Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 13 de agosto de 2021 Páx. 40547

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2021 pola que se convoca a provisión do posto de Coordinación do Departamento de Música e Danza.

En virtude da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e do seu estatuto, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, e modificado polo Decreto 53/2021, do 18 de marzo, esta axencia

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto de Coordinación do Departamento de Música e Danza, á que lle corresponden as funcións atribuídas polo Estatuto da Agadic, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Agadic e modificado polo Decreto 53/2021, do 18 de marzo, polo que se modifica o estatuto de Agadic.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá este proceso selectivo, que se engaden como anexo I desta resolución.

Terceiro. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderá impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases polas que se regula a convocatoria para a selección da persoa
candidata para a cobertura do posto de Coordinación
do Departamento de Música e Danza da Agadic

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece, na súa disposición transitoria quinta, que mentres non se regule o réxime do persoal directivo da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as axencias públicas autonómicas e os consorcios poden prover os postos que consonte as súas relacións de postos de traballo ou cadros de persoal, correspondan ao persoal directivo, entre persoal funcionario ou mediante contratos de alta dirección nos termos sinalados no artigo 13.2 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

A Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinala que é persoal directivo o que desenvolve funcións profesionais directivas nas administracións públicas definidas como tales nas normas específicas de cada Administración, indicando que, cando o persoal directivo reúna a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección.

Pola súa banda, o artigo 33 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, determina que teñen a condición de persoal directivo as persoas que desenvolven funcións directivas profesionais nas administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación da citada lei. O artigo 34 da mesma norma di que a adquisición da condición de persoal directivo se baseará nos principios de mérito e capacidade e en criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e concorrencia entre o persoal funcionario de carreira e o persoal laboral fixo ao servizo das administracións publicas. O parágrafo 3 sinala que a provisión dos postos directivos se levará a cabo por procedementos obxectivos que garantan a publicidade e a concorrencia entre as persoas que teñan a condición de persoal directivo. Non obstante o anterior, nas entidades públicas instrumentais tamén se poderán prover excepcionalmente con persoas que non teñan a condición de persoal directivo.

O artigo 34.4 da Lei 2/2015 establece que o persoal funcionario de carreira que teña a condición de persoal directivo e sexa nomeado para desempeñar un posto cualificado como directivo na correspondente relación de postos directivos, manterá a situación de servizo activo no corpo ou escala a que pertenza. O persoal laboral fixo será declarado na situación que corresponda segundo a lexislación laboral e o convenio colectivo de aplicación.

O artigo 34.5 da citada lei sinala que os contratos laborais de alta dirección do persoal directivo incluirán un pacto de permanencia e non competencia pos-contractual polos dous anos seguintes á extinción do contrato.

Por Decreto 53/2021, do 18 de marzo, modifícase o Estatuto da Agadic, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, establecéndose no artigo 23 que, baixo a dirección da directora ou director, a axencia estruturarase en catro departamentos técnicos, á fronte dos cales existirá unha coordinadora ou coordinador: o Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais, o Departamento de Política Audiovisual, o Departamento de Produción Teatral e o Departamento de Música e Danza.

Pola súa banda, o artigo 35 do estatuto establece que constitúen o persoal directivo da Agadic as persoas coordinadoras dos diferentes departamentos, engadindo que serán nomeadas e separadas polo Consello Reitor, por proposta motivada da Dirección, que na súa designación se atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade, e que se levará a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

Por acordo do Consello Reitor con data do 8 de abril de 2021 adoptouse, entre outros acordos, o de cubrir o posto de Coordinación do Departamento de Música e Danza da Agadic.

Por todo o anterior apróbase esta convocatoria coa finalidade de seleccionar a persoa candidata axeitada para a provisión desta praza, consonte os sinalados principios de mérito e capacidade e a través dun procedemento que garanta a publicidade e a concorrencia legalmente exixida na súa selección, para o seu posterior nomeamento ou contratación nos termos previstos no artigo 35 dos estatutos desta axencia, de acordo coas seguintes

Bases

1. Obxecto da convocatoria.

Constitúe o obxecto da presente convocatoria a selección para a provisión, mediante nomeamento ou contratación de persoal directivo, dunha coordinación do Departamento de Música e Danza da Agadic.

2. Retribución e incompatibilidades.

a) Retribucións. As retribucións brutas anuais ascenderán a corenta e tres mil catro euros con oito céntimos (43.004,08 €).

b) Incompatibilidades. A persoa que ocupe a Coordinación do Departamento de Música e Danza estará sometida ao sistema de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, regulado na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

3. Funcións da Coordinación do Departamento de música e danza.

De acordo co artigo 27 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto de Agadic, modificado polo Decreto 53/2021, do 18 de marzo, a coordinación terá as seguintes funcións:

1. Ao Departamento de Música e Danza correspóndelle o desenvolvemento, a promoción e o impulso do fomento da música e da danza.

2. A persoa coordinadora do Departamento de Música e Danza desenvolverá as seguintes funcións:

a) Realizar as actuacións necesarias para o impulso do fomento da música e da danza.

b) Impulsar a relación entre os distintos axentes culturais galegos no ámbito do departamento e promover, no dito ámbito e dentro dos límites da acción exterior autonómica, alianzas no exterior.

c) Exercer a dirección do Centro Coreográfico Galego.

d) Desenvolver cantas outras funcións lle sexan especificamente encomendadas pola Dirección da Agadic dentro do ámbito previsto no número 3.1.

4. Requisitos e méritos.

4.1. Requisitos das persoas candidatas.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas candidatas deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión os seguintes requisitos:

a) Nacionalidade:

– Ter a nacionalidade española.

– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

– Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

– Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, as persoas cónxuxes das españolas e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separadas de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os da súa/seu cónxuxe, sempre que non estean separadas/os de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de persoas estranxeiras non incluídas nos puntos anteriores.

b) Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Titulación: titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente.

d) O coñecemento e dominio do idioma galego. Acreditarase pola titulación do Celga 4 ou equivalente (bacharelato/universidade) debidamente homologado polo órgano competente en materia de política educativa e/ou lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Aquelas persoas que non se atopen en situación de poder acreditar mediante certificación oficial o devandito nivel de coñecemento da lingua galega farano constar, debendo indicar que solicitan ser avaliadas do nivel de coñecemento da lingua galega. As probas para acreditar o nivel adecuado de coñecemento da lingua galega serán realizadas polo persoal designado para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao longo do procedemento para aquelas persoas aspirantes que sigan adiante no proceso. Esta proba, que será convocada con antelación suficiente para aquelas persoas aspirantes que o precisen con indicación do seu contido previamente, valorarase como apta ou non apta.

e) Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Habilitación: non ter sido separada/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrase na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal do cal a persoa foi separada ou inhabilitada. No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse a persoa inhabilitada ou en situación equivalente, nin ter sido sometida a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

4.2. Méritos das persoas candidatas.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas candidatas deberán achegar antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes a seguinte documentación:

a) Presentar un curriculum vitae detallado, onde se acredite a súa formación, traxectoria e experiencia de xestión en institucións públicas ou privadas dentro do ámbito da música e/ou da danza:

– Titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente.

– Titulacións homologadas por organismos oficiais (ciclos medios, superiores e mestrados) directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vai desenvolver.

– Cursos de especialización directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vaian desenvolver.

– Cursos de formación non regrada superiores a 50 horas ou 6 meses directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vaian desenvolver.

– Experiencia profesional en dirección e xestión desempeñados na Administración pública, no ámbito da música e/ou danza.

– Experiencia profesional en dirección e xestión en postos desempeñados en empresas ou institucións, no ámbito da música e/ou danza.

Estes méritos deberán ser acreditados só no caso de ser seleccionada/o para cubrir o posto de Coordinación do Departamento de Música e Danza da Agadic. Para a acreditación, deberán achegarse títulos homologados, certificacións de asistencia a cursos, vida laboral expedida pola Seguridade Social, contratos de traballo e certificacións de funcións desempeñadas emitidos pola Administración, empresa ou institución. Para estes efectos, o órgano de selección poderá requirir documentación aclaratoria ou complementaria dos méritos alegados cuxos documentos acreditativos considere insuficientes ou confusos. Aqueles méritos que non sexan debidamente acreditados deberán ser subtraídos da puntuación final da persoa aspirante.

b) Co obxectivo de avaliar o coñecemento dos sectores obxecto do posto que se quere cubrir, a persoa candidata presentará por escrito, en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, unha proposta de liñas de actuación a alcanzar e programas que se van desenvolver, conforme os requisitos previstos nos artigos do Estatuto da Agadic, e tendo en conta a promoción e a posta en valor da música e da danza na Comunidade Autónoma galega.

A proposta non poderá superar un máximo de 2.000 palabras.

5. Lugar e presentación de solicitudes.

Quen desexe tomar parte na presente convocatoria deberá presentar unha solicitude que conteña:

5.1. Datos de contacto (por medio do anexo II das presentes bases) debidamente cuberto.

5.2. Copia do DNI, pasaporte ou equivalente da persoa candidata.

5.3. Curriculum vitae completo da persoa candidata.

5.4. Proposta de liñas de actuación que se van desenvolver nos ámbitos da música e da danza.

5.5. Titulación Celga 4 ou equivalente (bacharelato/universidade) debidamente homologado polo órgano competente en materia de política educativa e/ou lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo). (Ver base segunda punto 4 sobre o coñecemento e o dominio do idioma galego).

5.6. Declaración xurada ou responsable da persoa candidata (por medio do anexo III das presentes bases) de que reúne todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso, ou que está en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes.

As persoas candidatas deberán presentar toda a documentación requirida nesta convocatoria, dirixíndoa nominalmente á persoa que teña a Dirección da Agadic en sobre cerrado no que se indique «Proceso de selección para a Coordinación do Departamento de Música e Danza» e que se remitirá por correo certificado ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou ben presentándoa directamente no rexistro xeral da axencia (sito na Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela).

Para os efectos de comprobación da súa presentación en prazo, as candidaturas remitidas a través de servizos de mensaxaría privados, ou de servizos de correo estranxeiros, consideraranse presentadas na data en que entrasen nos rexistros oficiais previstos no parágrafo anterior.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Estas bases, así como os anexos que as acompañan, estarán dispoñibles na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro desta axencia.

O prazo de presentación será de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro desta axencia.

6. Admisión de solicitudes.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, aprobarase por resolución da Agadic a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

Esta lista publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro desta axencia, dispoñendo as persoas interesadas dun prazo de cinco días (5) hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación, para presentar as emendas correspondentes.

Rematado o prazo anterior, ditarase resolución mediante a que se aprobará a lista definitiva de persoas admitidas, publicándose na forma descrita. Esta publicación implica a desestimación das alegacións ou emendas formuladas por aquelas persoas aspirantes que queden definitivamente excluídas.

O feito de figurar na lista de persoas admitidas non presupón o cumprimento dos requisitos para participar nesta convocatoria, que se acreditarán documentalmente como se indica na base 4ª da presente convocatoria.

7. Órgano de selección (comisión de valoración).

O órgano de selección estará constituído por unha comisión de valoración nomeada por resolución da dirección da Agadic, que se publicará na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro desta axencia con anterioridade ao comezo do procedemento selectivo.

A comisión axustarase no seu funcionamento e actuación ás instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

8. Procedemento selectivo.

8.1. Valoración de méritos e proposta de liñas de actuación.

Na primeira fase, a comisión de valoración puntuará os méritos alegados polas persoas candidatas indicados na base 4.2 segundo os seguintes criterios:

a) 1 punto por titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente, ata un máximo de 2.

b) 0,5 puntos por titulacións homologadas por organismos oficiais (ciclos medios, superiores e mestrados) directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se van desenvolver, ata un máximo de 3 puntos.

c) 0,25 puntos por cursos de duración superior a cincuenta (50) horas ou seis (6) meses directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se van desenvolver, ata un máximo de 1 punto.

d) 0,5 puntos por ano de experiencia de xestión en postos de dirección e xestión desempeñados nas administracións públicas, ata un máximo de 6 puntos.

e) 0,25 puntos por ano de experiencia de dirección e xestión en postos desempeñados en empresas ou institucións, ata un máximo de 3 puntos.

A puntuación máxima que se pode acadar polos méritos relacionados nesta primeira fase será de 15 puntos.

As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

A puntuación acadada nesta fase publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), e no taboleiro de anuncios da Agadic, concedéndose un prazo de cinco (5) días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas estas alegacións publicarase a listaxe coa puntuación definitiva, entendéndose desestimadas as alegacións daqueles aspirantes que non experimente variación.

8.2. Entrevista.

As persoas candidatas que acaden as tres mellores puntuacións, serán convocadas pola comisión de valoración a unha entrevista que tratará sobre os méritos alegados, as funcións que se van desempeñar e liñas de actuación ao fronte do Departamento de Música e Danza presentadas.

A comisión formulará as preguntas que considere oportunas respecto do contido da proposta de liñas de actuación a alcanzar e dos programas que se vaian desenvolver ou sobre calquera outra cuestión que resulte relevante a xuízo da comisión.

A duración estimada desta entrevista fíxase nun máximo de corenta e cinco (45) minutos.

Na entrevista valorarase o coñecemento das linguas oficiais de comunidade autónoma, así como de linguas estranxeiras.

A entrevista terá unha valoración máxima de 10 puntos.

O chamamento para a entrevista realizarase polo mesmo medio sinalado para a publicación das puntuacións da fase anterior, é dicir, na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), así como no taboleiro de anuncios da Agadic.

9. Cualificación e proposta da persoa seleccionada.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas tanto da primeira fase como na entrevista.

No caso de empate na puntuación total dirimirase a favor da persoa candidata que obtivese maior puntuación na fase de valoración dos méritos.

Publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), así como no taboleiro de anuncios da Agadic, as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que, no prazo de tres (3) días hábiles, poden formular as alegacións oportunas, que se entenderán estimadas ou desestimadas, segundo proceda, coa publicación da puntuación definitiva.

Unha vez rematada a avaliación das persoas aspirantes, o órgano de selección elevará a súa proposta, incluíndo, de ser posible, tres candidatas, a persoa responsable da Dirección da Axencia, que resolverá propoñéndolle ao Consello Reitor unha persoa candidata para que adopte o correspondente acordo de contratación ou de nomeamento, segundo a candidata proposta sexa persoal susceptible de contratación laboral ou sexa persoal funcionario. O dito acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A candidata seleccionada deberá acreditar os requisitos para participar neste proceso sinalados na base 4.1 no prazo de dez (10) días hábiles desde que sexa requirido. Para estes efectos achegarase orixinal ou ben copia cotexada.

De non presentarse solicitudes, de non cumprir os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningunha das persoas candidatas resulta idónea para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da persoa responsable da Dirección da Agadic, que se publicará no DOG.

10. Nomeamento e toma de posesión.

Se a persoa aspirante seleccionada para ocupar o posto de traballo convocado desempeñase a condición de funcionaria público con destino definitivo noutra Administración pública, o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos, que se considerará favorable de non emitirse no prazo de quince días, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionada. Se no prazo de dous meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, a/o funcionaria/o seleccionada/o non se pode incorporar á comunidade autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión. Neste caso o prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento.

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado non tivese a condición de funcionaria/o público, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

11. Ampliación de información e consultas.

As persoas interesadas en presentarse ao proceso de selección poderán realizar as consultas que consideren oportunas sobre este proceso, a través do seguinte enderezo de correo electrónico: agadic@xunta.gal

Para garantir a confidencialidade do proceso non se atenderán consultas telefónicas nin persoais.

12. Confidencialidade.

Todas as persoas e institucións implicadas no proceso de selección comprométense a garantir a absoluta confidencialidade de todos os datos persoais e profesionais destes, asegurando que a participación das persoas non seleccionadas se manterá no estrito ámbito do coñecemento e a valoración do órgano de selección e facéndose público por parte da Agadic exclusivamente o nome da persoa que resulte seleccionada.

Para estes efectos, nas publicacións referidas á presente convocatoria empregaranse as seis últimas cifras do DNI de cada persoa participante no proceso.

13. Principio de igualdade.

Este proceso réxese polos principios de igualdade recollidos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

missing image file
missing image file
missing image file