Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 23 de setembro de 2021 Páx. 46700

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da axuda extraordinaria para as persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da crise derivada da COVID-19 (código de procedemento TR820G).

O contexto económico e social xerado pola pandemia provocada pola COVID-19 e as medidas que se adoptaron para evitar a propagación ocasionaron a suspensión ou redución da actividade empresarial, cunha masiva repercusión no emprego das persoas asalariadas, que se viron afectadas en gran medida pola suspensión de contratos, a redución da xornada de traballo ou os expedientes de regulación de emprego, baseados no Real decreto Lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.

A pandemia da COVID-19 xerou unha situación de excepcionalidade en moitos sectores, feito que require un desenvolvemento continuo de medidas extraordinarias de carácter social e económico.

Precisamente, este real decreto lei, estableceu medidas de flexibilización dos mecanismos de axuste temporal de actividades para priorizar o mantemento do emprego sobre a extinción dos contratos.

Esta figura dos expedientes de regulación temporal de emprego, en diante ERTE, supón a suspensión con carácter temporal dos contratos ou a redución de xornada por un tempo determinado cando existan causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior, como foi a pandemia.

Esta orde ten por obxecto establecer medidas urxentes de apoio ás persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da COVID-19.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar as axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras que se encontren afectadas por un ERTE derivado da COVID-19, con suspensión total ou parcial do seu contrato (código de procedemento TR820G).

Artigo 2. Normativa reguladora

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e ao disposto nesta orde de bases.

Artigo 3. Crédito orzamentario

As axudas recollidas nesta orde de convocatoria fináncianse con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.324A 480.0 do proxecto 2020 0009 que figura na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 3.000.000 de euros.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas, nos termos recollidos na presente orde, as persoas que reúnan os seguinte requisitos:

a) Persoas traballadoras por conta allea, incluídas as persoas traballadoras fixas descontinuas, ou socias traballadoras de sociedades laborais e de cooperativas de traballo asociado en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia que se viron afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego a consecuencia da COVID-19.

b) Que se encontren incluídas nun ERTE no período temporal do 14 de marzo de 2020 ao 31 de xullo de 2021, ambos inclusive, polo menos 12 meses, aínda que sexa de maneira interrompida.

c) Que o importe da totalidade dos rendementos declarados durante o período impositivo 2020 no imposto sobre a renda das persoas físicas non excedese 14.000 euros.

Artigo 5. Contía da axuda

A contía da subvención consistirá nunha axuda de 500 euros por persoa beneficiaria, ata esgotar os fondos habilitados no orzamento previsto para este fin.

Artigo 6. Compatibilidade

As axudas recibidas ao abeiro desta orde non serán compatibles coas axudas ás persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE ETOP) de suspensión de contratos ou redución da xornada (TR820F) (Orde do 19 de xuño de 2020).

Artigo 7. Procedemento de concesión da axuda

O procedemento de concesión das subvencións reguladas na presente orde será o de concorrencia competitiva e estará baseado nos principios de publicidade, transparencia, obxectividade e igualdade e non discriminación.

Artigo 8. Avaliación e Comisión de Valoración

1. O órgano instrutor, en vista das solicitudes e da documentación que se presente verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Unha vez realizado o trámite anterior, os expedientes remitiranse á Comisión de Valoración para que emita informe previo á elevación ante o órgano competente para formular a proposta de resolución conforme os principios de obxectividade, igualdade e non discriminación, aplicando para iso os seguintes criterios:

a) A concesión das axudas priorizarase en función da duración da situación en ERTE durante o período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de xullo de 2021, de forma que terán prioridade as persoas que haxan estado máis días afectadas por un ERTE derivado da COVID-19, con suspensión total ou parcial do seu contrato, durante este período.

b) No caso de que existisen varias persoas con idéntica situación, atenderase á orde de presentación das solicitudes.

2. A Comisión de Valoración estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, quen presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, unha persoa titular dunha sección do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, e uha persoa funcionaria designada pola presidencia da comisión, que actuará como secretario ou secretaria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais e o nomeamento deberá recaer nunha persoa cuxo posto de traballo estea adscrito á dita dirección xeral.

En todo caso, a resolución de concesión da axuda estará supeditada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria que se habilite na correspondente convocatoria anual.

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade corresponderalle á persoa titular da Dirección xeral de Relacións Laborais logo do informe da Comisión de Valoración e da proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais e a fiscalización da Intervención Delegada da consellería.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes de axuda serán formalizadas directamente pola persoa traballadora ou por persoa representante debidamente acreditada mediante a correspondente autorización ou aceptación, utilizando o anexo I da presente orde.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 10, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.

Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do computo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas que reúnan os requisitos exixidos no artigo 3 desta orde deberán achegar coa solicitude (anexo I) o Informe de vida laboral da persoa solicitante emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social polo período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e a data de publicación desta orde.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta.

a) DNI ou NIE da persoa física solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificado da renda 2020 (IRPF).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar eses documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Tramitación e resolución das axudas

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales elaborará a proposta de resolución.

2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás persoas interesadas.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses a contar desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de conformidade co establecido no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e segundo o disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, ou contra as desestimacións por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación da axuda e forma de pagamento

A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarios da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser beneficiaria da mesma, non sendo necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

O pagamento das axudas reguladas nesta orde efectuaranse unicamente na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo. Esta conta terá que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Consellería de Emprego e Igualdade non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias destas axudas as seguintes:

1. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente o pagamento de ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, tanto no momento da resolución de concesión da subvención como no do seu pagamento.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 19. Modificación da resolución

Unha vez recaída a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

3. A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Base de datos nacional de subvencións

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Bases reguladoras

As presentes bases reguladoras terán carácter permanente. Non obstante, no caso de ser preciso, procederase a súa modificación nos termos regulamentariamente establecidos.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, así como para a convocatoria anual das ditas axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file