A Orde do 21 de xaneiro de 2021 aproba os diferentes modelos de autoliquidación do imposto sobre sucesións e doazóns na Comunidade Autónoma de Galicia e regula o procedemento e as condicións para o seu pagamento e presentación, así como determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria.
A aprobación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria, motivou que, mediante a Resolución do 14 de maio de 2021 da Axencia Tributaria de Galicia, se modificase no anexo II da Orde do 21 de xaneiro de 2021 a solicitude de reducións non aplicables de oficio do modelo D650.
A Lei 11/2021, do 9 de xullo, de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal, de transposición da Directiva (UE) 2016/1164, do Consello, do 12 de xullo de 2016 (LCEur 2016\1031), pola que se establecen normas contra as prácticas de elusión fiscal que inciden directamente no funcionamento do mercado interior, de modificación de diversas normas tributarias e en materia de regulación do xogo, afecta, entre outras, á Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, modificando a base impoñible do imposto e a regulación da acumulación de doazóns, para incluír os supostos de contratos e pactos sucesorios que produzan adquisicións en vida do ou da causante.
Todo o exposto fai necesario modificar os anexos II, III e IV correspondentes aos modelos de autoliquidación do imposto de sucesións e doazóns, D650, 650 e 651, aprobados pola Orde do 21 de xaneiro de 2021, para reflectir neles estes cambios normativos, para oque é competente a persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia con base na habilitación normativa prevista na disposición adicional sexta da devandita orde.
En consecuencia,
RESOLVO:
Primeiro.
Modificar os anexos II, III e IV da Orde do 21 de xaneiro de 2021, que pasan a ser os seguintes: