Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2021 Páx. 47648

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2021 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 22 da Resolución do 28 de decembro de 2020, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2021 (Diario Oficial de Galicia número 10, do 18 de xaneiro de 2021).

A Resolución do 28 de decembro de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia número 10, do 18 de xaneiro de 2021, establece as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2021 (código de procedemento IN421P).

O prazo para a execución das instalacións iníciase unha vez se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2021 (artigo 22 das bases reguladoras).

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referidas datas límite, debido aos retrasos orixinados nos prazos de entrega dos equipamentos por parte das empresas subministradoras e ademais non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 22 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, quedando a redacción do artigo do seguinte xeito:

«O prazo para a execución das instalacións iníciase unha vez se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2021.

Para todas as solicitudes de axuda nas que se puxera a disposición do solicitante a resolución de concesión a partir do 1 de xullo, o prazo de execución das instalacións amplíase ata o 25 de outubro de 2021».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia