Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Mércores, 1 de setembro de 2021 Páx. 43557

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican a relación definitiva de admitidos/as e excluidos/as e os resultados definitivos de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de diversas categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

Pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 11 de decembro de 2018 (DOG núm 240, do 18 de decembro), publicouse o Pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de marzo de 2019 (DOG núm. 77, do 23 de abril) iniciouse o prazo para a inscrición de aspirantes nestas listas.

A base cuarta desta resolución dispón que para a primeira xeración de listas se poderán formalizar as solicitudes desde o día seguinte ao da súa publicación ata o 30 de xuño de 2019. Os méritos computables serán os causados ata o 15 de xuño de 2019 e que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 24 de agosto de 2020 (DOG núm. 187, do 15 de setembro) publicáronse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas das citadas categorías.

Pola Orde da Consellería de Sanidade do 22 de abril de 2021 (DOG núm. 96, do 25 de maio), aprobouse o acordo sobre un réxime transitorio para a aplicación das listas de aspirantes a nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria, que recolle no seu punto primeiro que as listas provisionais feitas públicas pola devandita resolución, coas correccións que procedan, se elevarán a definitivas no mes de setembro de 2021.

Ao abeiro e en cumprimento da citada regulación, esta dirección xeral, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (DOG núm. 82, do 29 de abril),

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas admitidas no primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de diversas categorías de persoal licenciado sanitario, cuxo prazo de inscrición se iniciou mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de marzo de 2019 (DOG núm. 77, do 23 de abril).

As listas co número de orde e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Segundo. Abrir un prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que os/as aspirantes admitidos/as nestas listas, e que así o desexen, poidan modificar a selección de distritos sanitarios efectuada na súa inscrición.

A modificación deberá realizarse a través de Fides/expedient-e, accedendo ao formulario de inscrición, que constará editable desde o día seguinte ao desta publicación.

Tales cambios faranse visibles e producirán efectos no seguinte proceso de xeración de listas destas categorías/especialidades que se efectúe.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante este mesmo órgano, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. As listas entrarán en vigor con efectos do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os procesos de selección para o acceso a prazas de persoal estatutario temporal das mesmas categorías/especialidades, convocados con anterioridade a esta data polo procedemento de concurso de méritos previstos no artigo 67 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, pendentes de resolución, non se verán afectados na súa tramitación pola publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos