Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 13 de agosto de 2021 Páx. 40539

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2021 pola que se modifican os artigos 18.2.a) e 23.3 respecto dos proxectos de investimento obxecto de axuda ao abeiro da Resolución do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira, e se convocan para o ano 2020.

Con data do 17 de xullo de 2020 publicouse no DOG a Resolución do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira, e se convocan para o ano 2020.

Esta convocatoria de axudas, no marco da Axenda de impulso da industria forestal, pretendía contribuír aos obxectivos europeos fixados no Green Deal e, á vez, atender as propostas elaboradas pola comisión de expertos para asesorar a Xunta de Galicia sobre a recuperación económica e minimizar o impacto da crise da COVID-19, respecto da necesidade de suplementar axudas de carácter sectorial.

Neste senso, o comité de seguimento da Axenda de impulso da industria forestal incidiu na conveniencia de adoptar medidas que incentivasen a demanda de produtos de madeira, e que esta demanda se incardinase na actual tendencia de consumo de produtos que favorezan a neutralidade climática.

O fomento da demanda da madeira ten un efecto arrastre sobre toda a cadea e incide na mobilización de man de obra, non só do sector, senón doutros sectores conexos, como a construción e a rehabilitación, actividades intensivas na utilización de man de obra, ou mesmo o comercio e a loxística.

Por iso, as axudas encadrábanse nas políticas que fomentan actividades sustentables que contribúen á neutralidade climática, co fomento da demanda e mobilización de man de obra nun momento onde os indicadores de actividade da demanda sufriran fortes caídas como consecuencias das medidas adoptadas fronte á COVID-19.

Nese contexto, deseñáronse as bases da convocatoria que recollían dúas liñas de axuda (liña 1.1 IN502B e liña 1.3 IN502D) á redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio e vivendas unifamiliares que empregasen produtos de madeira como elementos estruturais (artigo 2 das bases reguladoras, actuacións obxecto de apoio).

No artigo 18 das bases reguladoras e, especificamente, no caso dos puntos 1.1 e 1.3, establécese, entre outras, a seguinte obriga dos beneficiarios:

a) Executar a obra en Galicia e nun prazo de 18 meses, contados desde a data de visado do proxecto de execución.

Así mesmo, no artigo 23, punto 3, establécese que será causa de perda do dereito ao cobramento e reintegro (ente outras):

– A non execución da obra nun prazo de 18 meses contado desde a data de visado do proxecto de execución.

– A desviación á baixa do orzamento de execución material respecto ao custo final de execución material superior ao 15 %.

Dado o actual contexto de crise pandémica e de inestable contorno económico a nivel mundial, orixinouse un desacoplamento da oferta e a demanda das materias primas que está dando lugar á unha singular escaseza e a un vertixinoso aumento dos prezos. Esta conxuntura está a xerar un notable impacto no ámbito industrial e noutros sectores da economía como o da construción, producíndose un encarecemento e desabastecemento global de materias primas para a construción, en xeral, e de madeira, en particular.

Debido a que existen proxectos beneficiarios destas axudas con importantes dificultades para poder dar cumprimento ao prazo establecido e a porcentaxe exixida nos orzamentos correspondentes, relativos a gastos de madeira, considérase necesario aumentar o prazo de execución das obras e deixar sen efecto as porcentaxes de gastos mencionadas.

Por todo o anterior, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo único

Modificar as bases reguladoras das axudas publicadas no Diario Oficial de Galicia do 17 de xullo de 2020 mediante a Resolución do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira, e se convocan para o ano 2020.

I. Modificación do artigo 18 das bases reguladoras:

Modifícase o número 2, letra a), do artigo 18 das bases reguladoras, que queda redactado nos seguintes termos:

2. Especificamente, para os puntos 1.1 e 1.3:

a) Executar a obra en Galicia e nun prazo de 27 meses, contados desde a data de visado do proxecto de execución.

II. Modificación do artigo 23 das bases reguladoras:

Modificase o número 3 do artigo 23 das bases reguladoras, que consiste na supresión do seguinte parágrafo: «A desviación á baixa do orzamento de execución material respecto ao custo final de execución material superior ao 15 %.»

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal