Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 11 de agosto de 2021 Páx. 40158

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 2 de agosto de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos desta consellería para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo da habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

No ámbito competencial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, son varias as normas con rango de lei que consideran determinados empregados públicos axentes da autoridade cando desenvolven a súa actividade no marco normativo delas.

O texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, establece no seu artigo 19.1 que o persoal funcionario ao servizo da consellería competente en materia de seguridade industrial que desempeñe actuacións de inspección na citada materia terá a consideración de axente de autoridade no exercicio das súas funcións. O artigo 15.a) determina que o desenvolvemento das funcións de inspección será realizado por persoal funcionario competente en materia de seguridade industrial que ocupe postos de traballo que teñan atribuído o exercicio das funcións de inspección e que estean adscritos a órganos administrativos con competencia para o control e a inspección na citada materia. A súa disposición transitoria terceira dispón que o persoal da consellería competente en materia de seguridade industrial que con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, estivese prestando servizos atribuídos ao persoal inspector sen ter a condición de funcionario facultativo continuará realizando funcións de inspección nos mesmos termos en que estaba a exercelas.

A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, establece no seu artigo 47 que o persoal funcionario que realice a inspección de minas ten, no exercicio das súas funcións, o carácter de autoridade pública. O artigo 46.2 dispón que a inspección das actividades mineiras e a prevención de riscos laborais relativa a elas será realizada por persoal funcionario que ocupe postos de traballo que teñan atribuído o exercicio de funcións de inspección e que estean adscritos a órganos administrativos con competencia para o control ou inspección en materia mineira.

A Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, establece no seu artigo 100.1 que, no exercicio das funcións inspectoras, o funcionariado da Inspección de Comercio terá carácter de autoridade. O artigo 99.1 dispón que a actividade inspectora en materia de comercio será realizada polas persoas funcionarias do corpo de xestión da Xunta de Galicia (subgrupo A2) adscritas aos correspondentes postos de Inspección de Comercio.

A Lei 11/2004, do 19 de novembro, de inspección de consumo de Galicia, establece no seu artigo 7.1 que os funcionarios da Inspección de Consumo, no exercicio das súas funcións, terán o carácter de autoridade. O artigo 5 dispón que a actividade inspectora en materia de consumo será realizada polos funcionarios da Inspección de Consumo, que se estruturan en dúas escalas, de inspectores e subinspectores. A escala de subinspectores foi extinguida pola Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, na súa disposición adicional oitava, punto 5, e o seu persoal integrouse na escala de axentes de inspección, especialidade de consumo. O artigo 6 permite habilitar funcionarios do subgrupo A2 como inspectores de consumo e do subgrupo C1 como axentes de inspección, especialidade de consumo, por necesidades do servizo.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar determinados colectivos de empregados públicos para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Artigo 2. Colectivos de empregados públicos que se habilitan para o uso do certificado dixital con pseudónimo

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación habilita os seguintes colectivos de empregados públicos para o uso do certificado dixital con pseudónimo exclusivamente para o desenvolvemento de funcións en cuxo exercicio teñan a consideración de autoridade:

1. O persoal funcionario competente en materia de seguridade industrial que ocupe postos de traballo que teñan atribuído o exercicio das funcións de inspección, e o persoal da consellería competente en materia de seguridade industrial que con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, estivese prestando servizos atribuídos ao persoal inspector sen ter a condición de funcionario facultativo.

2. O persoal funcionario que ocupe postos de traballo que teñan atribuído o exercicio das funcións de inspección, adscritos aos órganos administrativos competentes en control ou inspección mineira.

3. O persoal funcionario do corpo de xestión da Xunta de Galicia (subgrupo A2) adscrito aos postos de Inspección de Comercio.

4. O persoal funcionario da Inspección de Consumo, nas escalas de inspectores de consumo e axentes de inspección, especialidade de consumo; e o persoal habilitado por necesidades do servizo do subgrupo A2 como inspectores de consumo e do subgrupo C1 como axentes de inspección, especialidade de consumo.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexeranse polo establecido na Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

En todo caso, o uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, as actas ou os documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control da Administración pública, ou no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal funcionario por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar esta medida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación