Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 26 de xullo de 2021 Páx. 37914

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 14 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR342C e TR342A).

No marco do establecido no artigo 40 da Constitución española; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20 para o emprego e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade.

As circunstancias excepcionais resultantes da pandemia provocada polo coronavirus COVID-19 determinan a necesidade de adoptar medidas que contribúan a paliar os efectos desta crise sobre o mercado de traballo da Comunidade Autónoma, a través do impulso á contratación indefinida e a temporal, así como a transformación de contratos temporais en indefinido para os colectivos máis vulnerables.

Tendo en conta as singulares circunstancias e de forma complementaria con estas medidas, procede igualmente revisar as normas reguladoras dos programas establecidos nesta orde de convocatoria; así, o requisito de incremento de emprego tanto fixo como neto no caso das contratacións indefinidas iniciais como temporais e transformación de contratos temporais en indefinidos non será de aplicación ás solicitudes de incentivos á contratación que se realicen ao abeiro desta orde de convocatoria.

Así, a presente convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinados a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal), notificado inicialmente o 27 de marzo de 2020 á Comisión Europea, que, mediante a Decisión da Comisión do 2 de abril de 2020
(C (2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito marco compatibles co mercado interior.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerán as axudas que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e, especialmente, daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade, coa finalidade de paliar os prexuízos derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 sobre o mercado de traballo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2021 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde regula o Plan Galicia emprega de incentivos á contratación por conta allea, á formación e ao emprego con apoio a través de dous programas:

a) Programa I: Incentivos á contratación por conta allea e á formación (código de procedemento TR342C).Inclúe catro tipos de axudas compatibles:

1. Incentivos á contratación indefinida inicial, por medio da cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

2. Incentivos á contratación temporal, por medio da cal se proporcionará unha subvención para a contratación temporal de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

3. Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos só no caso das persoas mozas, mulleres e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

4. Incentivos á formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial e temporal por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

b) Programa II: Emprego con apoio (código de procedemento TR342A).

Consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas, do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro); no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

– Para os incentivos á contratación das mulleres desempregadas, a aplicación orzamentaria 11.04.322C 472.0, código de proxecto 2016 00313, cun crédito de 5.000.000 de euros (fondo finalista).

– Para os incentivos á contratación das persoas mozas, a aplicación orzamentaria 11.04.322C 470.3, código de proxecto 2016 00308, cun crédito de 2.000.000 de euros (1.800.000 euros fondo propio e 200.000 euros fondo finalista).

– Para os incentivos á contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e en situación ou risco de exclusión social, a aplicación orzamentaria 11.04.322C 470.9, código de proxecto 2016 00309, cun crédito de 2.950.000 euros (fondo finalista), e 11.04.322C.481.9, código de proxecto 2016 00309, cun crédito de 500.000 euros (fondo finalista).

– Para os incentivos á contratación de persoas desempregadas de longa duración, a aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.4, código de proxecto 2016 00316, cun crédito de 1.200.000 euros (fondo finalista).

– Para os incentivos á contratación de persoas desempregadas en que a entidade beneficiaria sexa unha entidade sen ánimo de lucro, a aplicación orzamentaria 11.04.322C.481.0, código de proxecto 2016 00313, cun crédito de 500.000 euros (fondo finalista).

Estas contías están recollidas na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2021 adecuado e suficiente no momento da resolución. A concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nestes programas.

2. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais. Os créditos sobrantes dun programa poden ser empregados noutro.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento.

5. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional á porcentaxe do paro rexistrado en cada provincia en 31 de decembro de 2020, segundo os datos de paro rexistrados do Servizo Público de Emprego de Galicia, coas porcentaxes que se indican a continuación: A Coruña: 40 %; Lugo: 10 %; Ourense: 11 % e Pontevedra: 39 %.

No suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, realizarase unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no momento da súa contratación.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa contratación por conta allea estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, doce meses durante os dezaoito meses anteriores á súa contratación.

3. Persoas con discapacidade: aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

4. Para os efectos deste programa, terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

5. Emigrante retornado: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

a) Ser persoa galega e nacida en Galicia.

b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculada a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d) Estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de emigrante retornado non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude.

6. Persoa trans: toda aquela persoa que se identifique cun xénero diferente ao que lle foi asignado ao nacer.

7. Acción formativa: formación que se vai impartir, ben con medios propios da entidade beneficiaria ou ben a través dunha entidade externa ou expertos, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que vai desenvolver na empresa participante no marco do programa.

8. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZPD) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

9. Transformación de contratos temporais en indefinidos. Para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos en que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar o día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal, ao se incorporar á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

10. Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2016-2020 nos grupos ocupacionais segundo a nova Clasificación nacional de ocupacións (CNO-11) publicada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, téñense en conta os grupos ocupacionais que en 2020 reflicten valores de contratación inferiores ao 40 % de representación feminina e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do dito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas nin os centros especiais de emprego.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a xustificación de non estar incursas na prohibición contida no número 3.e) anterior poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO II

Normas comúns de procedemento

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos normalizados de solicitude que figuran como anexos (anexo I e anexo I-A) xunto coa documentación e o prazo establecido para cada tipo de programa.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

2. O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2021.

3. As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2020 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola cal se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

5. Os prazos intermedios establecidos nos anteriores parágrafos non serán de aplicación no Programa de emprego con apoio. Neste programa o prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde e rematará o 30 de setembro de 2021, respectando, en todo caso, o establecido no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que dispón que o prazo de presentación de solicitudes en ningún caso será inferior a un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

7. Para presentar as solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días e indicaráselle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no titulo I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

O órgano instrutor dos expedientes para os dous programas será o Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Emprego e Igualdade competente por razón do territorio, que instruirá os procedementos de acordo cos criterios establecidos para os ditos programas.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Procedemento de concesión e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola cal se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, á xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade competente por razón do territorio.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas para a contratación indefinida inicial, temporal e transformación de contratos temporais en indefinidos son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. As subvencións previstas para a formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial dunha anualidade correspondente ao contrato que se subvenciona e deberán respectar os límites establecidos no Marco nacional temporal relativo as medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, aprobado pola Decisión da Comisión Europea SA.56851 (2020/N), do 2 de abril de 2020) e as súas modificacións (Marco temporal).

4. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero sen que, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Tanto as axudas establecidas á contratación como á formación previstas nesta orde de convocatoria son incompatibles cos contratos para a formación e a aprendizaxe.

Artigo 17. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das obrigas establecidas con carácter específico para cada programa de axudas, son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

f) Notificar a totalidade das axudas obtidas, dentro do marco temporal a que se refire esta orde, e deberanse sinalar ademais cales destas foron obtidas para a mesma finalidade.

g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvención.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídos outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. As xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade e a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca
ES 82 2080 0300 47 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 20. Axudas concedidas baixo o Marco nacional temporal

1. A axuda global que unha empresa poida percibir ao abeiro do Marco nacional temporal e do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento ou outras formas, como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar 1.800.000 euros.

No caso de que a empresa pertenza aos sectores da pesca e da acuicultura, o límite de contía de axuda e de axuda global por empresa previsto no punto anterior será de 270.000 euros e, no caso de que a empresa pertenza ao sector da produción primaria de produtos agrícolas, de 220.000 euros.

2. As axudas suxeitas a este réxime poderán concederse a empresas e autónomos que non estaban en crise a teor do disposto no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) en 31 de decembro de 2019 ou as microempresas ou pequenas empresas (no sentido do anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías) que, estando en crise en 31 de decembro de 2019, non estean inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación, o que se acreditará mediante declaración responsable e segundo se define nos artigos 25 e 41.

CAPÍTULO III

Programa de incentivos á contratación por conta allea e á formación (TR342C)

Sección 1ª. Liña de incentivos á contratación por conta allea

Artigo 21. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables

Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación:

1. Ás contratacións indefinidas iniciais, incluídos os fixos descontinuos, realizadas desde o 1 de outubro de 2020 e ata o 30 de setembro de 2021, con persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social desempregadas segundo o establecido no artigo 5 desta orde de convocatoria.

2. Ás contratacións temporais que se formalicen desde o día 1 de outubro de 2020 e ata o 30 de setembro de 2021, ambas inclusive. con persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social desempregadas segundo o establecido no artigo 5 desta orde de convocatoria.

Quedan excluídos os contratos para a formación e a aprendizaxe.

3. Ás transformacións de contratos temporais en indefinidos que se formalicen desde o 1 de outubro de 2020 e ata o 30 de setembro de 2021, sempre que o contrato temporal obxecto de transformación estivese vixente no momento da entrada en vigor desta orde de convocatoria, realizados con persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Esta limitación temporal non será de aplicación cando se trate de transformación en indefinidos de contratos formativos, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación.

4. No caso das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial realizadas con persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, serán subvencionables os incrementos de xornada ata acadar o 100 % da xornada ordinaria ou a establecida no convenio colectivo de aplicación.

Artigo 22. Requisitos

A contratación pola cal se solicita subvención ten que cumprir os seguintes requisitos:

1. No suposto de contratación indefinida inicial, deberá ser a tempo completo, salvo a realizada coas persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, que poderá ser a tempo parcial.

2. No suposto de contratacións temporais, deberán realizarse cunha duración mínima inicial de doce meses no suposto de contratación de persoas mozas desempregadas, mulleres desempregadas e persoas desempregadas de longa duración. A duración do contrato subvencionable poderá ser de tres meses no suposto de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social desempregadas.

A contratación temporal deberá ser a tempo completo no caso das persoas mozas e mulleres e persoas desempregadas de longa duración.

A contratación temporal poderá ser a tempo parcial no suposto de contratos realizados con persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Quedan excluídos os contratos para a formación e a aprendizaxe.

3. No suposto de transformacións de contratos temporais en indefinidos, serán subvencionables as transformacións de contratos temporais realizadas con persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, sempre que o contrato temporal obxecto de transformación estivese vixente no momento da entrada en vigor desta orde de convocatoria.

Esta limitación temporal non será de aplicación cando se trate de transformación en indefinidos de contratos formativos, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación.

Neste suposto de transformación deberán cumprirse, ademais, os seguintes requisitos:

a) Incentivarase a transformación dos contratos temporais en indefinidos, sempre que non transcorresen máis de 24 meses desde a súa subscrición inicial, agás aquelas modalidades temporais cuxa normativa permita unha duración superior a este prazo, e computaranse todas as modalidades contractuais subscritas sen ruptura de continuidade.

b) No caso de transformacións de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será a tempo completo, excepto as transformacións de contratos temporais en indefinidos realizados con persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

c) No suposto de que a transformación se produza con anterioridade á duración inicial dun contrato temporal xa subvencionado, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado reducindo, na mesma contía, o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

4. No caso das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial realizadas con persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, serán subvencionables os incrementos de xornada ata acadar o 100 % da xornada ordinaria ou a establecida no convenio colectivo de aplicación.

Artigo 23. Contía dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de:

a) 6.000 euros cando a persoa traballadora contratada sexa unha persoa desempregada moza menor de 30 anos.

b) 10.000 euros cando a persoa traballadora contratada sexa desempregada de longa duración.

c) 12.000 euros cando o contrato se realice cunha muller desempregada.

d) 16.000 euros se o contrato se subscribe cunha persoa con discapacidade ou en risco de exclusión social. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial a contía do incentivo será a parte proporcional á xornada de traballo.

2. As contratacións temporais incentivaranse cunha axuda de:

a) 3.000 euros cando a persoa traballadora contratada sexa unha persoa moza menor de 30 anos.

b) 5.000 euros no caso de que o contrato se subscriba cunha persoa desempregada de longa duración.

c) 6.000 euros cando o contrato se realice cunha muller desempregada.

d) 8.000 euros se e contrato se subscribe cunha persoa con discapacidade ou en risco de exclusión social. Neste suposto, se e contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será a parte proporcional á xornada de traballo.

3. As contías establecidas nos puntos 1 e 2 incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

– No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

– Se a persoa contratada é maior de 45 anos.

– Persoas trans.

– Se a persoa incorporada é un emigrante retornado.

– Se a contratación se realiza con mulleres con profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo V.

4. Os contratos indefinidos iniciais e temporais formalizados con persoas mozas menores de 30 anos, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social incrementaranse, ademais, nun 25 % se a persoa incorporada é unha muller.

5. As transformación de contratos temporais en indefinidos que cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de:

a) 2.000 euros cando a persoa traballadora contratada sexa unha persoa desempregada moza menor de 30 anos ou muller.

b) 3.000 euros se o contrato se subscribe cunha persoa con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Nas transformacións non serán aplicables os incrementos establecidos nos puntos anteriores.

No suposto de transformacións a tempo parcial, cando se trate de persoas discapacitadas ou en risco de exclusión social, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

6. O incremento da xornada laboral dun contrato indefinido a tempo parcial transformado a un contrato indefinido a tempo completo subscrito con persoas mozas menores de 30 anos, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social incentivarase cunha contía de 2.000 euros. Neste suposto non serán aplicables os incrementos de contías establecidos nos puntos 3 e 4.

7. As contías da subvención pola contratación indefinida e temporal das persoas con discapacidade, establecidas neste artigo, incrementaranse en 1.000 euros, pola adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar cunha memoria da empresa en que se acredite a necesidade da adaptación ou dotación de equipamentos antes citada.

Artigo 24. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 6 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato laboral de carácter indefinido. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior da persoa traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 25. Documentación complementaria

1. As solicitudes deberanse presentar no formulario normalizado (anexo I) que figura como anexo numérico desta orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna.

b) Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola cal se solicita subvención (anexo II) e a nómina do mes de contratación.

c) Documentación acreditativa da exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia da persoa traballadora contratada.

d) Autorización para a comprobación de datos da persoa traballadora contratada (anexo III).

e) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vinculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

f) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

g) No caso de que as persoas polas cales se solicita a subvención teñan a condición de trans e opten polo incremento do 25 %, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

h) Declaración responsable de que a empresa ou o autónomo non estaba en crise a teor do disposto no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) en 31 de decembro de 2019, ou as microempresas ou pequenas empresas (no sentido do anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías) que, estando en crise en 31 de decembro de 2019, non se encontren inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente polo persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 26. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

d) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

e) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

f) Contrato laboral da persoa traballadora pola cal se solicita a subvención.

g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.

b) Consulta de datos de residencia con data da última variación do padrón da persoa traballadora contratada.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 27. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo establecidos na resolución de concesión e, en todo caso, antes do 31 de decembro de 2021.

2. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. A documentación que se vai presentar é a seguinte:

Declaración de calquera outra «axuda temporal» en aplicación do Marco nacional temporal ou do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións, segundo o modelo do anexo IV.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa persoa debedora por resolución de reintegro.

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

1. Para as contratacións indefinidas iniciais, manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de dous anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación realizada cunha persoa traballadora desempregada por quen se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

2. Para as contratacións temporais, manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo dun ano ou o correspondente á duración do contrato temporal contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora por quen se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación realizada cunha persoa traballadora desempregada por quen se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

3. Para as transformacións de contratos temporais en indefinidos, manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período de dous anos contados desde a data de realización da transformación do contrato temporal en indefinido.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora por quen se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa traballadora desempregada por quen se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

4. No caso do incentivo polo incremento da xornada, a entidade beneficiaria deberá manter a nova xornada da persoa traballadora durante un período mínimo de dous anos.

5. As persoas ou entidades beneficiarias do incremento da subvención pola adaptación de postos de traballo deberán manter o destino dos bens subvencionados polo mesmo tempo que estean obrigados a manter o posto de traballo a cuxa adaptación aqueles bens serven, que non será inferior ao período mínimo do ben subvencionado.

Artigo 29. Incumprimento de obrigas e reintegro

Procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Para as contratacións indefinidas iniciais e transformacións:

a) Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 28.1 e 28.3 desta orde, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Neste suposto hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a.1) Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo no prazo anteriormente indicado.

a.2) Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación, e o cálculo da contía que se vai reintegrar farase do seguinte xeito:

2. Para as contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 28.2 desta orde, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo procederá o reintegro da axuda concedida pola traballadora de que se trate.

Hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a.1) Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo no prazo anteriormente indicado.

a.2) Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo cunha nova persoa traballadora por quen que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.

Sección 2ª. Liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo

Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos

1. As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun incentivo para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio dos incentivos á contratación indefinida inicial e temporal previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa nas axudas á contratación indefinida inicial e temporal e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar nas axudas reguladas na sección 1ª.

b) En canto á duración da acción formativa, será dun mínimo de 70 horas no caso dos contratos indefinidos iniciais e dunha duración mínima de 50 horas no caso dos contratos temporais, de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá de estar finalizada en 30 de novembro de 2021.

d). Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2020 e a data de publicación desta orde, a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

2. Queda excluída deste incentivo de formación aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 31. Lugar de impartición das accións formativas

1. As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación e poderán realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación.

2. Para o caso de impartición da formación na modalidade de teleformación, deberá realizarse a través dunha plataforma virtual de aprendizaxe cunha metodoloxía apropiada para esta modalidade que posibilite a interactividade entre a persoa traballadora que recibe a formación e a que imparte a titoría e que asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizado, o seu seguimento continuo en tempo real, así como a avaliación de todo o proceso.

Programaranse controis periódicos de aprendizaxe cun número de horas para cada módulo en función dos contidos relacionados co posto de traballo, ata acadar o mínimo de horas teóricas exixidas na convocatoria.

Artigo 32. Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido inicial e de 2.000 euros por cada persoa contratada por medio dun contrato temporal inicial cunha duración mínima de doce meses, e que en ambos os dous casos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 33. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, e en todo caso non poderá ir máis alá do 31 de decembro de 2021. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da documentación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

– Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude (anexo IV).

– Documento acreditativo de que a solicitante lle comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do incentivo de formación que se realizou coa solicitude desta axuda. No supostos de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

– Copia dos partes de asistencia asinados pola persoa titora e a persoa traballadora por cada sesión diaria de formación.

– Informe de aproveitamento asinado pola persoa titora e a persoa traballadora en que se detalle:

• Os contidos das accións formativas na empresa.

• Programa de actividades e servizos que a empresa puxera á disposición do formando para familiarizarse coa empresa.

• Os seus coñecementos e habilidades melloradas.

3. A xustificación na modalidade de teleformación realizarase mediante a presentación dos resultados obtidos nos controis de aprendizaxe programados por cada un dos módulos polos que a persoa recibiu a formación e que permitan identificar se realizou as probas, a data e hora en que se desenvolveu o control e o tempo empregado para o seu desenvolvemento, con indicación da súa cualificación.

Estes datos deben ser almacenados polo sistema de teleformación empregado para a execución da formación.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 34. Incumprimento de obrigas e reintegro

No caso de que a persoa traballadora por quen se solicitan as axudas establecidas para a formación cause baixa na empresa, si esta non recibiu as horas de formación establecidas no artigo 30 na súa totalidade, a entidade beneficiaria non terá dereito a percibir esta axuda.

No caso de que a persoa traballadora que causou baixa fose substituída por outra persoa traballadora que cumprise as mesmas condicións que a anterior, a entidade beneficiaria poderá percibir a axuda establecida para a formación sempre que esta nova persoa traballadora reciba a formación na súa totalidade, segundo o artigo 30.

Esta axuda percibirase por unha soa persoa traballadora formada.

En todo caso, as accións formativas deberán executarse nos prazos establecidos no artigo 30 desta orde de convocatoria.

CAPÍTULO IV

Programa de emprego con apoio (TR342A)

Artigo 35. Obxecto do programa de emprego con apoio

1. Este programa ten como obxecto subvencionar as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.

Trátase de favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa inserción laboral, favorecendo a súa integración en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a implementación de accións de emprego con apoio.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:

a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.

b) Labores de achegamento e mutua axuda entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.

c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar co contorno laboral nas mellores condicións.

d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.

e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e permanencia no emprego.

f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.

Artigo 36. Persoas promotoras de proxectos de emprego con apoio e entidades beneficiarias das subvencións

Poderán promover proxectos de emprego con apoio e seren beneficiarias das correspondentes subvencións reguladas nesta orde as seguintes entidades:

1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

b) Contar no seu cadro de persoal con preparadores ou preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 39 ou comprometerse a incorporalos, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento adecuado dos programas de emprego con apoio.

c) Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

d) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no rexistro administrativo de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.

Tamén as empresas de inserción laboral que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal do mesma empresa ou doutras empresas de inserción laboral.

Estes centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Contar no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 39 ou comprometerse a incorporalos, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento adecuado dos programas de emprego con apoio.

b) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídos os traballadores e traballadoras autónomos, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das ditas accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 39 ou se comprometan a incorporalos, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento adecuado dos programas de emprego con apoio.

Artigo 37. Persoas destinatarias finais

1. A poboación obxectivo do bono de emprego con apoio serán traballadores e traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social inscritos nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores e traballadoras con discapacidade procedentes de centros especiais de emprego ou persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes de empresas de inserción laboral, sempre que, en todos os casos, se encontren nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

d) Persoas en situación ou en risco de exclusión social recoñecido polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia que non teñan ningunha das discapacidades indicadas nas letras anteriores.

2. As ditas persoas traballadoras deberán ser contratadas por unha empresa ou persoa empregadora do mercado ordinario de traballo para ser empregadas efectivamente na organización produtiva da empresa.

As empresas e persoas empregadoras terán dereito aos beneficios previstos nesta orde de contratación de persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social nos termos establecidos nela e poderán solicitar as subvencións do bono de contratación e formación de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria regulado no capítulo II desta orde.

3. Poderán ser persoas obxectivo deste bono as sinaladas nas letras a), b) e c) do número 1 deste artigo que, estando empregadas mediante un contrato de carácter indefinido, requiran o desenvolvemento das accións de emprego con apoio previstas no artigo 34 desta orde, como consecuencia dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo ou do seu contorno laboral que produzan agudos problemas de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva.

Artigo 38. Proxectos de emprego con apoio e convenio de colaboración

1. Os proxectos de emprego con apoio deberán facer constar, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Identificación da empresa que vai contratar as persoas traballadoras que van recibir apoio, así como o seu compromiso de contratación das ditas persoas.

b) Identificación da entidade promotora que vai levar a cabo as accións de emprego con apoio a través dos preparadores e das preparadoras laborais que ten contratados ou que vai contratar. Neste caso, deberá expresar o seu compromiso de contratación.

c) Número de persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, tipo e duración do contrato que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que van efectuar a prestación laboral, así como a descrición de cada un dos postos de traballo.

d) Relación dos preparadores e das preparadoras laborais que lles van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con indicación do tipo e duración do contrato de traballo formalizado ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio.

e) Descrición da previsión das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista nelas.

f) Nomeamento, por parte da empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que van recibir apoio, entre o seu persoal, da figura do coordinador ou coordinadora do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, os preparadores e as preparadoras laborais e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

g) Convenio ou convenios de colaboración a que se refire o punto 2 deste artigo, no caso de que a entidade promotora sexa distinta da empresa que contrata as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

2. As entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 36 deberán subscribir un convenio de colaboración coa empresa que vaia contratar as persoas traballadoras destinatarias do emprego con apoio, co seguinte contido mínimo:

a) Identificación de ambas as dúas partes, facendo constar a denominación social, o domicilio e o número de identificación fiscal.

b) Compromiso da entidade promotora de levar a cabo todas as accións de adaptación ao posto de traballo de cada persoa traballadora incluída no proxecto de emprego con apoio, para o cal a empresa tamén se deberá comprometer a permitir e facilitar a tarefa do preparador ou da preparadora laboral e a favorecer os apoios internos ao longo do proceso de inserción.

c) Compromiso de ambas as dúas partes de que as accións de emprego con apoio se prestarán de forma gratuíta.

Artigo 39. Preparadores e preparadoras laborais

1. As accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores e preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que as capacite para a realización das funcións propias do seu posto.

2. O tempo de atención a cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social non poderá ser inferior á porcentaxe da xornada de traballo da dita persoa traballadora que se relaciona a continuación:

a) Un terzo no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

b) Un quinto no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.

c) Un oitavo no caso de persoas traballadoras:

– Con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

– Persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas en situación ou risco de exclusión social.

Cando un mesmo preparador ou preparadora laboral lle preste atención a máis dunha persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, o tempo de atención conxunto será a suma dos tempos de atención de cada unha das ditas persoas traballadoras. En ningún caso un preparador ou preparadora laboral poderá atender simultaneamente máis de 3, 5 ou 8 persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social dos grupos a), b) e c) antes sinalados, respectivamente, ou os equivalentes cando as persoas traballadoras atendidas pertenzan a distintos grupos.

Artigo 40. Contía das axudas

1. A subvención establecida neste bono destinarase a financiar os custos derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que se xeren durante o desenvolvemento das accións do emprego con apoio, dentro do período subvencionable.

2. A contía base por preparador/a laboral establécese en función do número de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade co tipo e grao indicados no artigo 39.2, destinatarias das accións de emprego con apoio, contratadas para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondendo:

a) 8.500 euros anuais por cada persoa traballadora incluída na liña a) a xornada completa.

b) 5.500 euros anuais por cada persoa traballadora incluída na liña b) a xornada completa.

c) 3.500 euros anuais por cada persoa traballadora incluída na liña c) a xornada completa.

3. A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

4. Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a continuación, segundo se dean as seguintes circunstancias (acumulables entre si) na persoa preparadora laboral contratada:

a) Un 25 % se é unha muller.

b) Un 25 % se é maior de 45 anos.

c) Un 25 % se é persoa emigrante retornada.

d) Un 25 % no caso de que o seu centro de traballo estea situado nun concello rural.

e) Un 25 % se é trans.

f) Un 25 % se é unha empresa con máis de 50 persoas traballadoras e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70 %.

g) Un 25 % se a actividade da entidade solicitante pertence ao ámbito de sectores estratéxicos.

5. En ningún caso a contía da axuda poderá superar o 100 % dos custos laborais e da Seguridade Social da persoa preparadora laboral contratada para o desenvolvemento da actividade de emprego con apoio nin o fixado no convenio colectivo de aplicación (excluído o concepto de desprazamento).

6. No suposto das entidades sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 36, cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social en centros de traballo ou empresas de distintos concellos, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía máxima de 2.500 euros por preparador laboral.

Para o cálculo das subvencións das accións de emprego con apoio terase en conta unicamente o período en que cada persoa traballadora apoiada permaneza contratada e recibindo apoio durante o desenvolvemento da acción.

7. Non se poderán outorgar subvencións conforme o previsto nesta orde referidas a unha mesma persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, aínda que correspondan a distintos proxectos de emprego con apoio, por tempo superior a dous anos ou, no suposto de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 37.1.a), por tempo superior a 3 anos.

Artigo 41. Documentación complementaria

1. As solicitudes deberanse presentar no formulario normalizado (anexo I-A) que figura como anexo numérico desta orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Se o solicitante é unha persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Documentación acreditativa da inscrición da entidade que realiza as accións de emprego con apoio no rexistro correspondente, de ser o caso.

c) Memoria que permita valorar a competencia, experiencia e capacidade da entidade que presta o emprego con apoio, con indicación dos recursos materiais de que dispoñen para desenvolver as actuacións polas cales se solicita subvención.

d) Documentación relativa ás persoas preparadoras laborais en que se inclúa o currículo e documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio.

e) Proxecto de emprego con apoio e convenio de colaboración entre a entidade promotora do emprego con apoio e a empresa empregadora, establecido no artigo 38.

f) Relación nominal dos preparadores e preparadoras laborais que prestan ou van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con indicación do tipo, duración e xornada do contrato de traballo formalizado, ou que van formalizar, caso en que deberá expresar o seu compromiso de contratación (segundo o modelo do anexo II-A).

g) Relación nominal dos traballadores e das traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, do tipo, duración e xornada do contrato formalizado ou que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que efectúan ou van efectuar a prestación laboral, segundo o modelo do anexo III-A.

h) Autorización para a comprobación de datos da persoa preparadora laboral contratada e das persoas que van recibir o apoio (anexo IV-A).

i) Documentación acreditativa da situación ou de risco de exclusión social das persoas traballadoras que van recibir o apoio, no caso en que non sexa perceptora da renda de inclusión social de Galicia.

j) Certificado de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade polas que se solicita subvención nos casos de discapacidade recoñecida fóra de Galicia.

k) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

l) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

m) No caso de que as persoas polas que se solicita a subvención teñan a condición de trans e opten polo incremento do 25 %, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

n) Que a empresa ou o autónomo non estaba en crise a teor do disposto no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) en 31 de decembro de 2019, ou as microempresas ou pequenas empresas (no sentido do anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías) que, estando en crise en 31 de decembro de 2019, non se encontren inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polo persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase requirir a persoa interesada para que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o que exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 42. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa ou entidade solicitante.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria da persoa ou entidade solicitante.

f) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben o apoio.

g) DNI ou NIE das persoas preparadoras laborais polas cales se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.

h) Contratos de traballo das persoas preparadoras laborais polas cales se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.

i) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas preparadoras laborais polas cales se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.

j) Titulación universitaria e non universitaria das persoas preparadoras laborais.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade ou dependencia emitido pola Xunta de Galicia relativo ás persoas con discapacidade que reciben apoio.

b) Certificado de empadroamento das persoas preparadoras laborais polas cales se solicita subvención, de ser o caso.

c) Certificado de prestacións sociais públicas da persoa en risco de exclusión social que recibe apoio.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 43. Gasto subvencionable

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen durante o período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2020 ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes, tal como se establece no artigo 7.

2. As empresas e entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 31 de decembro de 2021.

Artigo 44. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa no prazo, nos termos e no modo que se exixan de forma expresa na resolución de concesión.

2. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

a) Declaración de calquera outra «axuda temporal» en aplicación do Marco nacional temporal ou do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e nas súas posteriores modificacións, segundo o modelo do anexo V-A.

b) Certificación de gastos relativos aos custos laborais e da Seguridade Social dos preparadores ou preparadoras laborais polos cales se concedeu a subvención, xunto con copia das nóminas.

c) Certificación con relación ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibiron as accións de emprego con apoio pola persoa preparadora laboral, con indicación da permanencia ou variacións respecto da solicitude inicial.

d) Memoria xustificativa do cumprimento dos obxectivos previstos no proxecto de emprego con apoio, e a avaliación dos seus resultados.

e) De ser o caso, acreditación do pagamento dos gastos en concepto de desprazamento nas nóminas dos preparadores ou preparadoras laborais, xunto cunha declaración asinada pola entidade e o preparador ou a preparadora laboral, relativa aos custos reais aboados, relacionando os desprazamentos aos concellos polos cales se xustifica a subvención.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 45. Obrigas específicas, incumprimentos e reintegros

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste programa, ademais das xerais recollidas no artigo 17 da orde, as seguintes:

Manter os postos de traballo dos preparadores e das preparadoras laborais durante o período subvencionado. Cando se produza unha baixa dun preparador ou preparadora laboral deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Igualdade que concedeu a subvención. A substitución do preparador ou da preparadora laboral deberase realizar por outro profesional que reúna os mesmos requisitos exixidos para a concesión da subvención e terá que realizarse no prazo dun mes desde a data da baixa. A empresa disporá do prazo dun mes para comunicar a baixa e substitución da persoa preparadora laboral.

Unha vez realizada a substitución, deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Igualdade que concedeu a subvención, e achegarase a seguinte documentación:

– Currículo do preparador ou da preparadora laboral, xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio.

– Contrato de traballo e documento de alta na Seguridade Social.

– Descrición detallada das accións de emprego con apoio que o preparador ou a preparadora laboral vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista destas.

2. No suposto de non manter os postos de traballo dos preparadores e das preparadoras laborais durante a totalidade do período subvencionado, ou de non cumprir as condicións de apoio ás persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social previstas nesta orde, procederá a perda parcial do dereito ao cobramento da subvención concedida e, de ser o caso, o reintegro das contías percibidas.

Será causa de revogación total da subvención concedida e, de ser o caso, de reintegro das subvencións percibidas pola contratación do preparador ou preparadora laboral o seu despedimento declarado ou recoñecido improcedente.

3. Aos centros especiais de emprego que perciban as subvencións deste programa seralles de aplicación, para os efectos de seguimento e control, o disposto no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento dos centros especiais de emprego, e deberán achegar a memoria anual conforme o previsto no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

Artigo 46. Incompatibilidade e concorrencia de axudas

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro deste programa poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100 % dos custos laborais e da Seguridade Social da persoa preparadora laboral subvencionada.

2. Estas subvencións son compatibles coas reguladas na Orde da Consellería de Emprego e Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional e orientadores laborais en empresas de inserción, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o centro especial de emprego, tanto a través da unidade de apoio á actividade profesional como do proxecto de emprego con apoio, preste as accións de apoio previstas ás persoas traballadoras con discapacidade contratadas e atendidas en cada programa, coas limitacións en canto ao tempo de atención e número de persoas traballadoras que se van atender establecidas para os ditos programas.

b) Que os custos laborais e da Seguridade Social xerados pola contratación laboral dos preparadores ou das preparadoras laborais a que se refire o artigo 39 desta orde e os correspondentes ao período de contratación das persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional se imputen proporcionalmente en función da dedicación á unidade de apoio á actividade profesional ou ao proxecto de emprego con apoio, sempre que a suma total das dúas subvencións non superen tales custos.

3. No caso de empresas de inserción laboral, as axudas ao emprego con apoio serán incompatibles coa axudas por persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción que se establecen nas bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade nos xefes e xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file