Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2021 Páx. 45105

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2021 pola que se convoca un curso de cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística.

De acordo co Convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (en diante, APLU) para o desenvolvemento do curso de cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal empregado público da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades locais de Galicia, que teña interese na materia, que se encontre en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade ou do proxenitor distinto da nai biolóxica por nacemento, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II. Terá preferencia na selección o persoal empregado público da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da APLU e das demais entidades adscritas á dita consellería, así como o persoal técnico e xurídico de concellos adheridos á APLU que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 22 de setembro de 2021.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para tramitar o procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Quinta. Criterios de selección

Seguirase a seguinte orde de prelación:

1º. Persoal técnico e xurídico da APLU: persoal de inspección urbanística e de subinspección urbanística e persoal das xefaturas de servizo da APLU.

2º. Persoal técnico e xurídico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística.

3º. Persoal técnico e xurídico de concellos adheridos á APLU que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística.

4º. Persoal técnico e xurídico das demais entidades adscritas á dita consellería que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística.

5º. Demais persoal empregado público da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades locais de Galicia con interese na materia.

Sen prexuízo do anterior, os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo o que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2021, segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 29 de xaneiro (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Y.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. A asistencia e o seguimento das actividades formativas

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días respecto ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e o seguimento das actividades formativas:

3.1. Seguimento das actividades:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e APLU poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a APLU reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a APLU garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV21073.

Área de coñecemento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Nome do curso: Cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística.

1. Obxectivos.

Por unha banda, no curso preténdese abordar as novidades normativas na materia de ordenación do territorio e urbanismo, como a recente entrada en vigor da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, así como as últimas modificacións efectuadas sobre a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Por outra banda, esta acción formativa ten por obxecto clarificar as relacións entre os diferentes suxeitos que operan na defensa da ordenación do territorio, do urbanismo e do litoral: fiscalía, xulgados e tribunais do poder xudicial, as diferentes administracións territoriais e colexios profesionais que velan polo adecuado exercicio das profesións cualificadas para o proceso de urbanización e edificación.

Así, preténdese obter a visión de diferentes axentes que colaboran para o exercicio das súas respectivas potestades e competencias en defensa da legalidade territorial, urbanística e da ordenación do litoral en Galicia.

2. Destinatarios/as.

Este curso está dirixido a todo o persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades locais de Galicia que teñan interese na materia, aínda que terá preferencia na selección o persoal empregado público da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, da APLU e das demais entidades adscritas á dita consellería, así como o persoal técnico e xurídico de concellos adheridos á APLU que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 15 horas.

Edicións: unha.

Lugar: Santiago de Compostela, salón de actos da Escola Galega de Administración Pública.

Prazas: 60.

Datas e horario:

Acto inaugural, día 4 de outubro ás 9.30 horas.

4, 11 de outubro e 2 de novembro (3 horas): de 10.30 a 13.30 horas.

18, 25 de outubro e 8 de novembro (2 horas): de 10.30 a 12.30 horas.

4. Contido.

– Novidades en materia de ordenación do territorio e urbanismo: Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e reformas da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

– Actuacións previas: a comprobación dos feitos, a data de terminación das obras e a nova realidade construtiva.

– Declaracións periciais e como testemuñas ante xulgados do contencioso-administrativo e penal.

– Relacións entre a Fiscalía e as administracións públicas en materia de disciplina urbanística. Análise do artigo 319 do Código penal.

– Relación de colaboración entre a Administración xeral do Estado e a da Comunidade Autónoma de Galicia na vixilancia da costa e na protección do dominio público marítimo-terrestre. Abordaxe do réxime transitorio aplicable ás edificacións preexistentes no momento da entrada en vigor da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, sobre a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e consecuencias da reforma operada pola Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sustentable do litoral.

– Afeccións sectoriais sobre o solo rústico: coordinación inter ou intraadministrativa.