Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 28 de setembro de 2021 Páx. 47536

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 15 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2021/22 (código de procedemento ED421A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A educación universitaria desempeña un papel fundamental na proporción de capital humano cualificado e formado que Galicia necesita para xerar emprego, xa que mellora as posibilidades individuais e dota de coñecementos e competencias que inciden nos niveis de empregabilidade.

Mellorar a empregabilidade da mocidade, aumentar a calidade e a estabilidade do emprego, promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral e fomentar o espírito emprendedor son algúns dos retos da sociedade actual. Nos últimos anos incrementouse o número de persoas que desexan formarse e especializarse, sendo as máis interesadas as persoas tituladas desempregadas, ben por estar fóra do tramo de idade convencional ou por non ter experiencia profesional ou ben polo acceso restrinxido que teñen aos recursos financeiros.

A realización dun máster universitario posibilita que o alumnado poda adquirir unha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional que mellora o seu acceso a un mercado de traballo globalizado.

Na súa consecuencia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade considera prioritario continuar apoiando as persoas tituladas universitarias en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo a través desta orde de axudas, destinada a financiar os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial no Sistema universitario de Galicia.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño) e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións; ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG núm. 30, do 15 de febreiro), e do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG núm. 153, do 9 de agosto), polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar, no curso académico 2021/22, os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, a persoas desempregadas con titulación universitaria (código de procedemento ED421A).

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, cunha contía global de 120.000,00 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar estas axudas as persoas tituladas universitarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de desemprego na data de presentación da solicitude.

b) Ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 30 de xullo de 2020.

c) Estar matriculado no curso académico 2021/22 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

d) Non estar incluídas nos casos de beneficios e exención total de matrícula previstos nos artigos 11 e 12 do Decreto 103/2021, do 1 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2021/22 (DOG núm. 132, do 13 de xullo).

e) Non ter gozado desta axuda en convocatorias anteriores.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, do máster universitario oficial segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 103/2021, do 1 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2021/22.

Para os incluídos nos puntos 2 e 3 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 835,80 euros para os da epígrafe A) e de 591,00 euros para os da epígrafe B).

2. A axuda só alcanzará para a realización dun único máster universitario.

3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas a que tiver dereito a persoa beneficiaria.

4. A repartición da axuda efectuarase en función dos criterios de avaliación previstos no artigo 12 desta orde ata esgotar a asignación orzamentaria ou, de ser o caso, o seu incremento.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizaren as solicitudes.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1) DNI ou NIE da persoa solicitante.

2) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

3) Vida laboral dos últimos 12 meses.

4) Título universitario oficial que lle dá acceso ao máster.

5) Documento emitido pola universidade correspondente en que deberá figurar o máster universitario oficial en que está matriculada a persoa solicitante, os créditos matriculados no curso académico 2021/22, excluídos os recoñecidos, validados e adaptados e o importe dos créditos aboados polo/a alumno/a.

6) Un informe de períodos de inscrición como demandante de emprego expedido pola correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, que determinará o número de días de inscrición ininterrompida ata a data finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

8) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

9) Certificado de estar ao día do pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), a listaxe definitiva das persoas beneficiarias das axudas e a contía destas, e a listaxe das solicitudes denegadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, www.edu.xunta.gal, tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para a emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, www.edu.xunta.gal, na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días. Durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 12. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpren os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora atendendo á seguinte orde de prelación:

a) En primeiro lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que leven máis días inscritas ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego de Galicia sempre e cando acaden os 180 días e non teñan outra titulación de máster oficial. Os días de inscrición contaranse ata o último día de prazo de presentación de solicitudes.

b) En segundo lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que leven máis días inscritas ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego de Galicia sempre e cando acaden os 180 días e xa teñan outra titulación de máster oficial. Os días de inscrición contaranse ata o último día de prazo de presentación de solicitudes.

c) En terceiro lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que dispoñan de máis días de inscrición ininterrompida no Servizo Público de Emprego de Galicia non acadando os 180 e non teñan outra titulación de máster oficial. Os días de inscrición contaranse ata o último día de prazo de presentación de solicitudes.

d) En cuarto lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que dispoñan de máis días de inscrición ininterrompida no Servizo Público de Emprego de Galicia non acadando os 180 e xa teñan outra titulación de máster oficial. Os días de inscrición contaranse ata o último día de prazo de presentación de solicitudes.

e) En último lugar terán preferencia o resto de solicitudes.

2. En caso de empate entre dous ou máis solicitantes procederase ao desempate atendendo á maior antigüidade na data de obtención do título que lle dá acceso aos estudos de máster universitario, para o que se terá en conta o mes e o ano en que superou os estudos conducentes ao mencionado título.

Artigo 13. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe das persoas beneficiarias das axudas e a súa contía.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou por terse esgotado a asignación orzamentaria ou, de ser o caso, o seu incremento.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

Artigo 15. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a axuda da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de que a persoa interesada se opoña á consulta. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

d) Seguir durante o curso académico os estudos en que se atope matriculada e non anular a matrícula.

e) Concorrer a exame e superar, como mínimo, 30 créditos dos matriculados en convocatoria ordinaria e extraordinaria.

f) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades antes do 15 de agosto de 2022, unha vez rematado o curso, unha certificación ou extracto do expediente académico dos estudos cursados.

Artigo 17. Incompatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda. Non será admisible a percepción de máis dunha axuda para o aboamento dos prezos por servizos académicos dos previstos nesta convocatoria, aínda que se solicite para estudos diferentes.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Información sobre a xestión de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas bolsas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade

missing image file
missing image file