Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 23 de setembro de 2021 Páx. 46714

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da axuda extraordinaria para as persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da crise derivada da COVID-19 (código de procedemento TR820G).

BDNS (Identif.): 587046.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Persoas traballadoras por conta allea, incluídas as persoas traballadoras fixas descontinuas, ou socias traballadoras de sociedades laborais e de cooperativas de traballo asociado en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia que se viron afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego como consecuencia da COVID-19.

b) Que se encontren incluídos nun ERTE no período temporal do 14 de marzo de 2020 ao 31 de xullo de 2021, ambos incluídos, polo menos 12 meses, aínda que sexa de maneira interrompida.

c) Que o importe da totalidade dos rendementos declarados durante o período impositivo 2020 no imposto sobre a renda das persoas físicas non excedese de 14.000 euros.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar as axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras que se encontren afectadas por un ERTE derivado da COVID-19, con suspensión total ou parcial do seu contrato.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da axuda extraordinaria para as persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da crise derivada da COVID-19 (código de procedemento TR820G).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse tres millóns de euros (3.000.000 €).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade