Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 30 de xullo de 2021 Páx. 38669

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 22 de xullo de 2021 pola que se desenvolven determinados aspectos da ordenación académica nas modalidades deportivas de ensinanzas de réxime especial implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Desde a publicación da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establecéronse na Comunidade Autónoma de Galicia os currículos correspondentes aos títulos de técnico deportivo en Atletismo, Baloncesto, Mergullo deportivo con escafandro autónomo, Hípica, Judo e defensa persoal, Salvamento e socorrismo, Piragüismo, Vela e os deportes de Barrancos, Escalada e Media Montaña, así como os de técnico deportivo superior en Atletismo, Baloncesto, Hípica, Piragüismo e deportes de Alta Montaña e Escalada en desenvolvemento das ensinanzas mínimas fixadas na normativa básica do Estado para cada unha delas.

Os currículos establecidos para as devanditas modalidades deportivas regulan, entre outros aspectos, a estrutura das ensinanzas, así como as condicións específicas de acceso, ao abeiro do establecido no Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

Por outra banda, a disposición transitoria segunda do citado Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece que para as modalidades deportivas reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo, e ata que non se creen os novos títulos e ensinanzas, mantense a vixencia das normas de desenvolvemento das súas ensinanzas que foron establecidas ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, polo que se configuran como ensinanzas de réxime especial as conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos, apróbanse as directrices xerais dos títulos e das correspondentes ensinanzas mínimas, que foi derrogado polo Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, sen prexuízo do que establecen as súas disposicións transitorias segunda e terceira, polas que mantén vixentes aqueles aspectos relacionados cos documentos básicos da avaliación e determinadas validacións para efectos académicos entre outros ensinos oficiais e as ensinanzas deportivas. En consecuencia, ata que se desenvolvan conforme a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, os novos títulos nas modalidades de Balonmán, Deportes de inverno, Fútbol e Fútbol sala, estas modalidades deben seguir sendo impartidas ao abeiro da citada Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

Esta situación na que a norma básica determina a coexistencia de dúas regulacións diferentes, pode provocar situacións confusas á hora da aplicación de procedementos diferenciados segundo que modalidade deportiva se trate, en función da regulación pola que vén establecido cada título.

Así mesmo, a Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro, pola que se regulan os aspectos curriculares, os requisitos xerais e os efectos das actividades de formación deportiva aos que se refire a disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece que o bloque común propio destas actividades de formación é obrigatorio e terá carácter de ensinanzas oficiais; polo tanto, é coincidente co establecido para as ensinanzas deportivas de réxime especial, e confire ás administracións educativas as competencias para a posta en marcha do bloque común en centros previamente autorizados para impartir ensinanzas deportivas de réxime especial en calquera das súas modalidades, de acordo co establecido no artigo 45 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

Por outra parte, o Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia recolle aspectos referidos á ordenación das ensinanzas deportivas de réxime especial.

Tendo en conta a convivencia das peculiaridades específicas que diferencian a ordenación das modalidades deportivas desenvolvidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, daquelas que pertencen ao bloque común dos ensinos de réxime transitorio, e aqueloutras que deben seguir sendo impartidas segundo a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, procede concretar e unificar, na medida que a normativa vixente o permite, os procedementos que desenvolvan para o ámbito de actuación territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o previsto nas devanditas normas de referencia co obxecto de garantir unha correcta organización académica nos centros que imparten as ensinanzas deportivas de réxime especial.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade de acordo coas atribucións conferidas polo Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta orde é o de desenvolver determinados aspectos da ordenación académica nas modalidades deportivas de ensinanzas de réxime especial implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro dos decretos polos que se establecen os currículos dos ciclos correspondentes aos títulos de técnico e de técnico superior destas ensinanzas.

2. O establecido nesta orde será de aplicación nos centros docentes públicos dependentes da consellería competente en materia de educación, centros públicos dependentes doutras administracións e centros privados autorizados do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo o principio de autorización administrativa, impartan ensinanzas deportivas de réxime especial reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, modificada pola Lei 3/2020, do 29 de decembro, e conforme ao estipulado no Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

Artigo 2. Finalidade das ensinanzas deportivas de réxime especial

1. De acordo ao previsto no artigo 1 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, as ensinanzas deportivas teñen como finalidade preparar o alumnado para a actividade profesional no sistema deportivo en relación cunha determinada modalidade ou especialidade deportiva, e facilitar a adaptación do persoal técnico formado á evolución do mundo laboral e deportivo e á cidadanía activa.

2. A formación conducente aos títulos de ensinanzas deportivas terá carácter secuencial, de forma que debe superarse o nivel anterior para poder cursar o seguinte.

3. Así mesmo, os centros que impartan as ensinanzas deportivas velarán pola participación, o respecto, a tolerancia e a igualdade de oportunidades para desenvolver os valores do principio de igualdade de trato e non discriminación por razóns de nacemento, orixe racial ou étnica, discapacidade, idade, enfermidade, relixión ou crenzas, nin por ningunha outra condición nin circunstancia persoal nin social, así como a prevención da violencia de xénero e o coñecemento da realidade homosexual, bisexual, transexual, transxénero e intersexual.

CAPÍTULO II

Ordenación das ensinanzas deportivas

Artigo 3. Estrutura e duración das ensinanzas

1. As ensinanzas deportivas estrutúranse en dous graos: grao medio e grao superior. O grao medio organízase en dous ciclos: inicial e final. O grao superior organízase nun único ciclo de grao superior.

2. A duración total e a distribución horaria dos módulos que constitúen cada ciclo, será a que se dispón no decreto polo que se establece o currículo de cada título para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia sendo a duración dos períodos lectivos en que se organicen os módulos de cada ciclo non inferior a 50 minutos.

3. Con carácter xeral, o inicio e o remate das actividades lectivas axustaranse ao establecido na normativa sobre o calendario escolar de cada curso.

4. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, a programación e temporalización do comezo e finalización do curso académico dos diferentes grupos de alumnado poderá variar en función dos calendarios que os centros docentes poidan establecer para cada un deles, o que non determina necesariamente un carácter extraordinario aos devanditos calendarios.

5. Cada ciclo desenvolverase nun curso académico de duración variable segundo a modalidade ou especialidade deportiva.

6. Nas ensinanzas deportivas, enténdese por «curso académico» de cada grupo de alumnado, o período de tempo comprendido desde o comezo das actividades lectivas que se impartan ao devandito grupo de alumnado ata a celebración da correspondente sesión de avaliación final de ciclo.

7. Os dous ciclos, inicial e final, de grao medio poderanse desenvolver nun só ano académico, con carácter intensivo, de acordo cos calendarios que os centros docentes poidan establecer para cada un deles, o que non confire necesariamente un carácter extraordinario aos devanditos calendarios.

8. Os aspectos relativos á organización dos grupos de alumnado e á distribución temporal ordinaria e extraordinaria das ensinanzas deberán axustarse ao previsto nos artigos 19 e 20 desta orde.

Artigo 4. Os módulos de ensino deportivo

1. Os ciclos organízanse en módulos de ensino deportivo de duración variable, que constitúen a unidade coherente de formación que está asociada a unha ou a varias unidades de competencia ou ben a obxectivos profesionais, socioeducativos e deportivos de cada título.

2. Os módulos de ensino deportivo, nas ensinanzas establecidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, clasifícanse en:

a) Os módulos comúns, constituídos pola formación asociada ás competencias profesionais que soportan os procesos de «iniciación deportiva», «tecnificación deportiva» e «alto rendemento», independentemente da modalidade ou especialidade deportiva, así como aqueles obxectivos propios das ensinanzas deportivas de réxime especial.

b) Os módulos específicos, constituídos pola formación directamente referida, entre outros, a aspectos técnicos, organizativos ou metodolóxicos da propia modalidade ou especialidade deportiva.

c) O módulo de formación práctica, constituído pola parte de formación asociada ás competencias, que é necesario completar no ámbito deportivo e profesional real.

d) O módulo de proxecto final, que integra os coñecementos adquiridos durante o período de formación no ciclo de grao superior.

3. Pola súa vez, os módulos de ensino deportivo agrúpanse en dous bloques:

a) O bloque común, que agrupa os módulos comúns e é coincidente e obrigatorio para todas as modalidades e especialidades deportivas de cada un dos ciclos.

b) O bloque específico, que agrupa o conxunto de módulos específicos, o módulo de formación práctica e, no grao superior, o módulo de proxecto final.

Artigo 5. Programación dos módulos

1. Os centros docentes, ao inicio de cada curso académico, desenvolverán o currículo das ensinanzas deportivas, mediante a elaboración das correspondentes programacións para cada un dos módulos de ensino deportivo, adaptándoo ás características do alumnado, ás posibilidades formativas da súa contorna e ás necesidades do mercado laboral. Esta concreción formará parte do proxecto educativo de centro.

2. A programación de cada módulo, agás a do módulo de formación práctica e do módulo de proxecto final, organizarase en unidades didácticas.

3. De acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, cada centro educativo establecerá unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e en castelán que garanta que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais. Asemade, en todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico nas dúas linguas oficiais.

4. A programación de cada módulo incluirá, polo menos, os seguintes puntos:

a) Identificación do módulo.

b) Concreción do currículo en relación ás características do alumnado e ás posibilidades formativas da súa contorna.

c) Relación de unidades didácticas que a integran, que contribuirán ao desenvolvemento do módulo, xunto coa secuencia e o tempo asignado para o desenvolvemento de cada unha.

d) Metodoloxía.

e) Espazos docentes e recursos.

f) Criterios, instrumentos e procedementos de avaliación.

g) Mínimos exixibles para acadar unha avaliación positiva no módulo.

h) Criterios de cualificación do módulo.

i) Medidas de atención á diversidade.

j) Procedemento e medidas para a recuperación do módulo.

k) Procedemento sobre o seguimento da programación e a avaliación da propia práctica docente.

5. Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade, o departamento incluirá na súa programación, ao inicio de cada curso académico, o procedemento que se vai a empregar para darlle a coñecer ao alumnado a información relativa á programación de cada módulo de ensino deportivo, con especial referencia aos obxectivos, aos criterios e instrumentos de avaliación e criterios de cualificación que serán aplicados para evidenciar a adquisición das competencias establecidas no currículo, así como o nivel mínimo que se considera suficiente para acadar a avaliación positiva e os procedementos de reclamación.

Artigo 6. Módulo de formación práctica

1. O módulo de formación práctica inclúese en todos os ciclos de ensino deportivo e ten as finalidades descritas no artigo 11.3 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

2. Aos efectos do establecido na presente orde, o regulado para o módulo de formación práctica será tamén de aplicación para o bloque de formación práctica correspondente ás ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, agás que se dispoña o contrario.

3. O módulo de formación práctica desenvolverase en entidades colaboradoras: entidades deportivas, empresas ou outras organizacións, tanto de carácter público como privado. No desenvolvemento deste módulo aplicaranse as competencias profesionais e deportivas adquiridas nos centros educativos e naquelas actividades desenvolvidas nas devanditas entidades colaboradoras.

4. Para acceder ao módulo de formación práctica requirirase ter superados os módulos que estableza a norma de cada título. E para o acceso ao bloque de formación práctica requirirase ter superados todos os módulos do nivel correspondente, a excepción do módulo de proxecto final no caso do grao superior.

5. Con carácter xeral, os centros docentes programarán o desenvolvemento do módulo de formación práctica despois de impartirse e avaliarse o resto dos módulos correspondentes aos bloques común e específico, a excepción do módulo de proxecto final no caso do grao superior.

6. A carga horaria do módulo de formación práctica será a establecida na normativa que estableza cada currículo para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Convenios de colaboración entre os centros docentes e as entidades colaboradoras

1. Para a realización do módulo de formación práctica, os centros docentes subscribirán convenios de colaboración coas entidades colaboradoras.

2. Para a tramitación e a formalización dos devanditos convenios así como a súa vixencia, será de aplicación a normativa vixente na Comunidade Autónoma de Galicia referida ao módulo de formación en centros de traballo propio das ensinanzas de Formación Profesional.

3. Antes do inicio das actividades formativas propias deste módulo, os centros docentes deberán determinar a relación do alumnado e programar unha proposta de calendarios e horarios para o desenvolvemento das actividades formativas tanto nas entidades colaboradoras como nos propios centros, que deberán ser postas en coñecemento do Servizo de Inspección Educativa a través da Xefatura Territorial da consellería con competencias en materia de educación, xunto cunha copia dos convenios asinados, dentro dos vinte días seguintes á realización da sesión de avaliación final dos módulos ou, de ser o caso, dez días antes do inicio das prácticas, para que dende aí se trasladen á inspección de traballo. As modificacións e as baixas que se produzan nos convenios de colaboración tamén se comunicarán aos Servizos de Inspección Educativa, enviando copia do novo convenio no caso de modificacións.

Artigo 8. Períodos e lugares da realización do módulo de formación práctica

1. Con carácter xeral, o módulo de formación práctica desenvolverase nun só período e de xeito ininterrompido dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia entre as datas da celebración da sesión de avaliación final de módulos na que se decida que o alumnado pode iniciar o devandito módulo, e a celebración da sesión de avaliación final de ciclo, sen prexuízo do establecido no artigo 50.2 desta orde en relación ao alumnado que curse ensinanzas reguladas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e, excepcionalmente, acceda ao bloque común do ciclo final de grao medio sen ter concluído a formación práctica do ciclo inicial.

2. A realización do módulo de formación práctica en situacións excepcionais motivada pola especificidade do propio ciclo formativo deberá ser autorizada expresamente polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas, logo dun informe do Servizo de Inspección Educativa. A persoa que exerza a dirección dos centros docentes remitirá á Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación, cunha antelación mínima de vinte días con respecto ao comezo da realización do módulo de formación práctica xunto co programa formativo individualizado, unha solicitude, na que se inclúa a xustificación da actividade que requira o calendario solicitado. En ningún caso poderá iniciarse o módulo de formación práctica fóra do período establecido con carácter xeral, sen contar coa preceptiva resolución favorable.

3. A realización do módulo de formación práctica implicará estadías diarias do alumnado nas entidades colaboradoras que, con carácter xeral, será de duración igual ao horario laboral das ditas entidades, cun horario comprendido, preferentemente, entre as sete e as vinte e dúas horas, e que en ningún caso poderá ser un tempo superior ás oito horas ao día e ás corenta horas semanais.

4. Cando se constate que o posto formativo ofrecido por unha entidade colaboradora sexa insuficiente para acadar as competencias profesionais e deportivas correspondentes ao módulo de formación práctica, a persoa que exerza a titoría seleccionará outras entidades colaboradoras que poidan complementar o programa formativo. Neste caso, formalizarase un programa formativo para cada entidade.

5. Se o horario laboral dunha entidade colaboradora fose insuficiente para completar o número total das horas correspondentes ao módulo de formación práctica no período ordinario establecido, poderase asistir simultaneamente a máis dunha entidade colaboradora co fin de completar as actividades programadas, sen que a suma das horas que o alumnado deba realizar sexa superior á xornada laboral legalmente establecida.

6. Cando o módulo de formación práctica se programe cunha distribución temporal de carácter extraordinario e/ou se vaia realizar fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá ser previamente autorizado conforme o procedemento establecido nos artigos 21 e 22 desta orde. O alumnado non se incorporará ás entidades colaboradoras para a realización do módulo de formación práctica ata que non conte coa correspondente autorización.

Artigo 9. Seguimento da realización do módulo de formación práctica

1. Durante a realización do módulo de formación práctica a persoa que exerza a titoría deste alumnado no centro educativo manterá contacto periódico, a través das canles de comunicación que considere oportunas, como mínimo, cada quince días, co alumnado en formación e coa persoa que exerza a titoría no centro de traballo, coa finalidade de realizar o seguimento da estadía.

2. Durante a realización do módulo de formación práctica o persoa que exerza a titoría do centro educativo programará un calendario de visitas en coordinación coa persoa que exerza a titoría no centro de traballo, coa finalidade de observar directamente as actividades que o alumnado en formación realice, e rexistrar o seu propio seguimento.

3. Así mesmo, o centro educativo deberá establecer sesións periódicas para a recepción do alumnado no centro educativo por parte da persoa que exerza a titoría, nas que se realicen actividades de asesoramento e de valoración do desenvolvemento do programa formativo, así como da actividade na entidade colaboradora.

Artigo 10. Programa formativo do módulo de formación práctica

1. Os centros docentes establecerán os correspondentes programas formativos que comprenderán o conxunto de actividades formativas, deportivas e profesionais que o alumnado debe efectuar durante o período de realización do módulo de formación práctica para completar as competencias asignadas a cada título nun ámbito deportivo e profesional real.

2. Co obxecto de alcanzar as finalidades do módulo de formación práctica na elaboración de cada programa formativo terase en conta os seguintes aspectos:

a) Os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación definidos para o devandito módulo de ensino no decreto que establece o currículo do correspondente título para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A información dispoñible sobre os recursos, os medios, a organización e a natureza do traballo deportivo desenvolvido pola entidade colaboradora que permita realizar as actividades previstas.

c) As actividades deportivas que posibiliten completar as competencias correspondentes ao ciclo de ensino deportivo.

d) As actividades e documentos de avaliación, entre os que se incluirán as fichas semanais de seguimento e a memoria final da práctica realizada que permitan ao alumnado demostrar a consecución das devanditas competencias.

e) A adaptación dos criterios de avaliación previstos no decreto que establece o currículo do correspondente título ás funcións ou actividades que o alumnado debe desempeñar para a realización do módulo de formación práctica.

3. As actividades que se inclúan no programa formativo deben ter as seguintes características:

a) Cumprir a carga lectiva prevista nos decretos polos que se establecen para a Comunidade Autónoma de Galicia os currículos das ensinanzas correspondentes.

b) Permitir o uso de medios, instalacións e documentación técnica propios do traballo deportivo da entidade colaboradora relacionados co perfil profesional correspondente.

c) Formular tarefas que sexan relevantes para a adquisición das competencias asociadas ao perfil profesional do que se trate.

Artigo 11. Módulo de proxecto final

1. De acordo co establecido no artigo 12 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, o ciclo de grao superior incorporará o módulo de proxecto final, que terá carácter integrador dos coñecementos adquiridos durante o período de formación. Organizarase sobre a base da titorización individual e colectiva.

2. O módulo de proxecto final elaborarase sobre a modalidade ou especialidade deportiva cursada polo alumnado e presentarase en forma de memoria de acordo cos criterios de avaliación que se determinen na norma que regule o título de cada modalidade e especialidade deportiva.

3. O módulo de proxecto final impartirase simultaneamente co resto dos módulos de ensino deportivo, incluíndo, cando menos, vinte e cinco horas de clases presenciais dos contidos propios do módulo, ademais das oportunas titorías individuais ou colectivas que deberán realizarse tamén no propio centro.

4. A memoria do módulo de proxecto final presentarase ao finalizar o resto dos módulos, tanto do bloque común como do específico, de ensino deportivo da modalidade ou especialidade correspondente, incluído o módulo de formación práctica.

5. O prazo para presentar a memoria do módulo de proxecto final será establecido polo centro.

CAPÍTULO III

Oferta e réxime das ensinanzas deportivas

Artigo 12. Oferta das ensinanzas

1. A oferta dos centros docentes poderá ser: matrícula completa, matrícula parcial por módulos pendentes ou matrícula parcial do bloque común.

a) Completa: os centros deberán configurar grupos de alumnado nos que se impartirá a totalidade das ensinanzas correspondentes a un determinado ciclo de ensino.

b) Parcial por módulos pendentes: os centros poderán matricular ao alumnado con módulos pendentes de superación que cursaran estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, ou procedentes doutras comunidades autónomas.

c) Parcial do bloque común: os centros debidamente autorizados para impartir o bloque común das actividades de formación deportivas propias das modalidades deportivas en período transitorio, desenvolvidas ao abeiro da disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, poderán organizar a oferta das súas ensinanzas configurando grupos de alumnado para impartir as ensinanzas correspondentes unicamente ao devandito bloque común.

2. A oferta das ensinanzas poderá flexibilizarse para permitir compatibilizar o estudo con outras actividades deportivas, laborais ou doutra índole, principalmente para as persoas adultas e as persoas deportistas de alto nivel ou alto rendemento deportivo, as persoas adestradoras, técnicas e as persoas xuíces e xuízas e árbitros e árbitras recoñecidos de alto nivel deportivo. Para iso, poderán realizarse distintos tipos de oferta, diferentes distribucións temporais e diferentes réximes de ensino.

3. As distribucións temporais que os centros docentes poderán ofertar son: calendarios e horarios de carácter ordinario ou extraordinario conforme o disposto nos artigos 19 e 20 desta orde.

4. Os réximes de ensino que os centros docentes poderán ofertar son: presencial ou a distancia conforme o disposto nos artigos 13 e 14 desta orde.

Artigo 13. Réxime de ensino presencial

1. O réxime de ensino presencial requirirá a asistencia do alumnado o centro docente para a realización das actividades de ensino e aprendizaxe programadas para o curso académico conforme o establecido a tal respecto na normativa vixente.

2. Os centros docentes deberán determinar nas súas normas de organización e funcionamento o nivel de asistencia mínima imprescindible para que a avaliación continua sexa aplicable, e establecerán o procedemento mediante o cal se rexistrarán as faltas de asistencia ás actividades de formación que se desenvolvan nos devanditos centros. Para estes efectos, considerarase a perda do dereito á avaliación continua nun determinado módulo cando o alumnado acumule máis dun 20 % de faltas de asistencia inxustificadas con respecto á duración total dese módulo.

3. Ao comezo do curso académico, a persoa que exerza a titoría informará o seu grupo de alumnado sobre o número de faltas de asistencia a partir do cal non será posible aplicar a avaliación continua.

Artigo 14. Réxime de ensino a distancia

1. O réxime de ensino a distancia requirirá que o alumnado, fóra do centro docente, desenvolva actividades de formación mediante o uso preferente das tecnoloxías da información e a comunicación, xunto con actividades presenciais no centro, tanto formativas, de titoría, como de avaliación das aprendizaxes adquiridas.

2. Nas ensinanzas deportivas, o réxime de ensino a distancia suporá, en todos os casos, un carácter semipresencial das ensinanzas tendo en conta que:

a) Os módulos de ensino deportivo que poden ser impartidos a distancia son os módulos do bloque común e aqueloutros dispostos na norma que establece o currículo correspondente.

b) Os módulos de ensino impartidos a distancia poden precisar que unha parte da súa carga lectiva deba ser impartida de forma presencial, ademais das correspondentes probas de avaliación.

3. Para a oferta das ensinanzas deportivas en réxime de ensino a distancia, os centros deberán contar coa autorización previa para impartir esas mesmas ensinanzas en réxime de ensino presencial, tal como establece o artigo 28 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

4. Para o caso do ensino a distancia, a aplicación do proceso de avaliación continua do alumnado requirirá o seguimento, realización e presentación, polo medio telemático que se estableza, das actividades programadas e nos prazos que se determine, ademais da asistencia ás actividades presenciais programadas con carácter obrigatorio.

Artigo 15. Autorización do réxime de ensino a distancia aos centros públicos dependentes doutras administracións e aos centros autorizados

1. A aplicación aos centros públicos dependentes doutras administracións e aos centros autorizados do réxime de ensino a distancia estará sometida ao principio de autorización administrativa, requiríndose para a súa tramitación e eventual concesión que a persoa que exerza a dirección dos devanditos centros presente a solicitude de autorización a través da Xefatura Territorial da consellería con competencias en materia de educación para a súa resolución por parte do órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas, logo do informe do Servizo de Inspección Educativa.

2. O centro que obteña a autorización para a aplicación do réxime de ensino a distancia deberá facelo constar de forma expresa no Documento de Organización do Centro (DOC) que fará chegar nos prazos establecidos ao Servizo de Inspección Educativa. Ademais, deberán comunicalo aos seus centros públicos de adscrición.

Artigo 16. Requisitos dos centros para impartir o réxime de ensino a distancia

Xunto coa solicitude de autorización para impartir ensinanzas a distancia, os centros achegarán un proxecto no que se especifique:

a) As ensinanzas deportivas e os módulos que desexan impartir a distancia.

b) Proposta de organización de horarios e calendario lectivo.

c) Profesorado encargado do réxime de ensinanza a distancia que deberá axustarse, en canto á titulación, ao que estableza o decreto polo que se establece o currículo do correspondente título para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Planificación dos grupos aos que se aplicarán as ensinanzas a distancia, tendo en conta a ratio de alumnado/unidade escolar e alumnado/profesorado prevista no artigo 48 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

e) Materiais curriculares e recursos e medios didácticos segundo o recollido no artigo 17 desta orde.

f) Organización da titoría e orientación incluíndo o cadro do horario semanal das titorías presenciais conforme o previsto no artigo 18 desta orde.

Artigo 17. Materiais curriculares, e recursos e medios didácticos na formación a distancia

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, os centros que impartan formación a distancia deberán contar cos materiais curriculares axeitados e adaptaranse ao preceptuado na disposición adicional cuarta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

2. No exercicio da súa autonomía pedagóxica, corresponderá aos propios centros desenvolver os materiais curriculares e as guías didácticas que se utilicen nas diversas ensinanzas. Os devanditos materiais deberán adaptarse ao decreto que establece o currículo aprobado pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os materiais curriculares deberán permitir ao alumnado o desenvolvemento das capacidades establecidas nos obxectivos dos respectivos graos ou niveis de ensinanza deportiva e deberán contribuír a que poidan organizar e controlar o seu proceso de aprendizaxe de forma autónoma. Incluirán non só contidos teóricos, senón tamén actividades que deberá realizar o alumnado, e deberán caracterizarse pola súa interactividade e pola utilización dos distintos sistemas multimedia.

4. Con carácter xeral, os centros docentes deberán dispoñer dunha plataforma educativa ou centro virtual que permita ao alumnado en réxime de ensino a distancia seguir unha formación interactiva en-liña mediante o uso das tecnoloxías da información e a comunicación, así como a utilización dos recursos que proporciona internet. As características tanto do servidor como da plataforma detallaranse no proxecto ao que se refire o artigo 16 desta orde.

5. O acceso á referida plataforma permitirá ao alumnado descargar os contidos dos diferentes módulos formativos, realizar as prácticas encomendadas e resolver as dúbidas que se presenten. Así mesmo, permitirán ao profesorado realizar un seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe e aplicar unha avaliación continua e individualizada do alumnado.

6. O profesorado de cada módulo de ensinanza deportiva elaborará unha programación de conformidade co artigo 5 desta orde, que servirá de guía didáctica e orientación para o traballo autónomo do alumnado e recollerá, polo menos, os seguintes contidos:

a) Atención titorial con calendario de titorías por vía telemática (horario), calendario de titorías presenciais obrigatorias (lugar e horario); calendario de titorías presenciais non obrigatorias (lugar e horario).

b) Actividades que debe realizar o alumnado (avaliables e autoavaliables), con indicación expresa do prazo de realización destas, do valor que cada actividade ten na cualificación do módulo e dos criterios de corrección aplicables a cada unha delas.

c) Materiais curriculares e recursos didácticos (fundamentalmente bibliografía e ligazóns de internet).

d) Solucionario das actividades autoavaliables.

e) Calendario das probas presenciais.

Artigo 18. Titoría e orientación na formación a distancia

1. A aprendizaxe do alumnado será guiada polo profesorado que exerza a titoría que realizará as seguintes funcións:

a) Elaborar os materiais didácticos do seu módulo que incluirán os materiais de estudo.

b) Programar e preparar as sesións de titoría correspondentes ao módulo que teña asignado, así como participar nas reunións do equipo docente e noutras actividades de coordinación.

c) Orientar, guiar e apoiar o alumnado na consecución dos resultados de aprendizaxe que correspondan ao módulo a partir dos materiais didácticos.

d) Proporcionar materiais didácticos de apoio cando sexa necesario.

e) Asistir ao alumnado como administrador/a dos recursos do centro que este utilice.

f) Comunicar ao alumnado o día, hora e lugar da realización das titorías, probas de avaliación presenciais e demais actividades relacionadas co desenvolvemento do módulo.

g) Dinamizar as actividades de aprendizaxe do seu módulo, individuais e colectivas, e estimular a participación nelas.

h) Levar un rexistro de incidencias das titorías, tanto individuais coma colectivas.

i) Coordinar a avaliación do módulo e proporcionar ao alumnado a información sobre o seu progreso de aprendizaxe.

j) Calquera outra función relacionada con este réxime de ensino que lle sexa asignada pola persoa que exerza a dirección do centro ou da administración educativa dentro do seu ámbito de competencias, ou que lle atribúa a normativa vixente.

2. Debido ás características específicas das ensinanzas deportivas de réxime especial, das súas competencias profesionais e do proceso de aprendizaxe deportivo, a dita acción titorial realizarase mediante titorías a distancia e titorías presenciais obrigatorias.

3. As titorías a distancia serán de carácter individual ou colectivo e realizaranse a través da plataforma educativa a que se refire o artigo 17 desta orde.

4. As titorías presenciais, obrigatorias para o alumnado, ofreceranlle accións orientadoras e de apoio que se corresponden cos resultados da aprendizaxe que, pola súa natureza procedemental e para a súa consecución, precisan de actividades de aprendizaxe presencial de carácter obrigatorio.

5. Con anterioridade ao inicio das actividades lectivas, o centro educativo fará públicos os calendarios e horarios, tanto das titorías a distancia como das presenciais, o programa de actividades, o calendario das avaliacións e canta outra información poda ser de interese xeral para o alumnado.

6. A persoa que exerza a dirección do centro, tanto nos centros públicos como nos centros autorizados, no caso de que conte coa autorización de varias ensinanzas a distancia, poderá designar de entre o profesorado que imparta docencia en cada grupo de alumnado que curse a formación a distancia un profesor/a titor/a-coordinador/a para esta formación, coas funcións seguintes:

a) Orientar e apoiar o alumnado no seu proceso de aprendizaxe, utilizando preferentemente as tecnoloxías da información e a comunicación, así como as ferramentas que proporciona internet a partir dos materiais didácticos establecidos.

b) Guiar e asesorar o alumnado no uso e familiarización das ferramentas da plataforma virtual de aprendizaxe, da estrutura e características dos materiais didácticos aloxados nesta e das ferramentas de comunicación de que dispón.

c) Promover e dinamizar a participación do alumnado nas actividades propostas, estimular as actividades colectivas, así como a comunicación entre o alumnado a través dos foros, sesións de conversación en tempo real ou sesións presenciais, impulsando actividades que xeren a reflexión e o debate.

d) Resolver dúbidas e realizar o seguimento da progresión do alumnado.

e) Informar o alumnado sobre todos os aspectos relacionados co calendario de tarefas e actividades a realizar durante o curso, a realización das probas presenciais e os procedementos de avaliación e cualificación.

f) Colaborar na organización e desenvolvemento das probas presenciais.

g) Coordinar a avaliación do alumnado do grupo asignado.

h) Participar, nos termos que se establezan, na revisión, actualización e avaliación do material didáctico de xeito coordinado, así como na programación e deseño de actividades, traballos, tarefas e proxectos que o alumnado deba realizar ao longo do curso.

7. Para o desenvolvemento das funcións establecidas no punto anterior, o profesorado que exerza a titoría facilitará a persoa que exerza a coordinación os datos e incidencias referidos a impartición dos módulos que oportunamente solicite.

CAPÍTULO IV

Organización e distribución temporal das ensinanzas deportivas

Artigo 19. Organización dos grupos de alumnado e distribución temporal ordinaria das ensinanzas deportivas

1. Os centros docentes deberán organizar a impartición das ensinanzas formando grupos de alumnado nos que, con carácter xeral, todas as persoas integrantes en cada un deles estean afectadas polas mesmas condicións relativas aos aspectos que se enumeran seguidamente:

a) Localización e sede.

b) Matrícula completa dun determinado ciclo de ensino deportivo ou parcial do bloque común dun determinado nivel de ensino.

c) Distribución temporal ordinaria ou extraordinaria das ensinanzas.

d) Réxime de ensino presencial ou a distancia.

2. Os centros docentes deberán organizar a distribución das ensinanzas para cada grupo de alumnado, de forma que os calendarios e horarios escolares cumpran coa totalidade da carga horaria disposta no decreto polo que se establece o currículo do correspondente título para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Na distribución temporal ordinaria, o calendario e o horario escolar de cada grupo de alumnado adecuarase ao establecido na normativa de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, e así mesmo deberá respectar os seguintes criterios:

a) Completar a impartición e avaliación das ensinanzas correspondentes a cada ciclo de ensino nun prazo máximo de doce meses.

b) Programar xornadas lectivas, cunha duración non inferior a 50 minutos, nas que se impartan con carácter xeral ata un máximo de tres sesións dun mesmo módulo de ensino deportivo, coa excepción do módulo de formación práctica ou daqueles outros módulos do bloque específico que requiran para a súa realización unha montaxe previa ou que esixan desprazamentos para a súa realización no medio natural.

4. A aplicación dos anteriores criterios poderá verse modificada no desenvolvemento do módulo de formación práctica para adaptarse ao horario laboral das correspondentes entidades colaboradoras.

Artigo 20. Distribución temporal extraordinaria das ensinanzas deportivas

1. A disposición adicional décimo primeira do citado Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, dispón que as administracións competentes poderán axustar o calendario escolar tendo en conta as peculiaridades das ensinanzas deportivas e que as ensinanzas dalgunhas modalidades ou especialidades deportivas, polo ámbito no que se desenvolven, están suxeitas a condicións de temporalidade.

2. A distribución temporal extraordinaria estará suxeita á autorización administrativa por parte do órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas. Para estes efectos, os centros que impartan ensinanzas deportivas de réxime especial concretarán, xunto coa solicitude, unha proposta de calendario escolar de acordo coas prescricións establecidas nesta orde.

3. A dita flexibilidade deberá xustificarse a través dun proxecto elaborado polo centro docente que o solicite, no que se garanta a viabilidade e a calidade das ensinanzas. A xustificación da solicitude de distribución temporal extraordinaria dos horarios e do calendario lectivo deberá basearse en criterios de estacionalidade que afecten a impartición dos contidos formativos, de localización xeográfica ou outros aspectos relacionados co desprazamento e co aloxamento no ámbito natural, a dispersión xeográfica da oferta ou outras circunstancias que permitan valorar que, co horario solicitado, se garanta a calidade e viabilidade das ensinanzas impartidas.

4. Os calendarios e horarios propostos nos proxectos de flexibilidade deberán estar sustentados en formulacións metodoloxicamente razoables que programen cargas lectivas asumibles e suficientes descansos que fagan sustentable a súa efectividade práctica.

5. O órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas poderá autorizar, á vista dos informes dos servizos de Inspección Educativa, a flexibilidade dos calendarios e horarios extraordinarios.

6. Logo da concesión da autorización administrativa, os centros poderán aplicar a proposta presentada referida a calendarios e horarios escolares de carácter extraordinario a determinados grupos de alumnado, que en ningún caso poderán modificar sen a previa autorización.

Artigo 21. Procedemento de autorización de calendarios e horarios escolares de carácter extraordinario

1. A concesión da autorización administrativa necesaria para aplicar calendarios e horarios de carácter extraordinario requirirá que a persoa que exerza a dirección do centro educativo presente con, polo menos, un mes de anticipación ao inicio previsto do período lectivo para o que se solicita a autorización, a correspondente solicitude a través da Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación. Esta solicitude incluirá un proxecto de flexibilidade no que se detallarán, para cada grupo de alumnado solicitado, os seguintes aspectos:

a) Criterios, circunstancias e obxectivos pedagóxicos que xustifiquen a necesidade da flexibilidade solicitada.

b) Ciclo ou ciclos de ensino e modalidade ou especialidade deportiva.

c) Calendario escolar e horario lectivo previsto.

d) Prazo previsto para a realización do módulo de formación práctica.

e) Calendario e horario previsto para a realización das probas de avaliación.

f) Calendario e horario previsto para a celebración das correspondentes sesións de avaliación.

g) Profesorado asignado para a impartición de cada módulo de ensino deportivo.

h) Outra documentación que avale a solicitude.

2. No caso de que se solicite autorización para varios grupos de alumnado, deberá detallarse o número, ciclo de ensino e modalidade ou especialidade deportiva destes, ademais da localización precisa de aulas e espazos deportivos, tanto se afecta unha como máis sedes autorizadas.

3. A Xefatura territorial remitirá ao órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas a solicitude de autorización, xunto co informe do Servizo de Inspección Educativa, para a súa resolución, que no caso de ser favorable só terá validez para o período proposto debendo ser novamente solicitada en anos ou cursos sucesivos.

4. Os centros docentes non poderán iniciar en ningún caso a impartición dos calendarios e horarios de carácter extraordinario en tanto non conten por anticipado coa preceptiva autorización.

5. O centro que obteña autorización para a aplicación de calendarios e horarios de carácter extraordinario para algún dos seus grupos de alumnado, deberá facelo constar de forma expresa no correspondente Documento de Organización do Centro (DOC) e na Programación Xeral Anual (PXA), poñelo en coñecemento do alumnado e facelo chegar nos prazos establecidos ao Servizo de Inspección Educativa. Así mesmo, os centros autorizados deberán comunicar aos seus respectivos centros públicos de adscrición esta circunstancia no momento no que lle sexa concedida a devandita autorización.

Artigo 22. Procedemento de autorización extraordinaria de formacións levadas a cabo fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Con carácter extraordinario, os centros poderán solicitar autorización para impartir fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia as ensinanzas correspondentes a algunha parte do bloque específico, incluído o módulo de formación práctica alegando motivos debidamente xustificados, tal como establece o artigo 46 do citado Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

2. Para a súa tramitación requirirase que a persoa que exerza a dirección do centro educativo presente a correspondente solicitude xustificada de autorización, cun mínimo dun mes de anticipación do inicio das actividades formativas, ante a Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación.

3. Na tramitación da autorización extraordinaria a que se refire este artigo, será preceptivo que previamente se estableza a oportuna coordinación co órgano competente en materia de educación onde se teña previsto levar a cabo a formación e que estea fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A Xefatura Territorial remitirá ao órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas a solicitude de autorización, xunto co informe do Servizo de Inspección Educativa, para a súa resolución, que no caso de ser favorable só terá validez para o período proposto e deberá ser novamente solicitada en anos ou cursos sucesivos.

5. Os centros docentes non poderán realizar en ningún caso as actividades de formación fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia mentres non conten por anticipado coa preceptiva autorización.

6. Os centros autorizados deberán comunicar aos seus respectivos centros públicos de adscrición esta circunstancia no momento no que lle sexa concedida a dita autorización.

CAPÍTULO V

Acceso ás ensinanzas deportivas

Artigo 23. Acceso ás ensinanzas deportivas

1. Para acceder a cada un dos ciclos de ensino deportivo as persoas aspirantes deberán reunir, con carácter previo á matriculación, os requisitos de acceso de carácter xeral e os requisitos de acceso de carácter específico ou acreditar méritos deportivos, experiencia profesional ou deportiva, ou as tres condicións de forma conxunta establecidas para cada modalidade no correspondente real decreto polo que se establece o título, segundo dispón o establecido no artigo 48 da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

2. O alumnado de formacións deportivas que curse o bloque común conforme ao previsto na disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, deberá acreditar, con carácter previo á matriculación, estar en posesión dos requisitos xerais e específicos establecidos para o acceso ás devanditas formacións deportivas nos correspondentes plans formativos, así como o establecido nos artigos 10 e 11 da Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro.

Artigo 24. Requisitos de acceso de carácter xeral

1. De conformidade co artigo 48.2 da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, para acceder ás ensinanzas do ciclo inicial de grao medio será necesario estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, ou equivalente para efectos académicos, así como calquera das titulacións incluídas no punto 3 deste artigo.

2. Para acceder ás ensinanzas do ciclo final de grao medio será necesario acreditar ter superado o ciclo inicial na correspondente modalidade ou especialidade deportiva.

3. De conformidade co artigo 48.2 da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, para acceder ás ensinanzas do ciclo de grao superior será necesario estar en posesión do título de técnico deportivo na correspondente modalidade ou especialidade deportiva que se determine por vía regulamentaria, ademais de, cando menos, un dous seguintes títulos:

a) Título de bacharelato.

b) Título de técnico superior.

c) Título universitario.

4. Ademais do establecido nos puntos anteriores, e para determinar equivalencias para efectos de acceso, haberá que aterse ao disposto na disposición adicional décimo primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, ademais das disposicións normativas vixentes en materia de equivalencias.

5. As persoas que non cumpran os requisitos académicos establecidos nos artigos anteriores poderán acceder ás ensinanzas do ciclo inicial de grao medio ou do ciclo de grao superior, segundo sexa o caso, a través da superación dunha proba substitutiva do correspondente requisito de titulación, segundo o disposto a este respecto no artigo 48 da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro. Para acceder por esta vía ao grao medio requirirase ter dezasete anos de idade, e dezanove para o grao superior, cumpridos no ano de realización da proba, sempre que se acredite estar en posesión do título de técnico deportivo na correspondente modalidade ou especialidade deportiva no caso do ciclo de grao superior.

6. O órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas poderá autorizar, de xeito excepcional, só para as ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, o acceso, durante o mesmo curso académico, ao bloque común correspondente ao ciclo final da respectiva modalidade deportiva, sen ter superado o módulo de formación práctica do ciclo inicial, sempre e cando se acrediten os requisitos específicos de acceso establecidos para cada titulación, tal e como se recolle no artigo 50 desta orde.

Artigo 25. Requisitos de acceso de carácter específico

1. Ademais dos requisitos de acceso de carácter xeral, para o acceso a determinadas modalidades ou especialidades deportivas poderá requirirse á persoa aspirante ademais da superación dunha proba de carácter específico, acreditar méritos deportivos, experiencia profesional ou deportiva, ou as tres condicións de forma conxunta, segundo o establecido no artigo 48 da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

2. A estrutura, carga lectiva, contidos e criterios de avaliación da proba de carácter específico, así como as condicións básicas, espazos e equipamentos necesarios para a realización desta serán os previstos no real decreto polo que se establece cada título.

3. Nas probas de acceso de carácter específico nas que participen persoas con discapacidade, terase en conta o establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, accedendo ás devanditas ensinanzas en igualdade de oportunidades co resto do alumnado.

4. As persoas aspirantes que acrediten, ao abeiro do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, a condición de deportista de alto nivel ou alto rendemento deportivo, ou ser persoa adestradora, técnica ou persoa xuíz e xuíza ou árbitro e árbitra recoñecida de alto nivel deportivo estarán exentas de cumprir os requisitos de carácter específico para o acceso á modalidade ou especialidade correspondente.

Artigo 26. Convocatoria das probas de acceso de carácter específico

1. De conformidade co artigo 30 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, as probas de carácter específico serán organizadas polas administracións educativas. Tendo en conta o anterior, o órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas convocará, cando menos unha vez ao ano, as probas específicas de acceso ás ensinanzas implantadas nos centros públicos para os diferentes ciclos e graos das modalidades e especialidades deportivas.

2. En cada convocatoria establecerase a modalidade e nivel de ensinanza deportiva, a data, o lugar e a hora de celebración, así como a composición do tribunal de avaliación correspondente e, se é o caso, o material deportivo necesario que deberá achegar a persoa participante para a realización da proba.

3. Os centros autorizados poderán solicitar ata dúas convocatorias anuais das probas relativas á modalidade ou modalidades para as que estean autorizados ante o órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas que as autorizará, se procede, para que a continuación, os centros solicitantes as fagan públicas cunha antelación mínima de trinta días naturais respecto da data de comezo da proba.

Nestas solicitudes deberá constar o lugar e as instalacións de celebración, o calendario de realización dos diferentes exercicios que conforman a proba, así como a relación das persoas vogais, titulares e suplentes, que propoñan para o nomeamento do tribunal. Calquera modificación da devandita planificación deberá ser comunicada ao Servizo de Inspección Educativa coa suficiente antelación.

4. Unha vez autorizada a convocatoria das probas, os centros farana pública informando, cando menos, do prazo de inscrición, requisitos de participación, se os houber, lugar, datas e os horarios establecidos para a realización da proba.

Artigo 27. Inscrición nas probas de acceso de carácter específico

1. A inscrición para realizar as probas de acceso de carácter específico farase, con carácter xeral, na secretaría dos centros públicos nas condicións e prazos que se determinen para cada convocatoria.

2. No momento da inscrición, as persoas con discapacidade poderán solicitar unha adaptación da proba xuntando á súa solicitude o certificado acreditativo expedido polo órgano competente autonómico ou estatal que corresponda, cunha antelación de 10 días á data da celebración das probas.

3. As persoas solicitantes que estean exentas do cumprimento dos requisitos de carácter específico a que fai referencia o artigo 25.4 desta orde, xuntarán á súa solicitude de inscrición o documento que acredite esa condición, tendo en conta os requisitos e período de validez da devandita condición establecidos na normativa en vigor.

4. As secretarías dos centros públicos serán as encargadas de realizar a comprobación da documentación necesaria para a inscrición nas probas de acceso de carácter específico. Tal comprobación condicionará a posible admisión na proba.

Artigo 28. Tribunais responsables da avaliación das probas de acceso de carácter específico

1. Para a organización, avaliación e cualificación das probas de carácter específico, o órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas nomeará os preceptivos tribunais.

2. Para os centros públicos constituirase un tribunal por modalidade deportiva nomeado polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas e integrado, cando menos, por tres membros, en número impar en calquera caso; actuando de presidente/a un/unha inspector/a de educación, sendo o/a secretario/a e os/as vogais persoal funcionario dos corpos de persoal catedrático, ou profesorado de ensino secundario.

3. Para os centros autorizados constituirase un tribunal por modalidade deportiva nomeado polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas e integrado, cando menos, por tres membros, en número impar en calquera caso. O tribunal será presidido por unha persoa inspectora de educación, actuando como secretario/a unha persoa funcionaria dos corpos de persoal catedrático ou de profesorado de ensino secundario, e entre as persoas vogais unha delas será proposta pola persoa que exerza a dirección no centro autorizado entre o profesorado do devandito centro.

4. Na composición dos tribunais de selección procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

5. A persoa que exerza a dirección no centro autorizado remitirá ao órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas unha solicitude de nomeamento de persoas vogais, tanto titulares como suplentes, para formar parte do tribunal por cada unha das modalidades deportivas convocadas que deberá axustarse, en canto á titulación, ao que estableza o real decreto do título correspondente.

6. Xunto coa solicitude de nomeamento, achegarase a documentación que acredite a titulación requirida das persoas vogais, tanto titulares como suplentes, e de cantos outros requisitos se determinen na norma que establece o título, así como unha declaración responsable das persoas propostas na que figure que a documentación presentada é veraz, segundo se recolle no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. Cando as probas específicas sexan solicitadas polos centros autorizados e entre as persoas candidatas se atope algunha persoa con discapacidade acreditada, o centro autorizado deberá informar o tribunal de tal circunstancia coa debida antelación.

Artigo 29. Funcións dos tribunais das probas de acceso de carácter específico

1. As funcións dos tribunais das probas de acceso de carácter específico serán as seguintes:

a) Elaborar e publicar as listaxes de persoas admitidas e excluídas nas probas, así como resolver as reclamacións a estas.

b) Organizar e administrar a celebración das probas no centro de actuación.

c) Valorar e resolver as solicitudes de exención das probas.

d) Valorar e, se é o caso, proceder á adaptación das probas das persoas solicitantes que acrediten discapacidades.

e) Levar a cabo a comprobación da posesión dos requisitos establecidos para o acceso por parte das persoas aspirantes.

f) Cualificar as probas de acordo cos criterios establecidos no artigo 30 desta orde.

g) Cubrir as actas correspondentes.

h) Asinar as certificacións de superación das probas de carácter específico.

i) Atender e resolver as reclamacións presentadas contra as cualificacións das probas de acceso de carácter específico.

j) Aprazar a realización das probas fóra das datas establecidas por causas convenientemente xustificadas.

k) Calquera outras que lle sexan encomendadas pola administración educativa no ámbito das súas competencias.

2. A persoa nomeada como secretario/a do tribunal avaliador efectuará as funcións inherentes á súa condición, levantando unha acta da sesión de constitución do tribunal, outra de desenvolvemento das probas así como das cualificacións, tanto provisionais como definitivas, e, se é o caso, outra complementaria na que se detallen as decisións tomadas en relación ás reclamacións presentadas.

3. No caso de persoas aspirantes con discapacidade acreditada, o tribunal poderá adaptar a proba, tal e como se establece no artigo 25 da presente orde, respectando, en todo caso, o esencial dos obxectivos xerais establecidos para o correspondente ciclo de ensino.

4. O tribunal poderá solicitar o asesoramento de persoas especialistas para elaborar un informe que lle permita ao tribunal valorar se o grao de discapacidade e as limitacións que leva aparelladas posibilita cursar con aproveitamento e seguridade as ensinanzas, e acadar as competencias correspondentes ao ciclo de que se trate e exercer a súa profesión.

Artigo 30. Avaliación e acreditación da proba de acceso de carácter específico

1. Os membros do tribunal cualificarán cada un dos exercicios que integran a proba de acceso de carácter específico entre un e dez puntos, sen decimais. A puntuación de cada parte da proba será a resultante da media aritmética das cualificacións outorgadas polos membros do tribunal, redondeada á unidade máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

2. Para a superación da proba de acceso de carácter específico será necesaria a avaliación superior ou igual a cinco puntos na totalidade das partes que a integran. En todos os casos, a cualificación final expresarase como «Apto» ou «Non apto».

3. Finalizadas as probas, os tribunais cubrirán e farán públicas as cualificacións, e as actas quedarán custodiadas na secretaría do centro público no que se realizaron. No caso de probas realizadas en centros autorizados, o/a presidente/a do tribunal remitirá as actas ao centro público ao que estean adscritos.

4. A superación da proba de acceso de carácter específico dará lugar á correspondente certificación que incluirá os datos persoais da persoa aspirante, a clave RAE ou de requisito de acceso específico da modalidade ou especialidade superada, así como os datos do centro no que se realizou a proba, e a data e lugar de celebración da devandita proba. Esa certificación, de acordo ao modelo facilitado polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas, será emitida pola secretaría dos centros públicos nos que se realizaron as probas, ou, no caso de probas realizadas en centros autorizados, na secretaría dos centros públicos ao que estean adscritos, e será asinada polo/a presidente/a e polo/a secretario/a do tribunal, quedando custodiada e á disposición da persoa aspirante na secretaría do centro público onde se realizou a proba, ou, no caso de probas realizadas en centros autorizados, na secretaría dos centros públicos ao que estean adscritos.

5. A superación da proba de carácter específico terá efectos en todo o territorio nacional, de acordo co establecido no artigo 32.1. do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, e terá a vixencia prevista no correspondente real decreto que establece o correspondente título.

6. Nos títulos de ensinanzas deportivas establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, a superación da proba de carácter específico acreditará a unidade de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, que para tal fin establece o real decreto do título da correspondente modalidade ou especialidade deportiva.

Artigo 31. Probas de acceso substitutivas do requisito de titulación

1. As probas que substitúen o requisito de titulación académica para o acceso ás ensinanzas deportivas ás que fan referencia o artigo 24 desta orde no seu punto 5, e á formación deportiva á que se refire a Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro, serán convocadas, cando menos unha vez ao ano, polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas a través dunha convocatoria específica na que se establecerá a súa estrutura e procedemento.

2. O contido da proba, tanto para o acceso ao grao medio como para o acceso ao grao superior, estará baseado no currículo vixente na Comunidade Autónoma de Galicia, para a Educación Secundaria Obrigatoria e para o Bacharelato, respectivamente.

3. Os certificados de ter superada a proba de acceso á que fai referencia este artigo, serán custodiados no centro público onde o alumnado realizou a inscrición para a proba. No caso dos centros autorizados, o certificado quedará en poder do centro público ao que estea adscrito.

Artigo 32. Reclamacións ás cualificacións

1. Contra as cualificacións das probas de acceso poderase presentar reclamación motivada ante o/a presidente/a do tribunal durante os dous días hábiles seguintes á data da súa publicación, que resolverá o que proceda nos tres días hábiles seguintes.

2. Contra a resolución das reclamacións emitida polo/a presidente/a do tribunal, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada perante a Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación no prazo máximo dun mes desde a súa publicación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao, xunto coa documentación, nun prazo non superior a dous días hábiles. A resolución deste recurso por parte da Xefatura Territorial porá fin á vía administrativa.

CAPÍTULO VI

Admisión e matrícula nas ensinanzas deportivas

Artigo 33. Aspectos xerais da matrícula

1. Con carácter xeral, a matrícula nas ensinanzas deportivas realizarase de forma completa para cada un dos ciclos de ensinanza.

2. A matrícula nas ensinanzas deportivas poderá ser compatible coa matrícula noutras ensinanzas de carácter oficial, universitarias ou non universitarias.

3. Poderase formalizar matrícula simultánea en dúas modalidades deportivas no mesmo curso académico, coa autorización do Servizo de Inspección Educativa, sempre que existan prazas dispoñibles, non haxa lista de espera unha vez rematado o proceso de admisión, e exista unha compatibilidade horaria mínima dun 90 %. Para tales efectos, farase constar a orde de preferencia das modalidades nas que se pretende matricular a persoa aspirante.

4. O alumnado con módulos de ensino superados en cursos anteriores, ou que obtivese para determinados módulos a validación ou a correspondencia formativa, realizará matrícula parcial no resto dos módulos de ensino que compoñen o ciclo correspondente.

5. Poderase formalizar matrícula para cursar módulos presenciais e a distancia dun mesmo ciclo; non obstante, durante o mesmo curso académico o alumnado non poderá matricularse no mesmo módulo no réxime de ensino presencial e no de ensino a distancia.

6. No momento da matriculación, o alumnado achegará ao centro docente no que vaia cursar as ensinanzas, tanto público como autorizado, a documentación que acredite a posesión dos requisitos xerais e específicos establecidos para o acceso ás devanditas ensinanzas, e xustificar o pagamento dos prezos públicos correspondentes establecidos na normativa de aplicación para a Comunidade Autónoma de Galicia.

7. O alumnado que ao finalizar o curso académico non tivese superado a totalidade dos módulos de ensino deportivo correspondentes ao ciclo no que estivese matriculado, deberá formalizar nun curso académico posterior unha nova matrícula unicamente daqueles módulos pendentes de superación. É condición para iso que o devandito alumnado non esgotase, en ningún dos módulos do correspondente ciclo de ensino deportivo, o número máximo de convocatorias previsto no artigo 37 desta orde.

8. Cada centro docente no exercicio da súa autonomía realizará unha previsión do alumnado que formalizará a matrícula nos módulos pendentes para efectos de non superar a ratio alumnado/unidade e alumnado/profesorado, establecida para os módulos específicos na norma básica pola que se establece o correspondente título.

Artigo 34. Criterios de admisión en centros educativos sostidos con fondos públicos

1. En relación coa admisión nos centros sustentados con fondos públicos, cando o número de persoas aspirantes supere ao número de prazas ofertadas, aplicarase o establecido a tal respecto no artigo 34 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro e no artigo 22 do Decreto 165/2020, do 17 de setembro:

a) O criterio de admisión ao ciclo inicial de grao medio será a nota media do expediente académico da Educación Secundaria Obrigatoria.

b) O criterio de admisión ao ciclo do grao superior será a cualificación final do título de técnico deportivo na modalidade ou especialidade correspondente.

c) En caso de empate, realizarase a ordenación alfabética polo primeiro apelido das persoas solicitantes, para o cal efectuarase un sorteo público de dúas letras.

d) Reservarase polo menos un 5 % das prazas ofertadas para persoas que acrediten algún grao de discapacidade. A petición do centro, e para a valoración das solicitudes do alumnado con discapacidade e as posibles limitacións para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas, co obxecto de garantir a eficacia da formación e do posterior exercicio das competencias profesionais inherentes ao título, o órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas poderá solicitar os informes correspondentes.

e) Reservarase polo menos un 10 % das prazas ofertadas para as persoas recoñecidas coa condición de alto nivel e alto rendemento deportivo. Para esta reserva aplicarase a orde de prelación establecida no artigo 22 do Decreto 165/2020, do 17 de setembro:

1º. Persoas deportistas de alto nivel deportivo.

2º. Persoas deportistas de alto rendemento deportivo.

3º. Persoas que sexan adestradoras e técnicas de alto nivel deportivo.

4º. Persoas que sexan xuíces e xuízas e árbitros e árbitras de alto nivel deportivo.

5º. Persoas deportistas de rendemento deportivo de base, se é o caso.

f) Reservarase polo menos un 10 % das prazas ofertadas para quen acredite a superación da proba de acceso que substitúe ao requisito de titulación. O criterio de prioridade no acceso por esta quenda de reserva será a da cualificación obtida na proba que substitúe ao requisito de titulación.

g) Reservarase polo menos un 10 % das prazas ofertadas para quen acredite, segundo o caso, a homologación do seu diploma federativo ou a correspondencia formativa co ciclo inicial ás cales se refiren a disposición adicional quinta e a disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

h) As prazas non cubertas en calquera das reservas establecidas nos puntos anteriores acumularanse ás da oferta total.

2. Na admisión ás ensinanzas deportivas de réxime especial, os centros educativos velarán pola igualdade de oportunidades e non discriminación por razóns de nacemento, sexo, orixe racial ou étnica, discapacidade, idade, enfermidade, relixión ou crenzas, orientación sexual ou identidade de xénero, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Artigo 35. Procedemento de formalización de matrícula nos centros autorizados

1. A matrícula do alumnado nos centros autorizados non será efectiva mentres non se comprobe a documentación nos centros públicos aos que estean adscritos e se teñan aboados os prezos públicos establecidos para estas ensinanzas referidos a «Servizos Xerais» por cada curso académico e a «Apertura de Expediente» o primeiro curso académico.

2. Nun prazo non superior a quince días hábiles contados desde a data de inicio da actividade lectiva, os centros autorizados deberán facer chegar aos respectivos centros públicos de adscrición a relación nominal de todo o alumnado provisionalmente matriculado en cada grupo, acompañada da documentación requirida.

3. As secretarías dos centros públicos de adscrición deberán garantir, respecto ás matriculacións do alumnado nos centros autorizados, que se acreditaron convenientemente os requisitos xerais e específicos para o acceso ás ensinanzas. Tal comprobación determinará a consideración de matrícula definitiva.

4. Unha vez realizada tal comprobación e efectuado o correspondente visado, os centros públicos de adscrición remitirán aos centros autorizados as listaxes do alumnado definitivamente matriculado. Estas listaxes deberán coincidir con aqueloutras que posteriormente aparezan recollidas nas actas de avaliación.

Artigo 36. Renuncia de matrícula

1. O alumnado das ensinanzas deportivas poderá solicitar a renuncia de matrícula dunha ou das dúas modalidades deportivas nas que se atope matriculado. A dita renuncia abrangue a todos os módulos dunha mesma modalidade e suporá a perda da praza nesa modalidade, debendo o alumnado concorrer a un novo proceso de admisión para continuar os seus estudos no mesmo ou diferente centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A perda da condición de alumnado do centro por renuncia de matrícula na totalidade dos módulos nos que se atope matriculado non implicará a devolución dos prezos públicos aboados e non computará para efectos do número de convocatorias de avaliación consumidas.

3. As solicitudes de renuncia de matrícula do alumnado matriculado nos centros públicos deberán dirixirse á persoa que exerza a dirección do centro dentro do prazo que para tal fin establecese o devandito centro e que, en calquera caso, finalizará, cando menos, un mes antes da celebración da sesión de avaliación final. No caso dos centros autorizados, a solicitude presentarase diante da dirección do centro público ao cal están adscritos.

4. As solicitudes de renuncia de matrícula serán resoltas pola dirección do centro público nun prazo máximo de dez días hábiles, transcorrido o cal deberán ser comunicadas ás persoas solicitantes.

5. A renuncia de matrícula será consignada nos documentos de avaliación mediante a oportuna dilixencia. A documentación relativa ao expediente de solicitude e a eventual concesión de renuncia de matrícula quedará incorporada no expediente académico do alumnado.

6. Contra a decisión da persoa que exerza a dirección do centro en relación á non concesión da renuncia de matrícula, o alumnado poderá, nun prazo de cinco días, interpor recurso de alzada perante a Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación que resolverá segundo proceda. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a dous días hábiles. A resolución da xefatura territorial porá fin á vía administrativa.

Artigo 37. Convocatorias e permanencia

1. A matrícula en cada un dos ciclos de ensino deportivo dará dereito ao alumnado a ser avaliado ata en dúas convocatorias durante o mesmo curso académico; unha primeira na sesión de avaliación final de módulos e, no caso de non superar esta, unha segunda na sesión de avaliación final de ciclo. Para o módulo de formación práctica e o módulo de proxecto final o alumnado só terá dereito a ser avaliado de cada un deles nunha única convocatoria por curso académico.

2. A convocatoria extraordinaria deberá realizarse nun prazo non superior a tres meses a partir da finalización da convocatoria ordinaria. Este prazo poderá modificarse no caso de modalidades deportivas que estean afectadas pola estacionalidade e se realicen na natureza, previa autorización da Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación.

3. O alumnado disporá dun máximo de catro convocatorias para superar cada un dos módulos de ensino deportivo, agás para o módulo de formación práctica e o módulo de proxecto final cuxo máximo é de dúas convocatorias. En todo caso, as convocatorias entenderanse esgotadas tanto no caso de que o alumnado non supere o módulo como no caso de que non se presente ás probas programadas para a devandita convocatoria.

4. As convocatorias afectadas pola concesión do aprazamento da cualificación do módulo de formación práctica segundo o procedemento previsto no artigo 45 desta orde, non se contabilizarán para o cómputo do límite máximo de convocatorias establecido no apartado anterior.

5. O alumnado das ensinanzas deportivas que, sen rematar estes estudos, leve máis de dous anos naturais sen estar matriculado dalgún módulo destas ensinanzas e non esgotara todas as convocatorias establecidas con carácter ordinario, non poderá continuar os seus estudos, agás que presente no centro onde quere matricularse a documentación que xustifique a existencia dalgunha circunstancia que impida a normal dedicación á formación como é unha lesión deportiva, obrigas de tipo familiar, persoal, laboral ou deportivo, enfermidade prolongada ou outra circunstancia que mereza igual consideración.

Estas solicitudes de matrícula serán resoltas pola persoa titular da dirección do propio centro docente, nun prazo máximo de dez días hábiles, transcorrido o cal deberán ser comunicadas ás persoas solicitantes.

Artigo 38. Convocatoria adicional

1. O alumnado que esgotase as convocatorias establecidas no artigo anterior sen superar o módulo correspondente, poderá solicitar perante a dirección do centro no que esgotara a última convocatoria, unha convocatoria adicional de carácter extraordinario sempre que se xustifique documentalmente a existencia dalgunha circunstancia que impida a normal dedicación á formación como é unha lesión deportiva, obrigas de tipo familiar, persoal, laboral ou deportivo, enfermidade prolongada ou outra circunstancia que mereza igual consideración. No caso dos centros autorizados, o alumnado presentará a súa solicitude perante a dirección do centro público ao que está adscrito.

2. A solicitude dunha convocatoria adicional non poderá ser presentada transcorridos máis de dous anos naturais desde que o/a alumno/a esgotara o número de convocatorias establecido con carácter ordinario.

3. A persoa que exerza a dirección do centro, unha vez recibida a solicitude de convocatoria adicional, poderá solicitar un informe da xefatura do departamento correspondente no que consten cantas circunstancias se consideren relevantes para a resolución da solicitude, sen que entre estas poida figurar a falta de rendemento académico do alumnado solicitante.

4. Nun prazo máximo de dez días hábiles contados a partir da data de presentación da solicitude no centro, a persoa que exerza a dirección tramitará as solicitudes a través da Xefatura Territorial da consellería con competencias en materia de educación. Esta solicitará un informe ao Servizo de Inspección Educativa e remitirá o expediente completo ao órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas para a súa resolución.

5. O orixinal da resolución achegarase ao expediente académico do/da alumno/a, trasladándolle copia desta á persoa interesada.

6. Contra a resolución en relación á non concesión da convocatoria adicional, o alumnado poderá interpor recurso de alzada perante a persoa titular da consellería competente en materia de educación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a dous días hábiles. A resolución da persoa titular da consellería competente en materia de educación poñerá fin á vía administrativa.

7. A concesión dunha convocatoria adicional será incompatible coa anulación desta.

8. O alumnado que obteña a autorización dunha convocatoria adicional deberá facer uso dela na convocatoria inmediatamente seguinte á data en que fose concedida, e non comportará o dereito de asistir como alumnado oficial ás sesións lectivas.

9. Para a avaliación da convocatoria adicional, o centro no que a persoa interesada estea matriculada organizará unha proba no prazo máximo dun mes desde a recepción por parte da persoa interesada da resolución favorable, que se realizará perante un tribunal designado pola persoa que exerza a dirección do centro. Só no caso de que a celebración da proba puidera estar condicionada por factores climatolóxicos ou estacionais poderá ampliarse o prazo establecido dun mes.

Artigo 39. Anulación da convocatoria

1. O alumnado poderá solicitar a anulación dunha ou das dúas convocatorias do curso académico, nun ou varios módulos, incluídos o módulo de formación práctica e o módulo de proxecto final, por circunstancias especiais que deberá alegar e xustificar documentalmente, mediante escrito dirixido á dirección do centro, dez días lectivos antes da sesión de avaliación correspondente á convocatoria de que se trate, sen que entre as devanditas circunstancias poida figurar a falta de rendemento académico.

2. A presentación dunha solicitude de anulación da convocatoria fóra do prazo establecido no punto anterior só poderá ser admitida por causa de accidente ou enfermidade da persoa solicitante, ou por causa de forza maior, que será, en calquera caso, xustificada documentalmente e valorada pola persoa que exerza a dirección do centro.

3. Para solicitar a anulación da convocatoria deberase dar algunha circunstancia que impida a normal dedicación á formación como pode ser unha lesión deportiva, obrigas de tipo familiar, persoal, laboral ou deportivo, unha enfermidade prolongada, ou outra circunstancia que mereza igual consideración.

4. A persoa que exerza a dirección do centro, logo do informe da xefatura de estudos, resolverá o que proceda nos cinco días lectivos seguintes ao da presentación da solicitude e comunicarallo á persoa interesada. Esta decisión que deberá ser motivada, quedará rexistrada no expediente do alumnado á que se incorporará a documentación orixinal.

5. A anulación da convocatoria nos centros autorizados será solicitada á persoa que exerza a dirección do centro público ao cal están adscritos, achegando á devandita solicitude xunto co resto da documentación, para que esta o resolva como proceda.

6. A anulación da convocatoria en calquera dos módulos de ensino pertencentes ao grao superior implicará a anulación, na mesma convocatoria, da avaliación e cualificación do módulo de proxecto final.

7. Contra a decisión da dirección do centro en relación á non concesión da anulación da convocatoria, o alumnado poderá, nun prazo de cinco días, interpor recurso de alzada perante a Xefatura Territorial da consellería con competencias en materia de educación que resolverá segundo proceda. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a dous días hábiles. A resolución da Xefatura Territorial porá fin á vía administrativa.

Artigo 40. Traslados de expediente

1. O alumnado que desexe trasladar o expediente co fin de proseguir as ensinanzas deportivas noutro centro, deberá solicitar praza no centro de destino presentando unha solicitude de matrícula por traslado xunto coa certificación académica expedida polo centro público de orixe, ou polo centro público de adscrición cando o centro de orixe sexa un centro autorizado. A súa admisión estará condicionada pola existencia de prazas vacantes nas ensinanzas solicitadas.

2. Para proceder ao traslado, o centro público de orixe, ou o centro público de adscrición, remitirá ao de destino copia autenticada do expediente académico do/a alumno/a.

3. O centro receptor abrirá o correspondente expediente académico, e a matrícula adquirirá carácter definitivo unha vez recibida a copia do expediente académico debidamente autenticada.

4. O traslado de matrícula sen que o alumnado teña concluído o curso académico será posible nas mesmas condicións establecidas neste artigo xunto co informe de avaliación individualizado, de acordo co establecido no artigo 55 desta orde.

5. O alumnado que sen finalizar o curso se traslade a un centro da Comunidade Autónoma de Galicia procedente dun centro doutra comunidade autónoma, terá que realizar os trámites que se prevén neste artigo e, ademais, aboar os prezos públicos establecidos para as ensinanzas nas que se matrícula.

6. Son as secretarías dos centros públicos as que determinarán a consideración de matrícula definitiva unha vez comprobada a correcta realización do procedemento sinalado neste artigo. Os centros públicos informarán desta circunstancia aos centros autorizados de destino adscritos.

CAPÍTULO VII

A avaliación, promoción e titulación nas ensinanzas deportivas

Sección 1ª. Características xerais da avaliación

Artigo 41. Finalidade e características

1. A avaliación da aprendizaxe do alumnado que cursa as ensinanzas deportivas de réxime especial é continua e diferenciada para cada un dos módulos de ensino deportivo en cada un dos ciclos, e ten carácter integrador.

2. Os procesos de avaliación deben adecuarse ás adaptacións de que puidese ser obxecto o alumnado con discapacidade e deben garantir a súa accesibilidade ás probas de avaliación. Estas adaptacións, en ningún caso, suporán a supresión de obxectivos ou resultados de aprendizaxe que afecten a competencia xeral do título.

3. A avaliación tomará como referencia os obxectivos xerais do ciclo, así como os obxectivos expresados como resultados de aprendizaxe, e os criterios de avaliación establecidos no currículo para cada módulo de ensino deportivo en relación coas competencias establecidas no perfil profesional do correspondente título.

4. A superación dun ciclo de ensino requirirá a superación da totalidade dos módulos que o compoñen.

5. De acordo co establecido no artigo 27 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, a avaliación final de cada un dos módulos impartidos a distancia exixirá a superación de probas presenciais que se realizarán dentro do proceso de avaliación continua, e o número máximo de convocatorias será o establecido para o réxime de ensino presencial.

6. Os instrumentos de avaliación empregados no proceso de ensino-aprendizaxe e avaliación deberán ser conservados, polo menos, ata tres meses despois da celebración da sesión de avaliación final de ciclo. En caso de que existise reclamación segundo o procedemento previsto no artigo 49 desta orde, os ditos documentos serán conservados ata o momento da resolución definitiva por parte da Xefatura Territorial e, cando sexa preciso, ata o seu requirimento polo órgano xudicial e tras a devolución por este do expediente administrativo ata a recepción do auto xudicial de firmeza, de sentenza e arquivo.

Artigo 42. Sesións de avaliación

1. O profesorado que imparte docencia a un grupo de alumnado dun ciclo de ensinanza deportiva constitúe o seu equipo docente, e estará coordinado polo profesorado que exerza a titoría no dito grupo.

2. As sesións de avaliación serán presididas polo profesorado que exerza a titoría no devandito grupo, e levaranse a cabo co obxecto de contrastar as informacións proporcionadas polo profesorado de cada módulo de ensinanza deportiva en relación coa valoración dos resultados de aprendizaxe do alumnado e co seu progreso na consecución dos obxectivos xerais do ciclo. Nestas sesións, o equipo docente tomará as decisións que afecten ao proceso de avaliación e promoción do alumnado.

3. O profesorado que exerza a titoría en cada grupo redactará unha acta do desenvolvemento das sesións, na cal se farán constar, entre outros, os acordos alcanzados e as decisións adoptadas.

4. Ao longo do curso académico celebraranse as seguintes sesións de avaliación:

a) Nos ciclos inicial e final de grao medio, dúas sesións de avaliación, a última terá a consideración de avaliación final de ciclo.

1º. A primeira sesión de avaliación, ou avaliación final de módulos, realizarase ao finalizar o período formativo dos módulos. Na mesma, o equipo docente avaliará a consecución dos resultados de aprendizaxe e, ademais, decidirá sobre o acceso ao módulo de formación práctica conforme o previsto nos reais decretos polos que se establecen os títulos.

2º. A segunda sesión de avaliación terá a consideración de avaliación final de ciclo, será posterior á realización da formación práctica, e nela avaliaranse tanto os módulos pendentes de superación na sesión de avaliación final, como o módulo de formación práctica.

Nesta sesión de avaliación determinarase o alumnado que será proposto para a obtención do certificado de ciclo inicial ou título correspondente.

b) Nos ciclos superiores, dúas sesións de avaliación, a última terá a consideración de avaliación final de ciclo.

1º. A primeira sesión de avaliación, ou avaliación final de módulos, realizarase ao finalizar o período formativo dos módulos. Nesta, o equipo docente avaliará a consecución dos resultados de aprendizaxe e, ademais, decidirá sobre o acceso ao módulo de formación práctica conforme o previsto nos reais decretos polos que se establecen os títulos.

2º. A segunda sesión de avaliación, ou avaliación final de ciclo, será posterior á realización da formación práctica, e nela avaliaranse tanto os módulos pendentes de superación na sesión de avaliación final, así como o módulo de formación práctica e o módulo de proxecto final. En calquera caso, a avaliación do módulo de proxecto final requirirá a avaliación positiva do resto dos módulos de ensinanza deportiva. Nesta sesión de avaliación determinarase o alumnado que será proposto para a obtención do título correspondente.

5. Quedarán excluídos de cualificación os módulos de ensinanza deportiva afectados pola anulación da convocatoria.

6. O alumnado que non supere un módulo na sesión de avaliación final de módulos deberá ser informado, por parte do profesorado do devandito módulo, das actividades programadas para a súa recuperación, así como do período da súa realización, temporalización e data en que serán avaliados. As devanditas actividades serán realizadas no período comprendido entre a sesión de avaliación final de módulos e a de avaliación final de ciclo.

7. O alumnado que tras a sesión da avaliación final de módulos non fora proposto para iniciar o módulo de formación práctica, só poderá iniciar este módulo no curso académico seguinte, sen que iso supoña ter consumido a convocatoria do devandito módulo.

8. O alumnado que tras a sesión de avaliación final do ciclo non superase a totalidade das ensinanzas, deberá realizar no curso académico seguinte matrícula parcial dos módulos pendentes.

9. De acordo co disposto no artigo 12, punto 3, do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, o módulo de proxecto final, dado o seu carácter integrador, presentarase ao finalizar os restantes módulos comúns e específicos de ensino deportivo.

10. O alumnado dos ciclos superiores que, tras a sesión da avaliación final non defendera a memoria do módulo de proxecto final, deberá facelo no curso académico seguinte, sen que iso supoña ter consumido a convocatoria do devandito módulo.

Artigo 43. Perda do dereito á avaliación continua

1. A aplicación do proceso de avaliación continua do alumnado, no caso do réxime de ensino presencial, require a súa asistencia regular ás clases e ás actividades programadas, e para o caso do ensino a distancia, o seguimento e realización polo medio telemático que se estableza das actividades programadas e nos prazos que se determinen.

2. Para efectos de determinación da perda do dereito á avaliación continua, o profesorado valorará as circunstancias persoais e laborais do alumnado na xustificación desas faltas cuxa aceptación será acorde ao establecido nas normas de organización e funcionamento do centro.

3. O centro enviará un apercibimento ao alumnado ou, no caso de menores de idade, aos seus representantes legais, cando as faltas de asistencia inxustificadas nun determinado módulo superen o 10 % respecto da súa duración total. Nel indicarase que perderá o dereito á avaliación continua no módulo se acumula máis dun 20 % de faltas de asistencia inxustificadas con respecto á duración total dese módulo.

Excepcionalmente, para o alumnado procedente de familias en situación de exclusión social ou outras situacións análogas debidamente xustificadas, poderase incrementar a porcentaxe anterior ata un 30 %.

4. Cando as faltas de asistencia acaden a porcentaxe establecida no punto anterior, a persoa que exerza a dirección comunicaralle ao alumnado, ou no caso de ser menor de idade aos seus titores ou representantes legais, a perda do dereito á avaliación continua e as súas consecuencias.

5. No caso de que se produza a perda do dereito á avaliación continua, na secretaría do centro deberá quedar constancia do apercibimento e da comunicación da devandita circunstancia. E no caso dos centros autorizados, a persoa que exerza a dirección enviará ao seu centro público de adscrición os citados documentos orixinais para a súa incorporación ao expediente académico do alumnado.

6. O profesorado poderá non permitir a realización de determinadas actividades ao alumnado que perdese o dereito á avaliación continua sempre que poida implicar algún tipo de risco para si mesmo, para o resto do grupo ou para o equipamento deportivo e/ou as instalacións.

7. O alumnado que perdese o dereito á avaliación continua nun determinado módulo terá dereito a realizar as probas de avaliación correspondentes á convocatoria da sesión de avaliación final de módulos e, no caso de non superar esta, na segunda convocatoria correspondente á sesión de avaliación final de ciclo que oportunamente se programen, realizándose, se é o caso, as necesarias adaptacións do sistema e dos instrumentos de avaliación, que serán determinados polo centro na Programación xeral anual.

Artigo 44. Avaliación do módulo de formación práctica

1. Para a avaliación do módulo de formación práctica tomarase como referencia, ademais do indicado con carácter xeral, os criterios de avaliación e resultados de aprendizaxe definidos no programa formativo e realizarase de acordo co disposto no artigo 6 desta orde.

2. A avaliación do módulo de formación práctica realizarase, unha vez finalizado este, na sesión de avaliación final de ciclo.

3. A avaliación, seguimento e cualificación do módulo de formación práctica será realizada polo profesorado que exerza a titoría no centro educativo, tendo en conta os criterios de avaliación e os resultados da aprendizaxe definidos no programa formativo, a memoria final e as follas de seguimento entregadas polo alumnado, e o/os informe/s elaborado/s pola persoa titora designada pola entidade colaboradora. Se o módulo de formación práctica tivo que cursarse en varias entidades, requirirase un informe de cada unha delas.

4. O instrumento de seguimento e avaliación do módulo de formación práctica será a carpeta de seguimento e avaliación deste que ten carácter obrigatorio e individual, e deberá cubrirse ao longo do desenvolvemento do módulo. A devandita carpeta incluirá:

a) Informe do profesorado que exerza a titoría. Para a elaboración do devandito informe, a persoa que exerza a titoría comprobará periodicamente as actividades levadas a cabo polo alumnado durante o período de prácticas mediante visitas á entidade colaboradora, onde verificará as actividades levadas a cabo.

b) Follas de seguimento semanais elaboradas polo alumnado das actividades e das tarefas desenvolvidas na entidade colaboradora.

c) Memoria final da actividade propia realizada polo alumnado, que conterá, entre outros aspectos, a descrición da estrutura e funcionamento da entidade deportiva, empresa ou organización, das instalacións e dos espazos das prácticas, así como do grupo ou grupos cos que realizase as prácticas.

d) Informe valorativo da persoa designada pola entidade colaboradora das actividades desenvolvidas polo alumnado na dita entidade.

5. Unha vez rematado o período previsto para o desenvolvemento do módulo de formación práctica, a secretaría do centro formalizará a dilixencia de pechamento para validar a documentación de que consta a carpeta de seguimento e avaliación do módulo do alumnado, a quen posteriormente lla entregará, quedando copia na secretaría do centro. No caso dos centros autorizados, a formalización da mencionada dilixencia de pechamento corresponderá á secretaría do centro público ao que estea adscrito.

Artigo 45. Aprazamento da cualificación do módulo de formación práctica

1. A persoa que exerza a dirección do centro público poderá autorizar o aprazamento da cualificación do módulo de formación práctica cando algún/algunha alumno/a deba realizalo nun período que superase a data da celebración da sesión de avaliación final de ciclo prevista para o resto do alumnado do grupo.

2. O aprazamento permitirase por iniciativa do propio centro docente cando a prolongación do período de realización das prácticas estea motivada pola falta de dispoñibilidade de postos formativos abondos para que a totalidade do alumnado realice as prácticas nas correspondentes entidades colaboradoras.

3. Ademais, o alumnado, ou os seus representantes legais, poderán solicitar o aprazamento da cualificación do módulo de formación práctica cando non poidan realizalo en xornadas diarias de duración similar ás que teñan establecidas as entidades colaboradoras para os/as seus/súas traballadores/as por algunha circunstancia que impida a normal dedicación á formación como é unha lesión deportiva, obrigas de tipo familiar, persoal, laboral ou deportivo, enfermidade prolongada ou outra circunstancia que mereza igual consideración.

4. Cando algún/algunha alumno/a solicite o aprazamento da cualificación do módulo de formación práctica deberá presentar a correspondente solicitude dirixida á dirección do centro onde estea matriculado cunha antelación mínima de dez días hábiles á data da celebración da sesión de avaliación final de ciclo, acompañada da documentación que xustifique as razóns que se aleguen. No caso dos centros autorizados, a solicitude, xunto co resto da documentación, será remitida á persoa que exerza a dirección do centro público ao cal está adscrito.

5. A persoa que exerza a dirección do centro público resolverá a solicitude e comunicaraa á persoa interesada no prazo máximo de cinco días hábiles.

6. No ciclo de grao superior, o aprazamento da cualificación do módulo de formación práctica implicará, pola súa vez, o aprazamento da cualificación do módulo de proxecto final.

7. O alumnado afectado pola situación de aprazamento será cualificado do módulo de formación práctica e, se é o caso, do módulo de proxecto final na convocatoria correspondente a un curso académico posterior, para o cal deberá formalizar unha nova matrícula tanto no devandito módulo como, se é o caso, no de proxecto final. Neste suposto non se computará a convocatoria non consumida.

8. Contra a decisión da dirección do centro en relación á non concesión do aprazamento da cualificación do módulo de formación práctica, o alumnado poderá, nun prazo de cinco días, interpor recurso de alzada perante a Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación, que resolverá segundo proceda. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a dous días hábiles. A resolución da xefatura territorial porá fin á vía administrativa.

Artigo 46. Avaliación do módulo de proxecto final

1. Para a avaliación do módulo de proxecto final o alumnado deberá presentar e defender diante dun tribunal a memoria a que fai referencia o artigo 11 desta orde, de acordo ao calendario establecido pola dirección do centro e, en todo caso, logo de ter superados a totalidade dos restantes módulos.

2. Ao comezo do curso, a persoa que exerza a dirección do centro docente nomeará un tribunal integrado, cando menos, por tres profesores/as que teñan impartido docencia ao devandito alumnado, e que será presidido polo profesorado que exerza a titoría do módulo de proxecto final.

3. Con carácter previo á presentación e defensa da memoria, o tribunal avaliador establecerá a estrutura e os apartados que deberá incluír a devandita memoria.

4. Os centros docentes deberán ter establecido nos seus respectivos proxectos educativos e facer pública a ponderación que, para determinar a cualificación final do módulo de proxecto final, terá a valoración realizada polos correspondentes tribunais das memorias e as valoracións da persoa que exerza a titoría.

Artigo 47. Expresión das cualificacións

1. A cualificación dos resultados da avaliación de cada un dos módulos de ensino debe axustarse á escala numérica de un a dez puntos, sen decimais. O módulo de formación práctica así como o requisito de acceso de carácter específico, deben cualificarse como «Apto» e «Non Apto».

2. Nos ciclos de grao superior, o módulo de proxecto final será cualificado como «Apto» e «Non Apto», agás nas modalidades e especialidades establecidas ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, nas que, de acordo coa regulación contida nos reais decretos que crearon os títulos e ensinanzas mínimas, e en aplicación do previsto na disposición transitoria segunda do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, será cualificado seguindo a escala numérica de un a dez puntos, sen decimais, ata que se implanten os novos títulos e ensinanzas.

3. Son positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco puntos e negativas as inferiores a cinco puntos. Cando o alumnado deba ser avaliado unicamente a través da realización dunha proba e non se presente á súa realización a cualificación será a de «Non presentado/a» .

4. Empregaranse as seguintes abreviaturas segundo proceda: AC: anulación da convocatoria; AP: aprazamento; CA: convocatoria adicional; CF: correspondencia formativa; EX: exención; EXP: exención parcial; MH: matrícula de honra; NA: non avaliado/a (usarase esta expresión para o alumnado que non tivese acceso ao módulo de formación práctica ou ao módulo de proxecto final por ter módulos pendentes); NP: non presentado/a; PC: pendente de cualificar (usarase esta expresión cando o alumnado esgote todas as convocatorias sen superar a totalidade dos módulos de ensino deportivo); PD: perda do dereito á avaliación continua; RE: renuncia á matrícula; e VA: validación.

Artigo 48. Cálculo da cualificación final

1. A cualificación final, tanto a do ciclo inicial como as dos graos medio e superior, calcularase unha vez superada a totalidade dos módulos correspondentes de cada ciclo, e quedará conformada pola media ponderada, en función da carga lectiva e das cualificacións numéricas obtidas na totalidade dos módulos que comprenden o devandito ciclo. A estes efectos, non será considerada a carga lectiva atribuída á proba de acceso de carácter específico.

2. A media ponderada de cada módulo computarase multiplicando o número de horas do módulo pola cualificación final obtida neste, e dividindo o resultado entre o número total de horas cursadas. Nos ciclos onde a duración dos módulos exprésase en créditos, a nota media ponderada de cada módulo calcularase mediante o mesmo procedemento, tomando o número de créditos correspondentes como factor de ponderación.

3. En todos os casos, para o cálculo da cualificación final, tanto a do ciclo inicial como as dos graos medio e superior, non se computarán o módulo de formación práctica, o módulo de proxecto final e aqueles outros módulos que sexan obxecto de correspondencia ou validación.

4. As cualificacións finais, tanto a do ciclo inicial como as dos graos medio e superior, quedarán recollidas no expediente académico do alumnado. Todas elas expresaranse na escala numérica de un a dez puntos, con dous decimais redondeados á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

5. O alumnado que obtivese unha cualificación final do ciclo de ensino deportivo igual ou superior a nove puntos poderá recibir matrícula de honra. A obtención desta cualificación será consignada nos documentos de avaliación.

6. O número de matrículas de honra que se poderán conceder nun ciclo de ensino deportivo nun curso académico será como máximo de dúas. No caso de que o número de alumnado matriculado sexa inferior a vinte, só se poderá conceder unha matrícula de honra.

Artigo 49. Procedemento de reclamación ás cualificacións finais

1. Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento sexa avaliado conforme a criterios obxectivos, a persoa interesada poderá reclamar ante a dirección do centro nun prazo de dous días contados a partir do día seguinte ao da comunicación da cualificación.

2. A reclamación poderaa presentar cando considere que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido a:

a) Inadecuación da proba proposta ou dos instrumentos de avaliación aplicados en relación cos obxectivos e contidos do módulo.

b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica.

3. No suposto de reclamación contra as cualificacións finais, a persoa que exerza a dirección do centro someteraa ao departamento correspondente e, logo de recibido o informe do departamento, emitirá unha resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da súa recepción.

4. No suposto de reclamación contra as cualificacións do módulo de formación práctica ou do módulo de proxecto final, a persoa que exerza a dirección do centro someteraa ao tribunal avaliador correspondente e, logo de recibido o informe do tribunal, emitirá unha resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da súa recepción.

5. Contra a resolución da persoa que exerza a dirección do centro, a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada ante a Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a dous días hábiles. A resolución da Xefatura Territorial poñerá fin á vía administrativa

Artigo 50. Promoción excepcional do ciclo inicial ao ciclo final de grao medio

1. Con carácter xeral, para promocionar do ciclo inicial ao ciclo final de grao medio será necesario ter superado todos e cada un dos módulos de ensino deportivo correspondentes ao ciclo inicial.

2. Non obstante, de acordo co establecido no artigo 29.4 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, de maneira excepcional e só para as ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, o órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas poderá autorizar o acceso durante o mesmo curso académico ao bloque común correspondente ao ciclo final dunha mesma modalidade deportiva a aquel alumnado que, sen ter superado o módulo de formación práctica do ciclo inicial, acredite os requisitos específicos de acceso establecidos para ese ciclo final.

3. En calquera caso, para iniciar as ensinanzas do bloque específico do ciclo final, exixirase ter superado na súa totalidade o correspondente ciclo inicial.

4. Os centros docentes só poderán ofertar esta anticipación a grupos completos de alumnado que se atope en idénticas condicións de matrícula.

5. Para obter a referida autorización excepcional, os centros deberán presentar cunha anticipación de polo menos un mes respecto do comezo previsto para o inicio do bloque común do ciclo final, unha solicitude a través da Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación, á que deberán engadir a relación do alumnado proposto e o detalle de calendarios e horarios previstos tanto para o desenvolvemento da formación práctica do ciclo inicial como para a asistencia ás clases do bloque común do ciclo final.

A Xefatura Territorial remitirá ao órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas a solicitude de autorización xunto co informe do Servizo de Inspección Educativa, que valorará como proceda, e, no caso de ser favorable, a autorización só terá validez para o alumnado proposto e os calendarios e horarios previstos, debendo ser novamente solicitada en anos ou cursos sucesivos.

6. Os centros docentes non poderán iniciar en ningún caso a impartición dos calendarios e horarios de carácter extraordinario en tanto non conten por anticipado coa preceptiva autorización.

7. Unha vez obtida a autorización para anticipar o inicio do bloque común, os centros docentes poderán formalizar a matrícula provisional nos módulos comúns da ensinanza deportiva do ciclo final ao alumnado proposto, se ben só poderá considerarse matrícula definitiva cando as secretarías dos centros públicos comproben a completa superación do ciclo inicial. Para tal efecto, os centros autorizados deberán ter presentado nos centros públicos de adscrición as actas de cualificación do ciclo inicial.

8. A anticipación do inicio do bloque común nos centros autorizados será xestionada a través da dirección do centro público ao cal están adscritos, achegando as solicitudes xunto co resto da documentación.

9. Para o alumnado que acceda ao bloque común do ciclo final, en virtude da excepcionalidade prevista neste artigo, a dirección do centro fixará o calendario para a realización dunha sesión extraordinaria de avaliación do módulo de formación práctica do ciclo inicial, que terá lugar unha vez concluído o módulo e sempre antes da finalización da impartición dos módulos comúns do ciclo final. No caso de superalo, o alumnado poderá matricularse nos módulos específicos e no módulo de formación práctica do ciclo final.

Sección 2ª. Documentos de avaliación, certificación e titulación

Artigo 51. Documentos de avaliación

1. De acordo co disposto no artigo 15.1 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, os documentos oficiais de avaliación das ensinanzas deportivas de réxime especial son: o expediente académico do alumnado, as actas de avaliación, a certificación académica oficial e os informes de avaliación individualizados.

2. No seu encabezado, os documentos oficiais de avaliación deberán recoller o real decreto polo que se establece o título e o decreto polo que se establece o currículo do correspondente título para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de centros autorizados, tamén deberá recoller a orde de autorización para impartir as correspondentes ensinanzas.

3. Os documentos de avaliación levarán as claves identificativas establecidas na Orde ECD/454/2002, do 22 de febreiro, e os reais decretos que establecen os títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior das diferentes modalidades e especialidades deportivas, así como o que se estableza polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas.

4. Os documentos de avaliación carecerán de validez no caso de presentar emendas ou rascaduras. En todos os casos en que fose necesario facer unha modificación ao texto estenderase, sen intervir sobre este, unha dilixencia que dea conta da correspondente modificación, que deberá ser asinada pola persoa que exerza as funcións de secretario do centro e posteriormente visada pola persoa que exerza a dirección do centro público. Así mesmo, deberá constar a data na que se inseriu a dilixencia e o selo do centro sobre a sinatura do/da secretario/a.

5. Estes documentos poderán ser substituídos polos seus equivalentes en soporte electrónico, cando así o estableza a normativa ao respecto.

Artigo 52. O expediente académico do alumnado

1. O expediente académico do alumnado, cuxo modelo será establecido polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas, deberá conter a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa dos requisitos de carácter xeral e específicos esixibles para cursar as ensinanzas na modalidade ou especialidade deportiva de que se trate.

b) O extracto das matriculacións e cualificacións de cada ciclo de ensino.

c) A documentación oficial que acredite circunstancias que incidan na vida académica do alumnado.

2. Corresponderalle ao centro público onde estea matriculado o alumnado ou, no caso de centros autorizados, ao centro público ao que estea adscrito, cubrir, custodiar e arquivar os expedientes académicos do devandito alumnado. A secretaría do centro público será a responsable da súa custodia. As xefaturas territoriais adoptarán as medidas axeitadas para a súa conservación e traslado no caso de supresión do centro.

3. O expediente académico do alumnado permanecerá no centro público onde se formalizou por primeira vez a matrícula definitiva conforme o establecido no artigo 33 desta orde. En caso de traslado, cando o centro de destino o solicite, seralle remitido unha copia visada pola dirección do centro público de orixe do devandito expediente que incluirá copia da documentación que o acompaña.

4. Os centros autorizados achegarán ao centro público ao que estean adscritos a documentación orixinal relativa ás resolucións de validacións, exencións, correspondencias, homologacións, renuncias de matrícula, anulacións de convocatoria, convocatorias adicionais, traslados de expediente, e aqueloutras ás que fai referencia a presente orde que fosen concedidas ao longo do ciclo.

Artigo 53. As actas de avaliación

1. Os resultados da avaliación rexistraranse nas seguintes actas:

a) Acta de avaliación final de módulos, que se cubrirá para rexistrar os resultados e as decisións acordadas na devandita sesión prevista no artigo 42 desta orde.

b) Acta de avaliación final de ciclo, que se cubrirá para rexistrar as cualificacións e as decisións acordadas na devandita sesión prevista no artigo 42 desta orde.

2. Os modelos aos que deberán axustarse as actas de avaliación do alumnado serán establecidos polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas.

3. Para cubrir as actas terase en conta o previsto nos artigos 47 e 48 desta orde sobre a expresión das cualificacións e sobre o cálculo da cualificación final, respectivamente, co fin de reflectir as decisións tomadas nas sesións de avaliación.

4. As actas selaranse e requirirán as sinaturas autógrafas ou dixitais do profesorado que interveu na avaliación, e irán acompañados do nome e apelidos das persoas asinantes asociadas aos módulos de ensino que impartisen. En todos os casos, farase constar o visto e prace da persoa que exerza a dirección do centro docente.

5. Os centros autorizados cubrirán as actas e entregaranas no centro público ao que estean adscritos. A secretaría do centro público, tras a súa revisión, devolverá ao centro autorizado unha copia selada das actas. Os orixinais das actas quedarán arquivados no centro público.

Artigo 54. A certificación académica oficial

1. O modelo ao que deberá axustarse a certificación académica oficial do alumnado será establecido polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas.

2. A secretaría do centro público será a encargada de emitir as certificacións que se soliciten segundo se trate de estudos parciais ou superados. A certificación académica oficial de módulos superados, ademais dos efectos académicos, terá, se é o caso, o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas en relación ao Sistema nacional de cualificacións e formación profesional.

3. O real decreto que estableza o título e as ensinanzas mínimas dunha modalidade ou especialidade deportiva determinará a clave identificativa dos certificados oficiais acreditativos da superación do ciclo inicial de grao medio á que fai referencia o artigo 15 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

4. No caso do alumnado do ciclo de grao superior, na certificación académica reflectiranse ademais os créditos ECTS obtidos pola superación dos módulos.

Artigo 55. O informe de avaliación individualizado

1. O informe de avaliación individualizado é o documento oficial de avaliación que se utilizará cando o alumnado se traslade a outro centro sen concluír o curso académico. Nel consignarase aquela información que resulte necesaria para a continuidade do proceso de aprendizaxe.

2. O modelo a que deberá axustarse o informe de avaliación individualizado do alumnado será establecido polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas.

3. Correspóndelle á persoa que exerza a titoría do/a alumno/a cubrir o informe de avaliación individualizado a partir da información facilitada polo profesorado que imparte os módulos do ciclo de ensino, e que conterá, cando menos, os seguintes elementos:

a) Apreciación sobre o grao de adquisición dos resultados de aprendizaxe dos módulos do ciclo de ensino.

b) Cualificacións parciais ou valoracións da aprendizaxe no caso de que se tivesen emitido nese período.

c) Aplicación, se é o caso, das adaptacións previstas para o alumnado con discapacidade.

4. O informe de avaliación individualizado remitirase, no prazo máximo de dez días hábiles, polo centro de orixe ao de destino a petición deste. Cando algún dos centros afectados polo traslado sexa un centro autorizado, a tramitación realizarase a través do centro público ao que se encontre adscrito.

5. O centro público de destino, á recepción deste informe, da copia visada do expediente académico do alumnado e da documentación complementaria que o acompañe, segundo o establecido no artigo 40 desta orde, abrirá un novo expediente académico ao que se achegará toda a documentación anteriormente enumerada. Unha copia do informe de avaliación individualizado poñerase á disposición do profesorado que exerza a titoría do grupo do centro de destino no que se incorpore.

Artigo 56. Expedición de certificacións de superación do ciclo inicial ou do bloque común

1. A superación das ensinanzas correspondentes ao ciclo inicial de grao medio dunha determinada modalidade ou especialidade deportiva dará lugar á expedición dunha certificación académica oficial acreditativa da superación do dito ciclo inicial, así como ao recoñecemento das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema nacional de cualificacións e formación profesional.

2. A superación das ensinanzas correspondentes ao bloque común, propio dunha determinada formación deportiva regulada ao abeiro da disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, dará lugar á expedición dunha certificación académica oficial acreditativa da superación do devandito bloque.

3. O alumnado, ou os seus representantes legais, presentará a correspondente solicitude de expedición de certificación no propio centro docente onde finalizou as ensinanzas.

4. Cando se trate de centros autorizados remitirán ao centro público de adscrición a seguinte documentación:

a) Solicitudes de expedición presentadas polo alumnado.

b) Documento de expedición cuberto polo propio centro docente que incluirá a relación do alumnado solicitante e o extracto das cualificacións obtidas por este.

c) Copia das correspondentes autorizacións no caso de que fosen aplicados calendarios extraordinarios, réxime de ensino a distancia, así como as correspondencias, validacións e exencións, e outras que lle foran concedidas.

5. O centro público de adscrición cotexará coas correspondentes actas de avaliación, que deberán ter sido remitidas con anterioridade desde os centros autorizados, a información incluída na documentación recibida.

6. Os certificados académicos, que deberán axustarse ao modelo que o órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas determine, incluirán as correspondentes claves identificativas e serán finalmente impresos no centro público, ou no centro público de adscrición no caso de centros autorizados, para a súa entrega final ao alumnado. Os centros públicos docentes deberán levar rexistro dos certificados emitidos e entregados.

Artigo 57. Titulación

1. O alumnado que supere a totalidade das ensinanzas dos ciclos inicial e final de grao medio nunha determinada modalidade ou especialidade deportiva, obterá o título de técnico deportivo correspondente.

2. O alumnado que supere a totalidade das ensinanzas do ciclo de grao superior dunha determinada modalidade ou especialidade deportiva, obterá o título de Técnico deportivo superior correspondente.

3. O alumnado poderá solicitar os títulos a través do propio centro no que finalizou as ensinanzas. No caso de centros autorizados, as solicitudes dirixiranse ao seu centro público de adscrición para a súa tramitación.

4. As secretarías dos centros públicos verificarán que se reúnen todos os requisitos previstos para a súa obtención, e as persoas que exerzan a dirección neses centros realizarán a proposta de expedición. A devandita circunstancia reflectirase nos expedientes académicos do alumnado.

5. A expedición dos títulos realizarase conforme á normativa establecida sobre esta materia na Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO VIII

Correspondencias, validacións e exencións

Artigo 58. Correspondencias

1. Poderán ser obxecto de correspondencia formativa os módulos de ensino deportivo determinados nos reais decretos polos que se establecen os correspondentes títulos e se fixan as súas ensinanzas mínimas coa:

a) Experiencia deportiva, segundo os requisitos e condicións establecidos nos devanditos reais decretos.

b) Experiencia docente acreditable á que fai referencia a disposición adicional décimo quinta do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, segundo os requisitos e condicións establecidos nos ditos reais decretos.

Artigo 59. Validacións

1. Poderán ser obxecto de validación, nas ensinanzas reguladas ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, os módulos de ensino deportivo pola:

a) Acreditación da superación de determinados módulos pertencentes aos ciclos formativos de formación profesional, conforme ao disposto nos anexos I e II da Orde ECI/3224/2004, do 21 de setembro corrixida pola Orde ECI/3341/2004, do 8 de outubro e modificada pola Orde ECI/3830/2005, do 18 de novembro, ou norma que a substitúa.

b) Acreditación da superación de determinadas ensinanzas universitarias conforme ao disposto nos anexos III, IV e V da Orde ECI/3224/2004, do 21 de setembro corrixida pola Orde ECI/3341/2004, do 8 de outubro e modificada pola Orde ECI/3830/2005, do 18 de novembro, ou norma que a substitúa.

2. Poderán ser obxecto de validación, nas ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, os módulos de ensino deportivo pola acreditación de superación de estudos oficiais relacionados coa actividade física e o deporte, de acordo co previsto nos reais decretos polos que se establecen os correspondentes títulos, segundo o procedemento que estableza o ministerio competente en materia de educación.

3. Poderán ser obxecto de validación os módulos de ensino deportivo pola acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais previstos nos reais decretos polos que se establecen os correspondentes títulos, segundo os requisitos e condicións establecidos no artigo 40 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, sempre que a unidade de competencia se acredite con:

a) Calquera outro título das ensinanzas deportivas ou de formación profesional.

b) Certificado de profesionalidade.

c) Acreditación parcial conforme ao que se estableza en cumprimento do previsto no artigo 8.3 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ou norma que a substitúa.

4. Poderán ser obxecto de validación os módulos de ensino deportivo do bloque específico superados que sexan comúns a varios ciclos de ensino deportivo sempre que teñan igual denominación, duración, obxectivos, criterios de avaliación e contidos, de acordo co establecido pola norma que regule cada título, tal como dispón o artigo 42 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

5. Poderán ser obxecto de validación os módulos de ensino deportivo pertencentes ao grao medio coas materias de bacharelato que se determinen nos reais decretos que establezan os títulos, tal como se establece no artigo 43 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

6. Poderán ser obxecto de validación os módulos comúns e específicos de ensino deportivo coa mesma denominación e/ou código se teñen unha carga horaria igual ou semellante.

7. Poderá ser obxecto de validación a superación da totalidade dos módulos do bloque común de cada ciclo de ensino, en calquera das modalidades ou especialidades deportivas dos títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, pola totalidade dos módulos do bloque común do correspondente ciclo de ensino deportivo en calquera das modalidades ou especialidades deportivas dos títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e viceversa.

8. A tramitación das solicitudes de recoñecemento de correspondencia e de validación require a matriculación provisional previa do alumnado nas ensinanzas correspondentes.

9. Durante as dúas primeiras semanas a contar desde o inicio do curso, o alumnado poderá presentar unha solicitude nos propios centros docentes nos que cursen as ensinanzas, dirixida á dirección do centro educativo, á que achegarán a correspondente documentación xustificativa. Os centros autorizados trasladarán esta documentación aos seus centros públicos de adscrición no prazo máximo de dez días hábiles contado desde a súa solicitude.

Artigo 60. Procedemento para o recoñecemento de correspondencias e validacións de módulos de ensinanza deportiva, diante da persoa que exerce a dirección do centro público

1. É competencia da persoa que exerce a dirección do centro público resolver o recoñecemento da correspondencia formativa ou validación das situacións que seguidamente se relacionan:

a) Ter acreditada experiencia docente.

b) Ter acreditada experiencia deportiva.

c) Ter superados determinados módulos de ensino deportivo con igual denominación, duración, obxectivos, criterios de avaliación e contidos, realizados no desenvolvemento doutra modalidade ou especialidade deportiva.

d) Ter superados a totalidade dos módulos do bloque común correspondente a un título establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, no caso de cursar ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, ou viceversa.

e) Ter superados a totalidade dos módulos do bloque común correspondentes ás actividades de formación deportiva en período transitorio.

f) Ter superados módulos de ensino deportivo do bloque específico establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, cuxa validación é recoñecida no real decreto que establece o correspondente título.

2. Unha vez resolta a súa concesión, a persoa que exerza a dirección do centro público estenderá o correspondente documento de recoñecemento que quedará incorporado ao expediente académico do alumnado xunto coa documentación inicialmente achegada por este. Unha copia do documento de recoñecemento entregarase á persoa interesada e, no caso do alumnado matriculado en centros autorizados, outra copia será remitida aos devanditos centros.

3. En tanto non se resolva calquera das solicitudes previstas neste artigo, o alumnado deberá asistir ás actividades formativas dos módulos de ensino cuxa correspondencia ou validación estea pendente de resolución, e non poderá ser proposto para realizar o módulo de formación práctica mentres non cumpra os requisitos esixidos pola normativa en vigor.

Artigo 61. Procedemento para o recoñecemento de correspondencias e validacións de módulos de ensinanza deportiva, diante do ministerio competente en materia de educación e deporte

1. A solicitude de recoñecemento de validación das ensinanzas deportivas reguladas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, realizarase diante do ministerio competente en materia de educación e deporte, unicamente para as situacións que seguidamente se relacionan:

a) Ter cursado ensinanzas de Formación Profesional.

b) Ter cursado estudos universitarios.

c) Ter acreditadas unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais.

d) Ter superado determinados módulos de ensinanzas deportivas do bloque específico con distinta denominación e similares obxectivos, contidos e duración.

e) Ter superado determinadas materias do bacharelato.

2. Á petición do alumnado interesado, a persoa que exerza a dirección do centro público emitirá unha certificación na que se faga constar que ese alumnado está matriculado no ciclo de ensino deportivo para o que solicita a validación.

3. Unha vez obtida a certificación á que fai referencia o punto anterior, a persoa interesada cursará a solicitude de recoñecemento de validación conforme o procedemento que para tal fin ten establecido o Consello Superior de Deportes.

4. Resolta a solicitude de validación por parte do ministerio e comunicada á persoa interesada, deberá ser incorporada ao expediente académico do alumnado. No caso de alumnado matriculado en centros autorizados tamén se fará chegar copia da resolución aos centros públicos de adscrición.

5. En tanto non se resolva calquera das solicitudes previstas neste artigo, o alumnado deberá asistir ás actividades formativas dos módulos de ensino cuxa correspondencia ou validación estea pendente de resolución, e non poderá ser proposto para realizar o módulo de formación práctica mentres non cumpra os requisitos esixidos pola normativa en vigor.

Artigo 62 Exención total ou parcial do módulo de formación práctica ou do bloque de formación práctica

1. De conformidade co establecido no artigo 39 do Real decreto 1363/2007, do 24 do outubro, a exención total ou parcial do módulo de formación práctica poderase determinar en función da súa correspondencia coa experiencia como técnico/a, docente ou guía, dentro do ámbito deportivo ou laboral, sempre que se acredite unha experiencia relacionada cos estudos de ensinanzas deportivas superior ao dobre da duración da carga horaria do módulo correspondente.

2. O bloque de formación práctica para as modalidades deportivas establecidas ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e ata que no se creen os novos títulos e ensinanzas, poderá ser obxecto de exención total ou parcial, de acordo ao procedemento sinalado no artigo anterior.

3. O real decreto que establece cada título determinará, se é o caso, o organismo ou a entidade que pode certificar a dita experiencia, especificando a súa duración, a actividade desenvolvida e o período de tempo no que esta actividade foi desenvolvida.

4. A tramitación das solicitudes de exención do módulo de formación práctica e a súa resolución requirirá a matriculación provisional previa do alumnado nas ensinanzas correspondentes. A súa eventual concesión será de aplicación unicamente cando o alumnado reúna os requisitos para iniciar o devandito módulo de ensino. Para a tramitación da exención, deberá seguirse o seguinte procedemento:

a) Durante as dúas primeiras semanas que se contarán desde o inicio do curso académico, o alumnado poderá presentar, no propio centro docente no que curse as ensinanzas, a solicitude correspondente á que achegará a documentación que acredite a experiencia laboral ou deportiva prevista para tal fin na normativa vixente. A solicitude irá acompañada dunha declaración responsable da veracidade da documentación presentada, segundo o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso dos centros autorizados, estes remitirán a devandita documentación ao centro público de adscrición para a súa tramitación.

b) No prazo máximo de 10 días hábiles contados desde a presentación da solicitude, a persoa que exerza a dirección do centro docente remitirá o expediente completo a través da Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia de educación, acompañado dun informe do Servizo de Inspección Educativa, ao órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas que o resolverá como proceda.

5. A solicitude de exención irá acompañada da seguinte documentación, ademais dunha declaración responsable da veracidade da documentación presentada, segundo o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro:

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte.

b) Traballadores por conta allea:

1º. Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou da Mutualidade Laboral á que estivese afiliado, na que conste a empresa, a categoría laboral e o período de cotización.

2º. Certificado da empresa ou empresas onde se desenvolvera a experiencia laboral, no que conste a duración do contrato, os postos de traballo desenvolvidos e as actividades realizadas en cada un deles.

c) Traballadores por conta propia:

1º. Certificado do período de cotización no Réxime Especial de Traballadores Autónomos.

2º. Declaración xurada na que se expresen as actividades desenvolvidas así como a duración destas.

d) Para acreditar a experiencia deportiva previa, a persoa interesada, terá que solicitar á entidade unha memoria descritiva na que se detalle:

1º. Estrutura e funcionamento da entidade deportiva, instalacións e grupo ou grupos cos que desenvolvera a experiencia deportiva.

2º. Competencias profesionais desenvolvidas en relación ao perfil profesional e ás capacidades profesionais definidas no currículo correspondentes ao devandito módulo.

3º. Duración da experiencia deportiva desenvolvida.

6. Para as ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, será requisito indispensable que, tanto a experiencia laboral como deportiva acreditada, fose realizada durante os sete anos anteriores á data de matriculación nas ensinanzas deportivas para as que se solicita o recoñecemento.

7. O cálculo do cómputo de tempo da experiencia laboral determinarase tendo en conta o horario que está legalmente establecido en cada contrato.

8. A concesión da exención total do módulo de formación práctica ou do bloque de formación práctica rexistrarase no expediente académico do alumnado, nas actas de avaliación e na certificación académica oficial. As resolucións de exención quedarán incorporadas ao expediente académico do alumnado xunto co resto da documentación que configure o expediente.

9. No caso de que a exención concedida fose parcial, o profesorado que exerza a titoría do módulo de formación práctica ou do bloque de formación práctica programará as actividades necesarias para a superación do devandito módulo.

10. Contra as resolucións emitidas polo órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas, o alumnado poderá interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de educación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a dous días hábiles. A resolución da persoa titular da consellería competente en materia educación poñerá fin á vía administrativa.

Disposición adicional primeira. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Os centros docentes facilitarán os recursos e adaptacións que favorezan o acceso ao currículo do alumnado que precise apoio educativo, así como para o alumnado con discapacidade que presente necesidades específicas e que requira medidas excepcionais que favorezan a súa participación nas actividades educativas ordinarias. En todo caso, as devanditas adaptacións deberán respectar os resultados de aprendizaxe, criterios de avaliación e contidos fixados nos correspondentes decretos polos que se establecen os currículos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional segunda. Medidas para favorecer a compatibilidade da actividade deportiva coa actividade académica

1. Ao abeiro do establecido no artigo 24 do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia, as persoas deportistas de alto nivel ou alto rendemento deportivo, as persoas adestradoras, técnicas e as persoas xuíces e xuízas e árbitros e árbitras recoñecidos de alto nivel deportivo que cursen ensinanzas nas modalidades deportivas de ensinanzas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia, poderán acollerse ás seguintes medidas encamiñadas a favorecer a compatibilidade da súa actividade deportiva coa actividade académica:

a) Elección da quenda, horario ou grupo máis adecuados para compatibilizar a asistencia a clase coa súa actividade deportiva.

b) Xustificación das faltas de asistencia ata un 25 por 100 das sesións lectivas de carácter obrigatorio por participación en competicións oficiais e nas concentracións e adestramentos da selección española, mediante certificación da federación deportiva correspondente.

c) Flexibilidade do calendario de exames cando coincida con competicións oficiais e con concentracións e adestramentos da selección galega, da selección española, así como para o alumnado estranxeiro ao respecto das súas seleccións. Para estes efectos a xustificación será mediante a certificación da federación deportiva correspondente.

Disposición adicional terceira. Datos persoais

No referente á obtención de datos persoais ou á cesión destes duns centros a outros e á seguridade e confidencialidade destes, haberá que aterse ao disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en todo caso, ao establecido na disposición adicional vixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

Disposición adicional cuarta. Solicitudes de autorización por parte do alumnado menor de idade

As solicitudes, por parte do alumnado menor de idade, daqueles procedementos administrativos aos que fai referencia a presente orde, serán asinadas por calquera das persoas titulares da patria potestade ou representantes legais. No caso de separación ou divorcio destes, será necesaria a sinatura de ambos os proxenitores, agás nos supostos de alumnado afectado por situacións de violencia de xénero ou de que a patria potestade estea atribuída, con carácter exclusivo, a un deles. Nestes casos, será necesario presentar, xunto co documento, a resolución xudicial correspondente para o seu cotexo polo centro educativo.

Disposición adicional quinta. Vixencia das ensinanzas deportivas establecidas ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro

De conformidade co establecido na disposición transitoria segunda do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, ata que non se creen os novos títulos e ensinanzas nas modalidades e especialidades de Balonmán, Deportes de inverno, Fútbol e Fútbol sala, que foron establecidas ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, impartiranse conforme ao previsto nos reais decretos que crearon os respectivos títulos e ensinanzas mínimas, e nos decretos que estableceron os currículos, os requisitos e as probas de acceso aos devanditos títulos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Orde do 30 de maio de 2008 pola que se regula a avaliación das ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ou contradigan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Queda autorizada a persoa titular do órgano competente en materia de educación nas ensinanzas deportivas para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade