Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2021 Páx. 45113

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2021 pola que se convoca o webinario Políticas públicas para despois da crise económica.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e aos obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto,

RESOLVO:

Convocar, no marco do programa de actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia, o webinario Políticas públicas para despois da crise económica, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos e contido

As recentes crises económicas supuxeron un punto de inflexión en materia de política económica. As actuacións levadas a cabo permitiron mellorar algúns indicadores económicos, pero aínda non posibilitaron unha corrección completa dalgúns dos desaxustes que se produciron durante o período que durou a denominada Gran Recesión.

As crises económicas, a pesar de implicar unha serie de efectos negativos, poden permitir detectar as nosas debilidades e ameazas para convertelas en fortalezas e oportunidades. Por este motivo, convócase este webinario co obxectivo de identificar os aspectos que se puideron mellorar coas actuacións realizadas e, ao mesmo tempo, as políticas públicas que se deberían aplicar para corrixir os problemas pendentes.

Segunda. Persoas destinatarias

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Data: xoves, 23 de setembro de 2021.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: das 12.00 ás 14.00 horas.

Duración: 2 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

• Conexión estable á internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

Cuarta. Número de prazas

60.

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en nome do curso: webinario Políticas públicas para despois da crise económica.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 17 de setembro de 2021.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co indicado na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a iep.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no que deberán achegar a documentación que acredite a Administración á que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas en caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou foron excluídas de acordo co disposto no epígrafe segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a iep.egap@xunta.gal, cunha antelación máxima de tres días antes de que comece a actividade, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. O seguimento e a puntualidade:

a) É obrigatorio o seguimento da sesión desta actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

c) Respecto ao non seguimento:

1. O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Undécima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública