Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2021 Páx. 47650

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2021 pola que se amplían os prazos máximos de execución e de presentación da xustificación e solicitude de cobramento da convocatoria das axudas ao investimento para a fabricación de produtos relacionados coa COVID-19, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e publicadas mediante a Resolución do Instituto Galego de Promoción Económica do 13 de maio de 2020 (código de procedemento IG415B).

No Diario Oficial de Galicia número 100, do 26 de maio de 2020, publicouse a Resolución do 13 de maio de 2020 pola que se deu publicidade ao Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para a fabricación de produtos relacionados coa COVID-19 (Inviste COVID-19), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e realiza a convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

A convocatoria e as bases tramitáronse ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda para a contención sanitaria da COVID-19 a través do apoio á I+D, ao desenvolvemento de infraestruturas de ensaio e ampliación de escala e á fabricación de produtos e materiais médicos necesarios, así como axudas urxentes en forma de aprazamento do pagamento de impostos e cotizacións á Seguridade Social e subsidios salariais para empregados para evitar reducións de cadro de persoal no contexto do actual brote da COVID-19 (Marco nacional temporal II), notificado o 21 de abril de 2020 á Comisión Europea que, mediante a Decisión da Comisión de data 24 de abril de 2020 (C (2020) 2740 final, sobre axuda estatal SA.57019 (2020/N)), declarou as axudas amparadas no dito marco compatibles co mercado interior.

No resolvo quinto da Resolución do 13 de maio de 2020 establécese que o prazo de execución dos proxectos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de setembro de 2021. Igualmente, establécese que o beneficiario deberá presentar a xustificación dos investimentos e a solicitude de cobramento como moi tarde o 31 de outubro de 2020 para a anualidade 2020, e como moi tarde o 31 de outubro de 2021 para a anualidade 2021, e en todo caso no prazo máximo dun mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión.

O parágrafo segundo do punto 3 do artigo 6 das bases reguladoras establece que os investimentos deberán estar completados dentro do prazo de execución establecido na resolución de concesión. Indica, así mesmo, que un proxecto de investimento se considera completado cando os investimentos realizados permitan a posta no mercado dos produtos fabricados e obtivesen, de ser o caso, as certificacións e/ou acreditacións referidas no punto 1 do mesmo artigo 6.

Na disposición adicional das bases reguladoras preveuse que os proxectos para os cales se solicitou a axuda ao abeiro das ditas bases (Inviste COVID-19) que non obtivesen as certificacións e/ou acreditacións que, de ser o caso, fosen necesarias para a posta no mercado do produto ou produtos fabricados, previstas no punto 3 do artigo 6 e que, xa que logo, perdesen o dereito a percibir a axuda, podían presentar unha solicitude ao abeiro da Resolución do 13 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (Inviste 2020), considerando, para os efectos do cumprimento do efecto incentivador da axuda Inviste 2020, e soamente para estes efectos, como data de solicitude do Inviste 2020 a do Inviste COVID-19.

O Marco nacional temporal II, no seu número 5.6, indica que o proxecto de investimento deberá completarse nos seis meses seguintes á data de concesión da axuda e que un proxecto se considera completado cando as autoridades nacionais o aceptan como tal. Así mesmo, establece unha serie de penalizacións no caso de incumprimento dos seis meses, a menos que o atraso se deba a factores alleos ao control do beneficiario da axuda.

Durante a execución dos proxectos subvencionados ao abeiro das citadas convocatoria e bases reguladoras do Inviste COVID-19, algunhas das empresas beneficiarias trasladan a súa dificultade para obter, nos prazos establecidos, as certificacións e/ou acreditacións dos respectivos organismos certificadores –a AEMPS, principalmente– xa que, dado o elevado volume de certificacións solicitadas desde o inicio da pandemia, están a emitilas cun retardo considerable.

Ao non ser factible a posibilidade prevista na disposición adicional referida anteriormente, por non estar aberta na actualidade a convocatoria de Inviste 2020 que nela se referencia, considérase necesario modificar as bases de xeito que un feito orixinado por unha causa allea ao control do beneficiario non supoña a perda da axuda concedida, polo que se pospón en tres meses a data da cal non pode exceder o prazo de execución dos proxectos, que se fixa no 30 de decembro de 2021, de xeito que poidan tramitarse ampliacións nos prazos de execución que lles permitan obter aos beneficiarios as preceptivas certificacións e/ou acreditacións, necesarias para completar os seus proxectos e, en consonancia, pospor a data da cal non pode exceder a presentación da xustificación dos investimentos e a solicitude de cobramento por parte dos beneficiarios, que se fixa no 31 de xaneiro de 2022.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas e co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo primeiro

Fixar no 30 de decembro de 2021 a data da cal non pode exceder o prazo de execución dos proxectos que se estableza na resolución de concesión, establecida no Resolvo quinto da convocatoria das axudas aos investimentos para a fabricación de produtos relacionados coa COVID-19, publicadas mediante a Resolución do 13 de maio de 2020 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para a fabricación de produtos relacionados coa COVID-19 (Inviste COVID-19), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 100, do 26 de maio de 2020).

Artigo segundo

O beneficiario deberá presentar a xustificación dos investimentos e a solicitude de cobramento como moi tarde o 31 de outubro de 2020 para a anualidade 2020, e como moi tarde o 31 de xaneiro de 2022 para a anualidade 2021 e, en todo caso, no prazo máximo dun mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión.

Artigo terceiro

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica