Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 23 de setembro de 2021 Páx. 46717

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2021 pola que se convocan cursos de formación continua na modalidade de teleformación dirixidos ao persoal da seguridade pública de Galicia para o segundo semestre do ano 2021.

De acordo co establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse os cursos de formación continua na modalidade de teleformación dirixidos aos/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 14 de setembro de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata, no caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando a mesma veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia, podendo ser superado a devandita porcentaxe no suposto de quedar prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedar prazas vacantes, poderán acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reservase a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Desenvolvemento da convocatoria

Desenvolvemento da actividade.

Todas as edicións dos cursos de teleformación e/ou formación semipresencial que se convocan na presente resolución desenvolveranse da seguinte maneira:

• Lugar: a través da plataforma de formación en liña. Todos os cursos contan cunha proba final presencial na sede da Agasp.

• Estableceranse sesións de videoconferencias ou clases en directo, de obrigada asistencia, só xustificada a ausencia con causa xustificada e debidamente documentada.

• Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado, fóra das clases programadas por videoconferencia, en directo ou presencial na sede da Agasp.

• Data de comezo: a partir do 4 de outubro de 2021.

Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento dos cursos o alumnado participante deberá realizar unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non realización dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No caso de que os exercicios non consigan un nivel de esixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, excepto a proba presencial final, e o enchemento das tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.

Aquelas actividades recollidas no anexo cuxa modalidade de impartición sexa a formación semipresencial, establecerase na plataforma de teleformación o horario das clases presenciais na Agasp.

Durante as clases presenciais na Agasp, tomaranse todas as medidas hixiénico-sanitarias que garantan a seguridade de todo o alumnado, e cancelaranse cando as ditas medidas non poidan ser garantidas, sendo retomadas cando as circunstancias sanitarias así o permitan.

Ningún alumno nin alumna acudirá ás clases presenciais da Agasp con algún síntoma relacionado coa COVID-19, nin tendo contacto estreito con algunha persoa con resultado positivo na devandita enfermidade.

Terceira. Proba final

As probas presenciais finais realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), notificarase a data desta, coa antelación suficiente, e polo menos con dez días hábiles de anticipación.

Excepcionalmente e por razóns debidamente xustificadas que impidan acudir á proba na data fixada, poderase solicitar acudir á proba extraordinaria.

Aqueles alumnos que se presenten á proba común e non a superen, non terán dereito a presentarse á proba extraordinaria.

Cuarta. Inscrición

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal), non se admitirá outra forma ou modelo de solicitude.

b) É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp, manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións, no suposto de non ser correctos ou exactos devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) No caso de atoparse nalgún dos supostos que a seguir se indican, o/a solicitante deberán remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación: (non será preciso, se tal documentación xa consta en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

– Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

f) Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22) por correo electrónico (formación.agasp@xunta.gal) ou de acordo co establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 30 de setembro de 2021.

h) O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a 5.

i) No caso de que una mesma persoa presente máis solicitudes das permitidas, a Agasp de maneira automática elixirá as primeiras 5 accións formativas solicitadas.

Quinta. Criterios de selección do alumnado participante

No suposto de non existir criterios específicos en determinados cursos, que se especificarán no propio anexo, os criterios de selección xerais son:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo conste nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Reservaranse o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

Sexta. Publicación das relacións do persoal seleccionado

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen o deber de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal ou por fax ao número 886 20 61 22.

Sétima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Oitava. Certificado de aproveitamento

Unha vez finalizado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os certificados de aproveitamento aos alumnos que cumpran as seguintes exixencias:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Formalización das tareas segundo as exixencias indicadas.

• Asistencia a todas as clases (presencial, en directo por videoconferencia) programadas en cada curso.

• Superación da proba presencial final presencial do conxunto do curso.

Novena. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións destes ou suspendelos temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Na páxina web da Agasp publicaranse todos os datos precisos das accións formativas que se convocan nesta resolución.

ANEXO II

Código

Denominación

Nº horas

Datas de desenvolvemento

211301

Atención á diversidade. LGTBI

25

22 nov.

23 dec.

211302

Vehículos de mobilidade persoal (VMP)

25

4 out.

4 nov.

211303

Lingua inglesa

50

18 out.

18 xan.

211304

PEL*

50

4 out.

30 nov.

211308

PEL*

 

4 out.

30 nov.

211305

Autocad

50

4 out.

4 dec.

211306

Seguridade informática e ciberseguridade

50

4 out.

4 dec.

211307

Lingua de signos**

20

4 out.

5 nov.

211309

Sexting, extorsión, violencia de xénero dixital

20

8 nov.

10 dec.

211310

A captación de imaxes polas FFCCSS. Referencia á Lei 7/2021

20

8 nov.

10 dec.

211311

Ocupación ilegal de inmobles

20

18 out.

21 out.

211312

Adolescentes e novas adiccións: dos videoxogos ás apostas en liña ***

20

2 nov.

27 nov.

211313

Estranxeiría

16

22 nov.

23 dec.

211314

Xuízos rápidos

30

15 nov.

17 dec.

211315

Xestión e clima emocional

20

22 nov.

23 dec.

211316

Medición de ruídos: sonometría

24 (20+4)

25 out.

21 nov.

211123

Procedemento sancionador

20

22 nov.

23 dec.

* A selección farase exclusivamente entre persoal do corpo da Policía Local.

** As clases de telepresenza son: 8, 15, 22 e 29 de outubro.

*** O día inicial do curso (2 de novembro ás 10.00 horas) haberá unha clase de telepresenza.