Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 30 de xullo de 2021 Páx. 38791

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos/as, convocado pola Orde do 22 de abril de 2019, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 20 de xullo de 2021, o tribunal nomeado pola Resolución do 7 de maio de 2021 (DOG núm. 91, do 18 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos/as, convocado pola Orde do 22 de abril de 2019 (DOG núm. 80, do 26 de abril),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.2.7 da convocatoria, anular a pregunta número 40. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta 121 na quenda de acceso libre e pola 91 na de promoción interna.

Segundo. De conformidade co disposto na resolución dos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, do 29 de xuño de 2021, en que o tribunal acordou:

O exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, propostas polo tribunal relacionado co anexo I do programa. Trinta (30) das preguntas corresponderán á parte xeral do programa e noventa (90) á parte específica.

O cuestionario conterá cinco (5) preguntas de reserva, unha (1) correspondente á parte xeral do programa e catro (4) á parte específica.

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentas neste exercicio da parte xeral do programa, polo que contestarán unicamente as noventa (90) preguntas, máis as catro (4) de reserva, correspondentes á parte específica.

As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha (1) delas será a correcta.

As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de douscentos corenta (240) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

O tribunal acordou que superarán o primeiro exercicio:

– Na quenda de acceso libre: as persoas aspirantes presentadas que obteñan un mínimo de corenta e oito (48) respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes.

– Na quenda de promoción interna: as persoas aspirantes presentadas que obteñan un mínimo de trinta e seis (36) respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes.

Asignarase a valoración de cincuenta (50) puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 50 e os 100 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección en sesión do 19 de xullo de 2021, acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de 12 aspirantes na quenda de acceso libre e 1 na quenda de promoción interna.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos/as, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1 da convocatoria.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

María Isabel del Río Viqueira
Presidenta do tribunal