A Lei 30/2015, do 9 de setembro (BOE núm. 217, do 10 de setembro), pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e a execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.
O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (BOE núm. 159, do 5 de xullo), desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.
A Lei 30/2015 establece, no seu artigo 14, que a formación profesional para o emprego se poderá impartir de forma presencial, mediante teleformación, ou ben de forma mixta combinando as dúas anteriores. Trátase de modalidades diferentes, co obxectivo común de mellora das capacidades e competencias profesionais das persoas traballadoras, que aplican distintos procesos de aprendizaxe e que, en consecuencia, requiren de métodos de control, seguimento e avaliación diferenciados.
O artigo 7 do Real decreto 694/2017 regula a acreditación das competencias profesionais adquiridas, tanto as relativas a especialidades conducentes á obtención de certificados de profesionalidade como ás non dirixidas á obtención dos ditos certificados.
O dito artigo, no seu número 2, relativo á formación non dirixida á obtención de certificados de profesionalidade, establece que a expedición e a entrega dos certificados e diplomas ás persoas participantes nas accións formativas se realizará de acordo co que estableza a Administración pública competente.
O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro (BOE núm. 27, do 31 de xaneiro), polo que se regulan os certificados de profesionalidade, regula no seu artigo 14.7 o seguimento e a avaliación cuantificada das actividades do proceso de aprendizaxe que se impartan na modalidade de teleformación.
A aplicación de criterios diferentes de seguimento e control en función da modalidade en que se desenvolva a formación implica a necesidade de adaptar os requisitos de obtención dos diplomas polo alumnado ás características e á metodoloxía propias de cada modalidade.
Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG núm. 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Modificación da Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR302A).
Artigo 1. Modificación das alíneas b) e c) do artigo 52.1, relativo á expedición de diplomas
O artigo 52.1, nas súas alíneas b) e c), queda redactado do seguinte xeito:
b) Modalidade mixta: ademais de cumprirse os criterios anteriores en relación coas horas presenciais, deberá realizar en prazo e superar con aproveitamento, de acordo cos criterios de avaliación establecidos e cuantificados para cada actividade, a totalidade dos controis programados para a parte específica das horas impartidas por teleformación, así como, de ser o caso, o exame final de avaliación presencial.
No caso de que o número de sesións presenciais sexa menor de catro, a porcentaxe de asistencia obrigada reducirase ao 66 % se hai tres sesións, ou ao 50 % se hai dúas. En todo caso, nunha acción formativa mixta o alumnado deberá asistir, polo menos, a unha sesión presencial.
c) Modalidade de teleformación: realizar en prazo e superar con aproveitamento, de acordo cos criterios de avaliación establecidos e cuantificados para cada actividade, a totalidade dos controis programados para a parte específica das horas impartidas por teleformación, así como, de ser o caso, o exame final de avaliación presencial.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade