Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2021 Páx. 45118

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2021 pola que se modifica a Resolución do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia la convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2020-2021, cofinanciadas polos fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia número 161, do 12 de agosto) (código de procedemento IN421S), modificada pola Resolución do 22 de xuño de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 122, do 29 de xuño).

Mediante a Resolución do 22 de xuño de 2021 ampliouse o prazo establecido no artigo 5 da Resolución do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas, para os anos 2020 e 2021, ata o 15 de setembro de 2021.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, por cuestións orzamentarias, de procedementos de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 5 da Resolución do 3 de agosto de 2020, modificada pola Resolución do 22 de xuño de 2021, ampliando o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 30 de outubro de 2021.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia