Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2021 Páx. 45096

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2021 pola que se convocan cursos para o persoal da Administración local de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os/as empregados/as públicos/as da Administración local de Galicia que se encontren en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade ou do proxenitor distinto da nai biolóxica por nacemento, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como ás súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 22 de setembro de 2021.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para tramitar o procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da EGAP do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro) e darase preferencia aos solicitantes que presten servizos na Administración local da provincia de Ourense dos subgrupos C1 e C2 que deban realizar labores administrativos con mecanización informática.

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante, á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo ao que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2021, segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 29 de xaneiro (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Y.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia e a asistencia e o seguimento da actividades formativas

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días anteriores respecto ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación :

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá, en primeiro lugar, realizar todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar na proba de avaliación final.

En segundo lugar, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que se realizará en liña ao final da actividade.

No inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Novena. Certificados

Para obter o certificado de aproveitamento o alumnado deberá acadar a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial de Ourense reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

• Código: CV21074.

Básico de aplicacións informáticas de tratamento de textos: Microsoft Word.

1. Obxectivos.

Formar os seus destinatarios/as para adquirir as seguintes destrezas:

Utilizar as funcións que ofrece o procesador de textos, con exactitude e destreza, na elaboración e edición de documentos, inserindo texto con diferentes formatos, imaxes ou outros obxectos, da mesma ou doutras aplicacións.

Identificar as prestacións, procedementos e modelos asistentes dos procesadores de textos e de autoedición describindo as súas características e utilidades.

Utilizar os asistentes que contén a aplicación para a creación de esquemas e estilos que automaticen tarefas no traballo con documentos extensos.

Incidir na importancia dos efectos que causan unha cor e formato adecuados, a partir de distintos documentos e parámetros ou manual de estilo dunha organización tipo.

Explicar o funcionamento das macro en Word, gravación, edición e execución, permitindo a automatización de tarefas repetitivas no traballo diario.

2. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido ao persoal empregado público das entidades locais de todos os grupos de titulación, especialmente C1 e C2, que deba realizar labores administrativos con mecanización informática.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 2 ao 24 de novembro de 2021. Proba final en liña: o día 24 de novembro ás 12.00 horas.

Prazas: 20.

4. Contido.

1. Conceptos xerais e características fundamentais do programa de tratamento de textos.

2. Operacións de tratamento de textos.

3. Arquivos da aplicación de tratamento de textos.

4. Formato de texto.

5. Configuración da páxina.

6. Creación de táboas.

7. Corrección de texto.

8. Impresión de documentos.

9. Creación de sobres e etiquetas individuais. modelos para a creación e envío masivo.

10. Inserción de imaxes e autoformas.

11. Creación de estilos.

12. Utilización de plantillas e asistentes.

13. Traballo con documentos longos.

14. Fusión de documentos.

15. Revisión de documentos. documentos compartidos.

16. Automatización de tarefas repetitivas.

• Código: CV21075.

Sistema operativo e busca de información: internet/intranet e correo electrónico-Windows.

1. Obxectivos.

Formar os seus destinatarios/as para adquirir as seguintes destrezas:

Coñecer o funcionamento básico dos elementos que conforman o equipamento informático dispoñible no desenvolvemento da actividade administrativa, co fin de garantir a súa operatividade.

Utilizar as ferramentas de procura, recuperación e organización da información dentro do sistema, e na rede –intranet ou internet–, de forma precisa e eficiente.

Utilizar as funcións das aplicacións de correo en procesos tipo de recepción, emisión e rexistro de información.

2. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido ao persoal empregado público das entidades locais de todos os grupos de titulación, especialmente C1 e C2, que deba realizar labores administrativos con mecanización informática.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 4 ao 27 de outubro de 2021. Proba final en liña: o día 27 de outubro ás 12.00 horas.

Prazas: 20.

4. Contido.

1. Introdución ao computador (Hardware, Software).

2. Uso básico do sistema operativo.

3. Personalizar a contorna do equipo.

4. Introdución á procura de información na internet.

5. Navegación pola world wide web.

6. Emprego e configuración de correo electrónico como intercambio de información.

7. Transferencia de ficheiros FTP.