Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 12 de agosto de 2021 Páx. 40342

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de xullo de 2021 pola que se modifica parcialmente a Orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR301K).

A Lei 30/2015, do 9 de setembro (BOE núm. 217, do 10 de setembro), pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle a planificación e o financiamento do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (BOE núm. 159, do 5 de xullo) desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

A Lei 30/2015 establece no seu artigo 14 que a formación profesional para o emprego poderá impartirse de forma presencial, mediante teleformación, ou ben de forma mixta combinando as dúas anteriores. Trátase de modalidades de diferentes, co obxectivo común de mellora das capacidades e competencias profesionais das persoas traballadoras, que aplican distintos procesos de aprendizaxe e que, en consecuencia, requiren de métodos de control, seguimento e avaliación diferenciados.

O artigo 7 do Real decreto 694/2017 regula a acreditación das competencias profesionais adquiridas, tanto as relativas a especialidades conducentes á obtención de certificados de profesionalidade como as non dirixidas á obtención dos ditos certificados.

Este artigo, no seu punto 2, relativo á formación non dirixida á obtención de certificados de profesionalidade, establece que a expedición e entrega dos certificados e diplomas ás persoas participantes nas accións formativas se realizará de acordo co que estableza a Administración pública competente.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro (BOE núm. 27, do 31 de xaneiro), polo que se regulan os certificados de profesionalidade, regula no seu artigo 14.7 o seguimento e a avaliación cuantificada das actividades do proceso de aprendizaxe que se impartan na modalidade de teleformación.

A aplicación de criterios diferentes de seguimento e control en función da modalidade en que se desenvolva a formación implica a necesidade de adaptar os requisitos de obtención dos diplomas ás características e metodoloxía propias de cada modalidade.

Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG núm. 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Modificación da Orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR301K).

Artigo 1. Modificación das alíneas b) e c) do artigo 38.1, relativo a diplomas

O artigo 38.1, nas súas alíneas b) e c), queda redactado do seguinte xeito:

b) Modalidade mixta: ademais de cumprirse os criterios anteriores en relación coas horas presenciais, deberá realizar en prazo e superar con aproveitamento, de acordo cos criterios de avaliación establecidos e cuantificados para cada actividade, a totalidade dos controis programados para a parte específica das horas impartidas por teleformación así como, de ser o caso, o exame final de avaliación presencial.

No caso de que o número de sesións presenciais sexa menor de catro, a porcentaxe de asistencia obrigada reducirase ao 66 % se hai tres sesións, ou ao 50 % se hai dúas. En todo caso, nunha acción formativa mixta o alumnado deberá asistir polo menos a unha sesión presencial.

c) Modalidade de teleformación: realizar en prazo e superar con aproveitamento, de acordo cos criterios de avaliación establecidos e cuantificados para cada actividade, a totalidade dos controis programados para a parte específica das horas impartidas por teleformación, así como, de ser o caso, o exame final de avaliación presencial.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade