con ela, o nivel de garantía deses sistemas en canto á calidade da auga.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

2. Para obteren a condición de beneficiarias, as comunidades de usuarios deberán cumprir, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas como titulares dunha concesión de aproveitamento de augas para consumo humano.

b) Non estar incursas en ningún procedemento sancionador ou de reposición co organismo de bacía correspondente.

c) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Estar ao día nas obrigas que lles sexan de aplicación coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

3. Ningunha comunidade de usuarios poderá presentar máis dunha solicitude ao abeiro desta convocatoria de axudas, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 destinados á mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios solicitantes, a través dalgunha das seguintes intervencións:

a) No ámbito das captacións, serán subvencionables as seguintes actuacións:

1º. Obras de mellora nas arquetas de captación e os seus elementos.

2º. Obras de mellora da protección do pozo de captación.

3º. Instalación de selos sanitarios nos pozos de captación.

4º. Obras para mellorar os perímetros de protección das captacións.

b) No ámbito dos sistemas de tratamento da auga, serán subvencionables as seguintes actuacións:

1º. Obras de mellora nos sistemas de filtración e decantación.

2º. Instalación ou obras de mellora de sistemas de desinfección e de recirculación.

3º. Instalación ou obras de mellora da eficiencia enerxética no tratamento da auga.

c) No ámbito das infraestruturas de almacenamento da auga antes da súa subministración, serán subvencionables as seguintes actuacións:

1º. Instalación ou obras de mellora dos respiradoiros.

2º. Impermeabilización de depósitos.

3º. Instalación ou obras de mellora de rexistros de distribución.

2. En calquera caso, só serán subvencionables as actuacións operativas, é dicir, aquelas que conteñan os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron deseñadas.

3. Non serán subvencionables gastos de execución de novas captacións nin actuacións sobre tomas de auga non amparadas pola correspondente concesión.

4. Non serán subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueres de locais e similares, nin a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.

5. Non será subvencionable a instalación de contadores para a mellora do control dos volumes de auga subministrados por comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano, que teñen unha línea de subvencións específica.

Artigo 4. Crédito

1. As axudas reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6568 (subvencións de capital a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, proxecto de gasto de axudas para as melloras de pequenos abastecementos no ámbito rural e apoio ás comunidades de usuarios, cunha dotación de cincocentos mil euros (500.000,00 €) distribuída nas seguintes anualidades:

2021: 100.000,00 €.

2022: 400.000,00 €.

2. O crédito indicado no punto anterior distribuirase nos seguintes grupos:

a) O 40 % do importe irá destinado a mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento en comunidades de usuarios de ata 50 membros.

b) O 60 % do importe irá destinado a mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento en comunidades de usuarios de 51 ou máis membros.

No caso de que o importe total subvencionado nalgún dos dous grupos non acade o límite porcentual indicado, a dotación orzamentaria prevista acumularase ao previsto para o outro grupo.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das axudas

1. O importe das axudas para mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de quince mil euros (15.000,00 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido no artigo 4.

2. O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios.

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. A comunidade de usuarios beneficiaria estará obrigada a comunicarlle ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

O incumprimento do previsto neste artigo determinará a aplicación do previsto no artigo 23 desta resolución, referido ao incumprimento de obrigas.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

2. No dito formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención apoderou a persoa que asina para presentar a solicitude e demáis documentos exixidos nesta resolución de convocatoria ou que a dita facultade resulta dos estatutos da comunidade.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

d) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiaria se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que a entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles en que se vai desenvolver a actuación cuxa subvención se solicita.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración responsable emitida e asinada electronicamente no modelo de anexo II desta resolución na que se faga constar:

1º. O acordo da asemblea xeral da comunidade de usuarios polo que se aproba participar nesta convocatoria de subvencións, o nomeamento da persoa representante para as súas relacións con Augas de Galicia e o compromiso de financiar o 20 % do investimento total da intervención por parte da comunidade de usuarios.

2º. O número de comuneiros da comunidade de usuarios, detallando as incorporacións producidas nos últimos cinco anos.

3º. A relación de actividades comerciais ou públicas, entendendo como tales actividades as recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, pola que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 e as que se desenvolvan en centros educativos, sanitarios, culturais e sociais.

4º. O importe das cotas que pagan anualmente os membros da comunidade de usuarios.

5º. Organismo de bacía que resolveu a concesión do aproveitamento de auga.

b) Memoria valorada asinada electronicamente da intervención que se vai realizar co seguinte contido mínimo para posibilitar a valoración da solicitude con relación aos criterios establecidos no artigo 16:

1º. Descrición xeral do sistema de abastecemento que inclúa, polo menos, a localización das captacións, tratamentos e depósitos existentes, así como a xustificación, se é o caso, da inexistencia de alternativas de abastecemento a través doutras redes municipais ou veciñais.

2º. Memoria descritiva das obras ou do equipamento, indicando en que actuación subvencionable se encadra, que inclúa a explicación da necesidade do proxecto e os obxectivos que pretenden conseguir coa súa execución.

3º. Plano ou esquema indicando a localización da actuación subvencionable.

4º. Planos e/ou fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.

5º. Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e as cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación. No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.

c) Resolución da concesión de aproveitamento de auga para consumo humano a favor da comunidade de usuarios.

d) Informe do organismo de bacía acreditativo de que a entidade solicitante non esta incursa en ningún procedemento sancionador ou de reposición.

e) Certificación do concello ou, se é o caso, da entidade concesionaria do servizo de augas correspondente, sobre a viabilidade da conexión a outras redes de abastecemento.

f) Outra documentación acreditativa do cumprimento dos criterios de puntuación sinalados no artigo 16.

A falta de presentación da documentación indicada nas letras a), b), c) e d) poderá ser obxecto de requirimento de emenda aplicándose o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 11 desta resolución sobre comprobación de datos.

A falta de presentación da documentación indicada nas letras e) e f) desta epígrafe non será emendable, tramitándose a solicitude sen que se poidan outorgar os puntos correspondentes de acordo cos criterios e baremos do artigo 16 desta resolución.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publícas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das comunidades de usuarios interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Toda a documentación achegada pola comunidade de usuarios no marco deste procedemento de subvencións poderá servir para a comprobación e/ou actualización do libro do Rexistro de augas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da comunidade autónoma.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante.

e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Resolución da concesión de aproveitamento de auga para consumo humano a favor de comunidades de usuarios que se atopen dentro do ámbito territorial da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

As comunidades de usuarios que pertenzan ao ámbito territorial doutras demarcacións hidrográficas cuxo ámbito territorial estea dentro da Comunidade Autónoma de Galicia deberán achegar xunto coa solicitude, a resolución da concesión de aproveitamento de auga, por ser un documento imprescindible para a tramitación da solicitude da axuda.

h) Procedementos sancionadores ou de reposición tramitados por Augas de Galicia, no caso de comunidades de usuarios que se atopen dentro do ámbito territorial da demarcación Galicia-Costa.

As comunidades de usuarios que pertenzan ao ámbito territorial doutras demarcacións hidrográficas cuxo ámbito territorial estea dentro da Comunidade Autónoma de Galicia deberán achegar xunto coa solicitude, informe do organismo de bacía correspondente acreditativo de que a entidade solicitante non esta incursa en ningún procedemento sancionador ou de reposición por ser un documento imprescindible para a tramitación da solicitude da axuda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se conceden.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Secretaría Xeral de Augas de Galicia, que realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá ao solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, considerarase que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan toda a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á Comisión de Valoración.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico e a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro de Augas de Galicia.

c) Secretaría: a persoa titular da Secretaría Xeral de Augas de Galicia.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e no cal conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquirir a condición de beneficiarias, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, indicando as causas desta inadmisión.

A proposta de resolución proporá a concesión das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán, de xeito individualizado, as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, ordenadas segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa concesión superaría o importe do crédito dispoñible poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de producirse algunha non aceptación ou renuncia e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. O órgano instrutor emitirá un informe en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes, que poderán obter un máximo de 69 puntos no caso de ter ata 50 membros, e de 81 puntos se teñen 51 ou máis membros:

a) Número de comuneiros da comunidade de usuarios:

Este criterio puntuarase cun máximo de 15 puntos. A puntuación distribuirase do seguinte xeito:

Máis de 200 membros: 15 puntos.

Entre 151 e 200 membros: 12 puntos.

Entre 101 e 150 membros: 9 puntos.

Entre 51 e 100 membros: 6 puntos.

Entre 10 e 50 membros: 3 puntos.

Menos de 10 membros: 0 puntos.

b) Tendencia de crecemento, que se avaliará a través das incorporacións de novos membros nos últimos 5 anos.

Outorgarase un punto por cada incorporación de novos membros nos últimos cinco (5) anos, cun máximo de 10 puntos.

c) Proporcionar auga de consumo para algunha actividade comercial ou pública, con independencia do volume medio diario de auga subministrado, e entendendo como tales actividades as recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 e as que se desenvolvan en centros educativos, sanitarios, culturais e sociais. Este criterio valorarase cun máximo de 10 puntos.

Subministración a actividades comerciais ou públicas: 10 puntos.

Non subministración a actividades comerciais ou públicas: 0 puntos.

d) Corresponsabilidade financeira, entendida como as achegas realizadas polos comuneiros da comunidade de usuarios. Este criterio puntuarase cun máximo de 20 puntos, distribuídos da seguinte maneira:

Cota de menos de 50 euros ao ano: 0 puntos.

Cota entre 50 e 80 euros ao ano: 10 puntos.

Cota de máis de 80 euros ao ano: 20 puntos.

e) Uso do galego. A valoración máxima deste criterio será de 5 puntos e considerarase cumprido se a memoria da intervención achegada pola comunidade solicitante recollida no artigo 10.1.b), está redactada en galego.

Memoria valorada da intervención proposta redactada en galego: 5 puntos.

Memoria valorada da intervención proposta non redactada en galego: 0 puntos.

f) Illamento do sistema.

Inviabilidade da súa conexión a sistemas de abastecemento próximos: 10 puntos.

Viabilidade da súa conexión a sistemas de abastecemento próximos: 0 puntos.

g) Xustificación da necesidade da actuación e adecuación da proposta presentada: 10 puntos, que se valorará con base no contido da memoria explicativa recollida no artigo 10.1.b) desta convocatoria.

h) Presentación correcta da solicitude da axuda, sen necesidade de realizar ningún requirimento de emenda: 1 punto.

3. Unha vez valoradas todas as solicitudes pola Comisión de Valoración, se o outorgamento de todas elas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución para cada un dos grupos establecidos no artigo 4.2, no caso de que máis dunha solicitude do mesmo grupo obteña puntuacións idénticas, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios, na orde que se indica:

a) Maior puntuación na letra a) dos criterios de valoración.

b) Maior número de membros da comunidade de usuarios.

c) Data e hora de presentación da solicitude. No suposto de que se lles requirise ás comunidades de usuarios a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por data e hora de entrada da solicitude aquela en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

Artigo 17. Resolución, notificación e recursos

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

3. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos nos artigos 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b), da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 19. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir co obxectivo da axuda e mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento nas comunidades de usuarios de augas de consumo.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. As comunidades de usuarios beneficiarias que realicen os investimentos obxecto de subvención antes do 25 de novembro de 2021 terán de prazo para presentar a correspondente xustificación ata o 1 de decembro de 2021.

2. As comunidades de usuarios beneficiarias que realicen os investimentos obxecto de subvención desde o 26 de novembro de 2021 terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación ata o 30 de xuño de 2022.

3. As entidades beneficiarias deberán achegar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, o anexo III desta resolución, en que expresamente se declara:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

c) Que se cumpriu a finalidade da subvención.

4. Xunto co anexo III deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Memoria explicativa asinada electronicamente do investimento realizado e dos resultados obtidos, que inclúa unha reportaxe fotográfica.

b) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.

c) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

5. A entidade pública empresarial Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

7. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e inspección que xulgue necesarias para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas comunidades de usuarios beneficiarias.

Artigo 23. Incumprimento das obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, a comunidade de usuarios beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

5. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propor os pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file