Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 28 de setembro de 2021 Páx. 47530

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 125/2021, do 16 de setembro, polo que se aproba a agrupación voluntaria entre os concellos de Abegondo, Bergondo e Carral para o mantemento en común do posto de traballo de tesouraría.

Os concellos de Abegondo, Bergondo e Carral acordaron aprobar definitivamente a súa agrupación voluntaria para o sostemento en común do posto de traballo de tesouraría e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Os tres concellos teñen a obriga de manter un posto de tesouraría nos termos do artigo 14 do Decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, e poden agruparse entre si para o sostemento en común dun único posto de tesouraría, ao cal corresponderá a responsabilidade administrativa das funcións propias deste posto de traballo en todos os municipios agrupados. Desta forma acádase unha maior eficiencia e racionalidade dos recursos humanos, pois neste caso a agrupación constitúe unha medida de aforro económico sen a mínima perda de capacidade na xestión administrativa.

De conformidade coa normativa estatal, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e o Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, correspóndelles ás comunidades autónomas, de acordo coas súas normas propias, acordar a constitución e disolución de agrupacións de tesouraría dentro do seu ámbito territorial.

A normativa autonómica regula as agrupacións voluntarias de municipios para o sostemento en común de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local, nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 11, 12, 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación: artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional; 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Requiriuse informe á Deputación Provincial da Coruña e á Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

A competencia para a aprobación da agrupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de setembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a agrupación voluntaria dos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral para o sostemento en común do posto de tesouraría, así como os estatutos polos cales se rexerá a dita agrupación, que forman parte integrante do expediente.

Segundo. Clasificar o posto resultante da agrupación agrupación voluntaria dos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral nos seguintes termos:

Posto: tesouraría.

Subescala: intervención-tesouraría.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 27.

Complemento específico: 14.025 € (14 pagas anuais).

Complemento de agrupación: 45 % do complemento específico.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpor potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación perante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de setembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo