Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 30 de xullo de 2021 Páx. 38732

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 20 de xullo de 2021 pola que se desenvolve a disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, e se aproba o modelo normalizado de solicitude (código de procedemento AP522U).

A disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia, e a disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, establecen as previsións necesarias para facer posible a funcionarización do persoal laboral fixo que realiza funcións ou desenvolve postos de traballo de persoal funcionario, co fin de regularizar unha situación insostible no marco da nova lexislación do emprego público e facelo con pleno respecto dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade e sen menoscabar os dereitos das persoas traballadoras afectadas.

Na Comunidade Autónoma de Galicia publícase o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e se convocan os primeiros procesos para a adquisición da condición de funcionario de carreira de corpos da Administración xeral e especial do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes aos grupos I, II, III, IV e V mediante o cambio do seu vínculo xurídico. As ditas convocatorias publícanse no Diario Oficial de Galicia, do 17 de febreiro de 2020.

A Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 10 de marzo do 2021 modifica o anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, establecendo as equivalencias entre as categorías profesionais do persoal laboral e as escalas de persoal funcionario susceptibles da correspondente funcionarización.

Doutra banda, a disposición transitoria primeira bis da Lei 2/2015, do 29 de abril, dispón que a aprobación das correspondentes relacións de postos de traballo polo Consello da Xunta de Galicia determinará a transformación en postos de natureza funcionarial daqueles postos que viñan sendo desempeñados por persoal laboral temporal.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización.

Esta disposición transitoria segunda prevé que, unha vez rematadas as primeiras probas selectivas de acceso ao corpo, escala, especialidade, grupo, subgrupo ou agrupación profesional de persoal funcionario para incorporar o persoal laboral funcionarizado ou para dar cobertura ás prazas funcionarizadas orixinariamente clasificadas como laborais, establecerase, se é o caso, unha única lista de chamamentos na cal se valorarán por igual os servizos prestados en virtude de relación xurídica funcionarial e laboral na categoría funcionarizada. Non obstante o anterior, no caso de ser necesario, a Comisión Permanente elaborará unha única lista con anterioridade á finalización dos procesos de funcionarización.

Neste intre, e dado que están a piques de rematar os primeiros procesos para a adquisición da condición de persoal funcionario polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, faise preciso desenvolver a disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, regulando un procedemento axeitado para a elaboración das listas únicas. A elaboración destas listas comezará coas correspondentes aos grupos, corpos, escalas e especialidades afectadas polos procesos de funcionarización convocados polas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública, do 7 de febreiro de 2020.

Na disposición derradeira segunda do Decreto 60/2019 facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

A presente orde adecúase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. O seu texto foi exposto a información pública no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia. Asemade, foi sometido a informe económico-financeiro da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, a informe tecnolóxico e funcional da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Consecuentemente con todo o anterior, visto na Mesa Xeral de Empregados Públicos e co informe da Comisión de Persoal, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a elaboración das listas únicas, previstas na disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para dar cobertura temporal a todos os postos reservados a persoal funcionario, incluídos os postos de natureza funcionarial orixinariamente clasificados como de persoal laboral, e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado de solicitude que se xunta como anexo I a esta orde (código de procedemento AP522U).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta orde será de aplicación ás listas únicas que se elaboren, ao abeiro da disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para a cobertura transitoria de postos reservados a persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. As persoas admitidas nas listas das categorías profesionais de persoal laboral funcionarizadas incluiranse nas listas únicas para a cobertura transitoria de postos de persoal funcionario nos corpos, escalas ou especialidades declaradas equivalentes no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, nas condicións establecidas nesta orde. As persoas penalizadas con posterioridade ao 15 de xullo de 2014, que non resultasen excluídas posteriormente por calquera outra causa, incluiranse nas listas nas condicións establecidas nesta orde e no artigo 18.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

3. Exceptúanse desta regulación as listas para a cobertura temporal de postos dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais que serán obxecto de ordenación específica.

Artigo 3. Requisitos

As persoas incluídas no ámbito de aplicación desta orde, integrantes das listas para a cobertura temporal de prazas de persoal laboral, serán admitidas nas listas únicas, sempre que cumpran os requisitos legais exixidos para o acceso ao correspondente corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que se clasifica a categoría profesional laboral que se funcionariza, nos termos establecidos no artigo 8 do Decreto 37/2006, en concordancia coa súa disposición transitoria segunda.

Artigo 4. Listas de vinculación temporal de nova creación

1. Poderán crearse novas listas para a cobertura transitoria de prazas de persoal funcionario, naqueles supostos en que non existan listas de natureza funcionarial para dar cobertura aos postos das categorías laborais que se funcionarizan.

2. Cando fose necesario crear novas listas de natureza funcionarial para cuxa inclusión se requira a mesma titulación xenérica ou específica que a exixida para o acceso ás listas da categoría profesional laboral funcionarizada declarada equivalente, a Administración poderá transformar de oficio as listas da categoría laboral correspondente en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declarada equivalente.

As persoas integrantes das listas transformadas manterán as mesmas condicións que tiñan nas listas de persoal laboral das categorías profesionais equivalentes o día da entrada en vigor da resolución pola que se publiquen as listas definitivas.

3. A Administración comprobará que nas persoas integrantes das novas listas concorren os requisitos legais exixidos para ser admitidas nelas.

Artigo 5. Listas de vinculación temporal en xestión

1. Non será necesaria a creación de novas listas de vinculación temporal, no caso de que existan, en xestión, listas de natureza funcionarial equivalentes ás listas das categorías profesionais laborais funcionarizadas ao abeiro do Decreto 165/2019, do 26 de decembro.

Para os efectos do previsto neste artigo, terán a consideración de listas de vinculación temporal en xestión de natureza funcionarial aquelas que estean en funcionamento para dar cobertura a postos reservados a persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade determinados.

2. As persoas integrantes das listas de contratación temporal de persoal laboral de categorías profesionais funcionarizadas interesadas en incluírse en listas en xestión de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes, deberán presentar solicitude para a súa inclusión nelas, resultando admitidos sempre que cumpran os requisitos legais para o acceso ao corpo, escala ou especialidade correspondente.

Nestas solicitudes de inclusión unicamente poderán modificarse os ámbitos territoriais e os datos persoais e, se é o caso, incluiranse as titulacións para determinadas categorías profesionais laborais cando así se estableza expresamente nas resolucións de convocatoria.

Artigo 6. Méritos

1. O baremo aplicable nas listas de vinculación temporal elaboradas en desenvolvemento da disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, para a cobertura transitoria de postos reservados a persoal funcionario, é o establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, nas listas únicas para a cobertura de postos de persoal funcionario tamén se valorarán os méritos que tiveran as persoas interesadas como integrantes das listas da categoría profesional laboral equivalente nas alíneas b) e c) do artigo 9 do Decreto 37/2006, nos termos establecidos nos artigos 9 e 12 do Decreto 37/2006.

3. Nas listas únicas para a cobertura transitoria de postos reservados a persoal funcionario valoraranse méritos por servizos prestados, ao abeiro da alínea b) do artigo 9 do Decreto 37/2006, en categorías profesionais laborais declaradas equivalentes no anexo do Decreto 165/2019 das cales non existan listas de contratación temporal.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. No suposto previsto no artigo 4 desta orde en que fose preciso presentar solicitude de admisión, esta presentarase preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo I, contido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes de admisión ao abeiro do previsto no artigo 5 desta orde presentaranse preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I desta orde (código de procedemento AP522U), accesible, así mesmo, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido nas resolucións de apertura da dirección xeral competente en materia de función pública.

3. As persoas incluídas nas listas das categorías profesionais laborais funcionarizadas ao abeiro do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, deberán facer constar na súa solicitude os ámbitos territoriais, central, autonómico, provincial ou conxunto de municipios, en que desexan prestar servizos, ata un máximo de oito, segundo os ámbitos en que estea clasificada a lista para a cobertura de postos de persoal funcionario declarados equivalentes en que solicitan a inclusión.

Artigo 8. Procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas de vinculación temporal de nova creación

O procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas de vinculación temporal de nova creación ao abeiro do previsto no artigo 4 desta orde regularase polo establecido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (código de procedemento AP522T).

Artigo 9. Procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas de vinculación temporal en xestión. Documentación complementaria e comprobación de datos

1. O procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas de vinculación temporal en xestión, ao abeiro do previsto no artigo 5 desta orde, regularase polo establecido nesta orde. Unicamente terán que achegar documentación complementaria as persoas integrantes das listas de contratación temporal de persoal laboral de categorías profesionais funcionarizadas interesadas en incluírse en listas en xestión de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes, que non teñan nacionalidade española, que deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I):

Pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros estados.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. Para tramitar este procedemento unicamente se consultarán automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE.

– Título/s oficial/is universitario/s ou non universitario/s, se é o caso.

6. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

7. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Publicación

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as listas de vinculación temporal únicas provisionais e definitivas para o desenvolvemento transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario incluídas no ámbito de aplicación desta orde.

Nestas listas de vinculación temporal figurarán as persoas admitidas con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira desta orde, e as excluídas, con expresión da causa de exclusión.

Así mesmo, as listas serán igualmente obxecto de publicidade no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de «Listas de contratación», e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia.

2. Todas as comunicacións publicaranse, así mesmo, nos lugares indicados anteriormente e, para estes efectos, terán o carácter de notificación, de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015.

Disposición adicional primeira. Valoración de servizos prestados nas actualizacións de méritos

Nas listas de natureza funcionarial en xestión que non estiveran afectadas por procesos de funcionarización valoraranse, ao abeiro do artigo 9, alínea b), do Decreto 37/2006, os méritos por servizos prestados nas categorías profesionais laborais declaradas equivalentes polo Decreto 165/2019 das que non existan listas de contratación temporal e que non se prevexa que sexan obxecto de procesos de funcionarización por non existir persoal laboral fixo destas categorías á entrada en vigor desta orde.

Esta valoración realizarase nas actualizacións de méritos previstas no artigo 12 do Decreto 37/2006, respecto ás categorías profesionais laborais que se sinalen expresamente en cada actualización.

Disposición adicional segunda. Excepción á integración nas listas do corpo superior ou de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de persoas integrantes das listas do grupo I, categoría 4 e do grupo II, categoría 7

As persoas integrantes das listas do grupo I, categoría 4 (titulado/a superior), ou do grupo II, categoría 7 (titulados/as de grao medio), que pola titulación que posúen lles puidese corresponder estar incluídos nas listas do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de enxeñeiros, especialidades de enxeñarías de camiños, canles e portos ou enxeñaría industrial, ou nas listas do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica agrícola, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, modificado pola Orde do 10 de marzo de 2021, poderán presentar solicitude de admisión nestas listas de natureza funcionarial declaradas equivalentes ao abeiro do establecido nos artigos 5 e 7 da presente orde.

Disposición transitoria primeira. Méritos por procesos selectivos

En canto non se resolva o último proceso selectivo para o ingreso no corpo, escala ou especialidade ao que pertenzan as listas para a cobertura transitoria de postos de persoal funcionario a que se refire a presente orde, susceptible de valoración ao abeiro da alínea a) do artigo 9 do Decreto 37/2006, manteráselles aos integrantes admitidos a valoración dos méritos que tiñan recoñecidos neste punto nas listas da categoría profesional laboral equivalente.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, nas mencionadas listas para a cobertura de postos de persoal funcionario valorarase na alínea a) do artigo 9 do Decreto 37/2006 un único proceso selectivo, seleccionándose aquel en que se tivese asignado unha maior puntuación no dito punto.

Disposición transitoria segunda. Inicio do proceso de elaboración das listas únicas

1. A unificación e elaboración das listas únicas reguladas na presente orde comezará coas correspondentes aos corpos, escalas e especialidades afectadas polos procesos de funcionarización convocados polas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública do 7 de febreiro de 2020, incluíndo todas as categorías declaradas equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, modificado pola Orde do 10 de marzo de 2021, a excepción das seguintes:

– II-08: director/a de gardaría infantil.

– II-40: mestre/a especialista en educación infantil.

– IV-32: operador/a codificador/a de datos de defensa contra incendios forestais.

As listas de contratación temporal das categorías anteriormente mencionadas manteranse transitoriamente para dar cobertura aos postos reservados a persoal laboral desas categorías ata que non se funcionaricen.

2. Así mesmo, iniciarase o proceso de integración nas listas reservadas a persoal funcionario do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de sistemas e tecnoloxías da información (subgrupo A1), mediante a presentación de solicitudes dos integrantes das listas para a cobertura temporal de postos da categoría 18 (licenciado/a informático) do grupo I nos termos establecidos no artigo 5.2 desta orde.

Disposición transitoria terceira. Cobertura transitoria de postos reservados a persoal laboral

A inclusión definitiva das persoas integrantes das listas de persoal laboral de categorías funcionarizadas en listas de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes ao abeiro desta orde, implica o peche das correspondentes listas de contratación temporal de persoal laboral.

Cando se pechen as ditas listas, os postos que continúen reservados a persoal laboral cubriranse, con carácter transitorio, coas listas de natureza funcionarial do corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file