Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 30 de xullo de 2021 Páx. 38753

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 23 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI427A).

Mediante a Resolución do 23 de febreiro de 2021 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade para o ano 2021.

Estas axudas teñen como finalidade o desenvolvemento de programas que fomenten a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, a través de programas que inclúen unha atención personalizada e especializada de cara a integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única da Resolución do 23 de febreiro de 2021.

De acordo co establecido no artigo 2 da convocatoria, o crédito destinado ao financiamento destas axudas é o seguinte:

Aplicación

Proxecto

Importe

2021.11.02.313B.481.2

2021.00062

1.400.000,00

Estas axudas son susceptibles de ser financiadas polo FSE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Ao existiren remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo programa, e logo das correspondentes modificacións orzamentarias, co fin de poder amparar as solicitudes que quedaron en lista de espera por terse esgotado o crédito inicialmente destinado a estas axudas, estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada, a través do suposto previsto na alínea b) do artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 2.4 da Resolución do 23 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

En consecuencia co anteriormente exposto, e de acordo co previsto no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero, nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia; así mesmo, segundo o establecido na disposición adicional primeira do mencionado Decreto 2015/2020, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade a aprobación das bases, da convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións, así como a administración dos créditos para gastos do seu respectivo ámbito de competencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista no artigo 2.1 da Resolución do 23 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e se convocan para o ano 2021 (procedemento SI427A).

2. O incremento da dotación será de 205.892,24 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.313B.481.2, no código de proxecto 2021.00062, coa denominación recursos integrais para mulleres en situación de especial vulnerabilidade consignada no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. O crédito total dispoñible para atender as axudas previstas na citada Resolución do 23 de febreiro de 2021 queda así establecido en 1.605.892,24 euros:

Aplicación

Proxecto

Crédito inicial

Ampliación

Crédito total

2021.11.02.313B.481.2

2021.00062

1.400.000,00 €

205.892,24 €

1.605.892,24 €

4. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 7.1 da Resolución do 23 de febreiro de 2021 nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade