Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 9 de setembro de 2021 Páx. 44515

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se fai pública a convocatoria para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso 2021/22.

O Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, e se establecen as especialidades dos corpos docentes de ensino secundario, dispón, no seu artigo 9, que para exercer a docencia nestes ámbitos será necesario estar en posesión dun título oficial de máster que acredite a formación pedagóxica e didáctica, de acordo co exixido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, de ordenación das ensinanzas universitarias, estableceu a organización e o contido dos títulos oficiais de máster universitario. Con posterioridade, a Orde ministerial ECI/3858/2007, do 27 de decembro (BOE do 29 de decembro), determinou os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habilitan para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas, dispoñendo unha fase de prácticum obrigatoria que se realizará en colaboración coas institucións educativas, establecida mediante convenios entre as universidades e as administracións educativas.

A Orde do 18 de abril de 2011 (DOG do 13 de maio) establece o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos artigos 2, 3 e 4 da citada orde descríbense os procedementos de regulamentación de centros de prácticas, persoas titoras de prácticas e persoas coordinadoras de prácticas.

Para tal fin, e de acordo co anteriormente exposto, como secretario xeral de Educación e Formación Profesional,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta resolución é abrir o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o curso 2021/22 para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2. Solicitudes e documentación

Os centros e persoas, coordinadoras e titoras, que desexen acreditarse para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado deberán solicitar a súa alta á dirección do centro, que rexistrará todas as persoas interesadas, aínda que en anos anteriores estivesen acreditadas na aplicación Xade, seguindo o itinerario: <<Profesorado>Datos profesionais>Traballo no centro>>, onde existirán dúas opcións: <<Coordinador prácticum máster profesorado>> e <<Voluntario para titorizar prácticum máster profesorado>>.

Cada centro terá unha soa persoa coordinadora, que será a persoa directora do centro ou, por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos ou, excepcionalmente, unha das persoas titoras de prácticas.

Ademais, a persoa directora do centro ou, por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos ou da secretaría asinarán e remitirán ao enderezo formacion.fprofe@edu.xunta.es unha listaxe coas persoas que participan, que poderán obter directamente da aplicación Xade.

Para as escolas oficiais de idiomas, escolas de arte e superior de deseño e conservatorios profesionais de música e danza enviarán a súa solicitude ao enderezo electrónico formacion.fprofe@edu.xunta.es. Nesta solicitude indicarán os nomes do/da coordinador/a e dos/das titores/as cos correspondentes datos de DNI, especialidades e horarios (nocturno/diúrno).

Artigo 3. Centros acreditados

As listaxes dos centros acreditados e das súas persoas coordinadoras e titoras e especialidades ofertadas faranse públicas nas xefaturas territoriais, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: https://www.edu.xunta.gal/portal/

Artigo 4. Selección dos centros e réxime de realización das prácticas

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade remitirá estas solicitudes, unha vez revisadas, ás universidades correspondentes.

As universidades, unha vez analizadas as solicitudes, formularán, de acordo coas súas necesidades, a proposta de centros e persoas coordinadoras e titoras seleccionados pola comisión de seguimento do prácticum correspondente, segundo o establecido no artigo 7 da Orde do 18 de abril de 2011.

A realización das prácticas rexerase pola normativa vixente e polos protocolos que, de ser o caso, se establezan de acordo coa consellería e coas universidades.

Artigo 5. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes dará comezo o día seguinte ao da súa publicación e terán quince (15) días hábiles de prazo de solicitude, en que se pechará a aplicación Xade, e a partir desta data non se poderán introducir máis centros e persoas titoras e coordinadoras nela. As persoas interesadas disporán de cinco (5) días hábiles para realizar as alegacións que se consideren ás listas publicadas no portal educativo, no correo formacion.fprofe@edu.xunta.es

Artigo 6. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltanse a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os acordos e ditar as resolucións conxuntas que consideren oportunas en desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional