Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 17 de agosto de 2021 Páx. 40661

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353A).

A Orde da Consellería de Emprego e Igualdade, do 31 de decembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, establece no seu artigo 28 que os créditos previstos para o seu financiamento poderán ser incrementados ou minorados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se poidan establecer na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, ao existir crédito dispoñible procedente do incremento dos fondos distribuídos na Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais con respecto ao importe previsto nos orzamentos iniciais da Comunidade Autónoma de Galicia (Orde TES/527/2021, do 26 de maio), que debe aplicarse en programas e actuacións de emprego e formación como son os obradoiros duais de emprego, e coa finalidade de executar os novos fondos percibidos e poder atender ao maior número de solicitudes posibles, procede ditar a presente orde de ampliación en cumprimento do disposto nos preceptos anteriormente citados.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario

Amplíase o importe total do crédito para o financiamento das axudas previstas na Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, nunha contía de 4.383.547,20 euros para a anualidade de 2021 e de 6.575.320,80 euros para a anualidade de 2022, na aplicación orzamentaria 11.05.322A.460.2 (código de proxecto 2014 00543), así como nun importe de 106.500,00 euros para o ano 2022, na aplicación orzamentaria 11.05.322A.460.1 (código de proxecto 2014 00543).

Artigo 2. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade