Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 22 de xullo de 2021 Páx. 37528

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, de apertura de prazo para acreditar a representatividade na Sección de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte por Estrada, do Departamento de Transportes de Viaxeiros, do Comité Galego de Transporte por Estrada.

O Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, dispón no seu artigo 13 que a composición das distintas seccións do comité será revisada cada 4 anos.

Con este motivo, as distintas asociacións que formen parte de cada sección, así como as que desexen entrar no comité, serán convocadas pola Dirección Xeral de Mobilidade no último semestre do cuadrienio, co obxecto de que dentro dun prazo non inferior a un mes xustifiquen a súa representatividade de conformidade coas regras establecidas para o efecto.

Mediante a Resolución do 19 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Mobilidade (DOG núm. 9, do 14 de xaneiro de 2019), convocáronse as asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para que acreditasen a súa representatividade co fin de revisar a composición do Comité Galego de Transporte por Estrada.

Este proceso rematou coa Resolución do 22 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se aprobou a revisión da composición e dos votos dos departamentos de transporte de mercadorías e viaxeiros que integran o Comité Galego de Transporte por Estrada.

Nesta última resolución quedou vacante a Sección de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte por Estrada do Departamento de Transportes de Viaxeiros, por non terse presentado ningunha entidade.

Ao ser de interese que todas as seccións que integran o Comité Galego de Transporte por Estrada teñan a súa representatividade, considérase procedente abrir un prazo extraordinario para que as asociacións que se consideren representativas na Sección de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte por Estrada do Departamento de Transportes de Viaxeiros manifesten a súa vontade ou non de obter representación na devandita sección do Comité Galego de Transporte por Estrada.

Por todo isto,

RESOLVO:

Abrir un prazo de 15 días hábiles, contados desde o día seguinte ao de publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, para que as asociacións profesionais de transportistas e de empresas que se consideren representativas no sector de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada do Departamento de Transportes de Viaxeiros presenten unha solicitude axustada aos requisitos establecidos na resolución desta dirección xeral do 19 de decembro de 2018 (DOG núm. 9, do 14 de xaneiro de 2019) xunto coa documentación que nela se indica.

Os formularios en formato Microsoft Excel e/ou Libre Office poderán descargarse no seguinte enderezo:

http://descargas.xunta.es/fb1b148b-02e1-4aca-9141-7a9e1fb2d1c51626163383418

Contra a presente resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación, de conformidade co disposto no artigo 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade