Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 31 de agosto de 2021 Páx. 43286

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2021 pola que se convocan 5 edicións do curso básico de protección civil.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Unha vez aprobado o programa anual de actividades para o ano 2021 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dun curso básico de protección civil con 5 edicións, correspondentes ao segundo semestre do ano 2021, cuxas bases e características, se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 24 de agosto de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

Tipo

Curso

Denominación

Básico de protección civil

Modalidade

En liña

Edicións

5

Horas lectivas

32

Prazas

45 por edición

Segunda. Obxectivos e contido

Obxectivos: adquirir a formación básica necesaria para o exercicio das funcións de protección civil.

Contido: o curso básico de protección civil está dividido en varios módulos que abranguen os seguintes contidos:

• Módulo I. A Protección civil. (4 horas teóricas).

• Módulo II. Os riscos, accidentes e autoprotección. (6 horas teóricas).

• Módulo III. Loita contra os incendios. (4 horas teóricas + 4 horas prácticas).

• Módulo IV. Comunicacións. (2 horas teóricas + 2 horas prácticas).

• Módulo V. Actuacións básicas ante emerxencias médicas. (4 horas teóricas + 4 horas prácticas).

• Módulo VI. Igualdade de oportunidades. (2 horas teóricas).

Terceira. Persoas destinatarias

Persoal candidato ao ingreso nas agrupacións de voluntarios de protección civil.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación das persoas solicitantes

1. Estar inscrito/a como candidato/a a voluntario/a na correspondente AVPC do Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (RGAVPC).

2. Requisitos físicos/psíquicos: as persoas solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectadas por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

3. Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico.

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozilla Firefox 2 (recomendado), Internet Explorer 6.0 ou superior ou Google Chrome.

• Ter JavaScript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF, necesítase ter instalado Acrobat Reader.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

1. Plataforma: o curso consta dunha serie de actividades e unha proba final que se realizarán en liña a través da plataforma de formación da Agasp.

2. Datas: as diferentes edicións do curso realizaranse nas datas que se indican no anexo II desta convocatoria.

O alumnado deberá acceder ao curso dentro dos primeiros dous días hábiles (excluídos sábados, domingos e festivos) a partir da data de inicio.

As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dadas de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizados coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

3. Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado, axustándose en todo caso ao calendario establecido no propio curso.

4. Actividades: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas no curso, que son:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Cumprimento das tarefas segundo as exixencias indicadas.

No suposto de que as actividades realizadas non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do equipo docente, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

5. Proba final: o alumnado deberá superar unha proba final a través da plataforma de formación da Agasp sobre os contidos do curso.

Para a realización de dita proba final, o alumnado terá que superar todas as actividades especificadas no número 4.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 38, 886 20 61 39 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar nalgún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Se as solicitudes para participar nun curso non superan o 50 % das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será de quince (15) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa anticipación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a seguir se relacionan e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

1º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

2º. Teñen preferencia as solicitudes por orde de presentación.

3º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Cando no proceso de selección non se completasen as reservas establecidas no punto 1º, estas reservas, de existir suficiente número de solicitantes, completaranse co resto das solicitudes.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web (http://agasp.xunta.gal) unha relación das persoas seleccionadas para participaren en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha anticipación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % do curso será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

Décimo primeira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo segunda. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as datas de celebración, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia, especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data de inicio non supere o 50 % das prazas convocadas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

ANEXO II

Denominación do curso

Edición

Horas lectivas

Prazas

Datas

Básico de protección civil

1ª edición

32

45

7 outubro-12 novembro

Básico de protección civil

2ª edición

32

45

14 outubro-19 novembro

Básico de protección civil

3ª edición

32

45

21 outubro-26 novembro

Básico de protección civil

4ª edición

32

45

28 outubro-3 decembro

Básico de protección civil

5ª edición

32

45

4 novembro-10 decembro